main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/11/201709:41
Encontro do programa Yuzz.
A Coruña

Comeza o novo programa Yuzz achegando 40 prazas para os emprendedores innovadores da UDC

Santander Yuzz, o programa que durante oito edicións impulsou o espírito innovador e as iniciativas creativas dos novos emprendedores universitarios (un total de 4.200 participantes de todo o ámbito estatal e centos de empresas xeradas en toda España), vén de subir un chanzo evolutivo para a súa vindeira convocatoria. E faino converténdose no programa Explorer Mozos con Ideas, dirixido para xente nova de entre 18 e 31 anos e co obxectivo de fornecela dunha contorna dixital, cooperativa e aberta para que os seus proxectos abrollen e maduren no mellor dos escenarios posibles. Esta iniciativa, impulsada por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinada polo CISE (Centro Internacional Santander Emprendimiento), foi presentada os meses pasados na USC (Campus de Santiago e de Lugo) e agora na Universidade da Coruña, que xa participou en catro edicións e que vén de pór en marcha a nova entrega do programa. 

Segundo puidemos saber, Explorer Mozos con Ideas achega 40 prazas para os vindeiros emprendedores da UDC. Como novidade este ano, haberá dous espazos de formación e impulso de iniciativas, un na Coruña e outro en Ferrol
Os seleccionados poderán beneficiarse do acceso ao Explorer Space UDC, un centro de coworking de alto rendemento onde poderán desenvolver as súas ideas de forma cooperativa, conectándose con outros emprendedores e recibindo asesoramento personalizado e formación dunha rede de máis de 200 expertos en innovación e modelos de negocio.

Ao remate dos cinco meses de formación e ideación, o proxecto mellor valorado do Explorer Space UDC viaxará a Silicon Valley, o referente mundial en innovación e emprendemento do ámbito dixital, xunto a outros 50 emprendedores de todo o territorio estatal, onde recibirán clases maxistrais e empresas tecnolóxicas punteiras, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o seu desenvolvemento.

Ademais, grazas á colaboración coa Fundación EY, Explorer conta tamén co premio Woman Explorer Award que ofrece 20.000 euros para financiar o mellor proxecto liderado por unha emprendedora e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award (impulsado por Indra) que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ao proxecto de negocio máis innovador. Os interesados en participar poden inscribirse a través da plataforma global www.jointheX.org.

02/11/201709:35
Momento do Obradoiro Supercine: taller de cine LAIC.
A Coruña

O sector audiovisual coruñés mergullouse nos segredos do crowdfunding

O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación da Coruña (LAIC) celebrou os días pasados no Centro Cívico da Cidade Vella unha xornada divulgativa directamente encamiñada a mostrar as vantaxes e os segredos da técnica docrowdfunding (micromecenado na Rede a través do apoio da comunidade) para pór en marcha un proxecto audiovisual ou de contidos dixitais. O obradoiro Supercine: taller de cine LAIC veu da man do cineasta Miguel Ángel Rolland e contou coa presenza, entre os asistentes, de realizadores audiovisuais, profesionais do guión e da interpretación, creadoras freelance e mesmo algunha persoa procedente de colectivos sociais con proxecto de facer un documental. 

O obradoiro, organizado polo Concello a través de Coruña Dixital, artellouse en dúas metades. Na primeira xeira de traballo introduciuse o grupo na filosofía crowd e nos distintos motivos que nos poden levar a usar esta metodoloxía de produción para un proxecto audiovisual. Tamén se fixo saber que o devandito apoio non consiste só en cartos: “A crowd é o noso futuro público, a xente interesada non só en ver o filme se non en ser embaixadora del e contribuír da maneira que poida e que se lle solicite en cada momento”, sinalou o relator. 

A sesión da tarde foi máis práctica e nela Miguel Ángel Rolland deu as claves para deseñar e executar unha campaña de crowdfunding para un filme, un proceso, sinalou, “que ten que comezar como mínimo seis meses ou mesmo un ano antes do lanzamento oficial da campaña, coa construción da comunidade”. Segundo fixo saber, o proceso debe levar parella a aplicación dunha firme filosofía social: “Debemos ser o máis sociais en Internet que poidamos”. O roteiro, engadiu, “consiste en irmos construíndo o proxecto coa axuda das xa célebres tres efes (“Friends, Family & Fools”) até os grupos de interese que poden estar relacionados co tema da nosa película”. Segundo dixo, isto require unha investigación exhaustiva nas redes, “facendo a nosa base de datos de xente potencialmente disposta a colaborar, e iniciando os contactos con ela, cociñando as relacións a lume lento para que respondan cando se lles pida axuda”. A partir de aí, explicou, “cómpre usar todos os mecanismos de comunicación ao noso alcance, online e offline, montar un equipo de traballo, elixir plataforma de crowdfunding e planificar a precampaña e a campaña para chegar á nosa meta e poder cantar vitoria”. 

Rolland debullou as devanditas metodoloxías en base a un caso de éxito concreto: o do seu documental Santa Fiesta, que contou na súa orixe co apoio de comunidades animalistas a nivel internacional, e acompañouse dunha campaña de crowdfunding na plataforma IndieGoGo.

02/11/201709:33
Evento Empresas con Sentido.
Madrid

‘Empresas con Sentido' comparten experiencias transformadoras de voluntariado e innovación

A Fundación Hazloposible celebrou en Madrid o evento Empresas con Sentido ao que asistiron máis de 250 persoas para coñecer novas tendencias en voluntariado corporativo e innovación social.

Na inauguración do acto, Carmen Caseiro González, directora xeral do Traballo Autónomo, Economía social e RSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, destacou que “os criterios da RSE melloran á empresa e devolven á sociedade o que esta nos dá”.

Pola súa banda, Catalina Parra, presidenta da Fundación Hazloposible, compartiu cos asistentes a Biblioteca de Voluntariado Corporativo, que recolle materiais didácticos para axudar ás empresas para multiplicar o impacto dos seus programas.

 

Empresas e líderes con sentido

A continuación Maite Arango, vicepresidenta do Consello do Grupo Vips, e Josep Santacreu, CEO de DKV Seguros, debateron sobre como a alta dirección entende o rol do Voluntariado e a Innovación Social nas súas vidas e no seu enfoque da RSC. Arango considera que “as empresas necesitan líderes con compromiso e humildade para que o seu compromiso se traslade aos empregados”. Mentres, Santacreu, como líder empresarial, explicou que o seu propósito de vida é “axudar a persoas que son capaces de transformar o mundo. Na vida hai que estar en proxectos que impacten na xente, desde onde sexa”.

Posteriormente, na mesa redonda Empresas con Sentido, directivos, millenials, xestores de programas de voluntariado corporativo e ONG con programas de voluntariado corporativo innovadores expuxeron novas formas de participación e colaboración entre empresas e ONG.

02/11/201709:29
Logo AECC.
Madrid

Microsoft e Bravent promoven o desenvolvemento da primeira app que conecta a pacientes e familiares con voluntarios da AECC

  • Ambas as entidades animan aos desenvolvedores a participar no desenvolvemento desta app Open source, que será a primeira que contacte beneficiarios con voluntarios

 

Microsoft Ibérica e Bravent queren axudar á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) a poñer en contacto a beneficiarios (pacientes e familiares) con voluntarios da asociación e, para iso, poñen en marcha, unha iniciativa para promover a creación dunha aplicación móbil que faga máis fácil o contacto entre eles e permita que a AECC poida chegar a máis persoas, sobre todo novas, cuxo medio de comunicación principal é o móbil e Internet

A Asociación Española contra o Cancro (AECC), leva desde 1953 integrando a pacientes, familiares, voluntarios e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas e financiar proxectos de investigación oncolóxica para permitir un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Máis de 15.000 persoas forman actualmente o equipo de voluntarios da AECC.

O labor altruísta destas persoas voluntarias e colaboradoras contribúe ao desenvolvemento e o mantemento dos proxectos e servizos da AECC, pero ás veces, conectar a estes voluntarios cos pacientes e familiares é complicado ou lento. Actualmente, os beneficiarios que necesitan axuda ou queren solicitar os servizos da Asociación, teñen que acudir de maneira presencial aos seus centros, contactar a través da web, ou poñerse en contacto de maneira telefónica a través do número Infocáncer.

A axuda aos beneficiarios e a formación dos voluntarios e a súa asignación, está a realizarse actualmente de maneira manual, o que leva un duro traballo por parte dos profesionais da AECC, xa que cada vez son máis os beneficiarios que necesitan os seus servizos.

“Informar sobre como reducir riscos de desenvolver un cancro, a mellora da calidade de vida das persoas enfermas e os seus familiares a través do acompañamento dos afectados e a información sobre os nosos programas e servizos, son algunhas das accións que o noso voluntariado levan a cabo”, comenta Juan Carlos Martín da AECC.

“Necesitamos iniciar unha transformación dixital que nos axude a chegar máis e mellor ás persoas que nos necesitan e a aumentar o número de voluntarios que dan apoio a pacientes e familiares en toda España. O desenvolvemento desta app da man de Microsoft é o primeiro paso dun proceso de dixitalización que nos axudará a crecer e a dar mellor servizo a todos os nosos beneficiarios”, explica Martín.

É por isto que a AECC está a poñer en marcha un plan estratéxico que dará os seus froitos en 2020 e na que a transformación dixital é un dos seus eixos.

Tanto Microsoft como Bravent, queren axudar á AECC neste camiño de dixitalización e unha das primeiras accións é a da promoción dun hackaton Online de tres meses de duración no que anima aos desenvolvedores a crear a primeira app móbil, que poña en contacto directo aos beneficiarios cos voluntarios da Asociación, e poder atender as súas peticións en calquera momento e lugar, sen ter que desprazarse ou poñerse en contacto telefonicamente.

 

Xamarin e Azure para dixitalizar o contacto

Comezouse o desenvolvemento en Xamarin, e publicouse como proxecto Open source, que permitirá estar dispoñible nas tres principais plataformas do mercado -IOS, Android e Windows- e así chegar ao máximo número de usuarios.

Microsoft e Bravent traballaron no desenvolvemento dun esqueleto inicial desde o que os desenvolvedores poden seguir traballando para crear a app. Para iso, empregaron as tecnoloxías máis punteiras de Microsoft, co obxectivo de crear un produto totalmente viable e sinxelo de utilizar por calquera persoa.

Así, crearon un back-end na nube de Microsoft Azure e para a autenticación e acceso de usuarios está a utilizarse Azure B2C e para a xestión do chat está a empregarse BOT Framework de Microsoft coa idea de utilizar os servizos cognitivos de Microsoft nun futuro próximo. Máis información sobre as bases do hackaton e como participar en http://info.bravent.net/app-contra-o-cancer e no vídeo.

31/10/201710:01
Inauguración do curso.
Santiago de Compostela

Comeza o curso nas Aulas da Terceira Idade de Galicia

  • A inauguración contou coa presentación dunha innovadora APP para o alumnado e unha conferencia do director do Ceapat, Miguel Angel Valero

 

As Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal) inauguraron oficialmente o novo curso cun acto oficial celebrado no auditorio de Afundación de Santiago de Compostela. Nel presentáronse todas as novidades da entidade para o ano académico 2017-2018. Entre elas, unha innovadora aplicación para móbil, deseñada exclusivamente para Ategal pola empresa Tesla&Technologies, unha rolda de prensa institucional e a conferencia do director do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas do Imserso (Ceapat) Miguel Ángel Valero sobre ‘cidades amigables', rede á que pertence, desde hai un ano, Santiago de Compostela.

Ao evento asistiron preto de 300 persoas das 1.200 que forman o alumnado das nove sedes galegas de Ategal nas que aínda está aberto o prazo de inscrición para calquera dos seus cursos, obradoiros e actividades. De feito, o novo curso empeza cunha grande novidade: novas instalacións, con aulas específicas e de maior espazo, así como unha ampliación na oferta de materias, obradoiros e actividades presenciais e dixitais.

“Temos un espectacular aumento da demanda nos cursos para persoas maiores da internet, móbil e tablets” subliña a vicepresidenta de Ategal, Paula Sande que lembra que a entidade engade este ano ás súas posibilidades de elección de formación e participación, varios proxectos para o seu alumnado como Neuron_Up de estimulación cognitiva en liña e con móbiles; Smart Ategal Ageing on Way de formación e uso de móbiles para maiores; Active post workin life ou encontros senior, e Simpático, incluído no plan europeo H2020 no que é socio a Xunta de Galicia e a Universidade de Deusto.

Todo isto compleméntase, sinala, “coas actividades, obradoiros e cursos que ofrecemos en saúde, cultura e formación” como ioga, pilates, taichí, ximnasia, estimulación cognitiva, piscina; educación para a saúde, antropoloxía, arte, historia, literatura, inglés, francés e coro, música instrumental ou pintura.

 

Apoio oficial

A nivel institucional acudiron á inauguración a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta, Fabiola García; o presidente de Ategal, Anxo Fagilde Trabada; o presidente de honra de Ategal, Rafael Romero Valencia e a concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago de Compostela, Concepción Fernández.

 

Aplicación exclusiva

Outra gran novidade para este curso é unha aplicación para o teléfono móbil que servirá á entidade e alumnado para comunicarse e relacionarse entre si e co resto da sociedade. Esteban Vázquez, representante de Tesla &Technologies, a empresa que a deseñou  e puxo en marcha exclusivamente para Ategal, presentouna no acto de inauguración do novo curso destacando que servirá “non só para aprender, para estar informado e conectado”. Matizando que “conectados, pero non sós” pois a App, explicou, “funcionará ademais como punto de encontro e lugar de referencia”. Esta aplicación, que se manexa como unha plataforma tipo whatsapp, aínda que máis completa, sinxela e intuitiva, terá unha parte privada do alumno e outra pública á que pode acceder calquera persoa para coñecer a entidade, as súas actividades, novidades, etc. A parte privada contén varias seccións con horarios, notificacións, información de todo tipo dos obradoiros, materias e actividades, fotos e información que permitirá a Ategal e o seu alumnado estar en contacto permanente e interactuar en todo momento e respecto de todo o necesario. 

 

Cidades amigables

Pola súa banda, Miguel Angel Valero Duboy, director do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas do Imserso (Ceapat) inaugurou o curso coa conferencia “Que é para ti unha cidade amigable?” na que relacionou envellecemento activo coa transformación das propias cidades: “se a persoa maior se move, en todos os sentidos e non só o físico, a cidade avanza, mellora e transfórmase”. Valero lembrou que envellecer, como é natural, diminúe as nosas capacidades físicas, sensoriais ou cognitivas. Pero, se existe unha contorna “amigable que promova a actividade física e funcional, que potencie a participación individual e colectiva” a capacidade funcional, asegurou, “diminúe menos” e permítelle ademais, á persoa maior, “ter un enfoque proactivo co que atender as súas necesidades nesta nova etapa vital”. Valero puxo o exemplo de Santiago de Compostela que, como todas a cidade amigables, debe atender ditas necesidades como ofertar servizos específicos para as persoa maior: “iso é un avance cara a unha cidade amigable” dixo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS