
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Fundación TIC da Deputación lucense, a través do Centro de Innovación Social InLugo, impartirá 64 cursos e obradoiros gratuítos no cuarto trimestre de 2017, é dicir, 21 máis que na anterior edición. O Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, presentou o programa de actividades de novas tecnoloxías destinadas ás persoas de máis de 55 anos, que suman un total de 877 prazas, o dobre que no trimestre anterior e que comezará o 13 de setembro.
Campos, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dixo que “neste trimestre imos reforzar o labor social que está a desenvolver a TIC cun sensible incremento no número de cursos e prazas. Queremos atender así a alta demanda que temos e achegar ao maior número posible de maiores os beneficios que ten o uso das novas tecnoloxías na súa vida cotiá, nas súas relacións sociais, na súa saúde e na súa autonomía persoal”.
Segundo o titular da Deputación “os lucenses de máis de 55 anos que xa pasaron por estes cursos son o mellor exemplo de que as novas tecnoloxías, ademais de útiles para mellorar a súa calidade de vida, son moito máis doadas de empregar do que parece". Por iso, engadiu, "quero animar aos nosos maiores a que se apunten a estas actividades e venzan o medo a estar desfasados. Aquí, ademais, atoparán novos amigos e formarán parte da familia da TIC”.
Demanda
Os cursos serán de diversa duración: 37 serán de dous ou tres días, mentres que os outros 27 terán unha duración dun día. Estes últimos, que se impartirán os luns pola mañá e pola tarde e os venres pola mañá, están especialmente dedicados ao reforzamento de coñecementos, e necesitarán inscrición previa para cabida a todos os demandantes e poder distribuímos nos correspondentes días.
Con respecto ás materias, Campos anunciou que “aumentaremos o número de aqueles cursos con máis demanda, os do uso do móbil e de Internet. Pasarase de dúas a tres edicións, tanto do primeiro nivel como do segundo”. Tamén salientou que “os obradoiros destinados á mellora da memoria e das habilidades cognitivas e psicomotrices, como os de Xbox ou Wii, que fomentan este tipo de exercicios mentais”.
A tenor do éxito da anterior tempada, concluiu, este trimestre haberá oito obradoiros de memoria. Ademais, dentro da programación as persoas maiores da provincia poderán elixir entre talleres de redes sociais, correo electrónico ou uso de whatsapp, entre outros.
O pasado 5 de setembro de 2017 tivo lugar a inauguración coa presenza dos emprendedores dos 6 proxectos seleccionados nesta edición. Lembrámosvos que os proxectos foron:
Ademais convidámosvos a seguir o día a día do Programa Vodafone #ConnectingforGood #Galicia na súa conta oficial de Twitter https://twitter.com/VCfG_Galicia e a través do hashtag #ConnectingforGood.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ponteareas, dependente da Concellería de Mocidade que dirixe Verónica Carrera, vén de anunciar a organización dun curso de creación de blogs os días 18, 19, 25 e 26 de setembro. O horario será de 16:00 a 18:30 horas e o lugar onde se impartirán as clases será a sala multiusos da Biblioteca Municipal. No obradoiro trataranse diversos aspectos que introducirán ao alumnado no concepto de blogs (bitácoras en liña persoais onde se achegan contidos actualizados e comentados polos lectores do caderno dixital) e nas súas características.
Tamén se abordarán no obradoiro os diferentes tipos de plataformas para crear un caderno dixital destas características e o manexo nas plataformas de mantemento de bitácoras, Blogger e WordPress. Igualmente, afondarase nas principais características e diferencias das plataformas así como na inclusión de vídeos, imaxes, presentacións e diversos arquivos. As/Os interesadas/os poden dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada na Rúa A Perillana 9-11 ou ben chamando ao 672105468.
O Concello de Lugo vén de publicar na súa web (www.lugo.gal) as actas de selección dos alumnos traballadores (31) e dos monitores e directores dos dous obradoiros de emprego que conseguiu o Goberno local: o Lugo Cóidate, orientado aos servizos de atención sociosanitaria, e o TIC Arqueolóxico, encamiñado á dinamización do Vello Cárcere a través das novas tecnoloxías. As actividades, que comezan o 29 deste mes, teñen un orzamento total de 360.000 euros e veñen da man da Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico que dirixe Ana Prieto.
O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a “posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo”, amais de facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos e fornecelos de coñecementos para a súa posterior inserción laboral. De xeito complementario búscase impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta cun espazo adicado á arqueoloxía. Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no Vello Cárcere.
Entre as actuacións principais que abranguen as diferentes especialidades formativas a impartir atópase a dixitalización en 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle tecnolóxica cultural. En canto ao outro obradoiro que poñerá en marcha o Concello, trátase do Lugo Cóidate, que ten un importe de 135.000 euros, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrecerase formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas. O TIC-Arqueolóxico e o Lugo Cóidate súmanse aos programas de emprego que ten en marcha o Concello: Inicia Coworking, Mellora Lugo e (Con) trato feito!
A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas (con sede de operacións en Santiago) e Atresmedia van colaborar en innovación audiovisual e en formación en contidos dixitais. Así o deron a coñecer ámbalas entidades esta mañá en Compostela, logo de asinar un convenio de cooperación que ten por obxecto, nas súas palabras, “crear un marco de relación estable coa arela de impulsar, executar e coordinar o deseño e realización de cursos, conferencias, seminarios, charlas ou outras actividades”. No acto participaron o presidente da fundación galega, Ghaleb Jaber Martínez; o director de Recursos Humanos do grupo Atresmedia, Lucio Fernández; o director de Onda Cero Galicia, Ignacio Capeáns; a delegada de Antena 3 en Galicia, Eva Vázquez Lima; e o xornalista e formador Luis Fraga.
Segundo fixeron saber, o acordo ten unha duración de dous anos e o deseño dos cursos será responsabilidade de Atresmedia, quedando reservada a organización e a loxística á Fundación Araguaney-Ponte de Culturas. As actividades estarán orientadas sobre todo a innovación, tanto conceptual como técnica dos medios audiovisuais. Nun plano máis concreto, farase especial fincapé nas habilidades e nos coñecementos técnicos dos medios de comunicación actuais, incluíndo “expresamente” as novas tecnoloxías da información, os novos procesos de traballo na área audiovisual, as redes sociais, os medios dixitais ou os contidos multiplataforma.
Ghaleb Jaber Martínez explicou que esta formación ofrece aos profesionais do sector audiovisual “a posibilidade de cursar unha docencia de calidade”, actualizada e inmediata. Lucio Fernández, pola súa banda, asegurou que este acordo permitirá ofrecer en Galicia “formación de calidade”, impartida a través do proxecto Atresmedia Formación que naceu na corporación hai un ano e polo que xa se organizaron cursos en Madrid, Andalucía, Levante ou Castela A Mancha. Tamén dixo que os cursos que se van organizar en Compostela están encamiñados a persoas interesadas en mellorar as súas actitudes profesionais e desenvolver novas habilidades, “principalmente licenciados ou profesionais preocupados por actualizar os seus coñecementos”. Segundo engadiu, “son cursos prácticos presenciais indicados para mellorar a locución e as técnicas de presentación ou ensinar a facer gravacións con móbiles, sempre co acompañamento de formadores da casa ou externos elixidos pola súa recoñecida traxectoria”.
Os cursos impartiranse preferentemente na sede da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas (Hotel Araguaney de Santiago), aínda que tamén se poderán celebrar en diferentes cidades de Galicia. Terán unha duración de 15 horas (impartidos en tres días) e un máximo de 15 alumnos que recibirán un diploma acreditativo asinado por ambas as entidades.