
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello da Pobra de Trives está a organizar unha actividade directamente encamiñada a conseguir que os veciños estean mellor comunicados entre eles e co mundo, ao tempo que incrementan as súas posibilidades de lecer e mesmo de envellecemento activo (pola vía das TIC). O Curso de WhatsApp para Adultos vaise desenvolver entre o 13 e o 15 de novembro pola tarde, na sala de reunións do edificio novo do Concello. Segundo informa o Goberno local, ten a súa orixe na importancia das novas ferramentas dixitais para comunicármonos co mundo actual, facendo fincapé en recursos como o correo electrónico, o chat, as redes sociais e, por suposto, o servizo WhatsApp de mensaxes instantáneas.
“Internet proporciónanos unha mellor calidade de vida e é unha oportunidade para vencer o illamento nos máis maiores”, explican fontes do Concello ourensán sobre as razóns que xustifican o obradoiro, engadindo a necesidade de facer fincapé no feito de que as persoas tamén viven no mundo e “deben adaptarse para que a propia tecnoloxía non os desterre da sociedade”. A organización do curso tamén quere desmentir a falsa crenza de que as persoas de idade non estean capacitadas xa para manexar tecnoloxías. En definitiva, os obxectivos do taller son ensinar a tirar proveito do WhatsApp, achegar aos participantes as vantaxes de chatear e estar cun contacto máis estreito con amigos e familiares e, tamén, introducir nas súas vidas un elemento de actualización. As inscricións, engade o Concello, deberán facerse na Oficina de Turismo antes do 8 de novembro.
Podemos ser creadores de tecnoloxías amais de usuarios? Sen dúbida si, e subliñar esta mensaxe con probas palpables é un dos grandes obxectivos da segunda edición do Concurso de Robots Mecano para alumnado de Secundaria que organiza a Universidade da Coruña no Campus Industrial de Ferrol. Celébrase este 31 de outubro e nel está previsto que participen seis institutos galegos (Saturnino Montojo e Sofía Casanova, de Ferrol; Ortigueira; Virxe do Mar, de Noia; Leiras Pulpeiro, de Lugo, e Pontepedriña, de Santiago) mostrando os seus enxeños e logo sendo avaliados por un tribunal formado por investigadores e profesores universitarios. O certame inclúe ademais unha visita guiada polas instalacións da Universidade da Coruña en Ferrol, aos centros formativos e laboratorios de investigación. As actividades comezarán ás 10:00 horas, cun acto de inauguración e benvida a cargo da vicerreitora e o director do Campus, Araceli Torres e Ginés Nicolás, e rematarán sobre as 15:00 horas.
Para quen non o saiba, o Concurso Mecano é unha actividade promovida polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña que ten por obxecto e”stimular a creatividade, o traballo en equipo e achegar o mundo da enxeñaría e as tecnoloxías aos estudantes de último ano dos institutos galegos a través da construción e programación dun robot para posteriormente superar unha serie de obstáculos proxectados nunha xincana”.
O concurso consta de dúas fases, a primeira, que xa se realizou, consistía na elaboración dun vídeo explicativo da proposta de cada grupo participante, unha peza audiovisual para subir ao Facebook e, en virtude dos gústame acadados, acadar máis ou menos puntos (o máximo son cinco puntos).
A segunda proba, que é a que terá lugar mañá, consiste na presentación e defensa da proposta ante un xurado formado por persoal docente e investigador do Campus Industrial de Ferrol. O premio será unha cámara de VicTsing Eypro Cámara Acción Deportiva 1080P para cada un dos estudantes gañadores.
As presentacións das propostas ao tribunal teñen o seguinte horario:
Ao remate, ás 12:00 horas, Araceli Torres fará unha presentación do Campus Industrial de Ferrol e das súas titulacións. Media hora máis tarde procederase á entrega de diplomas e farase unha foto de grupo. O Concurso Mecano rematará ás 13:00 horas coa visita guiada aos laboratorios do Campus: Plásticos; Aplicacións Industrial do Láser; Mecánica de Fluídos, túnel aerodinámico; Canle de probas hidrodinámicas; Enxeñaría Mecánica e Laboratorio de Robótica.
O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, centro neurálxico da formación TIC na cidade da Muralla, está a acubillar estes días unha actividade divulgativa sobre redes sociais, achegando conceptos e habilidades sobre como comezar a tirarlles proveito, que tipo delas convén para os intereses de cada quen ou como iniciarnos en cada unha das máis relevantes. Este venres o obradoiro chegou ao seu punto álxido coa visita da concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen compartiu impresións cos participantes do curso que se está a desenvolver na sala de formación do Edificio de Novas Tecnoloxías ao abeiro do programa de ensino Tecnoloxíza-T!
Segundo lembrou, o Concello está a organizar até decembro diferentes alternativas de formación TIC dende o Edificio, entre as que se inclúen un obradoiro sobre mercadotecnia dixital, outro taller sobre trámites bancarios en liña, outro sobre comunicación dixital, outro sobre os principais servizos e rendementos da nube, outro sobre como atoparmos os mellores resultados nas procuras feitas nos buscadores (posicionamento e SEO), outro sobre as vantaxes e beneficios do Whatsapp, outro sobre creación de aplicacións, outro obradoiro sobre tabletas, outro sobre programación e, para rematar, outro obradoiro sobre retoques fotográficos co noso smartphone.
Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse no Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza de Anxo Fernández Gómez, aberto de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas. A data de inscrición, que é distinta para cada actividade, pode consultarse ben no propio centro, a través do teléfono de atención cidadá 010 ou en www.lugo.gal.
O venres fallouse o premio da X edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG.
O primeiro premio recaeu en Pablo Grela Palleiro, da Universidade de A Coruña polo proxecto Radiocom consistente nunha aplicación móbil para unha radio comunitaria que permite escoitar podcast, streaming, ver a programación da semana, reportar incidencias, solicitar recursos e poder acceder de maneira áxil aos programas. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa Amtega.
Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a segundo premio a Michael García Rodríguez da Universidade de Vigo polo proxecto Estudo da reproducibilidade do CMIP5 consistente nun estudo realizado sobre os modelos pertencentes ao CMIP5 acerca da súa reproducibilidade científica, centrándose na dispoñibilidade do código do modelo e da calidade do mesmo, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Amtega.
Finalistas
Os outros finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:
Xurado
O xurado estivo composto por Nieves Pedreira Souto en representación da Universidade da Coruña; José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo; David Maseda Neira en representación da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; Breogán Cinza Cabarcos en representación da Amtega e Mar Castro Pereiro en representación da Oficina de Software Libre da Amtega.
Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre
A Amtega convoca este importante premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2017.
Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando o labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.
A colaboración do CIXUG e do GPUL neste premio forma parte das actividades que ambos realizan ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia no marco do Plan de Acción en Software Libre 2017.
DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España deron inicio a unha nova edición de ‘Yo me prep@ro', o programa máis completo e de maior alcance que hai no noso país para a formación en Novas Tecnoloxías da Información de mozas e adultos con síndrome de Down.
O obxectivo que se persegue con esta formación é facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias.
O proxecto, que cumpre catro anos en activo, alcanzará nesta ocasión o maior número de alumnos con esta discapacidade intelectual nunca implicados nun programa de formación en Tics.
Serán 240 persoas con síndrome de Down as que se incorporarán a el para adquirir coñecementos en aspectos tan importantes como o uso de programas informáticos, a navegación por Internet ou a interacción con diversas aplicacións móbiles. A eles hai que sumar os 720 mozos que participaron en edicións anteriores, e que este ano recibirán un reforzo para que poñan ao día as súas habilidades sobre estes aspectos. En total serán, por tanto, 960 alumnos os que se beneficien do programa.
Como complemento á súa formación, ademais, estes alumnos terán a oportunidade de realizar prácticas laborais en empresas ordinarias da súa contorna.
DOWN ESPAÑA adquiriu o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos 72 dos participantes do proxecto.
Sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, o proxecto ‘Yo me prep@ro' conseguiría durante os seus catro anos de execución un total de 319 insercións en empresas ordinarias de todo o país.
O programa deste ano incorpora contidos novos como o uso e manexo do DNI electrónico, o pasaporte electrónico e o emprego da firma dixital; conceptos que permitirán aos alumnos realizar xestións telemáticas e realizar consultas online en organismos públicos. Ademais, realizaranse catro vídeos-tutoriais que, a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.
O proxecto contempla a formación en ferramentas como Skype e LinkedIn.
Un dos aspectos clave do programa é que nel participarán usuarios dun gran número de comunidades autónomas, ampliando o alcance do proxecto, xa que nesta edición a formación impartirase en 22 entidades federadas a DOWN ESPAÑA, situadas nas seguintes localidades: Barbate (Cádiz), Córdoba, Granada, Málaga, Xerez, Sevilla, Zaragoza, Sabadell, Oviedo, Toledo, Ávila, Palencia, Valladolid, Castelló, Valencia, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense, Vigo, Murcia, Pamplona.
Unha vez concluída a formación, en todas estas localidades realizarase unha xornada de recoñecemento e entrega de diplomas aos mozos que superasen o curso. Este título asinado por DOWN ESPAÑA acreditará que os alumnos adquiriron as destrezas en Novas Tecnoloxías necesarias para formar parte do mercado laboral ordinario. Tamén recibirán unha acreditación aquelas empresas da zona que desen oportunidades laborais a persoas con síndrome de Down no marco do programa.
En palabras do presidente de DOWN ESPAÑA, José Fabián Cámara, “este proxecto é hoxe unha sólida realidade, tras catro anos de execución e uns éxitos e resultados contrastados. E iso é grazas ao traballo e implicación das asociacións que o executan: elas conseguen concretar a formación en insercións laborais tanxibles”.
Pola súa banda, o director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, asegura que “cos anos tivemos a flexibilidade de ir adaptando os contidos do programa ás diversas ferramentas tecnolóxicas que foron xurdindo, todas elas útiles para que as persoas con síndrome de Down poidan atopar un emprego normalizado”.