main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

31/08/201708:33
Iniciativa "Fálame da emigración".
Santiago de Compostela

Afundación retoma este 1 de setembro as súas actividades de dinamización dixital para maiores

Logo da pausa do verán, os Espazos +60 de Afundación (ABANCA) abrirán de novo as súas portas o vindeiro 1 de setembro, con novas propostas de formación e divulgación que teñen como finalidade xerar novas canles de intercomunicación entre diferentes xeracións, fomentar o voluntariado (no plano físico e no dixital) e, tamén, pór en valor o papel dos maiores de idade na nosa sociedade. O programa, por temáticas, estará centrado en diferentes xeitos de favorecer os hábitos saudábeis, incluído un achegamento directo ás novas tecnoloxías da información. 

En palabras de Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación, seguir hábitos saudábeis na terceira idade “permite incrementar a satisfacción, o benestar, a calidade de vida e, indirectamente, contribúe a unha diminución dos problemas de saúde física e psicolóxica”. 

Lembrar que Afundación dispón dunha rede propia de 11 espazos, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro). 

Os centros, que contan na actualidade con máis de 12.000 persoas socias, foron concibidos como “espazos destinados a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga ofrecéndonos oportunidades de medrar persoalmente e estarmos conectados cos temas emerxentes”. Con esta finalidade, cada ano proponse “unha ampla e innovadora programación”, incluído o deste curso que está a piques de comezar. 

A proposta de programación nos Espazos +60 estrutúrase en seis programas:

  • O valor da experiencia, co que se propician oportunidades para que as persoas socias poidan compartir a súa experiencia profesional e de vida a través de accións de voluntariado. Nesta liña enmárcase a iniciativa Fálame da emigración na que participaron no curso pasado 71 voluntarios e voluntarias, 18 IES e 825 mozas e mozos. A programación inclúe tamén conferencias e obradoiros, actuacións musicais e teatrais ou clubs de lectura impartidos todos por persoas socias.
  • Formación e coñecemento, con actividades que favorecen a aprendizaxe de idiomas, o coñecemento do patrimonio, as humanidades ou a formación en novos temas e fenómenos sociais emerxentes.
  • Cultura dixital, mediante unha formación centrada no uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), desde a perspectiva da revolución tecnolóxica actual e o alcance da Internet.
  • Hábitos saudábeis, con actividades físicas pero tamén de desenvolvemento cognitivo, benestar psicolóxico ou nutrición, entre outras.
  • Expresión artística, a través dun achegamento á música, debuxo, teatro ou artesanía, entre outros.
  • Lecer activo, coa programación de viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais a museos, rutas históricas etc.

Segundo lembra Afundación, a partir do venres 1 de setembro, as persoas interesadas en facerse socias poden dirixirse aos Espazos +60 das súas cidades para informarse e/ou facer a súa reserva.

31/08/201708:27
Sede de EGATEL.
Ourense

EGATEL formará a xente en nova en Linux e servidores

EGATEL, empresa con sede na Tecnópole (Ourense) centrada no desenvolvemento e fabricación de equipos para a radiodifusión de TV e comunicación vía satélite, vén de anunciar que impartirá un curso sobre Linux, servidores e sistemas embebidos para xente nova (mozos de entre 16 e 25 anos). Será un obradoiro de formación en modalidade presencial e celebrarase a finais do próximo mes de setembro. A data concreta está suxeita ao peche dun grupo mínimo de cinco persoas.

Segundo informa a Tecnópole, o curso abranguerá 300 horas de actividade docente e impartirase en xornadas de oito horas de luns a venres. Das cinco persoas seleccionadas para recibir a formación, tres optarán a unhas prácticas na empresa de 200 horas e destas tres, dúas conseguirán un contrato de seis meses. Na selección de participantes valorarase o coñecemento previo do temario para “avanzar coa programación de maneira máis rápida e produtiva”. Os participantes deben estar inscritos no sistema de garantía xuvenil e cumprir os requisitos que alí se esixen. EGATEL habilitou na Rede, nun documento en PDF, toda a documentación ao respecto.

30/08/201709:13
Logo Fundación Orange.
Santiago de Compostela

Fundación Orange reforza a súa aposta polas solucións dixitais para persoas con autismo con dous novos proxectos

  • Blue Thinking, da Universidade Rey Juan Carlos e a Asociación Alenta, é un proxecto para desenvolver unha aplicación accesible cognitivamente que permita á persoa con autismo aprender programación á vez que se exercitan e fortalecen as funcións executivas
  • Lancelot, presentado pola U-TAD e a Asociación Pauta, é unha solución para o tratamento e a intervención das fobias a través da realidade virtual e o biofeedback

 

A Fundación Orange impulsará dous novos proxectos de innovación tecnolóxica para persoas con autismo, tras darse a coñecer a resolución da súa “Convocatoria de proxectos- Solucións dixitais para o autismo”. A convocatoria, destinada a entidades españolas e proxectos de carácter nacional, ten como finalidade o apoio a novas solucións tecnolóxicas, creativas e innovadoras, que ofrezan unha resposta pragmática ás necesidades das persoas con autismo e da súa contorna (familias, profesionais, etc.) mellorando a súa integración social e a súa calidade de vida.

Nesta ocasión seleccionáronse dous proxectos, que comezarán en breve a súa fase de desenvolvemento. Por unha banda, Blue Thinking, proposta presentada pola Universidade Rey Juan Carlos e a Asociación Alenta, un proxecto para desenvolver unha aplicación accesible cognitivamente que permita á persoa con TEA  aprender programación á vez que se exercitan e fortalecen as funcións executivas. A app estaría destinada para nenos e adolescentes con ou sen autismo de 6 a 16 anos, de forma que poida conformarse como un recurso inclusivo para escolas e institutos que incorporan materias de programación nos seus plans de estudos. O propósito de Blue Thinking é que a app sirva para estimular o pensamento creativo na persoa con autismo e a motivación cara á tecnoloxía como unha posibilidade de traballo futuro. Ademais, a app, que contará con persoas con autismo no deseño e desenvolvemento da mesma, pretende ser unha ferramenta para fortalecer as funcións executivas en contextos de intervención (planificación, monitoraxe e resolución de problemas, ademais dunha vía para fomentar o traballo en equipo (habilidades sociais, toma de decisións conxunta, competencias de inhibición e autorregulación …).

Doutra banda, o proxecto Lancelot, iniciativa presentada pola U-TAD (Centro Universitario de Tecnoloxía e Arte Dixital) e a Asociación Pauta, propón unha solución para a intervención e tratamento das fobias en persoas con autismo combinando do uso da realidade virtual e de sensores de biofeedback. Grazas a unha simple pulseira conséguese medir o nivel de tensión a partir do ritmo cardíaco, a condutividade da pel, a temperatura ou os movementos da man. Eses datos, conxugados coa experiencia nunha contorna controlada que permite a realidade virtual, cunha recreación realista da situación que xera o malestar, pero sen sensación de perigo e con control absoluto, pretenden combinarse nunha ferramenta útil para os profesionais que traballan coas persoas con autismo no tratamento de fobias ou impactos de tensións.

Fundación Orange deu a coñecer a resolución da convocatoria no marco do Congreso ITASD 2017, celebrado do 30 de xuño ao 2 de xullo en Valencia, e no que participaron máis de 500 persoas de 20 países diferentes.

 

Terceira edición

Esta é a terceira convocatoria de solucións dixitais realizada pola Fundación Orange. En 2015 seleccionáronse catro proxectos, algúns dos cales xa están dispoñibles de forma gratuíta: - DictaPicto,e Dobre Equipo: unha aplicación que traduce en tempo real a voz á linguaxe visual (pictogramas). - A viaxe de Elisa, de Autismo Burgos: un videoxogo de concienciación baseado en deseño participativo onde as persoas con Síndrome de Asperger son protagonistas. - EmoPLAY, da Fundación CTIC- Centro Tecnolóxico: un sistema de recoñecemento facial que permite adestrar o recoñecemento de varias emocións a través das expresións faciais. -Taimun Watch, da Universidade Autónoma de Madrid: unha aplicación de asistencia para smartwatch que axuda á autorregulación emocional en momentos de crises. En 2016 elixíronse tres propostas, que actualmente están en fase de desenvolvemento: – Historias infinitas, da Universidade de Granada: unha ferramenta para a creación de historias sociais animadas, deseñada para ser usada por persoas con TEA, os seus familiares e educadores. – The curricula adapter, de Fundación Autismo Diario: un proxecto que permitirá adaptar contidos educativos ás capacidades de cada individuo. – TEAyudo a xogar, da Universidade de Murcia: unha aplicación que pretende fomentar o xogo e o gozar do mesmo abrindo a porta ao desenvolvemento persoal.

30/08/201709:05
Tap Tap See.
Santiago de Compostela

Tap Tap See recoñece obxectos co smartphone para persoas cegas

  • Tap Tap See é unha aplicación que leva operando xa hai varios anos e que é un dos clásicos en canto a programas de recoñecemento de obxectos en imaxes

 

Unha das vantaxes desta aplicación gratuíta, dispoñible tanto en iOS como en Android, é que tamén pode recoñecer obxectos da memoria do teléfono, o que permite utilizarse, por exemplo, con redes sociais.

Para utilizar esta aplicación debe estar activado o lector de pantalla, xa sexa Voice Over ou TalkBack, e a súa precisión é bastante boa en comparación con outras aplicacións similares, aínda que, como sempre, ten limitacións.

Unha parte negativa fronte a outras aplicacións similares, como Aipoly da que falamos o outro día, é que a análise das imaxes tarda uns segundos, non é inmediato.

Con todo, ofrece máis información que unha simple identificación dun obxecto e é capaz de analizar escenas completas.

30/08/201708:49
Aula CeMIT.
Bande

Os maiores de Bande (Ourense) regresan ás aulas para aprender a usar os Smartphone

As persoas maiores son as destinatarias dos cursos formativos que, todos os venres de setembro e outubro, en horario de 11:00 a 12:30 horas, levarán a cabo na aula de informática do Concello de Bande, incluída na rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT).

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniores colabora, conxuntamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Vodafone España, na actividade formativa sobre teléfonos intelixentes e tabletas "Usa as novas tecnoloxías para unha madurez máis activa e positiva", que arrincará co taller "Saca o máximo partido ao teu móbil. Personaliza as súas funcións e configuración".

Seguiranlle diferentes sesións sobre o uso de aplicacións gratuítas desenvolvidas especialmente para persoas maiores, prestando especial atención a WhatsApp e Facebook, así como daquelas aplicacións para realizar trámites coa administración por internet incluído o servizo galego de saúde.

As persoas interesadas xa se poden apuntar no Concello de Bande.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS