
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O teléfono móbil é unha ferramenta cotiá e case imprescindible na vida diaria de calquera persoa, pero os constantes avances tecnolóxicos fan que, especialmente as persoas maiores, se sentan desbordadas e non sexan capaces de utilizalos debidamente. Resolver esta problemática é a finalidade da iniciativa que poñen en marcha a Concellería de Persoas Maiores de Vilagarcía de Arousa cun obradoiro específico para o colectivo senior de 'Uso do teléfono Móbil' que se impartirá no mes de novembro e no que poderán participar, de maneira gratuíta, 20 alumnos deste colectivo de idade. O prazo para anotarse vai do 30 de outubro ao 10 de novembro.
Con este obradioro, o departamento que dirixe Tania García Sanmartín, pretende ofrecer ás persoas maiores "a oportunidade de introducirse no uso das tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) dunha maneira sinxela, amena e, fundamentalmente, útil". O obxectivo principal é que "adquiran uns coñecementos básicos sobre os dispositivos e sobre WhatsApp para que poidan mellorar cuestións cotiás do seu día a día, como a comunicación cos seus familiares e amigos, así como a xestión do seu lecer e tempo libre".
No curso ensinarase aos participantes as partes principais do teléfono móbil, a función das distintas teclas, como deben cargar a batería ou conectar os auriculares. Tamén se lles explicará o significado das iconas de pantalla, como mandar unha mensaxe de texto ou manexar a axenda de contactos.
"Cunha linguaxe sinxela e seguindo o ritmo dos alumnos tamén se lles mostrará outro tipo de funcións que lles poden ser útiles como sacar fotografías, conectarse a internet, escoitar a radio polo móbil ou mesmo a usar o GPS para orientarse ou indicar a súa localización" explican desde o Concello.
O curso será impartido por persoal do centro Polivalente Ana María Paradela e desenvolverase nun seminario do Auditorio en dúas sesións de 2 horas de duración cada unha. Os interesados poderán inscribirse nas dependencias da Concellería de Persoas Maiores.
A compañía Grupo 5 lanza a IV edición dos Premios G5 Innova que busca proxectos empresariais que axuden a mellorar a sociedade con ideas e solucións innovadoras. A innovación, viabilidade, uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e o impacto social dos proxectos presentados, serán os criterios de valoración do xurado.
Os eixos temáticos establecidos polo concurso inclúen aqueles proxectos con especial incidencia ou impacto no ámbito da educación, a violencia e a empregabilidade en colectivos menores de 26 anos e maiores de 45 anos.
Prazos e premios
O xurado outorgará un primeiro premio dotado con 6.000 euros para destinar ao desenvolvemento do proxecto e outros dous accésit de 500 euros cada un para o segundo e terceiro mellor proxecto. Os tres premiados recibirán apoio no ámbito da comunicación para dar difusión ás súas ideas.
O prazo de presentación de proxectos estará aberto ata o 17 de novembro e todas as persoas interesadas poderán rexistrarse a través do formulario online dispoñible. A organización levará a cabo unha primeira selección de 10 proxectos en febreiro de 2018 e a selección dos tres finalistas en marzo. Os gañadores coñeceranse ese mesmo mes.
O dinamizadores das aulas CeMIT dos concellos de Cerceda, Cuntis, Fisterra, Oroso, Ortigueira e Santa Comba participarán este mércores e xoves, 8 e 9 de novembro, no Encontro de Dinamizadores de Redes de Telecentros Changemakers: Dinamizadores do cambio, xornadas organizadas pola Asociación Comunidade de Redes de Telecentros de España, da que a Rede CeMIT de Galicia é membro.
Xunto con representantes galegos, tamén participarán dinamizadores de redes de telecentros existentes en Andalucía, Cantabria, Castela e León, Canarias, Estremadura, Murcia, Cataluña e Castela A Mancha, sumando un total de 75 participantes e 10 redes distintas. O formato deste encontro é dun obradoiro participativo, no uso de ferramentas e técnicas de pensamento creativo aplicables ao seu traballo diario coa cidadanía. Contando coa experiencia de cada Rede de Telecentros, o encontro axudaralles a debuxar novas propostas, propoñer novos retos e converter en realidade o rol dos dinamizadores como axentes do cambio nas súas localidades.
Afondarase nas boas prácticas impulsadas dende cada unha de las Redes de Telecentros a nivel nacional sobre aspectos como a e-Inclusión, o envellecemento activo, as competencias dixitais, a innovación social, a ciberseguridade, os eServizos, ou o uso seguro e responsable da tecnoloxía en contornas educativos. Oe encontro permitirá analizar de que forma desde estas redes poden seguir ofrecendo iniciativa que respondan ás liñas estratéxicas e desafíos formulados dentro da Axenda Dixital para España 2020 e da Axenda Dixital Europea.
O vindeiro sábado celebrarase a OSHWDem, unha feira dirixida a que todos os públicos, especialmente os non profesionais, poidan gozar e iniciarse nas coñecidas como tecnoloxías abertas. Durante todo o día haberá exposición de proxectos explicados polos seus propios autores, competicións de robots de todos os niveis de sofisticación e talleres e charlas sobre estas tecnoloxías.
O evento está organizado pola asociación Bricolabs, leva celebrándose anualmente desde 2012 e á pasada edición asistiron 2.150 persoas e preto de 800 máis participaron nas actividades organizadas os días próximos á feira.
Este ano a exposición encherá todos os recunchos da Domus, e contará con máis de 150 proxectos realizados por máis de 100 argalleiros vindos de toda España e parte de Europa.
Os proxectos abarcan desde xogos sinxelos ata as montaxes máis complexas. Todos eles teñen en común que a información de como se fan está publicada para que calquera poida reproducilos, adaptalos ou mesmo melloralos. Na OSHWDem poderás coñecer aos creadores de cada proxecto que responderán as túas preguntas e contaranche as características e dificultades que atoparon na súa realización. Ao longo de todo o día celebraranse competicións de robots. Desde os máis sinxelos na competición de Hebocon, feitos con cinta illante e pezas dispares, ata os máis sofisticados capaces de resolver labirintos de forma autónoma ou carreiras de segueliñas autónomos. Mención especial merecen os combates nos que só un robot sobrevive.
Calquera que o desexe pode construír un robot básico para Hebocon e está a tempo de apuntarse para competir nesta ou outra das competicións. Tamén haberá obradoiros e charlas que abarcan desde a iniciación ata técnicas máis sofisticadas. Os obradoiros non rematan o día 11, senón que ao longo de todo o mes desenvolveranse sesións de iniciación á soldadura, construción de robots, instrumentos musicais e programación. O horario da OSHWDem o día 11 de novembro é de 10:00 a 20:00 horas e a entrada é de balde.
A Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela prepárase para acoller o 8 de novembro a VI edición de Aquae Talent Hub, un espazo de debate e reflexión ao redor da innovación e o emprendemento que percorre a xeografía española cun estimulante formato: unha xornada de traballo composta por unha master class e un obradoiro.
A master class versará sobre emprendemento e innovación comunicativa e solidaria da man do escritor, xornalista, guionista e tradutor Santiago Roncagliolo. Licenciado en Lingüística e Literatura, Santiago é experto en innovación solidaria. As súas obras, nas que están moi presentes os recordos da súa nenez nun Perú gobernado baixo mandato militar, valéronlle o recoñecemento de público e crítica internacional.
En 2006 converteuse no gañador máis novo do Premio Alfaguara de Novela con ‘Abril Vermello', obra incluída na lista dos 15 finalistas do Premio Independent Foreign Fiction, un dos galardóns máis prestixiosos das letras británicas. A revista literaria Granta seleccionouno entre os mellores escritores da súa xeración e The Wall Street Journal cualificouno como ‘un dos próximos García Márquez'.
En 2005, convidado por a Fundación Aquae, Santiago viaxou cun equipo de UNICEF polos ríos da selva peruana para coñecer de preto como é vivir sen auga segura e sen saneamento. En América Latina, uns 35 millóns de persoas carecen de auga potable (no mundo xa son 663 millóns de persoas) e 106 millóns non contan con saneamento adecuado. Esta experiencia na Amazonía peruana marcouno tanto que decidiu plasmala nunha extensa reportaxe no diario El País (‘O orgullo de Bena Xema').
Pola súa banda, o taller de Aquae Talent Hub permitirá explorar o proceso creativo e como xerar novas ideas dunha forma diferente e estará liderado por Irene Lapuente, física de formación e experta en Comunicación e Pedagoxía (as súas áreas de expertise son o método científico, o design thinking e os procesos creativos) e cofundadora da Mandarina de Newton, empresa que une ciencia e tecnoloxía para fomentar a creatividade.
Aquae Talent Hub é unha plataforma de impulso a novas ideas; un lugar de encontro onde compartir coñecemento e potenciar o talento; un espazo de reflexión e divulgación sobre emprendemento e innovación. Ata a data, máis de 2.400 persoas puideron gozar desta experiencia en Elxe, Murcia, Málaga, Sevilla, Huelva, Granada ou Santiago de Compostela, que xa acolleu outra edición o pasado mes de maio, á que asistiron máis de 400 persoas.
O obxectivo que persegue a Fundación Aquae, promotora principal da iniciativa xunto con Viaqua e a universidade compostelá, é xerar o interese polo emprendemento e os proxectos dos emprendedores, así como achegar visibilidade a iniciativas sociais que teñan unha forte vinculación co medio ambiente, a cultura, a cooperación e o emprendemento social.
Máis información: http://www.fundacionaquae.org/proyectos/aquae-talenthub-2017-eventos/
Sobre Viaqua
Empresa galega do sector do medio ambiente que xestiona todos os procesos relacionados co ciclo integral da auga en 53 municipios galegos: a captación, a potabilización, o transporte e a distribución para o consumo cidadán con absolutas garantías sanitarias e que chega a máis de 750.000 habitantes. O modelo VIAQUA está baseado na excelencia do servizo prestado a todos os clientes: fogares e empresas e fundaméntase na adaptación ás necesidades de todos os clientes sen excepción, na constante innovación tecnolóxica e na adecuada xestión do coñecemento, así como no uso sustentable de todos os recursos de auga dispoñibles.
Máis: http://www.viaqua.gal
Sobre a Fundación Aquae
A Fundación Aquae é unha entidade privada independente e sen ánimo de lucro que apoia e promove o talento emprendedor, a investigación, a innovación, a cooperación e a integración social nos campos da ciencia, o coñecemento, a sustentabilidade e a cultura. Creada en 2013, a Fundación Aquae traballa como un think tank que aspira a espertar a inquietude, a creatividade e o espírito colaborativo para conseguir un modelo de desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable.