main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/10/201710:16
Presentación da plataforma Sincrolab.
Madrid

Lanzan unha plataforma de adestramento para o desenvolvemento e recuperación cognitiva en nenos e adultos

  • En España, o 16% da poboación infantil sofre algún tipo de trastorno do desenvolvemento cognitivo, e desta porcentaxe o 7% trátase de casos de déficit de atención (TDA) con ou sen hiperactividade
  • Iso supón que hai 440.000 nenos con este trastorno

 

Sincrolab e DKV Club de Saúde desenvolveron unha plataforma de adestramento cognitivo personalizado para a recuperación e o desenvolvemento das capacidades cognitivas tanto nos nenos como en adultos.

A nova plataforma Sincrolab consiste nun sistema de estimulación dos procesos cognitivos que, adaptándose ao perfil concreto neste ámbito do paciente, xera un adestramento personalizado que consegue optimizar a eficacia das súas funcións cognitivas. En concreto, este adestramento prográmase a través dunha aplicación de xogos que o paciente debe practicar na casa.

Un dos promotores deste proxecto, o neuropsicólogo Ignacio De Ramón, recalca que Sincrolab xurdiu ante a necesidade de solucionar algunhas dificultades que se producían na práctica clínica diaria, sobre todo relacionadas co seguimento e adherencia dos pacientes ao tratamento. Apunta que "moitos pacientes non poden acudir á consulta coa frecuencia que o seguimento da enfermidade require, e por outra banda está a desvantaxe de que en ocasións son tratamentos custosos que moitas familias non se poden permitir".

Ademais, o CEO de Sincrolab agrega que "temos que ter en conta que preto dun 40% de pacientes con algún trastorno cognitivo non son tratados, polo que nos interesa chegar á maior cantidade de poboación posible".

Esta ferramenta, pioneira no campo da Neuropsicoloxía, deseñouse como un complemento do tratamento convencional que se aplica aos trastornos cognitivos. Para optimizar a súa eficacia requírese, ademais do programa de estimulación concreto, a supervisión do profesional da saúde e, nos casos en que se requira, tratamento farmacolóxico. Segundo Julio Lorca, director de desenvolvemento de DKV Seguros Médicos, "a medicación non é suficiente para os trastornos cognitivos; fai falta a reorganización das áreas cerebrais afectadas, e esta ferramenta consegue a remodelación do cerebro e a un equilibrio das conexións neurolóxicas".

Segundo revela, Sincrolab está deseñada para axudar tamén aos profesionais sanitarios a xestionar e xerar plans de adestramento cognitivo individualizados "non só para nenos con trastornos do neurodesenvolvemento ou con dificultades de aprendizaxe, senón tamén para adultos con trastornos neurodexenerativos".

27/10/201710:08
Cartel do curso.
Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía introduce aos seus maiores no uso dos móbiles e do WhatsApp

O Concello de Vilagarcía quere acurtar a distancia entre a xente de idade e as novas tecnoloxías. Por que motivo? Pois basicamente para favorecer o que se coñece como envellecemento activo, unha serie de prácticas e actividades que axudan aos nosos maiores a seguir sendo autónomos e independentes e que adoitan reforzar a súa eficacia (estas prácticas e actividades) co emprego das novas tecnoloxías da información. Neste senso, os móbiles constitúen un dos piares fundamentais das novas tendencias de envellecemento activo. En base a isto, a Concellería de Persoas Maiores organiza o obradoiro Uso do teléfono Móbilque se impartirá no mes de novembro e no que poderán participar de xeito gratuíto 20 alumnos deste colectivo de idade. O prazo para anotarse vai do 30 de outubro ao 10 de novembro.

Con este taller, o departamento que dirixe Tania García Sanmartín, pretende “ofrecer ás persoas maiores a oportunidade de introducirse no uso das tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) dun xeito sinxelo, ameno e, fundamentalmente, útil”. O obxectivo principal é que “adquiran uns coñecementos básicos sobre os dispositivos e sobre o WhatsApp para que poidan mellorar cuestións cotiás do seu día a día”. Por exemplo a comunicación cos seus familiares e amigos ou a xestión do seu tempo de lecer.

Nun plano máis práctico, amosaranse aos participantes cousas como as partes principais do teléfono móbil, a función das distintas teclas, como deben cargar a batería ou conectar os auriculares. Tamén se lles explicará o significado das iconas de pantalla, como mandar un mensaxe de texto ou manexar a axenda de contactos.

O curso será impartido por persoal do Centro Polivalente Ana María Paradela e desenvolverase nun seminario do Auditorio en dúas sesións de 2 horas de duración cada unha. Os interesados poderán inscribirse nas dependencias da Concellería de Persoas Maiores.

27/10/201710:02
Xornada de Software e Cultura Libre.
Mugardos

O Zulo convídanos este sábado a mergullarnos na cultura e tecnoloxía libres

A Asociación Comunidade O Zulo, con sede en Mugardos, organiza o vindeiro sábado 28 de outubro o evento Xornada de Software e Cultura Libre, un encontro aberto e de balde dirixido a mostrar o potencial e a riqueza produtiva e cooperativa dos programas e a cultura libres para calquera ámbito social, científico, construtivo ou empresarial que nos imaxinemos. A xornada, que conta coa colaboración do Concello, será unha cita familiar para (primeiro) botarmos un ollo ás principais achegas das novas tendencias argalleiras e (segundo) poñernos mans á obra en materia de drons, fotografía, electrónica e tecnoloxías abertas.

O programa de actividades é do máis completo. Comezarán ás 9.30 horas, da man de Marcos Vázquez e Jorge Lama, cun obradoiro de iniciación á fotografía dixital, un roteiro fotográfico por Mugardos e, logo, un relatorio sobre a publicación de contidos con licenzas abertas. O programa continúa ás 12.30 horas, co taller Iniciación á pilotaxe de drons, a cargo de Jorge Lama, e prosegue logo do xantar, ás 16.00 horas, cun obradoiro de retroelectrónica e a presentación do proxecto Chocoware, a máquina recreativa libre mugardesa. Estas actividades correrán a cargo de Christian López, da asociación O Zulo. De xeito paralelo, o colectivo VermisLab desenvolverá un taller de papitrónica (papiroflexia e electrónica para cativos) e, ao fío das 17.45 horas, levarase a cabo o relatorio Os perigos de Internet, a cargo de Mario Barcala.

27/10/201709:25
Participantes nunha das xornadas de formación de Breakers.
Santiago de Compostela

Os empregados de Orange coñecen de primeira man os desenvolvementos de fablabs sociais

Orange celebrou a súa Semana Solidaria na que máis de 700 empregados coñeceron de primeira man os programas e proxectos sociais nos que participa a compañía, tanto directamente como a través da súa fundación.

Entre estes proxectos, tivo especial relevancia os desenvolvementos do proxecto Fab Labs Sociais, como Breakers, que foi premiado no Desafío Internacional ‘I make 4 my city'.

O programa Fab Labs Sociais de Fundación Orange é un proxecto formativo ao redor da fabricación dixital e está destinado a mozas en situación vulnerables.

Ademais destes proxectos, os empregados que asistiron á Semana Solidaria puideron achegarse á realidade de persoas con Síndrome de Asperger ou penetrarse nos detalles do proxecto Gigas Solidarios, que dá conexión gratuíta a Internet a familias en situación de vulnerabilidade.

27/10/201709:18
Punto de recollida no mercado municipal Quiroga Ballesteros.
Lugo

Lugo implícase coa reciclaxe de refugallos electrónicos

Ten a tecnoloxía que non usamos os días contados? Non ten porque ser así. De feito, boa parte dos aparellos aos que (polas razóns que sexan) non lles damos uso poden ter moita máis vida da que imaxinamos. Por exemplo os computadores. Combater a filosofía de usar (durante pouco tempo) e botar ao lixo é un dos grandes obxectivos de iniciativas como a presentada os días pasados polo Concello de Santiago e Teimas (nos centros sociais), e tamén da campaña de información e concienciación O que se enchufa recíclase, coa que colabora o Concello de Lugo e que equipará á cidade da Muralla, permanentemente, de 7 contedores para depositar residuos eléctricos e electrónicos en establecementos comerciais. A súa situación pode consultarse na web www.oqueseenchufareciclase.gal.

Onte mesmo, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, visitou as actividades desenvolvidas no mercado municipal Quiroga Ballesteros no marco da dita campaña.

Piñeiro sinalou que o Concello “está moi implicado con este tipo de iniciativas, que axudan a atallar o descoñecemento que aínda teñen moitas persoas sobre a reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos, que nalgúns casos poden ser perigosos”. De feito, engadiu, no novo contrato de limpeza viaria e recollida de lixo que o Goberno local está a preparar, “estudamos incluír a instalación de puntos móbiles na cidade para facilitar precisamente a recollida deste tipo de residuos”.

O que se enchufa recíclase ten unha duración de 9 meses e percorrerá 138 municipios galegos de máis de 4.000 habitantes. En cada municipio instálase un posto informativo no que un equipo de técnicos explicará á cidadanía distintas inquedanzas sobre a reciclaxe.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS