
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O vindeiro 20 de novembro vanse celebrar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo uns encontros destinados a mostrar o potencial médico das tecnoloxías de fabricación aditiva para dar forma a obxectos tridimensionais (obxectos tridimensionais que nos axuden a interpretar a realidade da que abrollan estes obxectos). As Xornadas de Impresión 3D: Medicamento Personalizado celebraranse ao longo do día, sendo o evento da mañá de acceso restrinxido a xerentes, xefes de área, profesionais sanitarios, enxeñeiros e empresas do sector e todos aqueles actores que se atopan na cadea de valor da impresión 3D en saúde. Esta xeira de mañá, de carácter eminentemente profesional, celébrase en colaboración con 3DHeals, plataforma global con base en San Francisco que traballa na achega de materiais tridimensionais no ámbito da medicina.
Nesta primeira metade da xornada abordaranse os aspectos máis técnicos da bioimpresión e as súas aplicacións nos eidos da odontoloxía, a enxeñaría, a traumatoloxía ou a cirurxía torácica. Tamén se van tratar, ante o público especializado (directivos, xefes de área, enxeñeiros, fabricantes, provedores e, en xeral, axentes involucrados na cadea de valor da Impresión 3d en saúde), os regulamentos e as normativas dos ditos espazos de traballo e investigación. A xeira de tarde, Chapter Health 2.0 Galicia, oriéntase cara a unha difusión máis ampla do coñecemento en fabricación aditiva. Trataranse os conceptos crave, experiencias, como se aborda a formación e os desafíos futuros máis aló do horizonte visíbel da man de pacientes, enxeñeiros, médicos, cirurxiáns e farmacéuticos.
En ambos os eventos contarase con demostracións prácticas e, en palabras da organización da xornada, “unha sala de exhibición chea de sorpresas”. Segundo lembran os impulsores do evento a conto dos porqués do mesmo, “a tecnoloxía de Impresión en 3D emprégase desde hai anos en distintos sectores e as súas posibilidades van alén dos límites do esperado, poñéndose á par dos ámbitos da robótica, a intelixencia artificial, o Big Data ou a nanotecnoloxía, para dar forma á última revolución industrial denominada 4.0”. E engaden: “A fabricación aditiva con diversos materiais fornece dunha manchea de beneficios económicos, loxísticos, ecolóxicos e achegan un grao de personalización para cada paciente cun alto impacto na saúde individual e colectiva, podendo ser aplicada en case a totalidade de especialidades médicas”.
O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo acolleu o venres pasado a entrega de premios da quinta edición do certame 3DMobile Metrology World, un concurso impulsado polo Campus local (polo grupo de investigación CIGEO da USC, e previamente polo grupo USCAN3D) dirixido a potenciar as vocacións científicas en estudantes de secundaria e bacharelato servíndose do teléfono móbil. No acto de entrega de galardóns participaron a deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o Director do Servizo Rexional, Pablo Carballo; e a coordinadora do grupo CIGEO-USC e o director do proxecto, Mariluz Gil e Juan Ortiz. O Campionato Internacional de Modelado 3D contou coa colaboración da Deputación de Lugo e máis do Concello. Tamén apoiaron o certame a FECYT, a Fundación Vodafone España, o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG). Neste nova entrega do certame presentáronse proxectos educativos de distintos puntos do mundo, como Turquía, Grecia, México ou Colombia, entre outros moitos países.
O primeiro premio foi para os estudantes do IES Acci, da localidade granadina de Guadix, coordinados pola profesora Cecilia Fernández López. O equipo andaluz acadou na última proba un índice de erro medio inferior a 0,2 mm nas medicións dun modelo 3D de 200 mm de diagonal maior. Cada membro deste equipo recibirá un premio tecnolóxico, ademais dunhas gorras autografiadas por Marc Márquez, que apoiou con esta doazón a presente edición do campionato, como o fixeran ante uníndose así a Pau Gasol, Rafa Nadal, Iker Casillas e Máverick Viñales con outros agasallos autografiados.
A maiores do devandito, dous equipos da Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja (Ecuador) e do Nurettin Dolgun Mesleki ve Teknik Anadolu Lisesi, de Agri (Turquía) proclamáronse subcampión e terceiro clasificado, respectivamente, deste torneo. O equipo FLÛSHD, do CPI A Xunqueira de San Valentín (Fene), formado polos alumnos Mario Bolaño Ameneiro, Óscar González Yáñez e Víctor Graña Martínez, coordinados pola profesora Blanca López Moreno, acadou o premio como mellor equipo do mundo na categoría de modelo 3D de maior calidade visual, cunha figura da ceramista galega Carme Romero.
O galardón á difusión do labor científico desenvolvido na USC foi para o equipo do IES A Sangriña de A Guarda coordinado Carmen López Fernández, cun modelo 3D dunha caracola, representativo do traballo do investigador local Emilio Rolán Mosquera.
O premio Estratexias para a educación no mundo da UNESCO foi para a Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja (Ecuador) por un modelo 3D dun libro. O galardón Estratexias para a ciencia no mundo recaeu no CPI a Xunqueira de Fene cun modelo 3D de un Dew Bank, un contedor deseñado por Pak Kitae para recoller auga de choiva.
O IES Quartó de Portmany de Eivissa obtivo o premio Estratexias para o desenvolvemento social, o patrimonio e a cultura no mundo por un modelo 3d dunha escultura. Asemade, o premio Estratexias para a comunicación e a información no mundo recaeu tamén nun equipo ecuatoriano da Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja por un modelo 3D de una máquina de escribir.
O galardón da D3Mobile orientado a fomentar as competencias dos alumnos na realización dunha campaña de difusión en 3D a valorar polo público foi, na categoría de metrólogos, para o equipo do Institute of Mathematics and Informatics de Razlog (Bulgaria) formado por Maria Radoslavova Manzurova e Blagoy Radoslavov Manzurov, e coordinado pola profesora Maria Brauchle, gracias a un vídeo promocional co que deron a coñecer o seu modelo 3D dunha escultura. Na modalidade Artistas 3D o recoñecemento foi para outro vídeo e unha campaña en redes sociais dun modelo 3D do maniquí de anatomía humana realizado por estudantes da Unidade Educativa Mariscal Sucrre de Guayaquil.
O premio da Xunta ao mellor equipo galego foi para os participantes do IES Sofía Casanova de Ferrol coordinados por Eva Leira Bouzamayor. Vladímir Shmidt, Pablo López Río, Adrián Carballido Lamas e David Carballido Lamas, catro alumnos do IES Vilar Ponte de Viveiro coordinados por Ana Belén Lamas Lombao, proclamáronse gañadores do premio que outorga a Deputación de Lugo ao mellor equipo da provincia. O Premio Innovación D3Mobile (Concello da Coruña) foi para o equipo do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda formado por Alfredo Chavert Sánchez, Roque Placer Regueira, Alejandro Vázquez López e Diego Moral Fernández, coordinados por Mario Simón García González. O premio D3Mobile-Fundación Mujeres, que distingue modelos representativos dunha científica/tecnóloga de éxito nos eidos da enxeñaría/arquitectura, foi para o dúo do IES Iturrama de Pamplona formado por Irene Salvoch e Iker Alfonso, coa titoría de Miren Josune Ballarena Urroz, por un modelo 3D sobre Margaret Knight.
D3Mobile é unha experiencia educativa dirixida a novas promesas STEM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), que axuda a que os participantes adquiran “diversas competencias do século XXI, en termos da UNESCO”, e en cuxa edición 2017 tomaron parte 1.476 alumnos e 350 profesores de 268 centros educativos de 44 países.
Os responsables da plataforma dixital eMonte.es, iniciativa galega dirixida a tirar partido das novas tecnoloxías para favorecer a compravenda de madeira na nosa terra (facilitando o fluxo de operacións forestais coa aplicación de novas tecnoloxías), veñen de dar a coñecer os seus últimos resultados e novidades (un portal e dúas aplicacións web) na Escola Superior Politécnica de Lugo. No acto, os impulsores da plataforma TIC, como lembraremos recentemente galardoada pola Deputación da Coruña, achegaron unha serie de datos de interese sobre a actividade que lles colle de preto, por exemplo: que o pasado vendéronse en Galicia máis de 6.200 leiras rústicas, e a nivel estatal 125.000. O Grupo Operativo de Innovación eMonte está integrado polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, a Universidade de Santiago, eMonte Solucións Forestais e Manuel Graña. Creouse coa finalidade de “permitir que todos os axentes do eido forestal galego puidesen realizar as xestións de seu dunha maneira máis sinxela, a partir da aplicación das TIC”.
No acto, os impulsores da plataforma fixeron tamén un percorrido polas novidades introducidas no seu seo durante este último ano, novas ferramentas co obxectivo de facilitar distintas tarefas vencelladas ao sector forestal. Por exemplo o portal Vendofinca.es, portal inmobiliario en liña que xorde co obxectivo de converterse nun punto de encontro para as persoas que estean interesadas no mercado de compra e venda de leiras rústicas. Segundo se fixo saber na cita no Campus de Lugo, o portal “pretende cubrir o baleiro deixado polos grandes portais inmobiliarios en liña, centrados na compra e aluguer de vivendas”. Pola contra, a ferramenta Vendofinca.es pon o foco nas leiras rústicas, desde parcelas agrícolas até forestais. O portal, sinalaron, salienta pola súa sinxeleza de uso e por estar centrado na identificación das leiras rústicas a través dun mapa interactivo. Así, de cara aos anunciantes, a incorporación das súas entradas unicamente require que se rexistren na plataforma e incorporen a leira a través de catro sinxelos pasos a través dun proceso que é de balde. Por certo que dende a posta en marcha do portal, máis de 300 leiras rústicas incorporáronse ao portal.
Outra das novidades é eMonte Cubicar, unha aplicación que permite estimar o volume de madeira coa que conta unha parcela, tendo en conta varios datos como son a altura total da árbore, o seu diámetro, a especie da madeira ou o número total de árbores por parcela. Con esta aplicación, permítese estimar o volume de material dun lote de árbores das principais especies forestais de Galicia. Segundo se fixo saber no acto, “a ferramenta axuda aos propietarios forestais a xestionar as súas plantacións e á toma de decisións, amais de converterse nun excelente recurso de traballo para as empresas rematantes distribuídas por toda Galicia, posto que lles axuda a obter unha previsión da materia prima que se obterán en cada aproveitamento forestal”.
O feixe de cousas novas tamén inclúe outra ferramenta, eMonte conxuntas, unha aplicación web que destinada a axudar aos propietarios forestais na venda de lotes de madeira situados en parcelas dun tamaño moi reducido, feixes que na actualidade non suscitan gran interese para o seu aproveitamento forestal. A venda conséguese mediante a súa conversión en lotes dunha meirande envergadura a través da unión por Internet de propietarios forestais con parcelas nun ámbito xeográfico próximo.
A Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense) está a celebrar este venres os seus 25 anos de traxectoria. E faino contando coa participación das empresas, os centros de coñecemento e outras entidades de innovación que tiveron a súa sede alí ao longo deste cuarto de século. A xornada, que abrangue actividades até a tarde, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou que o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) é un exemplo referencial de como facer que a innovación sexa un foco para atraer investimentos. Asemade, destacou que o complexo tecnolóxico ourensán está “en condicións de atraer capital e novos proxectos empresariais por ser un polo de innovación en Galicia”. Nos actos de hoxe rendéuselles homenaxe ás 300 firmas ás que xa deu acubillo a Tecnópole ao longo do seu percorrido.
Volvendo á intervención do presidente, este subliñou que o Parque Tecnolóxico de Galicia atesoura “un claro compromiso coa divulgación científico-tecnolóxica, especialmente, entre os máis novos”. Isto, sinalou, tradúcese en cousas como o feito de que máis de 20.000 visitantes participasen nas 11 convocatorias do certame Galiciencia ou nos sete cursos das Aulas Tecnópole dirixidos a escolares galegos.
Tamén salientou a importante actividade despregada polo Centro de Empresas e Innovación da Tecnópole, que funciona como incubadora de novos proxectos, ao que cómpre engadir o Laboratorio de Biotecnoloxía, o Centro de tecnoloxías médicas avanzadas e o Centro experimental de enerxías renovables. “En definitiva”, dixo, “estamos a falar dun espazo de referencia en Galicia dirixido a acoller, apoiar e potenciar iniciativas de marcado carácter innovador que apostan pola tecnoloxía e a investigación como unha forma de xerar valor e actividade económica”.
Ano de celebracións
Como lembraremos, boa parte das celebracións dos 25 anos da Tecnópole xa se están a desenvolver ao longo de 2017. Entre as máis relevantes, informativamente falando, situouse o encontro celebrado en xuño co obxectivo de presentar a memoria global de actividade do parque. Segundo se fixo saber daquela, o recinto acolleu ao longo da súa historia un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación.
Tamén se destacou no almorzo que a sociedade xestora participou en 28 proxectos de I+D+i e promoveu a posta en marcha de tres instalacións científico-tecnolóxicas ao servizo de todo o tecido empresarial galego: un laboratorio de biotecnoloxía, un centro de tecnoloxías médicas avanzadas e un centro experimental de enerxías renovables. Ademais, organizou dúas conferencias internacionais de parques tecnolóxicos e unha chea de actividades formativas e eventos centrados no intercambio de coñecemento.
A Fundación ONCE, ILUNION e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte presentaron este venres en Tabacalera Promoción da arte o proxecto Amuse, unha innovadora aplicación interactiva e accesible para percorrer museos e que funciona a través de ‘beepcons', balizas de guiado intelixente mediante bluetooth.
Amuse é un innovador sistema de guiado, baseado na tecnoloxía das balizas intelixentes denominadas ‘beepcons', que facilita o acceso á información dos contidos dos museos ás persoas con discapacidade. Tanto a dita aplicación como os ‘beepcons' foron desenvolvidos por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, pertencente ao grupo de empresas sociais da ONCE e a súa Fundación.
O acto de presentación do proxecto Amuse contou coa asistencia de José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE; Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, e Luis Lafuente Batanero, director xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Segundo explicaron, mediante esta aplicación, o visitante pode elixir dúas modalidades de visita: Guiada ou libre. En cada unha delas, o usuario accederá á información sobre o que hai no museo e nas salas que vai percorrendo, así como a vídeos e audios explicativos.
Ademais, Amuse incorpora o modo xogo, co cal o visitante poderá aprender aínda máis e dunha maneira diferente e divertida achega do museo no que se atopa ou a exposición que está a visitar.
Para as persoas con discapacidade, Amuse inclúe información sobre o tipo de accesibilidade que hai no museo, neste caso, Tabacalera–Promoción da arte –espazo dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no que se desenvolve un programa permanente de exposicións temporais e de actividades ao redor da fotografía, a arte contemporánea e as artes visuais- así como vídeos explicativos en lingua de signos e audiodescritos.
Actualmente, esta app atópase en fase beta para o sistema operativo Android e máis adiante será compatible con IOS. Tamén contará cunha páxina web accesible que albergará a plataforma na que poden rexistrarse todos aqueles museos que dispoñan de ‘beepcons' e queiran formar parte desta familia. A través dela, poderán xestionar o contido que queren presentar aos seus visitantes a través de Amuse.
As ‘beepcons', desenvolvidas por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, son balizas intelixentes de guiado en interiores que facilitan a localización de obxectos dentro dun espazo descoñecido e a orientación do usuario. É especialmente útil para as persoas con discapacidade visual, pero tamén para aquelas que non teñen problemas de visión.