main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/09/201710:48
Sonsoles López Izquierdo visitando a un usuario de COGAMI.
Lugo

A Deputación de Lugo e COGAMI colaboran na inserción polo vieiro tecnolóxico

A Deputación de Lugo informou hoxe do seu traballo a prol da inserción laboral de persoas con características funcionais diversas, parte do cal apóiase directamente na formación tecnolóxico-dixital (a través dos programas Ben Empregado ou o Comunnitteando).

Os datos viñeron da man da deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, durante unha xuntanza cun usuario da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) que está a traballar nunha empresa lucense como operario de imprenta (a través do servizo de intermediación laboral en zonas rurais da provincia, que financia o Executivo da Deputación).

A deputada lembrou “o compromiso e a aposta decidida do Goberno da Deputación”, para acadar “unha plena integración e igualdade de oportunidades para as persoas con capacidades diferentes na nosa provincia”. Segundo engadiu, todas as iniciativas de emprego postas en marcha pola entidade provincial (como os devanditos programas Ben Empregado ou o Comunnitteando) van encamiñadas cara ao obxectivo da plena inclusión.

Segundo dixo, son 117.000 euros os que o Goberno achega ao mencionado colectivo para a realización de distintas programacións ao longo do ano. En concreto, destínanse 90.000 euros ao servizo de intermediación laboral, co que “se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral en contornas rurais e a través do desenvolvemento de accións formativas”. 

Porén, a deputada recordou que o Goberno da Deputación colabora con COGAMI a través de outras moitas programacións. Por exemplo, o colectivo reforzou os servizos que ofrecen aos seus usuarios grazas a anteriores edicións do Ben Empregado, pois contrataron un total de 5 persoas: un axudante de mantemento de xardinería, un profesor de actividade artísticas e unha auxiliar de Enfermería, ambos con discapacidade física, así como un logopeda e fisioterapeuta. 

Ademais, a Deputación levou a cabo o Communitteando na provincia dende as instalacións de COGAMI na cidade da Muralla. Trátase dun obradoiro social de emprego xuvenil, con formación teórica e práctica e incluíndo remuneración por valor de 650 euros mensuais (o salario mínimo interprofesional). Nel xa participaron 15 mozos lucenses no paro, incluídos no Sistema de Garantía Xuvenil, polas “súas dificultades para acceder ao mercado laboral”. Especializáronse en xestión de contidos dixitais, sistemas operativos, elementos da rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Por exemplo, crearon a nova páxina web e redes sociais de COGAMI Lugo.

15/09/201710:45
Logo #Aspacenet.
Santiago de Compostela

Dez entidades ASPACE seleccionadas para desenvolver os seus proxectos na “I Convocatoria de Proxectos de Innovación #ASPACEnet”

  • Nesta convocatoria a Fundación Vodafone e a Confederación ASPACE apostan polo uso de tecnoloxías de control para a mellora da autonomía e a calidade de vida das persoas con parálise cerebral, desde unha perspectiva nova, a innovación tecnolóxica

 

No curso 2017/2018 deuse un paso máis dentro do programa #ASPACEnet da Fundación Vodafone España e a Confederación ASPACE, cunha forte aposta pola innovación no desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías ao mundo da parálise cerebral. Os dez proxectos seleccionados teñen como obxectivo común explorar as posibilidades das tecnoloxías de control seleccionadas por cada unha das entidades nos seus proxectos, a través dos profesionais, para posteriormente poder aplicalas na vida diaria das persoas con parálise cerebral e aumentar a súa participación social, mellorar a súa autonomía e calidade de vida, así como dar maior visibilidade do colectivo.

ASPACE Coruña, ASPACE Navarra, ASPACE Salamanca, AVAPACE, ASPACE León, ASPACE Guipúscoa, Fundación o Maresme, ASPACE Granada, Fundación L´ Espiga e ASPACE Barcelona son as dez entidades que desenvolverán os seus proxectos de innovación grazas a esta convocatoria. Os proxectos seleccionados poñerán en marcha propostas moi variadas como o uso de elementos robóticos para o control de instrumentos musicais, o control de vivendas adaptadas, de utensilios de cociña ou de xardinería, ou o desenvolvemento de videoxogos inmersivos para a rehabilitación específica de persoas con parálise cerebral.

Así mesmo, con esta convocatoria preténdese favorecer a implantación dunha nova liña de traballo que conte co compromiso total das entidades implicadas, para impulsar estratexias conxuntas de comunicación e así aumentar a presenza das persoas con parálise cerebral na sociedade. Ademais, espérase que con estes novos proxectos a tecnoloxía se faga aínda máis accesible e se poidan resolver problemas concretos que dean solucións a numerosas persoas.

Entre os obxectivos para cumprir con estes novos proxectos están o de crear sinerxias, innovar e favorecer que todas as persoas poidan obter resultados persoais valiosos, grazas ao apoio da tecnoloxía.

#ASPACEnet é un proxecto que a Fundación Vodafone España e a Confederación ASPACE puxeron en marcha en 2011 e que ten como misión mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con parálise cerebral a través da tecnoloxía.

Mais información en:

15/09/201710:39
Beprevent.
Córdoba

Beprevent presenta unha solución que axuda a que os maiores vivan con independencia

  • Esta empresa cordobesa desenvolve un sistema capaz de dotar de intelixencia a calquera obxecto de uso cotián
  • A finalidade é favorecer a permanencia do maior na súa contorna

 

“Beprevent é un sistema sinxelo que se adapta con facilidade a calquera persoa. Actúa como axuda esencial para os coidadores principais e familiares das persoas maiores, proporcionando información sobre actividades diarias de maneira continuada e en tempo real”. Con estas palabras describe Rafael Serrano, psicólogo e CEO de Beprevent, o proxecto no que esta empresa cordobesa leva inmersa case dous anos e que comezará a comercializarse o próximo mes de outubro. É dicir, trátase dunha solución de intelixencia ambiental que informa das rutinas das persoas maiores a través dunha aplicación para o móbil. 

A aposta da compañía é, ante todo, reforzar esa idea de permanencia dos maiores no seu propio fogar, reforzando a independencia na súa propia casa e proporcionando tranquilidade á súa familia. Por iso, o lema escollido por Beprevent é “Vive na túa vida”. Como explica Rafael Serrano a entremayores, “ese sentimento de independencia e de pertenza é, para nós, o maior beneficio. Por e para iso traballamos, a continuidade na contorna e no propio domicilio. Beprevent oriéntase cara a un futuro no que o fogar sexa o centro onde se reciban os coidados e atencións necesarias”.

Así mesmo, en canto a outros beneficios, Serrano tamén destaca “a seguridade de sentir que alguén mira por ti; a tranquilidade para a familia ao dispoñer de valiosa información de maneira continuada e na man; o aforro, por suposto, ao non consumir recursos máis custosos; evitar pequenos esquecementos coa programación de recordatorios que manteñan as súas rutinas, etcétera”.

¿Como funciona?
Empregando como base as novas tecnoloxías, deseñouse este sistema de apoio intelixente dotando de intelixencia a calquera obxecto de uso cotián a través de etiquetas –cada unha delas pódense instalar en elementos diferentes e progresivamente van aprendendo as rutinas e hábitos particulares dos usuarios–. Unha vez que a información foi procesada e analizada pola ferramenta Beprevent, esta transmítese en tempo real aos seus familiares. 

O funcionamento baséase en cinco sensores para a etiquetaxe de obxectos; xeración e aprendizaxe de patróns habituais de conduta (rutinas); análise de datos para a detección de anomalías e identificación de patróns atípicos; e comunicación de rutinas e alteracións ao familiar mediante unha aplicación móbil.

“Aínda que hai experiencias que en principio puidesen resultar parecidas, como a teleasistencia avanzada, Beprevent pon en valor algo tan importante como son os hábitos e rutinas das persoas no domicilio. Establecemos como base do noso servizo uns indicadores frecuentemente utilizados para avaliar o benestar físico e cognitivo das persoas como son os cambios ou desviacións nas súas Actividades da Vida Diaria (AVD), é dicir, nos seus patróns de comportamento”, comenta Rafael Serrano.

Doutra banda, unha das vantaxes desta solución é que non require instalación, nin mantemento, así como non implica unha aprendizaxe de hábitos novos por parte do usuario, nin interfere na súa vida obrigándoo a levar dispositivo algún. Así mesmo, “cada familiar poderá determinar de maneira individual que e canta información desexa recibir e en que momento”, engade. E é que a app Beprevent ten múltiples usos e é totalmente personalizable. 

Trátase, por tanto, dunha nova alternativa de atención baseada na proactividade, na anticipación e no mantemento dunha vida activa e independente, “en lugar da reacción cando o inevitable xa sucedeu”, conclúe Rafael Serrano.

A privacidade do usuario é o primeiro
“A privacidade e o respecto pola persoa son o primeiro”, declara Rafael Serrano. “O número e selección de obxectos debe realizarse de maneira conxunta entre o usuario e a súa familia para alcanzar un equilibrio entre esta necesaria recollida de información e a privacidade daquel. Ademais, as etiquetas non capturan imaxe nin son, limitando a súa información ao uso do obxecto etiquetado”. 

En “www.beprevent.es” están dispoñibles consellos e suxestións para axudar aos familiares sobre as decisións de que etiquetas incluír. En todo caso, opina Serrano, “por encima das nosas indicacións está a individualidade de cada persoa e dos seus particulares costumes e hábitos. Non hai intelixencia artificial nin algoritmos máis potentes que o propio coñecemento que cada persoa ten de si mesmo ou o da familia. Unha das nosas vantaxes radica, precisamente, en que a solución se adapta á rutina de calquera persoa”.

A solución poderase adquirir a través da web e en puntos de venda seleccionados por un prezo aproximado de 300 euros máis IVE. 

15/09/201710:31
Persoa en cadeira de rodas accedendo a un caixeiro.
Santiago de Compostela

Produtos e servizos accesibles para as persoas con discapacidade

  • A 'Acta Europea da Accesibilidade' esixirá eliminar barreiras na internet, bancos e transportes

 

Produtos e servizos esenciais, como teléfonos, máquinas de venda de billetes e servizos bancarios terán que ser máis accesibles para as persoas con discapacidade.

Na UE viven ao redor de 80 millóns de persoas con algún tipo de discapacidade. Dado o ritmo de envellecemento da poboación, calcúlase que en 2020 ao redor de 120 millóns de europeos padecerán discapacidades múltiples e/ou menores. “É fundamental que a directiva inclúa ás persoas con discapacidade pero tamén a aquelas con limitacións funcionais temporais ou permanentes”, como é o caso das persoas anciás, embarazadas e aqueles que viaxan con equipaxe, sinala a Cámara.

O proxecto de Acta europea da accesibilidade establece criterios para facer máis accesibles unha serie de produtos e servizos.

A lista inclúe: caixeiros automáticos, máquinas expendedoras de billetes e de facturación, computadores e sistemas operativos, teléfonos e televisores, servizos bancarios, libros electrónicos, comercio electrónico, transporte, incluídos os servizos urbáns, como metro, ferrocarril, travía, trolebús e autobús.

Os eurodeputados incorporaron tamén terminais de pago, dispositivos para libros electrónicos, páxinas web e servizos audiovisuais para dispositivos móbiles.

O texto enumerará os produtos e servizos que deben facerse accesibles, pero non impoñerá solucións técnicas detalladas, para permitir que se expoñan opcións innovadoras.

As normas aplicaranse á denominada “contorna construída” onde se presta un servizo, incluída a infraestrutura de transporte, para as novas construcións ou en caso de obras de renovación substanciais, para maximizar o seu uso por parte de persoas con discapacidade, explica o Parlamento.

 

As empresas máis pequenas, excluídas

As microempresas (aquelas que empregan a menos de dez persoas e cuxa facturación ou o seu balance anual total non pasa 2 millóns de euros) estarán exentas.

O proxecto tamén inclúe salvagardas para garantir que as esixencias non xeran unha “carga desproporcionada” aos operadores, pero os eurodeputados advirten de que a falta de prioridade, de tempo ou de coñecementos non son razóns lexítimas para alegar que a carga é desproporcionada.

Quote Morten Løkkegaard (ALDE, Dinamarca) sinalou: "Estou satisfeito coa ampla maioría obtida hoxe no Parlamento.

Máis de 80 millóns que viven cunha dsicapacidad beneficiaranse. O informe final contén puntos a favor e en contra, e agora debemos iniciar unha difícil negociación co Consello. Farei o posible por obter o mellor resultado”.

 

Próximos pasos

O texto emendado saíu adiante con 537 votos favorables, 12 en contra e 89 abstencións. Tras recibir o respaldo do pleno, os negociadores do Parlamento poderán iniciar negociacións co Consello, unha vez que este fixe a súa posición.

Acceso á noticia na web do Parlamento Europeo.

15/09/201710:24
Programa WIFI4EU.
Santiago de Compostela

O Parlamento Europeo aproba o programa financeiro para instalar puntos wifi gratuítos en máis de 6.000 localidades

Parlamento Europeo deu luz verde este martes ao programa financeiro da iniciativa WIFI4EU pola que se instalarán puntos de conexión a Internet gratuítos en lugares públicos de máis de 6.000 localidades de toda a Unión Europea. Aínda que a dotación final do programa non está pechada, o Parlamento, a Comisión e o Consello prevén un orzamento de 120 millóns de euros.

O proxecto foi aprobado con 582 votos a favor, 98 en contra e 9 abstencións. Para o relator do proxecto, o eurodeputado portugués Carlos Zorrinho, a iniciativa “contribuirá a facer a sociedade europea máis competitiva e inclusiva” xa que “con independencia do seu lugar de residencia e nivel de ingresos, todos os cidadáns europeos poderán gozar dunha conexión wifi de calidade”.

Requisitos para participar en WIFI4EU

O orzamento repartirase de maneira “xeograficamente equilibrada” tendo en conta, ademais, a orde de solicitude. As entidades públicas que queira participar no programa WIFI4EU deben cubrir os custos operativos durante polo menos tres anos e facilitar unha conexión gratuíta, facilmente accesible e segura.

Ademais, non poderá aparecer publicidade comercial nin se permitirá o uso dos datos persoais para fins comerciais. Tampouco poderán obter financiamento aquelas iniciativas que dupliquen sistemas xa establecidos na mesma zona, sexan públicos ou privados. O acceso á conexión deberá facilitarse nos idiomas do Estado membro.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS