main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/10/201714:25
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Mar Pereira destaca a contribución do Software Libre á transformación dixital como solución competitiva para modernizar sectores estratéxicos

  • A directora da Amtega inaugurou hoxe a LibreCon2017 que aborda as novidades en tecnoloxías abertas aplicadas á Industria 4.0 e ao sector primario
  • Lembra que desde 2010 a Xunta elabora cada ano, en colaboración cos axentes galegos do sector, o Plan de Software Libre con máis de 100 actuacións para impulsar o seu uso na Administración, na sociedade e no tecido empresarial

 

Máis de 200 empresas e 60 relatores abordan hoxe e mañá o uso das tecnoloxías libres na Industria 4.0 e nos sectores primarios na LibreCon2017, organizada pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Federación Nacional de Empresas de Software Libre (Asolif) e que conta co apoio da Xunta, a través da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Gain e Igape.

Na inauguración do encontro, a directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que no actual momento de transformación dixital, o software libre ten demostrado a súa capacidade como solución competitiva no proceso de modernización de diferentes sectores. Neste sentido, lembrou que desde 2010 a Xunta colabora cos axentes do software libre galego na elaboración do seu Plan anual para impulsar o uso do software libre en todos os ámbitos da sociedade.

A aposta da Administración autonómica polo software libre reflíctese no seu uso en proxectos tecnolóxicos estratéxicos como o proxecto Abalar en educación e noutros da Administración electrónica como o nodo de interoperabilidade das administracións públicas galegas (PasaXe), ou o sistema de xestión bibliotecaria. Ademais, desde a Xunta avógase pola reutilización do software e mantense o compromiso da Administración autonómica de liberar dous proxectos anuais no Repositorio de Software Libre de Galicia.

 

Impulso do software libre no tecido empresarial e na sociedade

O Plan de Software Libre 2017 recolle un total de 110 actuacións para impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas e incrementar o seu uso e coñecemento por parte da sociedade, potenciando as tecnoloxías libres nos programas de capacitación dixital da rede CeMIT e da Escola Galega de Administración Pública.

No sector empresarial, os últimos anos constatan unha tendencia crecente no seu uso. Actualmente preto do 86% das empresas con máis de 10 empregados e con sede en Galicia empregan Software Libre, unha porcentaxe que ascende ao 90% no caso do sector TIC. Pese a isto o descoñecemento e falta de referencias sobre os produtos de software seguen sendo unha barreira para que as empresas aposten polo software libre.

Para paliar este descoñecemento, o Centro Demostrador TIC da Amtega vén desenvolvendo un importante labor desde 2011 na divulgación de solucións empresariais de código aberto con accións demostradoras, xornadas e difusións prácticas de solucións. Ademais, incrementou a súa oferta de servizos con novas ferramentas como o Centro Demostrador TIC Virtual, que ofrece peto dunha decena de solucións empresariais de software libre que as empresas poden probar de xeito gratuíto.

19/10/201714:18
Portada do Plan de administración e goberno dixitais.
Santiago de Compostela

A Lei de administración dixital de Galicia permitirá un marco normativo único para ofrecer servizos máis proactivos e personalizados

  • A norma, que iniciará o trámite parlamentario a finais de ano, complementará o establecido nas leis estais 39 e 40/2015
  • O obxectivo é consolidar o proceso de transformación dixital que se está a levar a cabo coas actuacións do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020
  • A finais de ano porase en marcha unha nova sede electrónica da Xunta máis accesible
  • Durante 2018 iniciarase a reformulación das Oficinas de Rexistro e crearase a figura do funcionario habilitado

 

A directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, lembrou hoxe que a Xunta iniciou a elaboración da Lei de Administración dixital de Galicia, que dotará á Comunidade dun marco normativo único que eliminará a dispersión normativa existente, potenciará un novo modelo de complementariedade entre administracións e permitirá ofrecer unha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos.

A responsable autonómica, que inaugurou xunto coa directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Campos, unha xornada sobre as novidades da Lei 39 e a Lei 40/2015, subliñou que a norma galega complementará o establecido nestas leis estatais.

Neste sentido, Mar Pereira sinalou que Galicia vén traballando na transformación dixital da Administración desde o ano 2010 cun Plan de Modernización que permitiu á Comunidade chegar á entrada en vigor das novas leis coas principais pezas dunha administración integramente dixital en marcha e adiantarse, incluso, a algunhas das esixencias que prevén para o ano 2018. É o caso do Arquivo Electrónico ou da posta en marcha da dixitalización do Rexistro Xeral e das Delegacións provinciais da Xunta.

Entre as medidas máis inmediatas do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, Mar Pereira sinalou a posta en marcha no derradeiro trimestre do 2017 dunha nova sede electrónica da Xunta de Galicia, adaptada a un mellor uso dende dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do perfil do cidadán ou empresa.

De cara a 2018 iniciarase a reformulación das Oficinas de rexistro como Oficinas de atención, que facilitarán a relación de cidadáns e empresas coa administración a través dos medios dixitais e poranse en marcha a figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamentos, que posibilitarán a autorización dunha persoa ou funcionario para realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.

19/10/201709:21
Entrega dos XI premios "Connecting for good".
Murcia

Entrega dos XI premios "Connecting for good"

  • A Fundación Vodafone España celebrou en Murcia a cerimonia de entrega dos seus premios anuais ‘Connecting for Good'' á Innovación en Telecomunicacións
  • Nesta undécima edición, o xurado concedeu tres galardóns, dotados con 15.000 euros cada un, a tres proxectos accesibles que innovan no ámbito das TIC para mellorar a calidade de vida dos colectivos vulnerables

 

O acto de entrega contou coa presenza de Fernando López Miras, Presidente da Rexión de Murcia; José Ballesta, Alcalde de Murcia; Andrés Carrillo, Conselleiro de Facenda e AA.PP da Rexión de Murcia e Francisco Román, Presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España.

O presidente da Rexión de Murcia destacou que “para crecer como persoa, como organización e, á fin e ao cabo, como sociedade, debemos estar preparados para saber adaptarnos ao cambio, aproveitarnos del e tornar a incerteza en oportunidade. Vodafone entendeuno ben. Son unha historia de éxito porque souberon xestionar o cambio. Foron pioneiros na globalización do sector das telecomunicacións, souberon crecer en distintas tecnoloxías e entrar en mercados tan diferentes como a televisión e as telecomunicacións”.

Noutro momento da súa intervención, Fernando López Miras resaltou a importancia que a tecnoloxía ten na sociedade actual “todos os nosos esforzos deben estar centrados en mellorar a vida das persoas, especialmente daquelas que teñen máis dificultades. A tecnoloxía non será útil se non serve para que os cidadáns poidan vivir sinxelamente mellor. Unha sociedade madura caracterízase por mirar cara ao futuro sen deixar a ninguén atrás. Creo firmemente nisto. E isto é o que, na miña opinión, representan os galardóns que hoxe se entregan. Por iso, os meus parabéns aos premiados, aos que se lles recoñece o seu esforzo, e tamén o seu éxito, aínda que, sen dúbida, o maior dos seus méritos e o que máis debe reconfortarlos é contribuír a unha sociedade mellor.”

Para Francisco Román, Presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España, os premiados “son tres claros exemplos de que o futuro pasa pola transformación dixital e a innovación continua. Cremos que apoiar estes proxectos é fundamental para afrontar os retos sociais que nos esperan e para contribuír a desenvolver sociedades máis sustentables, intelixentes e inclusivas”.

Na categoría “Accesibilidade TIC”, que valora proxectos que sexan de aplicabilidade a un ou a varios tipos de discapacidade (sensorial, cognitiva ou física) e que promovan a autonomía persoal e a mellora da calidade de vida, outorgáronse dous premios:

  • Un deles recaeu na “Librería para a xeración de linguaxe natural en español”, presentada por Silvia García Méndez. O seu obxectivo é facilitar a comunicación a persoas con trastornos na linguaxe ou o fala grazas á adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras. Grazas ao algoritmo baseado no coñecemento lingüístico e estatístico desenvolvido, a xeración de linguaxe natural realízase de forma automática tanto para castelán como para inglés.
  • Na mesma categoría premiouse á aplicación Visual Tags, desenvolvida por NEOSISTEC en colaboración co MVRLAB da Universidade de Alacante. Esta aplicación permite a persoas con discapacidade visual moverse de forma completamente independente en espazos descoñecidos, sen necesidade de ser acompañada. Mediante a instalación de marcadores visuais e utilizando Visión Artificial, esta tecnoloxía fai accesible a cartelería presente en calquera lugar (hospitais, aeroportos, hoteis, centros comerciais, etc.), utilizando para iso unicamente un dispositivo móbil.

Pola súa banda, o Premio “Solución social TIC”, que recoñece solucións de amplo impacto social e para calquera ámbito, recaeu en:

  • PPa- Protection People APP. Esta solución, desenvolvida pola ONG madrileña itwillbe, utiliza o recoñecemento biométrico (dactilar, facial e da pegada palmar) para que as Ong poidan identificar e xestionar os datos dos seus beneficiarios de maneira eficiente e transparente, e por tanto que as súas accións de protección de colectivos vulnerables teñan maior impacto. Ao estar ligado a unha app, pode ser utilizado en zonas remotas, de emerxencias, e en proxectos dirixidos a nenos en situación de rúa ou poboacións migrantes, entre outros.

O xurado desta XI Edición dos Premios estivo formado por Francisco Marín, Director Xeral do CDTI; Aleix Valls, exdirector Xeral da Fundación Mobile World Capital Barcelona; Miguel Ángel Valero, Director Xeral do CEAPAT; Ricardo Gabarró, Director de I+D+i do Grupo Eulen; Rodrigo Hilario, Director de Estratexia de RENFE; Mar Pereira, Directora de AMTEGA; José Manuel Sedes, Director de Sustentabilidade de Vodafone España; Blanca Echániz, Directora de Servizos Particulares de Vodafone España; Enrique Martín, Director de Innovación de Vodafone España; e Mari Satur Torre, Directora de Innovación da Fundación Vodafone España.

19/10/201709:10
TIC.
Santiago de Compostela

O 75,3% dos fogares españois contratou un paquete de servizos TIC en 2016, segundo un informe

A entidade pública empresarial Red.es presentou o pasado 11 de outubro a décima edición do informe anual A Sociedade en Rede 2016, que elaborou o ONTSI. Esta publicación recompila múltiples indicadores sobre o grao de penetración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, así como as tendencias tecnolóxicas, e consolídase como unha peza clave no seguimento da Axenda Dixital para España.

Un dos puntos para destacar do informe é o incremento de 4,7 euros, respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, do gasto medio mensual en servizos de telecomunicacións nos fogares españois (69,2  euros IVE incluído, cuarto trimestre de 2016). Desta cifra, as familias destinan un 47,1% a telefonía móbil, un 21,2% a telefonía fixa, un 20,1% a Internet e nun 11,6% a TV de pago.

O ano pasado, ademais, consolidouse a contratación de paquetes de servizos TIC. Desta forma, o 75,3% dos fogares xa contaba con algunha destas modalidades. A máis común é a que agrupa telefonía fixa, telefonía móbil e Internet (51,8% dos fogares con paquetes TIC), aínda que tamén hai fogares que a esta oferta suman a TV de pago (31%). A mellora do prezo constitúe o motivo principal para optar pola contratación conxunta.

Segundo reflicte o informe do ONTSI, a finais do terceiro trimestre de 2016 un 84,9% dos fogares dispoñía dalgún tipo de computador e, por primeira vez, máis da metade tableta (52,8%). O computador mesmo supera á televisión, que queda nun 84,3%. O smartphone continúa á cabeza en canto a equipamento TIC individual, xa que o posúen 7 de cada 10 individuos de 15 anos ou máis. Ademais, o 78,4% dos internautas conéctanse diariamente a Internet e utilizan o teléfono móbil a diario un 74,8%.

 

TIC e empresas españolas: máis banda larga móbil e Big Data

Segundo os datos achegados polo informe, o 82,9% das pequenas, medianas e grandes empresas conéctanse a Internet a través de banda larga móbil, o que supón un incremento de 2,2 puntos. Esta porcentaxe é do 69,9% nas microempresas, que soben aínda máis: 4,5 puntos. Ademais, o 25,3% das pequenas, medianas e grandes empresas proporcionan un dispositivo portátil aos seus empregados, fronte ao 31,4% nas microempresas.

Rexístrase tamén unha aposta cada vez maior no uso de técnicas de Big Data para a análise de comportamentos, xa que permite recompilar, almacenar, xestionar e extraer conclusións de grandes conxuntos de datos. Ao longo de 2016, o 8,5% das pemes e grandes empresas e o 2,7% das microempresas recorreron a solucións de Big Data. Orientaron esta tecnoloxía sobre todo á xeolocalización a partir de dispositivos portátiles e aos medios sociais.

19/10/201709:05
María Berta Doforno Seoane.
Ourense

Persoas con discapacidade de Ourense buscan ofertas de emprego a través da aula BAE que apoia a Fundación Vodafone España

María Berta Doforno Seoane foi unha das trinta persoas que quixeron aproveitar as vantaxes que lles proporciona a apertura dunha aula BAE, unha aula informática que abre todas as tardes dos mércores nas instalacións que COGAMI ten en Ourense.

A finalidade desta aula é a de servir como un recurso máis ás persoas que forman parte do programa denominado `PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE´, programa que apoia a Fundación Vodafone España, e que serve para que as persoas potencien o uso das novas tecnoloxías durante a procura de emprego.

A aula, ademais de estar dotada co equipo informático, conta co apoio da orientadora laboral, para proporcionar toda a información adicional ou pautas que deben seguir as persoas usuarias á hora de realizar a procura de emprego pola rede.

O traballo da orientadora é, como o seu propio nome indica, o de orientar, asesorar, guiar ou apoiar nas xestións que lle reclamen as persoas que acoden á aula. No que vai de ano xa foron 30 as persoas de Ourense que utilizaron este recurso, onde algunhas atoparon emprego e están a traballar e outras o tentan acudindo a entrevistas laborais.

María Berta xa logrou que a chamasen para varias entrevistas de traballo. Aos seus 58 anos sabe que o ten algo máis complicado para atopar unha oferta que se adapte ás súas capacidades, pero non tira a toalla. Mesmo se deu de alta nalgunha aplicación do seu teléfono móbil, para facilitar a procura dalgunha oferta interesante.

María Berta é unha das 19 persoas de Ourense que forman parte do programa.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS