main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/10/201711:52
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

A importancia dos proxectos de colaboración entre empresas. Colaborar para sumar

A colaboración entre varios axentes avanza no mundo empresarial. Cada vez son máis as grandes empresas que asinan alianzas con outras corporacións e organizacións sociais para xerar un valor compartido. Un dos principais retos destes acordos é conseguir coordinar todos os elementos para manter lograr ese “obxectivo” común. Para iso é fundamental “ter paciencia” porque os resultados destes proxectos xéranse a medio e longo prazo, e en ocasións os seus executores buscan a inmediatez dos impactos. 

Elena Valderrábano, directora global de Ética Corporativa e Sustentabilidade de Telefónica, sinalou durante o evento Compartindo - encontro anual de referencia sobre innovación social organizado por a Fundación SERES- que a súa compañía “realiza todos os anos unha convocatoria aberta ás unidades de negocio e equipos nos diferentes países nos que opera, que deben presentar proxectos que teñan impacto social e ambiental á vez que retorno económico, e que precisen de financiamento e recursos adicionais”. Ao final, as alianzas suman para multiplicar éxitos. Para a convocatoria do ano que vén abriranse as portas a colaboracións con outras empresas e organizacións tanto para trazar proxectos novos como para desenvolver os que resulten elixidos. Os exemplos de iniciativas que xa se están desenvolvendo destacan:

  • Conectividade en zonas remotas, ligando o despregamento de tecnoloxía de comunicacións e de enerxía.
  • Smart cities en colaboración con empresas de construción, infraestruturas, etc.
  • Eficiencia enerxética con compañías de enerxía, de infraestruturas, etc.
  • Servizos financeiros e tecnoloxías da saúde con empresas do sector.

En concreto e cos mesmos principios, os empregados do grupo Telefónica poderán participar na III Iniciativa de Investimento Sustentable e recibir ata 40.000 euros para levar a cabo o seu proxecto solidario. A Iniciativa de Investimento Sustentable busca proxectos que, ademais de ter un impacto social ou ambiental positivo, sexan viables economicamente para a empresa

Segundo as bases da convocatoria, as propostas teñen que estar relacionadas coa súa área de traballo, xa que terá que desenvolverse no lugar de traballo durante o próximo ano.

Son moitas as ideas disruptivas e innovadoras que poden contribuír a esta nova forma de concibir a innovación como un negocio responsable. Por iso, poden postularse equipos de calquera empresa do Grupo, de calquera departamento ou área, que propoñan novos produtos e servizos, melloras doutros xa existentes, procesos internos máis eficientes ou mesmo accións comerciais ou de márketing.

Os finalistas terán a oportunidade de presentar o seu proxecto a un xurado formado por expertos de Telefónica e de organismos internacionais, que elixirá os tres gañadores. Os seleccionados recibirán financiamento e o mentoring de expertos das áreas que precisen, así como difusión interna e externa para dar a coñecer a súa proposta. 

Nunha multinacional como Telefónica, con máis de 120.000 empregados, hai moitas ideas brillantes para mellorar o mundo e o negocio. Na Iniciativa de Investimento en Innovación Sustentable búscanse propostas para responder a estes retos, conectar aos non conectados, protexer o planeta e impulsar sociedades sustentables. 

Das 60 propostas presentadas, as iniciativas seleccionadas son: Yanapaqi (Perú) que consistirá en conectar aos máis pobres de Perú, un total de 3.000 persoas de sete localidades e formalos para que poidan usar o móbil para a súa vida diaria e acceder así ao sistema financeiro, educativo e de saúde; Fénix (México) que se fundamentará en proporcionar conectividade 2G/3G portable e xestionar floras; e Smart Patrimonio (Chile), que consistirá en mellorar a conservación das oficinas salitreiras Humberstone e Santa Laura, o antigo pobo mineiro situado no deserto de Atacama e Patrimonio da Humanidade, cunha monitoraxe que achegue información clave en canto á humidade, temperatura, xilófagos, etc.

17/10/201709:54
Asistentes á xornada XTdT.
Santiago de Compostela

A xornada XTdT, éxito de contidos e público

Finalmente a Xornada Transformación Dixital e Talento(XTdT), organizada este 16 de outubro polo CPEIG e AMTEGA para impulsar ideas e propostas novas a partir de ideas e propostas previas de éxito (presentadas por relatores de primeiro nivel), resultou ser todo un éxito, tanto no que se refire a contidos (moitos, variados e de valor) como no número total de persoas participantes, máis dun centenar. En palabras da organización, foi unha cita de primeiro nivel coa sabedoría e coas ganas de aprender. Celebrouse na Cidade da Cultura e foi inaugurada por Mar Pereira (AMTEGA) e Fernando Suárez (CPEIG). Os relatores deron a coñecer esclarecedores casos de éxito.

Os relatores que participaron no encontro foron Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás, co-fundador e director executivo de Cyberclick.

A xornada, dirixida ao público en xeral e en particular a estudantes universitarios, contou coa presenza do mago mentalista Javier Luxor, que oficiou de animador-condutor do encontro TIC.

17/10/201709:52
Unha muller maior busca información nun computador sobre un medicamento.
Santiago de Compostela

Os maiores, os cidadáns que máis usan as TIC no coidado da súa saúde

  • Os maiores de 65 anos son as persoas en España que máis utilizan as tecnoloxías da información e a comunicación no coidado da súa saúde, segundo o Informe Anual ‘A sociedade en rede' publicado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI)

 

No conxunto da poboación, apenas unha de cada catro persoas (o 27%) utiliza este tipo de tecnoloxías en temas relacionados coa saúde.

Con todo, entre os maiores, debido en gran medida á maior presenza de enfermos crónicos, case a metade, o 43,8%, fai uso das TIC.

O informe do ONTSI sinala que o factor principal para o uso destas tecnoloxías é, como comentabamos, ter unha enfermidade crónica, xa que o 39,2% das persoas cunha afección deste tipo utiliza as TIC.

Pola contra, entre as persoas que non teñen unha doenza crónica, o uso das tecnoloxías da información baixa ata o 12,9%.

En canto á razón pola que utilizan estas tecnoloxías, dúas de cada tres acceden a elas por vontade propia, mentres que un de cada catro fano por prescrición médica, especialmente os maiores (43,7%).

Entre os servizos TIC máis utilizados está a receita electrónica (88,7%) e a petición de cita por Internet (82,1%), mentres que os menos coñecidos son a historia clínica dixital (53,5%), o sistema de quendas (49,6%) e o envío de SMS ao paciente (39,9%).

17/10/201709:29
Makers na xornada do día 14.
As Pontes

Makers grandes e pequenos participaron nunha nova quedada argalleira nas Pontes

O Lar de Endesa das Pontes acolleu este sábado 14 unha nova xornada de traballo de Amigus Labs, o proxecto argalleiro e Maker da Asociación Informática Amigus. A cita desta finde centrouse en dar forma a unha das máquinas que integrará o Fab Lab da dita entidade, o pantógrafo CNC. No encontro, ao que asistiron un bo número familias, tratáronse temas coma a Industria 4.0, a democratización da fabricación, ou o movemento Maker e as súas vantaxes (economía humanizada e cooperativa). Na zona de impresión 3D do obradoiro os participantes aprenderon a deseñar e producir unha manchea de pezas, amais de afondar en distintas aplicacións de materiais e en como usalos en todo tipo de sectores. A actividade abrangueu toda a cadea de actividade: dende a montaxe de impresoras até a impresión en si mesma, onde houbo marxe para acadar as mellores calidades posibles.

Segundo a organización, a zona que xerou máis interese para os argalleiros foi a de montaxe do pantógrafo CNC, onde todos os participantes puideron botar unha man á hora de darlle forma e descubrir os compoñentes e materiais para fabricar un pantógrafo e ver como funciona. Houbo tempo para rematar o desenvolvemento dun aparello destas características? Segundo a organización, os asistentes estiveron a piques de conseguilo ao longo das oito horas que durou o obradoiro, cubrindo boa parte do traballo previsto e deixando para o seguinte sábado “a parte da electrónica”. Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo, na zona Amigus Labs Kids, onde mediante Raspberry PIs con OS Kano puideron aprender a debuxar mediante programación, traballaron en desenvolvemento de ferramentas con Scratch ou manipularon imaxes co GIMP, ademais de usar o Minecraft e a zona retro.

Amigus agradeceu por unha banda a participación activa dos asistentes ao obradoiro, en especial a Alvaro Rey, de MakerGal, “por compartir de maneira altruísta os seus coñecementos”; e, pola outra, o apoio das seguintes entidades colaboradoras no evento: Concello das Pontes, COHEMPO, ENDESA, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter.

17/10/201709:24
O salón de actos da Fundación Barrié acollerá unha vez máis a celebración de Coruña Bloggers.
A Coruña

Ábrese a inscrición para un Coruña Bloggers en clave feminina

O vindeiro día 25 a partires das 19:30 horas celebrarase no salón de actos da Fundación Barrié na cidade da Coruña a edición número 12 de Coruña Bloggers, encontro solidario para interesados no mundo dos blogs, as redes sociais, a Internet e tecnoloxía en xeral que achega os últimos mércores de cada mes información interesante sobre o mundo 2.0 sendo a súa asistencia de balde, aínda que dende a organización pregan aos participantes acudir con cando menos 1 quilo de alimentos non perecedoiros para a súa doazón á Cociña Económica, estándose a pique de sueprar os 2.000 quilos achegados dende que comezou a organizarse esta iniciativa.

Os interesados en acudir o mércores 25 poden xa solicitar o seu convite a través da Rede, quedando así rexistrado o seu interese en asistir a este encontro que este mes terá lugar en clave feminina, xa que as relatoras serán a economista Isabel Loureiro, quen falará sobre o uso da Internet na procura de emprego, mentres que Mar Castro, consultora en comunicación e protocolo, abordará o spam social, ese grande problema cando as comunicación non desexadas, molestas ou irrelevantes non chegan só do correo electrónico, senón tamén das redes sociais.

A xornada desenvolverase até as 21:00 horas, cando os asistentes trasladaranse a un local de hostalaría próximo para a correspondente sesión de networking.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS