
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Galicia Maker Faire, a feira referencial de argalleiras/os da nosa terra (e de máis alá), vai collendo corpo. Se os días pasados falamos da incorporación ao equipo de participantes dun argalleiro de excepción, Richard Stallman, hoxe é a quenda de confirmar que a feira celebrarase en Compostela os días 24, 25 e 26 de novembro e que contará, por vez primeira, cunha xornada dirixida especificamente ao sector profesional e na que participarán figuras senlleiras a nivel internacional no ámbito da innovación. Esta xornada profesional está programada para a mañá do 24 de novembro. O programa de actividades abranguerá charlas e debates sobre múltiples temas (Industria 4.0, tecnoloxía, innovación, produtividade intelixente e movemento Maker) con múltiples vantaxes para todo tipo de ámbitos empresariais; e abordados dende múltiples puntos de vista. Por exemplo o de Tomás Garces, enxeñeiro principal de Deseño en First Build, proxecto innovador levado a cabo por General Electric; ou os de Arian Group e Edesdev.
Ademais, haberá un espazo de exposición sobre Industria 4.0 no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presencia de makersgalegos compartindo os seus achados e enxeños tecnolóxicos. O acto rematará cunha entrega de premios na que se resaltará ao proxecto máis innovador dos expostos durante ese día. As empresas interesadas en asistir a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario.
O obxectivo dos organizadores da Galicia Maker Faire con esta sesión profesional de apertura é “que a xornada funcione como punto de encontro entre os argalleiros e a industria máis avanzada, favorecendo a aparición de sinerxías que poidan levar a unha colaboración fluída entre estes dous mundos tan complementarios”. Desta maneira, “as compañías poderán coñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores levados a cabo por emprendedores e estes terán unha gran oportunidade de acadar posibles socios e colaboradores”. Os contidos desta primeira xornada terán continuidade con diferentes charlas e actividades durante a celebración da feira propiamente dita, o 25 e 26 de novembro, na que contarán, entre outros, coa presenza de importantes figuras significativas a nivel mundial como a de Richard Stallman, creador do movemento do software libre.
Detalles sobre a xuntanza
O evento internacional Galicia Maker Faire vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse.
Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, indicou hoxe que “os cambios derivados da transformación dixital requiren profesionais con novas competencias e habilidades”, e de aí a importancia de que as universidades dean reposta con formación especializada, non só para profesionais TIC senón para perfís doutros ámbitos.
A responsable autonómica participou esta mañá na presentación do Mestrado Propio en Tratamento e Protección de Datos organizado polo Centro de Estudos de Seguridade da Universidade de Santiago de Compostela. Mar Pereira gabou esta iniciativa, que ofrece formación específica a xuristas e profesionais relacionados co tratamento de datos ante a entrada en vigor do novo Regulamento europeo nesta materia.
Aplicación do novo regulamento europeo na Xunta de Galicia
Pereira destacou o valor estratéxico dos datos no contexto dixital para crear máis e mellores servizos pero coa obriga de garantir a súa seguridade e confidencialidade. Neste sentido, a directora da Axencia subliñou que o novo Regulamento europeo é “o máis esixente neste materia” e incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica un maior compromiso das organizacións, públicas e privadas coa protección de datos así como unha forma diferente de xestionalos.
Entre as novas obrigacións que implica a lei está a de contar nas administracións públicas coa figura do delegado de protección de datos, un novo perfil profesional vinculado ao contexto dixital, que terá unha importante demanda tras a entrada en vigor da normativa europea o vindeiro ano e que constitúe un dos obxectivos deste curso.
A Xunta de Galicia, a través da Amtega, está a afrontar a adaptación a estas novas obrigas normativas a través das medidas do Plan Director de Seguridade TIC. Grazas ás actuacións desenvolvidas no marco deste Plan, a Administración autonómica incrementou a súa capacidade de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.
Combater o aumento dos delitos de odio na internet. Este é o obxectivo da décimo quinta edición das Xornadas de Sensibilización sobre a Interculturalidade que organizan Ecos do Sur e o Concello de Arteixo e que se celebrarán o vindeiro xoves. "Internet pode ser unha canle de transmitir odio. Permite chegar a un amplo público", alertou a directora técnica de Ecos do Sur, Saray Durán, onte durante a presentación desta actividade. Tamén asegurou que Galicia é a sexta comunidade autónoma na que se producen máis delitos de odio.
As xornadas, que se celebrarán no centro cívico de Meicende, arrincará o xoves ás 9.00 horas. Impartirán charlas o responsable de informática dos Museos Científicos Coruñeses, Javier Pedreira Wicho; a activista polos Dereitos Humanos e experta en Oriente Medio, Leila Nachawati; e a cofundadora do Institut Diversitas, Elena Caballé. Tamén haberá unha mesa redonda sobre internet e os límites da liberdade de expresión e un obradoiro de innovación social.
Unha das novidades deste ano é que as xornadas se estenderán ao instituto de Pastoriza e ao Manuel Murguía. O venres impartiranse sesións didácticas que teñen como obxectivo que os alumnos reciban unha formación sobre consumo crítico e responsable de información, segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais, Inés Ramos. A edil asegurou que o Concello pretende implicar "aos mozos nos dereitos humanos".
Os interesados poderán apuntarse a través da web interculturalidade.net ou polo correo emcomunicacion@ecosdosur.org. O prezo da inscrición é de dez euros.
O Concello de Allariz está a organizar un obradoiro que nos sitúa de face ás novas tecnoloxías ao servizo do audiovisual, máis polo miúdo co eido da animación en 3D. O Curso de introdución ao desenvolvemento de películas de debuxos animados vaise desenvolver até xullo do ano vindeiro, establecéndose os contidos en dous bloques: un de contidos prácticos e outro de teóricos. O Concello vén de anunciar que quere acadar a máxima participación nesta actividade, de aí que abrise até novembro un novo prazo para formalizarnos nela a nosa inscrición.
O obradoiro está dirixido a aquelas persoas que desexen introducirse no mundo da animación xerada por computador. “Os seus contidos”, sinala o Concello, “darannos una visión de conxunto do software en 3D e da produción de debuxos Animados, amais dun coñecemento en profundidade das ferramentas de traballo e o ámbito no que se desenvolven cinematograficamente”. O Goberno local tamén informou de que o obradoiro, que se vai desenvolver na Casa da Mocidade, inclúe unha clase semanal de tres horas e media de duración, a sexta feira (venres) pola tarde, e o sábado pola mañá. A formación compleméntase cunha clase por video-conferencia semanal durante a cal resolveranse dúbidas sobre exercicios prácticos e farase un seguimento dos proxectos persoais que alumnos e alumnas estean a desenvolver durante o curso.
O primeiro dos bloques abordará cuestións como a interface, o modelado (técnicas, mallas e curvas, modelado de textos), cámaras e iluminación, texturas e materiais, modelado de personaxes, animación (claves e liña de tempo, editores, animación de obxectos, de personaxes e de FX) e composición. O bloque teórico introducirá aos participantes en procesos de produción, pre-produción (linguaxe cinematográfica, ideas para o guión, storyboard), creación de personaxes (anatomía, estereotipos, poses e siluetas, liñas de acción), teoría da animación (técnicas, os principios da animación, as leis físicas aplicadas, tempo e ritmo, animación facial, locomoción) e elaboración de proxectos de animación (mercados e festivas, axudas á produción).
As persoas que estean interesadas en asistir ao obradoiro deberán chamar ao 615 395 871 ou ben enviar un correo electrónico a animacion3d@allariz.com.
O Concello de Santiago e a firma Teimas, a través da iniciativa Tropa Verde, van organizar un obradoiro para promover as segundas e terceiras vidas dos computadores refugados. O taller, que se sitúa na campaña Longa vida aos teus residuos tecnolóxicos, foi convocado con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, unha iniciativa cuxo obxectivo é promover a sensibilización sobre recursos sustentables e xestión de refugallos. Segundo informa o Concello, a raizame do obradoiro está na necesidade de contribuír a poñer o freo sobre o escaso nivel de sustentabilidade, en liñas xerais, do mercado tecnolóxico, un dos ámbitos produtivos onde máis se fomenta o consumo e o reemprazo prematuro de aparellos perfectamente operativos por outros novos. “Só en España”, lembran dende Tropa Verde, “xéranse 800 mil toneladas ao ano de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos das cales apenas un terzo destas xestiónanse de maneira axeitada”.
O obradoiro realizarase en dous centros socioculturais da cidade de Compostela. O obxectivo principal é “que os asistentes tomen conciencia do importante que é para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de material desbotado e ensinarlles a valorizar de maneira sinxela algúns destes aparellos”. Segundo engaden o Concello e Teimas, o reacondicionamiento dun equipo informático completo permite un aforro de emisións de CO2 á atmosfera equivalente ao dun vehículo para percorrer 1600 quilómetros.Ao abeiro do obradoiro realizarase un caso práctico de reutilización dun computador, mostrándolles aos participantes como abrir a carcasa, os principais compoñentes que se poden cambiar (RAM , disco duro), o borrado seguro da información dos discos duros e como volver instalar o sistema operativo. Esta iniciativa lévase a cabo grazas a colaboración do Concello de Santiago de Compostela coas empresa Teimas Desenvolvemento, Revetia e Recyclia. Celebrarase o 23 de novembro, en horario de 17:30 a 19:00 horas, no Centro Sociocultural de Vite; e o mesmo día, con horario de 19:30 a 21:00 horas, no Centro Sociocultural do Ensanche.