
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Deputación de Pontevedra está a presentar estes días o seu roteiro de actividades TIC do mes de novembro para o tecido produtivo e profesional da provincia. Un programa de accións formativas que se vai desenvolver novamente pola rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros.
O programa arranca este 3 de novembro co obradoiro A túa páxina web en menos de 90 minutos e seguirá cos seguintes cursos: o mércores 8 impartirase o obradoiro A túa páxina web con Wordpress, o martes día 14, Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?, dous días despois, o xoves 16, Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería, e para rematar, o xoves 23 de novembro comezará o obradoiro Google Analytics: Iniciación á analítica Web e o mércores O ámbito das novas tecnoloxías e RRSS no sector turístico. A oficina Smart PEME de Cambados, no Centro Exposalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina webwww.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 h.
Polo que atinxe a Vigo e contorna, as oficinas situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros. As quendas para o mes de novembro na oficina de Vigo son as seguintes: Comercializa os teus servizos a través das redes sociais, o xoves 2 de novembro; Seguridade Informática I – Seguridade no teu ordenador, o mércores 8; Crea o teu propio logotipo no Canva, o martes 13 de novembro; Woocommerce I – A solución para vender por Internet", o xoves 16; Google Analytics: Iniciación á analítica Web, o luns 20 de novembro, e para rematar, o mércores 22, Ferramentas e apps imprescindibles para o sector legal". A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.
Pola súa banda a oficina de Ponteareas acollerá o xoves 9 de novembro o seu primeiro obradoiro do mes con Redes Socias para a empresa – É Twitter a túa solución?. O seguinte, Google Analytics: Iniciación á analítica Web, será o luns 13 de novembro. Dous días despois, o mércores 15 de novembro, será a quenda de A túa páxina web en menos de 90 minutos. Na última semana de mes haberá dous novos obradoiros, un o luns 27 de novembro con Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura? e o outro o mércores 29 de novembro Crea o teu propio logotipo Canva. A oficina de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, número 5.
Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o xoves 2 de novembro desenvolverase o taller Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?; o martes 7 de novembro Facebook Ads; dous días despois, o día 9, Fotografía e vídeo para espazos interiores; o mércores 15 de novembro, Google Analytics: Iniciación á analítica Web; o mércores 22 de novembro Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo, e por último Guía de boas prácticas para redes sociais. A oficina SmartPEME do Porriño, no multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Segundo informa a Deputación de Pontevedra este mes de novembro haberá dous obradoiros que cambiarán de lugar, estes serán os dos días 2 e 22 de novembro, que no seu caso terá lugar nas instalacións de AEMOS. Todas as actividades terán lugar en horario de 19:00 horas agás o obradoiro que se desenvolverá en AEMOS o día 2 de novembro, que comezará ás 17.30h. A inscrición se pode facer a través do número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A Asociación Adisli, entidade con máis de 20 anos de experiencia no ámbito social, declarada de utilidade pública no ano 2003, en colaboración coa Fundación Vodafone España, continúa a súa misión de lograr a inclusión socio laboral das persoas con intelixencia límite e/ou discapacidade intelectual lixeira, a través do Proxecto “Empregando que é xerundio”.
O proxecto fundaméntase nunha planificación centrada na persoa, favorecendo a formación, orientación e asesoramento, a incorporación laboral, a inclusión social e a sensibilización en todos os ámbitos.
Destacar os logros alcanzados polas persoas que participan activamente en Empregando “que é xerundio”, 80 participantes que se atopan desenvolvendo diferentes itinerarios profesionais e compártenos na nosa plataforma de blogue e videoblogue www.empleandoqueesgerundio.blogspot.com.es, incidindo naqueles que supoñen o maior éxito do desenvolvemento de “Empregando que é xerundio”.
Desta forma, varias persoas participantes, asumiron novos retos durante o mes de setembro e comezos de outubro. Como o caso de Gemma, que acaba de renovar o seu contrato nunha empresa de manipulados; Alejandro e Laura, que se incorporan como Auxiliar de servizos en dúas empresas; Eva e Pablo, que comezan unhas prácticas non laborais; Anabel, Laura, Sonia e Juanjo, que comezaron diferentes certificados de profesionalidade ou Diego, Víctor e Jorge, que realizaron con éxito unha formación en novas masculinidades.
A colaboración mantida coa Fundación Vodafone España, facilita e incide na mellora das competencias comunicativas e tecnolóxicas, habilidades que fomentan a inclusión e o desenvolvemento da autoestima e a motivación persoal. Grazas á colaboración mantida, as persoas participantes desenvolven o seu talento e as súas competencias, nun marco colaborativo que favorece o traballo en equipo, a solidariedade e o compañeirismo, valores que fomenta a liña da Asociación Adisli e son compartidos por a Fundación Vodafone España.
O compromiso do Consello da Cultura coa análise do que están a dar de si as novas tecnoloxías como elementos transformadores dos nosos xeitos de comunicarnos e procurar información (entre outras moitas transformacións do día a día de cada quen) non só se vai deixar notar amplamente en 2018, senón tamén nesta recta final de 2017. Se hai uns días falamos das reflexións feitas sobre o ciberacoso dende a sede do CCG, hoxe é a quenda de avanzar as liñas xerais da xornada Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos, prevista para o 9 novembro, novamente na sede do Consello da Cultura, e contando na comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba Silva. A cita, como se indica no seu nome, será unha oportunidade para ver até onde chegamos en materia de comunicación móbil e albiscar o que nos reserva o futuro neste ámbito. Segundo avanza o CCG, todo indica a que este modelo comunicativo e cultural (tendo en conta o espectacular medre no tráfico de mensaxes nos dispositivos móbiles) “veu para quedar”.
O CCG tamén lembra que os datos recentes achegan evidencias claras sobre a importancia destes dispositivos no ámbito da comunicación e da cultura: no ano 2016, o tráfico de Google alcanzou a marca do 50 por cento para dispositivos móbiles por primeira vez, fronte a un 42 por cento nos dispositivos de escritorio. E no ano 2017 esta cifra medrou ata o 60 por cento, mentres o de Facebook pasou do 78 por cento ao 87 por cento.
Neste contexto, o obxectivo desta xornada é “analizar como a sociedade móbil está a mudar usos e consumos de produtos culturais”. Trátase, engade o CCG, “de dispoñer de visións do novo marco, nas vésperas da cuarta revolución industrial, e da situación da cultura galega nese escenario en construción”.
Programa da xornada
O salón de actos da Facultade de Ciencias da Comunicación servirá de acubillo, este 3 de novembro, ás Xornadas sobre novas audiencias na contorna dixital, a partir das 9:15 horas, un encontro profesional para mostrar ante o alumnado os cambios que están a producir as novas tecnoloxías entre os consumidores de contidos e cultura. Logo do acto de inauguración, á devandita hora, comezará un relatorio de Eduardo Madinaveitia, experto en investigación de medios, coa conferencia Investigación de audiencia: de onde vimos. Ás 10:15, Fernando Santiago, director Técnico da Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación, falará sobre Internet: encrucillada na medición de audiencias.
Máis tarde, a xefa do Servizo de Innovación no Contorno Dixital da CRTVG, Esther Medina, intervirá ás 11:45 co relatorio 1+1 ≠ 2. Finalmente, o guionista Javier Olivares falará en detalle sobre Os retos do guionista actual ante as novas audiencias.
A xornada, organizada pola Facultade, concluirá cun coloquio, ás 13:15h., moderado polas profesoras Ana González Neira e Natalia Quintas Froufe. A asistencia ás conferencias está aberta a todo o público interesado.
A Unión Europea recoñeceu a través da Competición Europea de Innovación Social a tres proxectos moi distintos, entre os que se inclúe Feelif, unha aplicación que permite a persoas con discapacidade visual ‘notar' os obxectos que aparecen nunha pantalla táctil.
Feelif consta dun plástico que se coloca encima da pantalla dun smartphone ou unha tableta que, combinado coa app, utiliza vibracións e voz para facer chegar á persoa cega que hai baixo o seu dedo.
Os outros dous proxectos premiados foron Buildx, para promover a compra de casas a un prezo alcanzable a través do deseño dixital e a distribución da produción; e Saga, unha plataforma de aprendizaxe que pon en contacto a alumnos e profesores.
Cabe destacar que entre os dez finalistas na edición deste ano desta competición atopábase o proxecto Mouse4All, desenvolvido por dous emprendedores españois.