
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O monte Gaiás de Santiago, emprazamento da Cidade da Cultura de Galicia, será no mes de novembro o gran referente do movemento argalleiro e auto-desenvolvedor. Ou sexa, do colectivo Maker, ou, o que o é o mesmo: a gran fronte internacional de xente que se xunta para botaren abaixo os límites da creación tecnolóxica de cada quen, individuais, colectivos, reais ou imaxinarios. Esta gran fronte, que ten cada vez máis adeptos e seareiros na nosa terra, ten unha cita a marcar no calendario os días 24, 25 e 26 de novembro, a Galicia Maker Faire de Santiago. Como era de agardar, tratándose como se trata o movemento Makerdunha gran casa integradora, con portas e xanelas abertas, todas e todos estamos convidados. Entre os puntos fortes do programa figura un que vimos de coñecer: a presenza na quedada de Richard Stallman, o creador do movemento do software libre a nivel mundial.
Stallman, que ofrecerá unha charla no evento, é unha das figuras máis sobranceiras do movemento do software libre a nivel mundial, coñecido por ter creado en 1984 o sistema operativo GNU, actualmente GNU/LINUX, a primeira alternativa aos principais sistemas de software privativo: Windows e MacOs. Entre os seus principais cometidos cómpre salientar o de acadar, a través da súa fundación Free Software Foundation, unha meirande concienciación entre os gobernos para que empreguen programas abertos tanto a nivel de xestión e uso cotián como nas escolas públicas. Segundo informa a organización, amais da charla de Richard Stallman, o programa achegará unha manchea de actividades de divulgación e lecer orientadas a tódolos públicos e disciplinas: obradoiros de innovación e creatividade, campionatos de drones, robótica, actuacións interactivas e moito máis. A día de hoxe fica aberta a convocatoria para todo aquel que queira participar nesta vindeira edición, tanto na categoría de Maker como de Minimaker (proxectos infantís). O prazo de inscrición remata o 15 de outubro.
O evento vén da man de Enrique Saavedra e Matilde Rodríguez, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse.
Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización. Ademais, a feira terá un día máis de actividade, o venres 24 de novembro, que se reservará para o sector profesional, “favorecendo que os expositores poidan dirixir dun xeito máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo”. A fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral.
A cousa Maker
O movemento Maker é a cultura de “fágao vostede mesmo”, “Do it Yourself” en inglés. O termo Maker é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revistaMake, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros dos programas libres de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.
Allariz presentou onte un programa formativo que inclúe, entre outras cousas, un vieiro directo cara as novas tecnoloxías ao servizo do audiovisual, máis polo miúdo cara ao eido da animación en 3D. O Curso de introdución ao desenvolvemento de películas de debuxos animados vaise desenvolver dende outubro deste ano a xullo do ano vindeiro. As materias a impartir artéllanse en dous bloques, un de contidos prácticos (3D) e outro de teóricos. Celebrarase na Casa da Mocidade de Allariz.
O primeiro dos bloques abordará cuestións como a interface, o modelado (técnicas, mallas e curvas, modelado de textos), cámaras e iluminación, texturas e materiais, modelado de personaxes, animación (claves e liña de tempo, editores, animación de obxectos, de personaxes e de FX) e composición. O bloque teórico introducirá aos participantes en procesos de produción, pre-produción (linguaxe cinematográfica, ideas para o guión, storyboard), creación de personaxes (anatomía, estereotipos, poses e siluetas, liñas de acción), teoría da animación (técnicas, os principios da animación, as leis físicas aplicadas, tempo e ritmo, animación facial, locomoción) e elaboración de proxectos de animación (mercados e festivas, axudas á produción).
As persoas que estean interesadas en asistir ao obradoiro deberán chamar ao 615 395 871 ou ben enviar un correo electrónico a animacion3d@allariz.com.
Esta mañá os establecementos de Carrefour en Galicia estrearon un servizo de vídeo-interpretación para persoas xordas usuarias da lingua de signos denominado SVIsual, desenvolvido pola Fundación da Confederación Estatal de Persoas Xordas. O novo servizo leva varios anos en probas nalgúns centros de Carrefour, e a partires de agora estará presenta nos 7 hipermercados da marca na comunidade galega co obxectivo de garantir unha prestación de servizos en igualdade de condicións a todos os clientes.
Ao acto de presentación celebrado en Compostela acudiron o conselleiro de Política Social da Xunta, José Manuel Rey; a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García; o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha; o director rexional de Carrefour para Galicia, Francisco Hipólito Rodríguez; e a directora da Fundación Solidaridad Carrefour, María Cid.
Mediante SVIsual as persoas xordas poden, a través dun vídeo-intérprete, establecer unha comunicación con persoas oíntes dun xeito fluído grazas a unha aplicación que contacta cun centro de chamadas capaz de integrar simultaneamente audio e vídeo. Nos centros de Carrefour estarán dispoñibles durante o seu horario de apertura dispositivos que faciliten o acceso ao servizo que busca rachar barreiras de comunicación.
A intelixencia artificial e a ciberseguridade serán o fío condutor do programa da VII Xornada de Informática Xudicial que terá lugar o vindeiro 4 de outubro na Cidade da Cultura, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.
A edición deste ano, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial, adopta o nome propio de #IURISTICGAL17, co que a organización quere singularizar este evento, xa moi consolidado, e situar a Galicia no liderado do debate sobre a necesaria complementariedade entre a informática e a xustiza.
A xornada reunirá a un panel de relatores expertos do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei. Esta complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requirimentos.
O xuíz robot
A intelixencia artificial na interpretación e na aplicación da lei, mediante un xuíz robot, será o tema de apertura da VII Xornada de Informática Xudicial, cun relatorio ofrecido por Alejandro Sánchez del Campo Redonet, regulatory counsel en Telefónica Digital.
Despois, Ofelia Tejerina, avogada da Asociación de Internautas e membro do Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, exporá un relatorio sobre privacidade e dereitos fundamentais.
A ciberseguridade e a peritaxe informática centrarán o terceiro dos relatorios, ofrecido por Pilar Vila, perita informática en Forensic &Security, seguido dunha mesa redonda sobre ‘Privacidade e xustiza ante un mundo plenamente dixital’, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.
A sesión de tarde comezará coa exposición de Juan Antonio Frago, fiscal do Grupo de Delitos Económicos en A Coruña, titulada ‘e-Xustiza, mito ou realidade”, para dar paso despois a Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica, UIT, da Policía Nacional, que exporá o relatorio titulado ‘A ciberdelincuencia desde o outro punto de vista’.
#IURISTICGAL17 rematará cunha mesa redonda sobre ‘Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria’ na que actuará como relator e moderador Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional.
Inscrición anticipada ata o 24 de setembro
Para favorecer a asistencia a #IURISTICGAl17 nunhas condicións vantaxosas, hai establecido un prazo de inscrición anticipada ata o vindeiro 24 de setembro, tanto para público xeral como para entidades colaboradoras e persoas asistentes a anteriores edicións. Máis información e inscricións en http://iuristicgal.cpetig.org
Os próximos días 27, 28 e 29 de setembro celébrase o II Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas, por que é importante e necesario un encontro así?
Jesús Hernández: é necesario poñer encima da mesa e mostrar a todos os axentes que a accesibilidade é indispensable en campos tan importantes como son a tecnoloxía e o turismo. Ata que a accesibilidade sexa un aspecto máis, non algo ao que chegar no deseño e creación de produtos e servizos, é indispensable que sigamos organizando eventos tan importantes como este. A tecnoloxía e o turismo son dous sectores interrelacionados que se alimentan o un do outro e se todo o relacionado con eles está deseñado para todas as persoas, beneficiará á sociedade en xeral.
A presenza de axentes de todos os sectores, desde a formación, ata as empresas privadas, pasando polas administracións públicas, fai que todos poidan ensinar o que fan e aprender do que fan os demais. Este foro de intercambio enriquece de tal modo que o que se desenvolverá a partir del, aplicará novos coñecementos e corrixirá malas prácticas.
O lema desta edición é ‘Accesibilidade 4.0'. Baixo esta idea, que temáticas concretas vai tratar o Congreso e con que obxectivos?
Jesús Hernández: O congreso pretende mostrar como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos e servizos melloran a vida de todas as persoas.
Entre os temas que se abordarán durante a celebración do encontro internacional figuran as tecnoloxías e servizos de acceso á información e a comunicación; a interacción persoa máquina; os produtos de apoio, e a teleasistencia e o telecoidado como consecuencia da prolongación da vida activa.
Tamén haberá espazo para mostrar o fogar dixital e seguir apostando pola vida independente; o emprego da robótica para favorecer a autonomía persoal, e a innovación para garantir o transporte de todas as persoas. Finalmente, abordarase o uso das tecnoloxías para promover as Smart City, para mellorar a aprendizaxe e para dar solución a cuestións como o turismo accesible.
4.0 poderían ser os 4 puntos cardinais esenciais da accesibilidade: 1) o Norte sempre son as persoas intrinsecamente involucradas; 2) o Sur é a perspectiva de dereitos para todos que nos impulsa; 3) o Leste é a innovación por onde amence a mellora sociotecnolóxica; e o 4) Oeste é a posta dos produtos e servizos para cada un na sociedade, é dicir, a transferencia. Accesibilidade 4.0 é o noso compás da accesibilidade que non ha de perder nunca o Norte.
En que medida a tecnoloxía está a cambiar a vida de quen ten capacidades diferentes?
Jesús Hernández: O acceso á información e ao coñecemento cada vez é máis universal xa que o acceso remoto a través dos medios dixitais xunto a Internet está a eliminar barreiras relacionadas coa mobilidade e a localización xeográfica da información. Á súa vez, os formatos dixitais permiten, dunha forma moito máis fácil, a transformación dos contidos a formatos multimodais, o que fai que cada vez máis os contidos se adpten ás capacidades do usuario. É a contorna a que se adapta ao usuario, non ao contrario.
Hai suficiente implicación por parte de administracións, fabricantes e empresas de servizos con respecto á aplicación da accesibilidade para todas as persoas nos sectores de tecnoloxía e turismo?
Jesús Hernández: Podemos dicir que estamos no bo camiño. No caso de España, se miramos 50 anos atrás, conseguimos moito, fixéronse moitas cousas para facilitar o acceso ao turismo a todas as persoas. Non é suficiente desde o momento en que dependendo das capacidades de cada persoa, é posible que non poidan realizar todas as actividades ou utilizar todos os servizos que saen ao mercado, xa sexan tecnolóxicos, turísticos ou de ambos. Con todo, podemos dicir que a actitude en todos os sectores é cada vez máis receptiva. Á vez que as administracións públicas seguen incorporando lexislación e regulación relacionada coa accesibilidade, tamén se coñecen casos entre grandes fabricantes onde as características de accesibilidade dalgúns dos seus produtos convertéronse en características importantes para a competitividade destes fronte á competencia.
Os avances tecnolóxicos permiten que os usuarios participen no deseño e desenvolvemento de novos produtos e servizos. As opinións, agora máis que nunca, son valoradas polos prestadores destes. E son tomadas en conta para a implantación de solucións con deseño universal.
Un dos aspectos fundamentais dos Destinos Turísticos Intelixentes é a súa Accesibilidade para todas as persoas. Queda moito camiño por percorrer neste sentido nos destinos turísticos españois?
Jesús Hernández: A Fundación ONCE publicará en breve o Observatorio da Accesibilidade Universal no Turismo en España, estudo que realizou unha análise da oferta e demanda do turismo para todas as persoas, incluíndo unha análise da xestión da accesibilidade dos destinos turísticos, así como un diagnóstico do estado da accesibilidade en infraestruturas, produtos e servizos turísticos.
Entre as conclusións do estudo enfrontámonos a unha realidade que demostra que é necesaria a conxunción de esforzos entre o sector público–privado a fin de entender a accesibilidade de forma global. En lugar deste enfoque, adóitase relacionar a accesibilidade coa área de urbanismo do destino, implantando de forma illada unha serie de solucións puntuais relacionadas co ámbito arquitectónico e urbanístico.
Outras incidencias que dificultan unha experiencia de uso accesible atopámolas nas canles de procura de información (primeiro requisito á hora de informarnos sobre o noso destino), dado que a maior parte das páxinas web dos destinos non cumpren coas condicións de accesibilidade necesarias para o seu uso. Doutra banda, a información sobre a accesibilidade contida nos mesmos non adoita conter o suficiente detalle para que sexa práctica.
Rechamante é o feito de que a información que ofrecen os portais non adoita coincidir coa realidade que avaliaron os técnicos nas visitas. Esta circunstancia tamén a comparte o sector privado, por exemplo, na información sobre accesibilidade que conteñen os distintos motores de procura por internet analizados.
En canto aos propios recursos e contornas turísticas corrobórase a aceptable implantación da accesibilidade principalmente a nivel físico sendo a incidencia máis destacada a escaseza de formación en atención a persoas con discapacidade en hoteis e restaurantes e mellorable en praias e oficinas de turismo.
Aspectos como a existencia de produtos de apoio, a información en formatos alternativos, ou a ausencia da sinalética obteñen unha baixa valoración.
Poderías destacar algúns exemplos de Destinos Turísticos Accesibles no noso país?
Jesús Hernández: a Fundación ONCE vén traballando con administracións públicas e outras entidades para a promoción e desenvolvemento de destinos turísticos para todas as persoas. Podemos falar desde cidades como Ávila, que recibiu o premio da Comisión Europea de Cidade Accesible, como pioneira na introdución da análise da accesibilidade en lugares patrimoniais e artísticos; de proxectos como o promovido pola Junta de Andalucía e realizado por Ilunion Consultoría para coñecer o grao de accesibilidade dos destinos andaluces, a través da elaboración e publicación dun Estudo e Guía de Destinos Turísticos Accesibles en Andalucía, onde se analizan cidades como Málaga, que acolle este congreso. Tamén en Andalucía, a Universidade de Xaén, xunto á Deputación de Xaén e a Fundación ONCE desenvolveu o proxecto “Ruta Inclusiva: o Renacemento do Sur”, coa creación dunha guía a cal é un documento informativo que permite ao visitante dispoñer de información real sobre a contorna e os edificios monumentais que se vai a atopar durante a súa visita ás cidades de Xaén, Úbeda e Baeza, baseando a súa metodoloxía nos criterios DALCO (Deambulación, Aprensión, Localización e Comunicación).
O desenvolvemento da robótica será clave en sectores como a industria e os servizos. Cal será o seu papel na mellora da calidade de vida de todas as persoas?
Jesús Hernández: Os servizos de asistencia persoal para persoas con necesidades de asistente persoal, no momento que poidan ser desempeñados por sistemas robóticos, implicarán unha maior cobertura de servizo 24×7 e por tanto a mellora da calidade de vida.
Existen tarefas cotiás que consomen unha gran parte do noso tempo e en caso de ter algunha discapacidade permanente ou temporal, non poden ser realizadas parcial ou totalmente. Exemplo destas tarefas son as propias do fogar. As empresas desenvolven produtos comerciais que atenden a estas necesidades. Exemplo disto son os robots aspiradora, como abrir a porta de casa co teléfono móbil ou manexar a lavadora sen tocala.
Podemos dicir que noutras contornas, como sería o caso da contorna laboral, a robótica cada vez máis está a asumir tarefas de risco para os seres humanos.
Ademais, no campo da medicina, os sistemas robóticos están a incorporar unha precisión en intervencións de cirurxía que permitirán cada vez máis abordar cirurxías antes descartadas por limitacións do ser humano.