main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/08/201708:26
Centro Municipal Ágora.
A Coruña

O GPUL celebra en outubro unha nova edición do seu Hackatiño

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con sede de operacións na Facultade de Informática da Coruña, recolle o fío da súa incansable actividade a prol da difusión do software libre e organiza, a comezos do outono, a segunda edición do seu Hackatiño de datos abertos, que desta volta centrará boa parte do seu programa en ferramentas e solucións para o fomento da mobilidade sustentable. O evento conta coa colaboración das asociacións Árticos, o GDG Coruña e mailo Concello (a través da área de Participación e Innovación Democrática que dirixe Claudia Delso). Celebrarase no centro municipal Ágora o vindeiro 7 outubro. Terá formato de xornada aberta á cidadanía.

Segundo informa o Concello, o Hackathiño é un evento que xuntará a profesionais do desenvolvemento de datos abertos, xornalistas, deseñadores e deseñadoras co obxectivo de idear proxectos que melloren, a través de datos abertos, un aspecto en concreto da sociedade. Como na anterior edición, os e as asistentes a este encontro tratarán de aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía sen cancelas. Estes serán publicados cunha licenza de carácter libre que permitirá a súa reutilización para calquera uso. 

Do mesmo xeito có ano pasado, varios e varias expertas en temas como a liberación, a visualización ou a análise de datos, traballarán cos equipos que terán a oportunidade de aprender da súa experiencia de primeira man. Os mellores proxectos do presentados recibirán un agasallo. O prazo de inscrición xa está aberto, e pode realizarse a través da web https://hackathino.gpul.org, onde está dispoñible toda a información acerca do evento.

Segundo lembra o Concello, o evento contribuíu o ano pasado ao pulo de iniciativas tan salientables como a integración de datos de uso en tempo real dos servizos de BiciCoruña ao abeiro do proxecto aberto e internacional Citibik.es, e outros proxectos como OpenPet, para agrupar datos de protectoras de animais.

30/08/201708:18
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Xeopesca introdúcenos nas moitas posibilidades de GIMP

Este sábado 2 de setembro imos ter en Santiago unha boa oportunidade de coñecer o programa GIMP e todas as súas funcionalidades, dende as básicas até as máis avanzadas. A cita vén da man da Asociación Xeopesca e celébrase no Centro Sociocultural de Caramoniña. Este obradoiro de iniciación a edición fotográfica a través de GIMP desenvolverase en horario de 10:30 a 13:30 horas e será gratuíto e aberto. 

Como lembraremos, a ferramenta GIMP (GNU Image Manipulation Program) é con toda probabilidade a alternativa libre ao Photoshop máis viábel, completa, competitiva e avanzada. Está localizada ao galego e, por ser aberta, ten a vantaxe de ser de balde e estar dispoñíbel para múltiples plataformas, coma Windows, Linux, Mac OS X e outros sistemas operativos. No obradoiro que organiza Xeopesca aprenderásenos a manexar as diferentes capas e ferramentas que nos proporciona o GIMP, a aplicar ao xeito recursos diversos (filtros, balances de cor, brillo e contraste, ton e saturación), a introducirnos no escalado e exportación de fotografías e a publicar imaxes con licenzas libres. Este obradoiro conta coa colaboración do Recuncho Maker que cedeu o espazo do Centro Socio Cultural de Caramoniña para a súa realización.

A actividade forma parte das que a Asociación Xeopesca realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

29/08/201712:55
Usuario cego usando unha liña de Braille.
Santiago de Compostela

Así é como un programador cego fai o seu traballo: a 450 palabras por minuto

Tuukka Ojala é un mozo finlandés desenvolvedor de software, músico, adicto á lectura e amante do bo té. Ademais é cego, e recentemente explicaba como é posible para el traballar nunha disciplina tan complexa.

Tuukka utiliza unha contorna de traballo moi especial no que hai un teclado e unha pantalla, pero non rato, e no que un lector de pantalla permítelle "ver" o que está a pasar en cada momento coas súas aplicacións abertas. Ese lector de pantalla lelle o que pasa a unha velocidade de vertixe: nada menos que 450 palabras por minuto, cando normalmente falamos a 120-150 palabras por minuto.

 

Usa unha voz sintetizada a 450 palabras por minuto

O desenvolvedor explicaba no seu blogue e en formato entrevista como utiliza o computador para desenvolver aplicacións web sobre todo na parte do backend. Para ese traballo fai uso de Windows 10, cun software adicional que como el di "é onde ocorre a maxia".

O programa que lle permite interactuar cos seus dispositivos para programar eses servizos é o lector de pantalla (screen reader), unha aplicación que presenta a información ben mediante unha pantalla braille separada, ou ben mediante unha voz sintetizada. Neste caso concreto esa ferramenta é NVDA, unha aplicación Open source.

Esa voz fai uso tanto do finlandés como do inglés para irlle transmitindo a Tuukka toda a información que necesita, e vai cambiando de idioma segundo a situación. O sorprendente é, como el explicaba, que mentres que normalmente unha persoa que fala en inglés faino a entre 120 e 150 palabras por minuto, este software sintetiza esa voz a 450 palabras por minuto.

 

Windows mellor que macOS ou Linux

Outra das curiosidades desa singular contorna de traballo é a súa elección para a plataforma de traballo, que é Windows e non macOS ou Linux. Como explicaba no seu blogue, "Windows é o sistema operativo máis accesible que hai".

Aínda que confesa que en macOS hai un equilibrio fantástico entre a usabilidade e a funcionalidade, o servizo VoiceOver que está integrado no sistema operativo non funciona nin se adapta o suficientemente ben ao seu modo de traballar.

Menciona tamén un lector de pantalla para a contorna de escritorio GNOME en Linux, pero a pesar do seu bo comportamento, tampouco se axusta do todo ao que el necesita. Iso si, explica que estivo compensando as deficiencias de Windows no terreo da liña de comandos —coa que traballa case ao 100% ao non necesitar unha contorna visual— grazas ao uso de Git Bash, que inclúe diversas utilidades e comandos GNU. Sorprendente, admirable e, desde logo, fantástico.

29/08/201712:48
Logo Afundación.
Santiago de Compostela

Os programas interxeracionais e o voluntariado protagonizan o novo curso nos Espazos +60 de Afundación

Tras o descanso estival, os Espazos +60 de Afundación abrirán de novo as súas portas o vindeiro venres 1 de setembro. Para o curso 2017-2018 deseñáronse novos programas que teñen como obxectivo poñer en valor o papel dos maiores na sociedade, ofrecer unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos e crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas. Así, as actividades que se desenvolverán neste período estarán centradas, ademais de en o fomento da aprendizaxe ao longo da vida, do benestar físico e do desenvolvemento persoal, na participación activa na sociedade das persoas maiores, a través de programas interxeracionais e de voluntariado social e profesional. "En Afundación traballamos seguindo as pautas do denominado envellecemento activo, que permite incrementar a satisfacción, o benestar, a calidade de vida e indirectamente contribúe a unha diminución dos problemas de saúde física e psicolóxica. Así, na medida en que as persoas envellezan de maneira máis saudable, serán máis capaces de levar unha existencia autónoma e independente e de participar de forma activa na súa comunidade", subliña Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación.  

 

A proposta de programación nos Espazos +60 estrutúrase en seis programas:

  • O primeiro deles é "O valor da experiencia", co que se propician oportunidades para que as persoas socias poidan compartir a súa experiencia profesional e de vida a través de accións de voluntariado. Nesta liña enmárcase a iniciativa "Fálame da emigración" na que participaron no curso pasado 71 voluntarios e voluntarias, 18 IES e 825 mozos. A programación inclúe tamén conferencias e talleres, actuacións musicais e teatrais ou clubes de lectura impartidos todos por persoas socias. 
  • O segundo programa é "Formación e coñecemento", a través do que se propoñen actividades que favorecen a aprendizaxe de idiomas, o coñecemento do patrimonio, as humanidades ou a formación en novos temas e fenómenos sociais emerxentes.
  • O terceiro é "Cultura dixital", que consiste nunha formación centrada no uso das tecnoloxías da información e da comunicación, desde a perspectiva da revolución tecnolóxica actual e o alcance da internet.
  • "Hábitos saudables", é dicir, o cuarto programa, consiste na celebración de actividades físicas pero tamén de desenvolvemento cognitivo, benestar psicolóxico ou nutrición, entre outras.
  • "Expresión artística", pola súa banda, implica aprendizaxe da música, debuxo, teatro ou artesanía, entre outros. 
  • Por último, "Lecer activo" consiste a programación de viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais a museos, rutas históricas etcétera. 

A partir do venres 1 de setembro, as persoas interesadas en facerse socias poden dirixirse aos Espazos +60 das súas cidades para informarse e/ou facer a súa reserva.

29/08/201710:11
Xuntanza para o inicio da pilotaxe da HSUE nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro, celebrada en verán do 2016.
Santiago de Compostela

Máis de 160 concellos formalizaron a súa adhesión á historia social única electrónica da Xunta

  • A Administración autonómica está a ampliar as funcionalidades do sistema, incorporando a sinatura electrónica dos informes normalizados e a súa remisión telemática ás unidades tramitadoras
  • Estas medidas facilitan o traballo dos profesionais dos servizos sociais e contribuirán a acurtar os tempos de tramitación
  • A HSUE proporciona aos traballadores deste área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios
  • A extensión da Historia Social Única Electrónica supón un fito no eido dos servizos sociais similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario

 

Máis de 160 concellos formalizaron xa a súa adhesión a Historia Social a Única Electrónica (HSUE), a plataforma da Xunta que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais.

Nos últimos meses a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social dotaron á plataforma de novas prestacións como a sinatura dixital e a integración coa aplicación informática que empregan os traballadores dos servizos sociais comunitarios.

A integración de SIUSS (Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais), na Historia Social Única Electrónica facilita a compartición de información entre os profesionais dos servizos sociais de ámbito local e autonómico. Este é un paso fundamental para completar a información da Historia Social Única Electrónica de cada individuo e incrementar a coordinación entre profesionais. Ademais, facilita o labor dos profesionais evitándolles ter que mecanizar novamente nos informes sociais normalizados información que xa esta no SIUSS.

A este avance sumouse a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE. Isto permite xerar e asinar dixitalmente en HSUE os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, o que permite o envío de xeito telemático deste informe ás unidades tramitadoras.

De xeito paralelo, e grazas as posibilidades que ofrece a HSUE, estase a facilitar o acceso do persoal médico dos equipos de valoración de discapacidade e dependencia ao Historia Clínico Electrónica de persoas que soliciten este recoñecemento; medida que permitirá mellorar a tramitación das referidas valoracións.

 

Máis de 530.000 expedientes dixitais

A HSUE púxose en marcha pasado hai un ano nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Tras unha fase de probas iniciouse a súa extensión a outros concellos co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, a través dun convenio asinado en novembro.

A día de hoxe, os traballadores sociais de máis 160 entidades locais teñen acceso á plataforma, podendo acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.

A extensión da Historia Social Única Electrónica (HSUE) supón un fito no eido dos servizos sociais similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas.

A plataforma proporciona unha identificación unívoca dos cidadáns, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.

 

Vantaxes para os usuarios

Os cidadáns percibirán as vantaxes do novo sistema na simplificación das tramitacións, e nunha atención máis personalizada, xa que o profesional terá acceso de xeito inmediato a información máis relevante do seu historial, tanto de servizos como de prestacións ou recursos asignados.

Ademais, facilitará unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.

 

Plan Trabe

O Plan Trabe para a Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais, dotado cun orzamento de 19,7 millóns de euros en cinco anos, é un instrumento de apoio á planificación estratéxica deste área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións dun terzo da poboación.

Coa integración das TIC na xestión dos servizos sociais, a Administración autonómica busca mellorar a súa eficiencia para garantir á sustentabilidade do sistema e incrementar a súa capacidade para dar cobertura a unha demanda que está en aumento. Ademais, a modernización da xestión permitirá reducir tarefas administrativos e prazos de tramitación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS