
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, vén de informar do seguimento que está a despregar a cidadanía arredor dos cursos (64 cursos e obradoiros de balde, 21 accións máis ca na anterior tempada) que achega a entidade para este terceiro trimestre de 2017. Segundo informou a fundación, xa se esgotaron as 877 prazas ofertadas a través de InLugo, ao abeiro da programación para a recta final de 2017. Esta mesma semana, presentouse o programa de actividades de novas tecnoloxías destinadas aos lucenses de máis de 55 anos, nas que se inscribiron 1.788 persoas. Os cursos xa arrancaron este mércores, participando nos mesmos 41 persoas durante a primeira semana.
Segundo informa a Deputación de Lugo, os obradoiros que se imparten son de diversa duración. Así, 37 serán de dous ou tres días, mentres que os outros 27 terán unha duración dun día. Estes últimos, que se impartirán os luns pola mañá e pola tarde e os venres pola mañá, están especialmente dedicados ao reforzamento de coñecementos tecnolóxico-dixitais, e precisarán de inscrición previa para cabida a todos os demandantes e poder distribuímos nos correspondentes días.
Como novidade este ano, a Deputación de Lugo salientou que o medre na programación dos cursos con máis demanda, os do uso do móbil e de Internet. Pasarase de dúas a tres edicións, tanto do primeiro nivel como do segundo. Ademais hai obradoiros destinados á mellora da memoria e das habilidades cognitivas e psicomotrices, como os de Xbox ou Wii, que fomentan este tipo de exercicios mentais. Tamén haberá 8 obradoiros de memoria. Por outra banda, dentro da programación os maiores da provincia poderán elixir entre talleres de redes sociais, correo electrónico ou uso de Whatsapp, entre outros.
Os emprendedores con discapacidade teñen ata o próximo 29 de setembro para presentar as súas candidaturas á convocatoria xeral que a Fundación ONCE ten aberta para apoiar proxectos de emprendemento ou creación de empresas da economía social por parte de persoas con discapacidade, co obxectivo de fomentar o emprego e a inserción sociolaboral deste colectivo.
Aínda que as axudas diríxense a persoas con discapacidade demandantes de emprego que vaian poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial, divídense en dúas convocatorias incompatibles entre si: unha está destinada expresamente a mozos con discapacidade e a outra, a persoas con discapacidade non consideradas novas.
Axudas xerais
Fundación ONCE ofrece a fondo perdido e en calidade de Organismo Intermedio do Programa Operativo FSE de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 (POISES) unha liña de axudas destinadas a persoas con discapacidade demandantes de emprego, que vaian poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial ou que o iniciaran despois do 1 de xaneiro de 2016.
Estas axudas serán dun mínimo de 3.000 euros para cada solicitude aprobada e poderán alcanzar un máximo de 18.000, se, como as dos mozos, destínanse a proxectos que fomenten sectores en crecemento, impliquen o desenvolvemento do medio rural ou se enmarquen dentro da sociedade da información, entre outras circunstancias.
Así mesmo, serán susceptibles de percibir unha contía superior aos 3.000 euros os negocios impulsados por colectivos con discapacidade con especial dificultade (persoas con parálise cerebral, enfermidade mental ou discapacidade intelectual), mulleres, os que empreguen ademais a outras persoas con discapacidade, e os promovidos por vítimas de violencia de xénero ou parados de longa duración, entre outros.
O diñeiro destinado a estas axudas en 2017 ascende a un total de 993.911 euros e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 29 de setembro.
Os interesados en beneficiarse de calquera destas axudas deberán presentar un Plan de Empresa do proxecto, así como a documentación que acredite a capacidade do solicitante para proceder á achega de fondos que contribúan á súa posta en marcha.
Na pasada edición de 2016, a Fundación ONCE apoiou un total de 69 proxectos e desde a posta en marcha desta iniciativa en 1988, ofrecéronse axudas a máis de 1.500 emprendedores.
Axudas para mozos emprendedores con discapacidade
Ademais, e como importante novidade, a Fundación ONCE quere impulsar o emprendemento dos mozos con discapacidade. Neste caso, as axudas ofrécense a fondo perdido en calidade de Organismo Intermedio do Programa Operativo FSE de Emprego Xuvenil 2014-2020 (POEJ), e diríxense, concretamente, a persoas de entre 16 e 30 anos. Estas persoas deberán estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGJ), ser demandantes de emprego e non traballar ou participar en actividades de educación ou formación polo menos o día anterior á presentación da súa solicitude nesta convocatoria.
Ditas axudas serán dun mínimo de 6.000 euros e poderán aumentar ata un máximo de 18.000 se se destinan a proxectos que fomenten sectores en crecemento, impliquen o desenvolvemento do medio rural ou que se enmarquen dentro da sociedade da información, entre outras circunstancias. Así mesmo, poderán percibir unha axuda superior aos 3.000 euros os negocios impulsados por colectivos con discapacidade con especial dificultade (persoas con parálise cerebral, enfermidade mental ou discapacidade intelectual), mulleres, os que empreguen ademais a outras persoas con discapacidade, e os promovidos por vítimas de violencia de xénero ou parados de longa duración, entre outros.
Os interesados en optar a estas subvencións teñen de prazo para presentar as súas solicitudes ata que se esgoten os recursos orzados, ou, en todo caso, ata o 31 de marzo de 2018. E os recursos orzados por Fundación ONCE, incluída a cofinanciación do Fondo Social Europeo para esta convocatoria, ascenden a 200.000 euros, aínda que dita dotación poderá ampliarse en función das axudas que se vaian aprobando.
Co fin de axudar e ofrecer o maior nivel de información, Fundación ONCE conta cun espazo específico na súa páxina web con toda a documentación.
Xa vai quedando menos para a nova edición, a 22, da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que este ano xirará arredor da necesidade de adestrarnos e capacitarnos para a que está sendo (e será) unha das grandes ameazas tecnolóxicas do noso tempo: a ciberdelincuencia. Máis polo miúdo, a Noite celebrarase o 29 de setembro na Coruña, no recinto de PALEXCO, e estará presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Segundo informa a organización do evento, o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), a gala achegará unha serie de novidades importantes con respecto ás anteriores entregas. Será, en palabras do COETG-AETG unha cita “coidada e disruptiva” que comezará cun cóctel-networking que dará paso, no salón Arao, a un espectáculo en cuxo transcurso entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017.
Nesta edición a relación de premiados son: Enxeñeiro do Ano a Paulino González; Socio de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, a Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a FINSA.
Volvendo ao fío temático da Noite, será, como dixemos, o da ciberseguridade. Segundo nos contou recentemente o director da AETG, “escolleuse esta temática para analizar os diferentes factores que inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma segura”. Estarán presentes neste foro todos os axentes implicados en ciberseguridade, tanto do ámbito privado como do público, para tomar consciencia da importancia do ciberespazo e a seguridade do mesmo no desenvolvemento económico e social.
A Asociación Érguete Baixo Miño vén de convocar un obradoiro para introducir á veciñanza no uso emprendedor das ferramentas dixitais: para adestrarse e impulsar proxectos de mercado e, tamén, para mellorar os seus currículos e incrementar as posibilidades de inserción laboral. O curso para Emprender a través das Novas Tecnoloxías, que conta coacolaboración da Concellería de Política Social (Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado), diríxese a “crear un espazo de comunicación para a mocidade sobre as potencialidades de uso das novas tecnoloxías ao mesmo tempo que se fomenta a idea de empregabilidade a través da Rede”.
Esta actividade está dirixida a mozos e mozas desempregados/as, facendo fincapé naqueles/as que teñan entre 16 a 35 anos. O horario é de 16:00 a 21:00 h. os luns, mércores e venres. Os obradoiros comezarán o 25 de setembro para rematar o 13 de outubro, cubrindo un total de 50 horas e achegando, ao seu término, un certificado de participación. O obradoiro é de balde e celébrase na Aula de Informática de San Benito (Praza San Benito, 2-3 -36780 de A Guarda). Os bloques temáticos do curso artéllanse nos seguintes temas: mercadotecnia dixital (que, como, cando e onde) e redes sociais (uso da Rede, taller de aplicacións, etc).
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, terá como obxectivos centrais que no curso 2020/21 todo o alumnado do ensino obrigatorio teña acceso a formación en robótica e programación; así como acabar coa fenda de xénero nos estudos STEM, isto é, de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
Entre as principais medidas que se van implantar para acadar este dobre obxectivo, Feijóo destacou as seguintes: a extensión dos kits de robótica a todos os centros de ensino obrigatorio, a creación do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, a posta en marcha dos Espazos Maker como zonas de creación científica e a mellora do sistema de libro dixital, con máis centros, mellor conectividade, mellores equipamentos e mellores contidos.
Nesta liña, lembrou que nos últimos cursos foron incorporándose aos currículos novas materias de libre configuración autonómica como Robótica, Programación ou Identidade dixital, que debuta este curso. Paralelamente, durante o curso pasado repartíronse kits de robótica, programación e impresión 3D en todos os centros de secundaria.
“O curso pasado, houbo 514 alumnos de bacharelato cursando Robótica en 41 centros e preto de 3.971 alumnos de 1º e 2º de ESO que deron Programación en 114 centros”, dixo. Ademais, establecéronse marcos estables de colaboración con entidades e sociedade civil, e desenvolvéronse outras accións -como Club de ciencia ou Desafío STEM- que teñen como principal fin estimular o espírito científico entre a mocidade.
Deste modo, hoxe xa hai 12.000 alumnos implicados nalgunha acción de formación científico-tecnolóxica e máis de 750 kits de robótica despregados.
Como primeira gran medida do plan, o presidente da Xunta explicou que durante o ano académico que está comezando se levarán os kits de robótica a 120 centros de primaria e se ofrecerá ao profesorado un plan de formación específico para coñecer mellor estes novos recursos.
“O obxectivo, no horizonte 2020/21, é que todos os centros de primaria dispoñan de kits de robótica e programación, para que os galegos desde a primaria aprendan a destreza nestas disciplinas”, incidiu.
Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía
En relación á segunda gran iniciativa: a posta en marcha do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, Feijóo precisou que os mozos que o cursen terán unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, dedicada a afondar no seu coñecemento sobre as materias STEM.
“En lugar de 32 horas lectivas, pasarán a ter 34 ou 35, ademais de participación en charlas, obradoiros ou cursos”, aseverou, ao que engadiu que o alumnado deberá realizar, ao longo de dous cursos, un traballo de investigación semellante aos traballos de fin de grao e deberán facer unha defensa pública do proxecto, que será avaliado por unha comisión.
Ao final da etapa, os alumnos recibirán unha certificación na que se acredite que realizaron este bacharelato de excelencia. O obxectivo é que, no curso 2020/21, Galicia conte con 20 centros de ensino secundario con bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía.
Espazos Maker e libro dixital
Esta estratexia para a educación dixital integra tamén o desenvolvemento dos Espazos Maker, zonas con equipamento específico dedicadas a fomentar a creatividade e a innovación da mocidade. Estímase que desta iniciativa se beneficien 300 centros no horizonte 2020/21.
Con respecto ao cuarto eixo do plan, prevese estender o libro dixital a 300 centros e a máis de 20.000 alumnos no curso 2020/21, contando con dúas novidades: un módulo específico nos plans de convivencia para traballar a identidade dixital e prever condutas negativas en Internet e premios individuais á creatividade en contornas dixitais vinculados aos proxectos dos centros.
Rede de centros ‘eSTEM.gal’
Ademais destes catro grandes eixos, a estratexia tamén incorpora outras novidades como a creación da rede de centros 'eSTEM.gal', que aglutinará aqueles centros cunha especial motivación polo desenvolvemento científico-tecnolóxico, permitíndolles compartir as boas prácticas e crear comunidades de interese.
Coa previsión de sumar 100 centros a esta rede no horizonte 2020/21, os que se integren na rede partirán con beneficios á hora de participar en proxectos de innovación educativa.
Máis formación para o alumnado
Así mesmo, para os alumnos cunha gran vocación científica, esta estratexia abre tamén a posibilidade de que poidan ir formarse uns meses a outro centro educativo, nacional ou estranxeiro.
Tamén orientado aos científicos en potencia, este curso comezarase a celebrar a Semana STEM, que brindará de xeito gratuíto a 300 alumnos unha inmersión lúdica nos ámbitos vinculados coa robótica, programación o pensamento computacional ou as tres dimensións.
Ademais, a Estratexia ambiciona multiplicar por 20 o número de clubs de ciencia que hai no ensino público galego, pasando dos 10 do curso pasado a 200 dentro de tres cursos.
10.000 prazas para docentes
No tocante á formación do profesorado, Feijóo afirmou que, ao igual que ocorre co plurilingüismo, se porá á disposición dos docentes máis de 10.000 prazas de formación específica, para garantir a mellor calidade no ensino.
Logo de afirmar que se trata dunha “estratexia completa que deseñamos aos poucos días de comezar este curso para concretar cales son os obxectivos xa do próximo curso e dos seguintes”, Feijóo amosouse convencido de que “vai haber unha importantísima evolución no sistema educativo, un ensino axeitado ás necesidades actuais e futuras da sociedade, e un ensino especializado e orientado á excelencia e a minorar esa fenda de xénero entre as mozas e os mozos para facer carreiras no ámbito das ciencias e da enxeñería”, asegurou.