
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Setenta e catro expertos, técnicos de emprego e persoas con discapacidade en procura activa de emprego, así como familiares, participaron este mércores nunha xornada para constituír as bases do modelo do proxecto de Emprendemento con Apoio (EmcA), para o que se conta coa colaboración de Citi e o Fondo Social Europeo.
A inauguración do I Hackathon EmcA “Ven e deseña connosco o emprendemento con Apoio” contou coa presenza de Sabina Lobato, directora de Formación, Emprego, Proxectos e Convenios da Fundación ONCE; Maria Tussy, xefa do Departamento de Programas Europeos da Fundación ONCE, e Julio Carlavilla, director de Comunicación de Citi en España.
O proxecto EmcA é unha iniciativa que pretende fomentar o emprendemento entre persoas con discapacidade e potenciais emprendedores que presentan unha especial dificultade para acceder ao mercado laboral.
Neste primeiro encontro quíxose resolver o reto "Que apoio teriamos que facilitar para que o emprendemento con apoio sexa unha realidade?". Trátase de innovar facendo unha análise realista do contexto das persoas con especial dificultade para emprender, con todos os axentes implicados na actualidade, e con todos aqueles que se poden involucrar no proxecto nun futuro. Así, afondouse no coñecemento do ecosistema do emprendemento con apoio, e estudáronse as oportunidades, os riscos, as dificultades e as resistencias para o tipo de emprendemento. Por último, os asistentes tamén definiron os perfís dos emprendedores con especiais dificultades.
O obxectivo da iniciativa EmcA é acompañar proxectos que permitan ofrecer oportunidades sustentables a persoas con discapacidade dos colectivos beneficiarios do Emprego con Apoio, entre os que se atopan persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, discapacidade auditiva, parálise cerebral, saúde mental, discapacidade física severa, entre outros.
O resultado final do proxecto piloto incluirá unha serie de materiais que permitirán a sistematización e replicabilidade deste tipo de iniciativas con maiores garantías de sustentabilidade. Ademais, da metodoloxía na que se traballou este mércores, tamén se elaborará un catálogo das actividades empresariais que poidan desenvolver os de emprendedores.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre hoxe a convocatoria da I edición dos premios Son Dixital, á que poderán presentarse todos os proxectos de Innovación Social Dixital desenvolvidos desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres edicións do proxecto CeMIT-Innova.
O Premio Son Dixital busca recoñecer ás persoas e entidades implicadas nas iniciativas que se desenvolveron nestes tres últimos anos e o traballo das entidades colaboradoras do mesmo, concellos, aulas CeMIT, voluntariado, asociacións e empresas. Ademais dun gañador o premio contará con ata dous accésit.
Os participantes nos proxectos de innovación social dixital poderán presentar candidatos ao premio desde hoxe, 26 de outubro, ata o 10 de novembro do 2017, a través dun formulario publicado na web do proxecto (https://cemit.xunta.gal/cemit-innova/). Neste formulario recollerase información tanto da persoa ou entidade candidata ao premio, responsable dun proxecto que, grazas á tecnoloxía, conseguiu mellorar a súa vida, como da propia iniciativa.
O día 16 de novembro de 2017 fallarase o premio e comunicarase o fallo ao gañador ou gañadores. Ademais do recoñecemento, os premiados obterán tamén dispositivo tecnolóxico, achegado pola empresa colaboradora do programa CeMIT-Innova Primux Trading..
CeMIT-Innova
CeMIT-Innova é un proxecto colaborativo posto en marcha pola Amtega no 2015 para fomentar a Innovación Social Dixital en Galicia, no marco do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.
CeMIT-Innova celebra este ano a súa III Edición, para a que foron seleccionados os proxectos, presentados polas aulas CeMIT dous concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba, que se suman aos 18 proxectos das edicións anteriores edicións.
En total 28 proxectos de Innovación Social Dixital impulsados abordan asuntos desde a promoción económica, cultural e turística das zonas rurais, ao desenvolvemento empresarial da zona, a formación especializada, a inclusión social e tecnolóxica, a igualdade de xénero no campo dixital, o ciberacoso, o envellecemento activo e alfabetización dixital de diferentes colectivos, así como a dinamización de novos espazos e vocacións tecnolóxicas entre os máis novos e a mellora da empregabilidade das persoas do municipio.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A entidade de emprendemento activiza!convoca o ‘Curso de experto en envellecemento activo e saudable' que se vai a celebrar en Pontevedra entre o 17 de novembro e o 1 de decembro.
O curso consta de 20 horas presenciais, 3 horas de proxecto e unha avaliación e feedback e está destinado a profesionais do ámbito socio-sanitario que queiran desenvolver a súa carreira profesional no ámbito das persoas maiores e o envellecemento activo; tamén para profesionais do mesmo sector que xa leven a cabo programas de intervención ou actividades no campo do envellecemento activo e queiran reciclarse e/ou incorporar novas ferramentas de traballo; calquera tipo de profesional que ofreza servizos ao público sénior ou queira reenfocar os seus servizos profesionais cara a este público e para estudantes ou emprendedores que queiran orientar a súa carreira profesional no campo do envellecemento activo.
Finalidade
Os seus obxectivos, como explican na propia entidade son “aproximarse á base teórica do concepto ‘envellecemento activo', así como os retos e oportunidades que brinda a ‘revolución da lonxevidade'; coñecer as diferentes modalidades de intervención neste ámbito e o rol do terapeuta e dinamizador; revisar elementos de aplicación do modelo de Atención Centrada na Persoa (AICP) no ámbito do envellecemento activo; desenvolver programas de envellecemento activo e saudable a través da metodoloxía de Design Thinking e coñecer de primeira man unha experiencia real, en concreto o caso os espazos +60 de Afundación”.
Os seus contidos son amplos e abarcan o envellecemento activo en mútiples das súas variantes, teorías e avances, a ‘revolución da lonxevidade' e os seus aspectos, a detección precoz, modalidades de intervención, tipos de actividades con persoas maiores, acompañamento, o ‘proxecto de vida', etc.
Pódese consultar o programa, a súa metodoloxía e mesmo realizar a inscrición en liña na súa páxina web.
Ourense é unha provincia con 92 municipios e máis de 322.000 habitantes. Só un dos municipios supera os 100.000 habitantes. Ningún outro supera os 20.000.
A Deputación de Ourense dispón do Plan Ourense 15-19, presentado en marzo do 2015, un plan que recolle 77 accións a executar en 48 meses que pretenden xerar os suficientes elementos de valor que fagan da provincia un referente nacional e internacional.
Un dos aspectos principais do Plan Ourense 15-19 é o chamado “Provincia Intelixente”. Desde Ourense cremos que o concepto de SmartCity non debe estar ligado só a grandes cidades ou grandes infraestruturas.
Por iso deséñase o concepto de Provincia Intelixente como un proxecto que pretende que a Deputación se converta en Concello “de Concellos”. A Deputación ten unha visión da provincia global con 92 concellos aos que prestar servizos.
Exponse unha xestión da información dos concellos desde un punto de vista único con tres obxectivos:
Unha “Provincia Intelixente” é aprender a dialogar e xerar interfaces válidas e dinámicas entre o público e o privado e un equilibrio entre a política e a tecnoloxía.
Desde Ourense existe unha estratexia global de crecemento económico ao redor das Tecnoloxías, do Turismo e da Saúde. Dentro destas accións ten especial incidencia o chamado “Ourense Termal” co que se pretende difundir o alto potencial do termalismo ourensán no turismo nacional e internacional. Esta acción será unha das principais a desenvolver dentro do ámbito do “Smart Turismo”.
Un gran proxecto como “Provincia Intelixente” favorece a creación dun ecosistema investidor de grandes compañías tractoras e de pequenos investidores que desenvolvan produtos ao redor do concepto “Smart”.
Todas estas liñas de traballo foron presentadas na edición 2016 de Ourense “ICC Week” na que estivo presente David Rowan, director de Wired UK.
D-Link volveu a poñer en marcha unha nova tempada de Webinars, que comezan o vindeiro venres 27 de outubro. Será a 13ª edición destas aulas online gratuítas. Cada venres ás 10:30AM, os enxeñeiros de D-Link impartirán presentacións e obradoiros especializados en solucións empresariais de electrónica de rede cableada (Switching), contornas Wifi profesionais (Wireless) e Videovixilancia, pero sen esquecer a contorna doméstica, coa chegada da primeira solución Wi-Fi Mesh baseada en tecnoloxía PLC Powerline, o D-Link COVR P-2502.
Os altos índices de asistencia dos D-Link Webinars convertéronos nunha referencia da formación en networking empresarial. As Aulas Virtuais ou webinars para a formación especializada en redes e comunicacións desenvolveranse nas seguintes datas:
Para participar nos Webinars simplemente hai que rexistrarse gratuitamente na páxina dos D-Link Webinars, á que se accede desde a páxina de eventos da web de D-Link.