main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/08/201710:02
Reunión na Deputación de Lugo.
Lugo

A Deputación de Lugo segue a impulsar nos concellos os empregos TIC

O venres 25 de agosto a Deputación de Lugo fixo reconto do emprego xerado pola institución provincial ao longo dos últimos tres meses no conxunto do territorio lugués. O balance veu da man do voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos. Segundo fixo saber creáronse 210 novos postos de traballo ao longo do devandito período. Esta actividade a prol da reactivación laboral artellouse a través de dúas iniciativas da Deputación, Ben Empregado 3 e DepuEmprego 2, arestora en activo. Por certo que unha parte importante dos empregos xerados a través destes programas (en empresas, entidades, colectivos sociais e concellos de todas as comarcas provinciais) tiñan novamente relación coas novas tecnoloxías da información e a electrónica. O obxectivo xeral da institución que preside Darío Campus é “combater o paro así como reforzar o fornecemento de servizos públicos en todos os concellos, especialmente en zonas rurais”. 

Santos Ramos explicou que dos 210 novos postos, 129 son do Ben Empregado 3 e 81 do DepuEmprego 2. Ademais, engadiu que “representan o 46% da oferta de emprego que poremos a disposición de todos os lucenses mediante estas dúas programacións de xeración de emprego directa na provincia”. De feito, o obxectivo é impulsar co primeiro programa 150 empregos e co segundo 300. “Facémolo con 6,1 millóns de euros, cos que financiamos os custos laborais destes 450 novos traballadores nos 67 Concellos da provincia”, explicou, engadindo que nas vindeiras semanas, ofreceranse os restantes 240 postos de traballo. Nas comarcas de Chantada, Quiroga e Lemos, a entidade provincial leva xerado nos últimos 90 días un total de 36 novos empregos en 9 concellos.

Inclúense, entre os profesionais formados e incorporados ao mercado laboral, comunity managers, comerciais, peóns forestais, camareiros, limpadores ou coordinadores de proxectos transmedia, entre outros. 

Na Comarca de Lugo, o Goberno Provincial creou nos últimos 90 días un total de 36 novos empregos en 5 municipios. Inclúense, entre outros, técnicos asesores, comerciais, recepcionistas, técnicos superiores en mercadotecnia e publicidade, comunity managers, técnicos informáticos, auxiliares administrativos, reporteiros de axencias de información, técnicos de medio ambiente, electricistas ou traballadores sociais. 

Na Comarca da Mariña, a Deputación leva xerado nos últimos 90 días un total de 33 novos empregos en 12 concellos. Na listaxe de postos xerados hai peóns de xardinería, cociñeiros, técnicos forestais, biólogos ou auxiliares administrativos. Na Comarca da Terra Chá, impulsáronse nos últimos tres meses un total de 33 novos empregos en 10 concellos. Entre estes novos empregos inclúense (entre outros moitos) mecánicos, auxiliares de produción en viveiros, carpinteiros metálicos e (novamente) community managers
Polo que respecta ás comarcas da Montaña e da Ulloa, xeráronse un total de 34 novos empregos en 10 concellos e 27 postos en 3 municipios, respectivamente. No que atinxe á Sarria e a súa contorna, impulsáronse 11 novos empregos en cinco concellos.

29/08/201709:24
Telefónica Open Future.
Santiago de Compostela

Grupo Telefónica abre convocatorias para a inscrición de proxectos tecnolóxicos de carácter social

A plataforma de innovación aberta do Grupo Telefónica, Open Future_, no seu compromiso por impulsar a innovación aberta e o emprendemento, abriu "por primeira vez" varias convocatorias para a inscrición de proxectos tecnolóxicos de carácter social, segundo informou a compañía. 

Estas convocatorias para emprendedores abríronse en varias academias Wayra e espazos de Crowdworking, centradas na procura de proxectos baseados nas últimas tendencias tecnolóxicas para optimizar o funcionamento dos servizos para o cidadán. 

No últimos seis anos, máis de 1600 compañías foron aceleradas e investidas por Telefónica Open Future_ nos espazos destinados a emprendedores.

Grupo Telefónica busca proxectos baseados nas novas tecnoloxías, coa finalidade de aplicar estas solucións para liquidar problemas reais e prácticos nas comunidades e cidades nas que están instalados estes espazos.

Concretamente, a plataforma lanzou as convocatorias 'Wayra Fair by Design', iniciativa impulsada desde o Reino Unido para axudar a que os máis desfavorecidos accedan aos servizos básicos como a electricidade ou o transporte a prezos alcanzables; a 'I Convocatoria Nacional de Emprendementos Tecnolóxicos con Impacto Social para as rexións de Ica e Piura de Perú', que busca abordar os problemas sociais e ambientais máis urxentes da rexión norte do país utilizando a tecnoloxía; a 'I Convocatoria para startups especializadas en Travel Tech de Wayra España e Iberostar', cunha categoría para solucións que impulsen a sustentabilidade e atraian turismo de calidade que coide o medioambiente e xere emprego; e a 'III Convocatoria do Crowdworking de Tarragona, Green M1', que se interesa por startups con propostas que axuden á inclusión social de colectivos en situación de risco social, á sustentabilidade ambiental e á conservación do patrimonio cultural.

Ademais, para impulsar aos mozos emprendedores puxéronse en marcha os retos 'Startupeando Emprendedores en México', dirixido a mozos entre os 18 e 29 anos; unha nova edición para incorporarse ao crowdworking en Madrid; a 'I Convocatoria para o reto de Valladolid Open Future_', que busca proxectos baseados no big data e análise predictivo; e a IV edición da convocatoria de 'Andalucía Open Future_' para os tres crowdworkings de Sevilla, Málaga e Álmería, que teñen o obxectivo de impulsar a innovación como motor de emprego, desenvolvemento económico e progreso para a Comunidade Autónoma.

20/08/201714:00
Portada do informe.
Santiago de Compostela

A dixitalización dos servizos públicos, a redución da fenda dixital e o impulso á competitividade, principais avances nos dous primeiros anos da Axenda Dixital de Galicia 2020

  • No período 2015-2016 mobilizou un investimento de máis de 324 millóns de euros, entre capital público e privado
  • No ámbito da Administración, incrementáronse os servizos online e puxéronse en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico
  • Aprobouse o Plan Director de Seguridade da Xunta para reforzar a protección dos sistemas TIC e incrementar a confianza dos cidadáns no emprego da Administración electrónica
  • Na área sociosanitaria a Historia Social Única Electrónica proporciona aos profesionais o acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios
  • A plataforma É-Saúde ofrece aos cidadáns unha carteira de servizos interactivos e contidos personalizados desde calquera lugar e dispositivo
  • Máis de 62.000 galegos acceden a través das aulas CeMIT as actuacións do Plan de Inclusión Dixital, que conta con máis de 700 aliados dixitais
  • Estanse a impulsar iniciativas innovadores en sectores estratéxicos como Smart Turismo, a construcción da Memoria Dixital de Galicia ou o Programe Primare para a modernización dos sectores agrícola e marítimo
  • O sector TIC galego, chave no desenvolvemento da Axenda Dixital, experimentou en 2015 o maior incremento en número de empresas dos últimos cinco anos e en 2016 superou, por primeira vez, os 16.000 empregados

 

A Axenda Dixital de Galicia 2020 mobilizou no período 2015-2016 máis de 324 millóns de euros, 51 deles de capital privado, para impulsar a transformación dixital da Comunidade. Así se recolle no balance publicado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no que se recollen as principais actuacións desta estratexia.

 

Administración e Xustiza Dixitais

Avanzouse para conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital con medidas como a posta en marcha do sistema de notificacións electrónicas, que rexistrou 30.000 en 2016; a consolidación do nodo de interoperabilidade Pasaxe! que evita a presentación de 42 certificados e que iniciou a incorporación progresiva das entidades locais; o incremento de servizos na sede electrónica co 94% dos trámites dispoñibles online ou a extensión da dixitalización dos Rexistros, xa habilitada en 7 destas oficinas.

En 2015 a Xunta aprobou o seu Plan Director de Seguridade TIC 2015 –2020 para reforzar a protección dos sistemas TIC e incrementar a confianza dos cidadáns no emprego da Administración electrónica. As actuacións postas en marcha permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.

No eido da xustiza, Galicia ten en marcha as pezas do expediente xudicial electrónico como o visor, que permite que xuices, letrados e fiscais poidan consultar online os expedientes xudiciais. Galicia foi a primeira Comunidade en poñer en marcha a sede electrónica xudicial, o pasado ano permitindo aos cidadáns consultar online o estado das súas demandas e consolidouse un repositorio unificado xudicial con máis de 6 millóns de documentos dixitalizados.

 

Vida Dixital

Conseguiuse aumentar ata 120.000 o número de alumnos que desenvolven a súa actividade académica en aulas dixitaits grazas ás actuacións do Programa Abalar. A iniciativa eDixgal para a implantación do libro dixital beneficia a máis de 7.200 alumnos e no curso 2017-2018 superará os 11.000.

Deuse luz verde ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia para posibilitar que calquera persoa acceda a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC, contando para iso coa colaboración de 755 aliados dixitais, entre persoas voluntarias, entidades, asociacións, empresas e organismos públicos. Máis de 62.000 galegos acceden a través das aulas CeMIT as actuacións do Plan de Inclusión Dixital, que contribuíu a que os galegos de entre 65 e 74 incrementaron o uso de internet en preto dun 70% en tres anos, reducindo a fenda interxeracional dixital na Comunidade.

No ámbito sociosanitario púxose en marcha a Historia Social Única Electrónica que proporciona aos traballadores deste área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios. Contribuiuse a manter o posicionamento de Galicia como referente en innovación no eido sanitario, cos proxectos H2050, InnovaSaúde ou o programa de innovación Código 100 e púxose en marcha a plataforma É-Saúde, que permite á cidadanía acceder a unha carteira de servios interactivos e contidos personalizados desde calquera lugar e dispositivo.

 

Aceleración da Economía Dixital

No ámbito de impulso á empresa dixital, o Centro Demostrador TIC de Galicia realizou máis de 400 actividades para favorecer a dixitializción das pemes. Nesta liña púxose en marcha Programa AceleraTIC para achegar a directivos de pemes galegas as claves para abordar a dixitalización do seu negocio e lanzouse o programa Re-AccionaTIC para asistir a autónomos e PeMEs na transformación dixital e na aplicación de solucións de industria 4.0, poñendo á súa disposición un catálogo de servizos a prezos reducidos.

Avanzouse no desenvolvemento de iniciativas tecnolóxicas e innovadoras en sectores estratéxicos para Galicia como o turismo coa posta en marcha da plataforma Smart Turismo e para mellorar a accesibilidade e a conservación do patrimonio cultural galego, co inicio da construción da Memoria Dixital de Galicia. Ademais, lanzouse o Programa Primare para aplicar solucións tecnolóxicas innovadoras ao eido agrícola e de avanzar na modernización tecnolóxica das lonxas.

 

Estímulo ao sector TIC

O sector TIC galego, clave no desenvolvemento da Axenda Dixital, experimenta en 2015 o maior incremento en número de empresas dos últimos cinco anos e en 2016 supera, por primeira vez, os 16.000 empregados.

Para impulsar o carácter emprendedor e para aumentar a innovación e a competitividade do sector TIC en 2016 ao abeiro do Pacto Dixital de Galicia desenvolvéronse as seguintes iniciativas: o centro Galicia Open Future de Telefónica levou a cabo a súa III edición para impulsar 50 proxectos empresariais innovadores; HPE puxo en marcha o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio e Big Data e Vodafone lanzou a iniciativa Connecting for Good Galicia para impulsar proxectos de innovación social dixital. O mapa de emprendemento galego complétase con outras aceleradoras impulsadas desde a Xunta como VíaGalicia, unha aceleradora de referencia promovida polo Consorcio da Zona Franca e o Goberno galego.

No ano 2015 aprobábase a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, da que Xunta ten activado varias das iniciativas previstas como o lanzamento en 2016 da primeira convocatoria dos Premios e Axudas aos Proxectos Piloto Fábrica 4.0, que constitúen o primeiro paso de Galicia cara á fábrica intelixente. Nesta primeira seleccionáronse 4 proxectos que participan preto de 40 empresas de sectores como a automoción, aeronáutica, agroalimentario ou o da madeira.

Galicia é pioneira no emprego da Compra Pública de Innovación co proxecto Civil UAVs Initiative para a utilización de sistemas aéreos non tripulados (UAVs) no ámbito civil e na mellora da prestación dos servizos públicos. Para estas licitacións disponse dun orzamento total de 24M€grazas a un convenio asinado co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

 

Articulación Dixital do Territorio

Púxose en marcha a primeira das actuacións derivadas do Plan de Banda Larga de Galicia 2020 para conectar con velocidades de ata 350Mbps a 81 polígonos industriais galegos e consolidouse o uso da Rede Dixital de Emerxencias (Resgal), avanzando no aumento progresivo de usuarios de todos os colectivos que participan nas emerxencias en Galicia e no incremento da súa cobertura, que acada o 90% do territorio.

09/08/201709:58
Personas maiores usando os seus smartphones.
Santiago de Compostela

Máis do 80% dos maiores en España xa ten un smartphone

Máis do 80% das persoas entre 65 e 74 anos en España utiliza xa un smartphone, unha cifra que cada vez se achega máis á media do conxunto da poboación, que se sitúa no 94,6%.

Así o recolle o ‘Estudo de uso e actitudes de consumo de contidos dixitais' publicado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) que utiliza para estes datos un universo de persoas entre 16 e 74 anos.

En canto ao resto de equipamento para gozar de contido dixital, as persoas entre 65 e 74 anos teñen en menor proporción unha Smart TV (6,3%), xa que a maioría deles segue mantendo o seu televisor convencional (29%). De feito, os maiores son os que en maior porcentaxe seguen tendo un televisor convencional de todo os sectores de poboación.

No caso dos computadores, case un de cada catro ten un en propiedade, mentres que preto do 15% ten unha tablet e apenas o 1,9% ten unha videoconsola. Tamén o 1,9% das persoas entre 65 e 74 anos ten un smartwatch e o 0,4% unhas lentes de realidade virtual.

Sobre o tipo de contido dixital que consomen as persoas entre estas idades destaca, en comparación co resto da poboación, o uso de libros electrónicos, xa que o 14,2% ten un lector de ebooks, fronte a unha media do 23,5%.

No resto de contidos dixitais, a diferenza co resto da poboación é maior. Por exemplo, un terzo ve fotos dixitais (71,6% de media no conxunto da poboación), o 30,5% le as noticias na internet (66,3% de media), o 25,9% usa apps (67,1%) e o 24,6% escoita música (58%).

Estes datos seguen mostrando a tendencia a unha maior dixitalización do sector de máis idade da poboación, pero aínda hai claras diferenzas co resto da sociedade.

09/08/201708:31
Cartel do premio.
Gondomar

Xa se pode votar polas mellores imaxes do concurso de fotos co móbil de Gondomar

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Xuventude, convocou este verán un concurso de fotos co móbil, o certame Gondomar en Foto. O obxectivo da iniciativa é promover e difundir o patrimonio natural, social e cultural do municipio pontevedrés, “a través da visión da mocidade” e facendo fincapé no uso das novas tecnoloxías da información. As fotos recibidas plasmarán a vida de Gondomar cotiá, as paisaxes, os monumentos e os recunchos de interese do concello, poñendo en valor os recantos locais que aínda estean pendentes por descubrir.

O certame vai dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos. Desde o 8 de agosto está aberto o prazo para votar as imaxes recibidas os días pasados. Podemos facelo até o 13 deste mes na páxina web do concello de Gondomar, www.concellodegondomar.org

O 17 de agosto a organización dará conta das 10 mellores fotos elixidas polo público internauta. As 10 imaxes que obteñan un maior número de cualificacións positivas (gústame) serán utilizadas polo Goberno local para fins de promoción turísticos, culturais, etc.

Respecto das bases do concurso establécese que calquera persoa que envíe as fotografías realizadas con seu móbil a este concurso garante ser o/a autor/a exclusivo das mesmas. Tamén se fixa (entre outras cousas) que os participantes cederán o dereito de uso e reprodución da fotografía ó Concello de Gondomar para fins de promoción. Toda a información do concurso está pendurada este verán na web do Concello de Gondomar.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS