main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/10/201708:39
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Volve esta semana LibreCon para lembrar ao mundo o empuxe galego en cuestión de software libre

Para todos aqueles que falaron durante anos da escasa rendibilidade empresarial que presentaría no futuro o software libre, as entidades AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e ASOLIF van organizar esta semana en Santiago, os días 19 e 20, un evento directamente encamiñado a desmentir a devandita crenza. Falamos da edición 2017 do congreso LibreCon, evento de referencia sobre software libre a nivel internacional e recordatorio múltiple de que o desenvolvemento tecnolóxico só acadará as súas maiores cotas apostando plenamente pola converxencia, a compatibilidade e a interoperabilidade. E isto, segundo veñen insistindo un ano tras outro os participantes de LibreCon, só se conseguirá polo camiño do software libre. 

LibreCon 2017, en palabras dos organizadores “o maior encontro internacional de tecnoloxías libres”, terá ademais o punto forte de celebrarse en Santiago, o que segundo AGASOL e ASOLIF ten unha explicación ben clara: “LibreCon 2017 desenvólvese en Galicia porque a nosa Comunidade é punteira neste tipo de tecnoloxías, aínda que transcenda pouco deste feito”. Porén, é un feito contrastado que as nosas compañías de software libre contan con presenza de seu en boa parte do mundo, concretamente en 18 países, dende Silicon Valley até Corea do Sur ou Xapón, traballando ombro con ombro cos maiores xigantes tecnolóxicos do planeta. 

No LibreCon participarán unha manchea de expertos, directivos e decenas de hackers, dando forma a prototipos en tempo real, e tamén mulleres hackerque falarán sobre a presenza feminina neste eido de actividade, onde son punteiras (caso de Yaiza Rubio, por exemplo, que compartirá mesa redonda con Edita de Lorenzo, Bárbara Román ou Llüisa Núñez). Mañá 19 de outubro, primeiro día de actividades, abrirán roldas de relatorios Joaquín Álvarez Portelea (Fair Fishery from Galicia), Eneko Astigarraga (CodeSyntax), Juan Carlos Jiménez (IG4 Agr) e Pablo Sanxiao Roca (Oficina de Sofware Libre da Xunta de Galicia – AMTEGA). Proseguirán, ao fío das 10.00 horas, André Castelo Pichel (Avogados Dixitais), Carlos Rodríguez (LibreBit) e José Ángel Rodríguez (SALE – Oficina Técnica de apoio ao Software Libre do Goberno Vasco). 

Por fíos temáticos, o congreso (que contará novamente co apoio Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG), céntrase este ano no uso das tecnoloxías libres nos sectores industrial e primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías nos eidos como a computación na nube, a análise da información a gran escala (Big Data) e a Internet das Cousas (IoT). Ademais, haberá un track especial adicado á economía colaborativa.

A xuntanza, que volve a Galicia despois da edición de 2015 (impulsada por AGASOL, ASOLIF, o Clúster TIC de Galicia e o Concello de Santiago, entre outras entidades), tamén xirará arredor das potencialidades do software libre (achegando compatibilidade, estandarización, apoio das comunidades, facilidade de uso, liberdade de adaptación a diferentes contornas, custes económicos asumibles polas institucións e as empresas) para o impulso das cidades intelixentes, os drons, a ciencia e o desenvolvemento da Industria 4.0. 
 

A edición de 2015
A última edición de LibreCon celebrada en Santiago recibiu a máis de 500 profesionais do mundo tecnolóxico e expertos en software libre, amais de servir de escaparate para presentar casos de éxito de grandes compañías e administracións públicas que están a aforrar custos e mellorando o seu negocio grazas ás tecnoloxías abertas. Ademais, no marco do encontro celebráronse máis dun centenar de reunións empresariais. O obxectivo desta nova convocatoria é xuntar aos mellores expertos en cada unha das áreas de negocio que se van abordar no ámbito da industria das tecnoloxías abertas. A idea, en palabras da organización, é converter “a capital galega, unha vez máis, no epicentro da open innovation durante dous días”.

19/10/201708:33
South Summit.
Madrid

A galega Avansig, gañadora global do South Summit na sección de mobilidade intelixente

Avansig, empresa de enxeñaría de software creada por investigadores ligados ao CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) e integrada no Cluster TIC de Galicia, vén de proclamarse gañadora na sección de Mobilidade Intelixente no evento South Summit Innovation 2017. E fíxoo coa solución Avansig Smart Drons, un desenvolvemento que permite aos drons voar dentro dos edificios cunha precisión centimétrica e de maneira completamente autónoma. Como lembraremos, o obxectivo desta tecnoloxía de Avansig é automatizar tarefas en interiores (vixilancia física, inventarios automáticos, inspección de grandes estruturas ou seguimento de procesos industriais). Os responsables da startupgalega salientaron o privilexio de ter participado no evento (unha palestra de innovación á vista do mundo) e agradeceron ao xurado da devandita sección a valoración feita sobre o seu proxecto.

O South Summit, segundo lembra o Clúster TIC, é un evento referencial que pon en contacto aos emprendedores máis innovadores cos inversores internacionais máis importantes e as empresas interesadas en mellorar a súa competitividade a través de innovación. O evento celebrouse os días 4-6 de outubro de 2017 en Madrid.

No certame Avansig participou (na recta final do mesmo) xunto cun centenas de novas firmas, seleccionadas por máis de 90 especialistas en tecnoloxías de vangarda. A empresa galega, que conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de sistemas de navegación autónomos, foi seleccionada co proxecto Autonomous Smart Drones de entre un total de 3.500 proxectos, sendo un 53% internacionais, procedentes de máis de 72 países.

Para quen non saiba da natureza da actividade de Avansig, sinalar que se centra en boa medida no desenvolvemento de sistemas de vídeo vixilancia en edificios mediante o emprego de drones. Un exemplo disto é o proxecto SINDA (Sistema de Seguridade en Interiores con Drons Autónomos), sinalando que se encamiña a xerar tecnoloxías de vídeo vixilancia en interiores mediante o emprego de drones autónomos baseados en visión artificial 3D.

18/10/201709:13
Presentación do programa de formación.
Madrid

A Fundación Pai Garralda, EOI e Orange impulsan a formación dixital de persoas en exclusión

  • A Fundación Pai Garralda-Horizontes Abertos, Orange España e a Fundación EOI acordaron ofrecer formación gratuíta en novas ferramentas dixitais a colectivos en exclusión social, como presos, drogodependentes ou nais sen recursos, a través do programa de capacitación cidadá 'Se Dixital'

 

A presidenta da Fundación Pai Garralda-Horizontes Abertos, Dolores Navarro, a xerente de Relacións Institucionais de Orange España, Encarnación Fernández, e o vicedecano da Fundación EOI, Eduardo Lizarralde, acordaron ofrecer formación gratuíta en novas ferramentas dixitais a colectivos en exclusión social, a través do programa de capacitación cidadá ‘Se Dixital'.

O obxectivo desta iniciativa será favorecer a reinserción laboral destas persoas en situación de marxinación grazas ao aproveitamento das novas tecnoloxías, para que atopen novas oportunidades de emprego, xa sexa por conta allea ou a través do emprendemento persoal.

"Coa súa incorporación a un programa de formación como 'Se Dixital', que xa tivo unha gran acollida en municipios de toda España, queremos dar opcións aos colectivos menos favorecidos, non só para que as novas tecnoloxías non supoñan unha nova barreira de exclusión social, senón que se convertan nunha oportunidade tanto para o seu desenvolvemento persoal como laboral nesta nova sociedade dixital", indican as tres entidades implicadas.

Así mesmo, a Fundación Pai Garralda-Horizontes Abertos promoverá activamente, a través dos distintos proxectos sociais nos que traballa, a participación nestes cursos, que teñen unha duración de seis semanas e para os que hai que realizar a inscrición na web do programa 'sedigitalylanzate.es'.

18/10/201708:37
Presentación do curso.
Lugo

Lugo e a Fundación Telefónica formarán á mocidade local en ciberseguridade

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, o corazón dixital do casco vello, vai acoller as semanas vindeiras o primeiro curso sobre ciberseguridade que a Fundación Telefónica celebra na nosa terra. Así o deron a coñecer hoxe a alcaldesa Lara Méndez, o director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial da fundación, Joan Cruz, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. Segundo explicaron, o obradoiro ten aberto o prazo de inscrición, é de balde e conta coa colaboración do Concello. Ademais, engadiron, é “o primeiro destas características que celebra a Fundación Telefónica en Galicia”. 

No acto, no que tamén estivo presente a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, a rexedora lembrou as vantaxes da formación TIC para mellorar as nosas opcións laborais e recordou tamén o compromiso do Concello coa creación de emprego (con axudas directas á contratación ou fomentando o emprendemento), facendo fincapé no feito de que nos pasados meses de xullo e agosto o Concello acadase máis dun millón de euros para catro proxectos de fomento de emprego, “que beneficiarán a máis de 200 lucenses”. Entre estes proxectos atópase o obradoiro TIC Arqueolóxico ou Lugo Cóidate, salientando as posibilidades de formación que poñen en xogo

Sobre o curso de ciberseguridade presentado hoxe, a alcaldesa dixo que “supón unha alternativa máis para o Edificio de Novas Tecnoloxías”, no que o Concello ofrece, para o que queda de ano, 14 cursos gratuítos con máis de 200 prazas; facturación electrónica, iniciación ás redes sociais, deseño web, mercadotecnia dixital, creacións de aplicacións móbiles ou retoque fotográfico. Pola súa banda, Menéndez agradeceu o “cariño e cooperación do Concello” con esta iniciativa, que se enmarca dentro dos proxectos educativos, sociais e culturais que ofrece Telefónica nas comunidades onde está operando, a través da iniciativa Emprego Dixital. 

Tal e como explicou Joan Cruz, neste curso poderán participar mozos e mozas de Lugo de entre 18 e 35 anos, que terminaran os estudos da ESO, non sendo precisa formación previa en novas tecnoloxías. O obxectivo, dixo, é “que as persoas inscritas adquiran coñecementos e habilidades que lles permitan incorporar as competencias do mundo da ciberseguridade, unha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual”. Tamén engadiu que se trata “dun itinerario formativo nexo de unión entre a demanda real de empresas e o sistema educativo”. Inclúe formación teórico-práctica, coa participación de expertos no sector, en temas como o hacking ético, técnicas de proteccións para infraestruturas, contramedidas, entre outras.

A maiores, inclúe formación en habilidades para a empregabilidade, como desenvolvemento de intelixencia emocional, traballo en equipo ou como realizar unha entrevista de maneira efectiva. O curso arrincará o 11 de decembro e terá lugar no Edificio de Novas Tecnoloxías, en horario de mañá, de 08:30 a 14:30 horas. Durará 5 meses e, como colofón á formación, as persoas participantes poderán presentar os seus proxectos ante as empresas tecnolóxicas máis punteiras da nosa terra. Todas as persoas interesadas en inscribirse deben facelo na páxina web de Fundación Telefónica, no apartado de empregabilidade, ou ben a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal.

17/10/201712:49
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A EOI, Orange e a Xunta presentan á Rede CeMIT o programa “Sé Dixital” que facilita a capacitación dixital de pemes e emprendedores

  • O vindeiro xoves o CDTIC retransmitirá a presentación a aulas de 11 concellos
  • O programa ofrece 20 horas de contidos formativos gratuítos e accesibles a través dunha plataforma de teleformación e un certificado da EOI ao remate

 

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o operador de telecomunicacións Orange organizan o día 19 de outubro a xornada de presentación do programa “Sé Dixital”, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia a través de videoconferencia a 11 aulas CeMIT en horario de 10.00 a 11.00 h.

 

“Sé Dixital”, un programa de adaptación á nova economía dixital

“Sé Dixital” é un programa para fomentar a transformación do tecido empresarial de municipios e vilas, co fin de acadar unha rápida e efectiva adaptación destas poboacións e os seus habitantes aos retos que require a nova economía dixital global. Este plan de formación online de balde contribúe a que empresarios e emprendedores locais desenvolvan as súas habilidades dixitais e melloren as súas actividades profesionais gracias ao aproveitamento das novas tecnoloxías.

O obxectivo é que todas as persoas que participen nestes cursos poidan adquirir formación nas competencias que esixe a nova economía dixital, algo fundamental para fortalecer a competitividade e impulsar o emprego e a transformación dixital nos municipios e vilas. Este programa inclúe vídeos explicativos e testemuñas sinxelas que son accesibles a través dunha plataforma de teleformación, con contidos que acadan as 20 horas de formación amena e directa, obténdose un certificado da EOI ao remate do programa.

 

Aulas

As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (https://cdtic.xunta.gal/) ou ben a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios:

  • Boiro
  • Carballedo
  • Celanova
  • Fisterra
  • Leiro
  • Ortigueira
  • Porriño
  • Ribadeo
  • Sada
  • Sarria
  • Valga

Por outra banda, de xeito complementario e no marco do convenio asinado pola Xunta de Galicia, a través do Igape, a EOI e Orange, en breve está prevista a realización de cursos no marco deste programa nas seguintes localidades: Viveiro e Monforte de Lemos, na provincia de Lugo; Verín, Carballiño, O Barco de Valdeorras e A Rúa, en Ourense; Carballo e Arzúa na provincia da Coruña; e Vilagarcia de Arousa, A Estrada, Redondela e Marín en Potevedra.

Pódese consultar os datos de contacto das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/centros.

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020

Orange vén de incorporarse ao colectivo de máis de 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden sumar aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS