
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Hoxe comezou en Lugo un evento destinado a pór de relevo a importancia da innovación smart e as novas tecnoloxías para dar con formas máis sustentables, eficientes, eficaces, limpas e rendibles de xestionar e consumir enerxía. Falamos da cuarta edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética, XENERGAL 2017, que se desenvolve até mañá no Pazo de San Marcos da man do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello. A inauguración correu a cargo do deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o director do Congreso, Fernando Blanco. Segundo fixeron saber, no evento están a participar un centenar de profesionais de toda a Comunidade, achegando 36 relatorios.
O obxectivo deste encontro é “difundir o coñecemento relacionado coa xestión da enerxía”, pero ao mesmo tempo “servir como plataforma de contacto entre profesionais, para o que ademais das correspondentes mesas está previsto a celebración de actos networking paralelos”.
Santos Ramos subliñou no acto de apertura que “é un orgullo para a nosa provincia poder acoller a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso”, que versará sobre enerxías renovables, tecnoloxías smart, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal dos devanditos recursos.
Segundo engadiu o deputado, “dende o Executivo provincial estamos comprometidos e sensibilizados nesta materia”. Esta é a razón, dixo, de que a entidade provincial destinase 1,5 millón de euros a través do Plan de Aforro Enerxético (ao que se adheriron 37 Concellos, permitíndolles aforrar máis dun 10% nos custos municipais); de que se elaborase un novo programa de aforro enerxético chamado ILUMIN@ (dirixido a todos os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e totalmente gratuíto para os mesmos, recibindo unha axuda económica para a compra e instalación de novo equipamento de baixo consumo en dotacións municipais) e de que se investisen 750.000 euros para fornecer dun novo sistema de iluminación ao Paseo do Río Rato, con 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos nun treito de 7 quilómetros.
Pola súa parte, Méndez López engadiu que “énchenos de orgullo que Lugo sexa unha cidade na que cada vez se celebran máis citas deste tipo, citas importantes polo contido, e polas conclusións ás que se chegará”. Segundo dixo, existe o firme compromiso dende o Goberno local de converter a cidade nunha urbe sustentable, e nesa liña leváronse a cabo medidas como reducir a velocidade a 30 nunha manchea de rúas ou habilitar máis zonas peonís en múltiples barrios. Ademais, engadiu, “fomos quen de acadar 22 millóns de euros de fondos europeos, para implantar este tipo de medidas de aforro enerxético”.
Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais como profesionais de referencia da enerxía; este papel debe estar apoiado por outras profesións complementarias, e por iso este congreso exponse aberto á participación de diferentes disciplinas”.
Pola súa banda Fernando Blanco salientou “a necesidade de implantar a xestión enerxética na empresa e na administración pública” indicando que “esta é unha disciplina que se integra e aplica dende finais do século XX pola necesidade de diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro, así como para garantir a seguridade das instalacións en funcionamento”.
24 relatorios na xornada de hoxe
Ademais da inauguración, na xornada de hoxe celebráronse un total de 24 relatorios, en sete mesas. En horario de mañá celebrouse a mesa institucional, na que estiveron presentes as iniciativas do Concello de Lugo e da Feira da Enerxía de Galicia; a segunda mesa centrouse no aforro en instalacións industriais, mentres que a terceira versou sobre as aplicacións da enerxía xeotérmica en Galicia, que contou á súa vez coa colaboración do Clúster Galego de Enerxía Xeotérmica (ACLUXEGA).
En horario de tarde desenvolvéronse a segunda edición do Seminario Técnico Galego de Iluminación, a quinta Xornada Eólica de Galicia (en colaboración co Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Cluergal) e as mesas correspondentes ao mantemento de edificios e pobreza enerxética e compoñentes sociais da enerxía.
A empresa española Mouse4all foi galardoada como mellor solución dixital con impacto social na categoría de Inclusión e Empoderamiento nos World Social Awards (WSA).
Nesta edición 2017, os WSA distinguiron a un total de 40 iniciativas en oito categorías distintas, seleccionadas dun total de máis de 400 nomeadas procedentes de países de todo o mundo. Segundo a organización, "todos os proxectos nomeados son innovadores e únicos, o que converte aos 40 mellores en excepcionais".
Estes premios son unha iniciativa enmarcada no Cume Mundial das Nacións Unidas sobre a Sociedade da Información para recoñecer a innovación dixital con impacto na sociedade.
Os gañadores dos WSA 2017 representan unha gran variedade de iniciativas de innovación dixital: desde impresión 3D de órganos, 'big data' orientado ao turismo, unha pequena computadora programable para axudar aos escolares para aprender a codificar, ou unha plataforma de traballo para mulleres centrada no talento tecnolóxico.
Mouse4all é unha empresa española de emprendemento social creada polos enxeñeiros José Ángel Jiménez e Javier Montaner, que desenvolveron un produto de accesibilidade que permite utilizar dispositivos táctiles Android a persoas que non poden manexar a pantalla por mor dunha discapacidade física.
Desta maneira, con só mover unha panca co queixo, por exemplo, ou facer 'clic' nun pulsador coa cabeza, conseguen acceder a Internet, redes sociais, xogos e calquera aplicación dun móbil ou unha tableta. Así, esta innovación contribúe a cambiar a vida de persoas que, por primeira vez, poden usar dispositivos móbiles cos que son capaces de comunicarse e interactuar con outros, potenciando a súa privacidade, autonomía e autoestima.
Segundo Jiménez, "a idea xurdiu cando fomos conscientes de que a revolución dixital deixara fóra a millóns de persoas que non poden usar unha pantalla táctil por sufrir unha discapacidade física severa como parálise cerebral, lesión medular, esclerose múltiple, enfermidades neuromusculares ou ELA".
Pola súa banda, Montaner asegurou que se senten "moi agradecidos e orgullosos por resultar premiados nunha competición tan prestixiosa que, ademais, achéganos unha proxección clave á hora de contribuír a solucionar un problema que afecta as persoas con discapacidade a escala mundial".
Co fin de promover as vantaxes que ofrecen os dispositivos móbiles avanzados (novos teléfonos intelixentes e tabletas), Internet e as redes sociais para as persoas maiores, a Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España renovan o seu convenio de colaboración para ofrecer obradoiros formativos a este colectivo.
O obxectivo do devandito convenio, cuxa duración se estenderá ata marzo de 2018, é formar a máis de 2.900 persoas maiores. Desde que comezou a colaboración da Fundación Vodafone España coa Institución en 2006, pasaron por estes cursos case 38.500 persoas.
En relación a esta colaboración, a Cruz Vermella desprega toda unha rede de obradoiros formativos no uso de Smartphone e tabletas entre persoas maiores de 55 anos. Os obradoiros son impartidos polo voluntariado da organización, co apoio do persoal técnico da Institución. Na pasada edición, 205 persoas voluntarias en 90 Asembleas Locais, co apoio de 33 técnicos, impartiron 394 cursos en 20 provincias.
Pola súa banda, a Fundación Vodafone, a través de www.fundacionvodafoneconlosmayores.com, ofrece vídeos formativos breves de carácter gratuíto adaptados á linguaxe das persoas maiores que ensinan como utilizar Smartphone e tablets dunha maneira eficaz e sinxela, tanto para dispositivos con sistema Android como para Ios que incorporan o sistema operativo IOS, ademais de utilizar Internet e redes sociais.
A ONCE, a Fundación ONCE e Microsoft renovaron o seu compromiso de colaboración no ámbito da accesibilidade tecnolóxica e o apoio ás persoas con discapacidade mediante a firma dun convenio que foi rubricado por Patricia Sanz, Vicepresidenta de Políticas Sociais e Igualdade da ONCE, Brad Smith, Presidente de Microsoft Corporation, e Pilar López, Presidenta de Microsoft España.
Este convenio vén a ampliar a colaboración estratéxica que as tres entidades manteñen desde fai vinte anos co obxectivo de promover a mellora da accesibilidade das tecnoloxías da información, fomentar o uso de ferramentas accesibles na escola e impulsar a empregabilidade e a integración laboral dos mozos con discapacidade. En concreto, identificáronse as seguintes liñas de actuación prioritarias no marco do novo convenio, que tamén se poden ver neste videocomunicado (http://ow.ly/wz5730grbsn):
Vinte anos de compromiso coa accesibilidade
Microsoft e a ONCE e a súa Fundación levan colaborando desde fai vinte anos. A súa historia remóntase a 1997, ano no que asinaron un primeiro acordo, grazas ao que un equipo técnico da ONCE se uniu aos grupos de desenvolvemento de Windows de Microsoft na súa sede central de Redmond para colaborar no desenvolvemento de ferramentas que permitisen facer accesible a persoas cegas e con discapacidade visual o sistema operativo da compañía. En 2004, o por entón CEO de Microsoft, Bill Gates, reafirmou a colaboración da empresa coa ONCE a través da ampliación do seu acordo para mellorar a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e garantir ás persoas con discapacidade o pleno acceso ás novas tecnoloxías.
En España máis de catro millóns de persoas ten algún tipo de discapacidade e a súa inserción no mercado laboral é baixa -a taxa de paro das persoas con certificado de discapacidade é superior ao 32%-. As empresas demandan cada vez profesionais máis cualificados, tanto nos seus estudos como no manexo das novas tecnoloxías. A mellora no acceso e na formación tecnolóxica convértese en algo absolutamente imprescindible para axudar aos mozos con calquera tipo de discapacidade na súa inserción no mercado laboral e a desenvolver unha mellor carreira profesional.
Para Patricia Sanz Cameo, vicepresidenta da ONCE, este acordo supón un “paso moi destacado no esforzo da Organización por lograr que a tecnoloxía que pode axudar á inclusión de persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida non esqueza ás persoas con discapacidade. O exemplo do labor de Microsoft provocará sen dúbida un grande impacto e arrastre para que todo o mundo das tecnoloxías non esqueza este necesario enfoque de accesibilidade universal e deseño para todos”.
“O compromiso de Microsoft é o de potenciar e permitir a calquera persoa facer e conseguir máis. Traballamos con organizacións de todo o mundo para crear políticas e programas que promovan a inclusión dixital e proporcionen a todas as persoas un mellor acceso á educación, ao emprego e aos servizos públicos. Bo exemplo diso é a ampliación do noso acordo coa ONCE e a súa Fundación, que nos permite contribuír no acceso á tecnoloxía, mellora da educación de persoas con discapacidade e da súa inserción no mundo laboral, onde cada vez son máis necesarias as habilidades tecnolóxicas”, sinalou Pilar López, Presidenta de Microsoft España.
Microsoft leva máis de dúas décadas comprometida co desenvolvemento de produtos e solucións innovadoras no terreo da accesibilidade. Entre elas, o sistema operativo Windows 10 inclúe características de accesibilidade que facilitan o uso de computadores por parte de persoas con algunha discapacidade, xa sexa visual, auditiva, motriz ou intelectual. Así mesmo, outros produtos e servizos da compañía, como o Office 365, o navegador Microsoft Edge ou Skype, inclúen características de accesibilidade. (Máis información sobre accesibilidade en https://www.microsoft.com/enable/default.aspx)
A Deputación de Pontevedra vai organizar este mes de novembro media ducia de obradoiros TIC no edificio administrativo da entidade que preside Carmela Silva (na capital provincial) e máis nas instalacións de AEMPE Pontevedra, Estas actividades desenvólvense ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación, a rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Lalín, Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros. No que atinxe á zona de Vigo (Vigo, Porriño e Ponteareas) desenvolveranse durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros. En Lalín celébranse, tamén, media ducia de actividades.
Volvendo aos obradoiros de Pontevedra, comezan este martes 7 de novembro co taller Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial e seguirá cos seguintes cursos: o xoves 9 impartirase o obradoiro Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing; o martes, día 14, Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO; o martes 21 Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais; o xoves 23 de novembro Crea o teu propio logotipo con Canva, e Woocommerce I – A solución para vender por internet, o martes 28 de novembro. A única actividade que realizarase fóra do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra será o de Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO, que se organizará nas instalacións de AEMPE.
Como lembraremos, a oficina SmartPEME de Pontevedra está emprazada no Edificio Administrativo da Deputación, na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 horas agás o obradoiro que terá lugar en AEMPE, que arrancará ás 17:15 horas.
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.