
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Microsoft está presente no Smart City Expo World Congress 2017, que se celebra desde este martes e ata o 16 de novembro en Barcelona, onde a compañía mostrará as cinco áreas de solucións de Microsoft CityNext: Cidades Seguras, Cidades Sustentables, Cidades Dixitais, Cidades máis Saudables e Cidades mellor Educadas.
Segundo apuntou o VP de Industry Solutions de Microsoft Corp., Perico Arciniega, nun comunicado, "máis do 50% da poboación do planeta vive hoxe en día en cidades, e espérase que esta cifra suba ao 70% en 2050, con máis de 6 mil millóns de persoas vivindo en cidades".
Estes cambios, xunto con solucións tecnolóxicas innovadoras capaces de responder a problemas complexos, son, como explicou Arciniega, "unha mostra de que vivimos tempos de transformación. Unha transformación que está a cambiar a forma na que traballamos, comunicámonos e interactuamos co mundo que nos rodea".
Microsoft xa está a desenvolver e implementando solucións con tecnoloxía baseada na nube para seguir profundando na transformación dixital das cidades, co fin de ofrecer lugares intelixentes e eficientes, onde vivir máis seguros.
Transformación dixital das cidades
O proxecto Soundscape é unha iniciativa de Microsoft, ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade e a Fundación ONCE que integra as funcións dos Beepcons desenvolvidos por ILUNION e dun auricular de condución ósea, creado por Microsoft, que emite son en 3D. O obxectivo é mellorar a navegación en interiores e exteriores a persoas con discapacidade visual.
Outra das solucións que traballa en facer máis inclusivas ás cidades é Smart Cities for All (SC4A) de G3ic e World Enabled, que presentan un conxunto de ferramentas para axudar ás cidades para avaliar os seus progresos en canto a accesibilidade ás TIC e inclusión dixital para persoas maiores ou con algún tipo de discapacidade.
Así mesmo, Microsoft e os seus 'partners', Cubic Transportation e AvePoint, traballan con diferentes líderes para axudar a construír unha comunidade máis sustentable, e co potencial de conectar sector público con privado. Cos coches conectados, as infraestruturas intelixentes das cidades poden dar paso a beneficios para obras públicas, transporte público, primeiros auxilios, sanidade ou comercios, entre outros.
A nova xeración de software de Hexagon, xunto con aplicacións móbiles de primeiros auxilios, permiten que os servizos de emerxencia poidan contar con traballadores de campo capacitados para mellorar as operacións e optimizar a colaboración, facendo que as cidades sexan máis seguras e resistentes.
Citybeacon mostrou na feira a súa ferramenta para unha comunicación co cidadán máis intelixente en forma de tótem, chamada CityBeacons, que, situada na rúa, ofrece vídeo vixilancia, información sobre pagos e conexión cos cidadáns, entre outras funcións.
A empresa española Bismar presentou Folksonomy, un sistema avanzado de análise de datos. A ferramenta permite etiquetar con textos da linguaxe natural/coloquial para axudar a localizar ítems específicos. Un sistema de etiquetaxe de nova xeración que analiza cantidades masivas de datos dispoñibles nas cidades e ofrece a información precisa ao instante.
GreenYng, outro dos partners españois, presentou unha nova experiencia de gamificación para que os cidadáns reciclen. A través da reciclaxe de latas, as persoas poderán gañar puntos Green, dado que o sistema recoñece tanto o número de latas como á persoa. Eses puntos poderán trocarse posteriormente por diferentes beneficios dentro da cidade.
Wellness Telecom preséntase como un exemplo máis de sustentabilidade nas cidades, neste caso Gandía. O Concello instalou 13.000 farois conectados con control remoto para monitorar o uso de enerxía a través da nube de Microsoft Azure. Con esta solución, Gandía conseguiu aforrar ata un 80% de enerxía e reducir emisións CO2.
BeMobile, o xestor analítico de tráfico, proporciona rutas alternativas, grazas a Azure. A ferramenta web FLOWcheck permite analizar o histórico en canto a patróns de tráfico, grazas ao big data proveniente dos vehículos conectados.
Vision Zero é un proxecto que uniu á cidade de Bellevue coa Universidade de Washington e Microsoft para analizar en vídeo choques de coches en distintas cidades para predicir onde é probable que ocorran futuros choques e así evitar accidentes de tráfico. O 'dashboard' de análise en vivo executa e presenta distintos recontos direccionais do volume de vehículos en tempo real e ofrece alertas sobre posibles anomalías.
Por último, Taqtile amosou HoloMaps, a primeira aplicación creada para HoloLens para navegar a través dun modelo holográfico, superpoñendo datos en tempo real dunha cidade, nunha experiencia individual ou compartida.
As instalacións da Corporación Televés, en Compostela, acolleron onte a posta en marcha da primeira proba piloto dun ambicioso proxecto europeo de I+D+i destinado a crear solucións concretas a prol da saúde na terceira idade e o envellecemento activo. Estamos a falar do proxecto Activage, no que participan Televés, Cruz Vermella, a Fundación Vodafone España, a Universitat Politècnica de Valencia e mailo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), contándose coa colaboración da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Tecsos. O arranque da fase de pilotaxe celebrada onte realizouse empregando unha contorna simuladora que, segundo nos conta Televés, representa unha vivenda tipo. Neste fogar medio leváronse a cabo probas para validar a axeitada integración do equipamento de seu, recursos como sensores, actuadores ou rexistros, en relación aos sistemas de información e xestión do SERGAS e a Cruz Vermella.
Estes traballos terán continuidade futura, alén da simulación, cando se desenvolvan pilotos con usuarios reais nas súas vivendas habituais. O obxectivo é abranguer 700 fogares en Galicia no prazo de dous anos. Para isto, as entidades participantes en Activage están a traballar xa na selección dos usuarios e na definición de modelos formativos. E cal é o obxectivo concreto de todo isto? Segundo informa en detalle Televés, “trátase de avanzar cara a solucións de coidados a distancia, o que se coñece como telecoidado no fogar, e na detección temperá dos riscos ligados ao envellecemento e a deterioración cognitiva, a través da análise das rutinas de conduta e o seguimento de pacientes crónicos”. Os resultados que se obteñan servirán tamén para construír unha rede social dixital con vídeo-comunicación entre persoas maiores. Esta comunidade dixital será tamén unha panca contra “o illamento e a soidade” na que viven inmersos moitos dos nosos maiores, sendo esta unha tendencia crecemento polo envellecemento da poboación. “A visión de Activage”, engaden as entidades participantes e colaboradoras, “é ser un referente global para demostrar que ecosistemas estandarizados, seguros e interoperables, facilitan novos modelos de negocio e solucións efectivas para promover o envellecemento activo e saudable”.
En termos máis xenéricos, Activage é unha iniciativa de I+D+i baseada nas tecnoloxías da información que ten por obxecto desenvolver solucións baseadas en Internet das Cousas para facer fronte ao aumento da esperanza de vida, promovendo o envellecemento activo e saudable. Está apoiada polo Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea Horizonte 2020, e conta cun orzamento de 25,3 millóns de euros e un prazo de execución de 42 meses. Nela traballan medio cento de entidades de toda Europa, de xeito conxunto e coordinado, sendo a súa meta, como dixemos, “construír un ecosistema interoperable e aberto para o despregue de solucións tecnolóxicas que incrementarán a seguridade das persoas maiores e favorecerán o mantemento da súa independencia e a súa participación social”. Ademais, o ecosistema será un elemento de loita contra as consecuencias negativas das doenzas crónicas e a deterioración cognitiva. Para alcanzar as metas propostas, puxéronse en marcha nove centros de desenvolvemento (deployment sites) en Grecia, Emilia Romagna (Italia), Isère (Francia), Woquaz (Alemaña), Leeds (Gran Bretaña), Finlandia, Comunidade Valenciana, Madrid e Galicia. En cada unha destas contornas realizaranse probas piloto innovadoras e de gran escala nas que, en conxunto, participarán uns 7.200 usuarios e máis de 43.000 dispositivos de Internet das Cousas.
Xa vai quedando menos para Galiciencia, a feira xuvenil de enxeños e innovación máis concorrida da nosa terra e sen dúbida unha das máis referenciais do ámbito estatal. O evento, que se celebra entre o 22 e o 24 de novembro en Ourense, vén unha vez máis da man da Tecnópole, renovando o seu obxectivo de alentar que se “fagan” ciencias e tecnoloxías, de que estas se fagan dende idades temperás e, tamén, de que todo isto (estes múltiples exemplos de ollar cara adiante) se saiba. Que nos agarda este ano? Pois unha manchea de cousas, o que confirma a proxección ascendente de Galiciencia. Para comezar: a posibilidade de ver ao detalle case 80 proxectos de 40 centros escolares de Galicia, Asturias, Catalunya, Euskadi e Andalucía. Poderemos coñecer cousas como unhas lentes para cegos impresas en 3D ou unha tecnoloxía para escorrentar xabaríns das leiras. Todos eles terán en común, amais de ser innovadores, a súa firme vontade de mellorar o mundo.
Nesta duodécima edición, 50 dos 79 proxectos presentados son de alumnado de Secundaria e Bacharelato (en concurso) e 29 de estudantes de Primaria (fóra de competición).
Segundo informa a Tecnópole, nesta convocatoria bátese novamente o récord de diversidade de centros participantes da historia do certame, con equipos procedentes de 40 colexios e institutos diferentes, cinco máis có ano anterior. En cuestión de afluencia de público, agárdase a visita dunha manchea de centros escolares e visitantes en xeral, por conta propia (a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes).
No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas, conseguindo o galardón ao proxecto máis innovador, ao método científico e proceso investigador mellor definido ou á mellor comunicación e presentación oral. Entre estes, o que acade a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O clasificado en segundo posto terá unha dotación de 500 euros para apoiar a súa participación na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que se celebra cada ano na primavera en Bilbao. O proxecto que fique en terceiro lugar recibirá 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
As actividades paralelas deste ano terán a astronomía como protagonista. Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en obradoiros para iniciarse na astronomía e visitar o planetario, mentres que os maiores terán ocasión de explorar a cultura da astronomía e afondar na súa relación coa informática. Segundo explica a organización, “as galaxias, os planetas e as estrelas serán tamén os protagonistas do espectáculo científico que poderá seguirse en streaming (retransmisión en directo por Internet) dende calquera centro escolar ou dende a casa”.
Asus vén de realizar unha investigación sobre o uso que as novas xeracións lle dan ás novas tecnoloxías móbiles no ámbito estatal. O estudo Asus, mocidade e tecnoloxía, realizado para determinar e mostrar o papel que xogan os dispositivos nas relacións entre a xente nova, ten unha vertente galega cunha serie de datos de interese. Por exemplo: que o 85 % dos mozos da nosa terra emprega aplicacións de mensaxes instantáneas. Porén, na investigación tamén se reflicte que na nosa Comunidade non nos excedemos en tempo diante das ditas ferramentas: só o 15% da xuventude galega emprega este tipo de apps móbiles polo menos tres horas ao día, contrastando co 25% dos madrileños e o 23% dos andaluces.
A nivel estatal, o 56%% dos enquisados confesa tirar proveito dos dispositivos tecnolóxicos para falar cos seus amigos polo menos unha vez ao día, aínda que esta porcentaxe varía segundo o rango de idade. Así, o 64% das persoas que se atopan no treito comprendido entre os 18 e os 25 anos recoñece estar en contacto constante cos seus amigos, mentres que a taxa cae ao 50% entre os 26 e os 35 anos.
O estudo desvela que entre as aplicacións de mensaxes instantáneas, Whatsapp é a ferramenta de comunicación favorita para os mozos cun 85%, seguido polas redes sociais cun 9% e as chamadas telefónicas cun 6%. En canto ás redes sociais, un 53% dos mozos utilízaas para manterse ao día do que fan as súas amizades.
No estudo tamén se di que só un 7% dos enquisados recoñece empregar as ditas ferramentas para ligar ou coñecer xente nova. Neste senso, percíbense diferenzas significativas entre Comunidades. De feito, a mocidade galega é a que máis utiliza as aplicacións para tal fin (9%), seguida polos madrileños e os andaluces (ambos cun 8%). En cambio, só un 6% dos mozos cataláns enquisados afirma utilizar aplicacións tecnolóxicas para ligar.
No informe tamén se reflicte que o 73% dos mozos españois comunícase principalmente a través de ferramentas de mensaxes instantáneas coa súa parella, revelando un 51% facelo de forma continua. Por Comunidades, os valencianos acadan un 82%, seguidos polos cataláns cun 76%. Os que menos se comunican coas súas parellas a través das aplicacións son os galegos (67%) e os aragoneses (63%).
A Deputación de Lugo informou hoxe do desenvolvemento de novas actividades de envellecemento activo no concello de Xermade, ou sexa, obradoiros e accións diversas para mellorar a saúde, a formación e a calidade de vida das persoas maiores do municipio. O programa foi dado a coñecer polo deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas. As actividades que vai desenvolver a Deputación en colaboración co Concello son do máis variado: inclúen prácticas deportivas e de lecer (pilates) e obradoiros centrados en estimular a creatividade e a memoria dos maiores. Unha parte importante das accións estará centrada nas novas tecnoloxías da información.
A idea é botar man dos móbiles e das redes sociais para favorecer a comunicación dos participantes (entre eles e coas súas familias), botar abaixo barreiras de exclusión e manter en boa forma as súa capacidades cognitivas e de memoria.
No acto de presentación dos obradoiros, nos que tamén participou a concelleira de Educación e Cultura, Tamara Paz Balsa, lembrouse que a organización das actividades insírese no marco dos apoios da Deputación ao Concello, no último ano, para promover o deporte entre os veciños da localidade, apoios que tiveron unha contía de 8.000 euros. García Pernas, pola súa banda, explicou que o número de persoas inscritas nas actividades dadas a coñecer é de case medio centenar, repartidas nos grupos de Xermade, Momán e Piñeiro, ás que haberá que engadir os participantes do grupo de Roupar. Entre os obradoiros incluídos figuran actividades de iniciación á fotografía dixital, á informática e ás redes sociais e á utilización diaria de móbiles.