
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Sae ao mercado Eat You Later, a aplicación móbil e web que permitirá aos establecementos vender as súas diminucións ou exceso de stock, en perfecto estado, aos usuarios que estean a buscar comprar produtos de calidade a bo prezo, aforrar tempo e diñeiro e contribuír por un mundo máis sustentable. Esta aplicación está dispoñible en IOS e Android baixo o nome de Eat You Later e para aqueles que prefiran o formato Web en Eat you later.
Con máis de 30 establecementos e máis de 200 usuarios Eat you later entra ao mercado sustentable para dar unha solución de oferta e demanda, baseada na economía circular, apostando decididamente pola sustentabilidade.
Alimentos en perfectas condicións a prezos súper reducidos
Os usuarios que compren estes excedentes farano a prezos moi reducidos respecto ao habitual, á vez que contribúen a mellorar o medio ambiente.
Neste sentido Eat you later ten a vocación de axudar aos seus usuarios para concienciarse e apostar por un estilo de vida sustentable e un consumo acorde cos recursos.
Deste xeito, e de acordo co forte compromiso de alcanzar o Desperdicio Cero, a vida útil da comida aumenta, xa sexa un bacallau ao pil-pil ou unhas madalenas sen glute. Se un alimento está en perfectas condicións, debería venderse.
Apostar por empresas con sentido “social”
Eat you later é unha ferramenta dixital para unha xeración actual que vive nas présas, que cada vez teñen menos tempo para facer a compra e cociñar, pero que queren comer produtos da mellor calidade.
Por iso, a plataforma deseñouse para que estes consumidores aproveiten micromomentos, como subir varios pisos nun ascensor ou o tempo no que fan cola para entrar no cinema, para facer a compra da súa cea, por exemplo.
Eat you later nace coa vocación de promover un estilo de vida sustentable e con Ingrediente Social. Por iso, brinda aos seus usuarios a posibilidade de contribuír mediante crowfunding a con causas sociais ou ambientais.
Ao mesmo tempo canaliza iniciativas de RSC para aqueles establecementos que non saben ou non poden facelo por si mesmos, a través dos proxectos sociais que a compañía comparte na súa páxina web.
Así mesmo, a plataforma, permite aos establecementos adheridos incrementar a visibilidade e o tráfico de clientes nun sector tan competitivo como é o da restauración.
“En Eat you later cremos que unha mellor distribución dos recursos e un consumo máis responsable é posible. Dóenos ver como se tiran quilos de comida apta para o seu consumo, simplemente porque non se venderon a tempo. Conectamos establecementos que teñen excedentes diarios de comida con consumidores que desexan adquirilos cun gran desconto”, sinala Arancha Duro, CEO e fundadora da compañía.
Sen ir máis lonxe, o 28% da superficie agraria que se cultiva, vai destinado ao desperdicio. É dicir, a unha media de 300 euros por persoa cada ano.
“A nosa filosofía #GanaComeCambia pretende acabar con esta situación de malgasto irresponsable e insustentable medioambientalmente - engade a CEO de Eat you later.
Máis información na Web de Eat you later.
O programa SmartPEME, impulsado pola Deputación de Pontevedra para capacitar dixitalmente aos autónomos, PEME e traballadores da provincia (a través dun intensivo programa de actividades desenvolvidas dende as sedes de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, en colaboración estreita cos concellos), segue a subir novos chanzos en materia de participación e de implicación. Así o lembrou a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, quen comezaron este 20 de novembro en Vigo unha xira polas diferentes sedes operativas de SmartPEME, as seis devanditas. Segundo recordou, o programa está a obter na devandita cidade “uns resultados espectaculares”. E engadiu: “No que levamos de 2017, realizáronse 194 asesoramentos TIC, fronte aos 86 do ano pasado”, o que representa, dixo, “un incremento moi notable”, de arredor do 12%.
Tamén salientou o feito de que se chegase, grazas ás actividades de formación TIC desenvolvidas polos técnicos de SmartPEME, a un total de 62 empresas. En termos de porcentaxe, esta cifra achega un incremento do 7% respecto ás 58 empresas do ano pasado. Ademais, engadiu, “creáronse 48 novas contas e realizáronse 56 obradoiros aos que asistiron 474 persoas, estamos chegando a un número moi importante de persoas”.
Carmela Silva enxalzou o empuxe innovador e emprendedor de Vigo e a súa contorna, cunha alta taxa de iniciativas postas en marcha e lideradas por mulleres, “o que fala de que cando temos unha estrutura que nos permita ter oportunidades e damos pasos cara a adiante, con todas as dificultades que temos, acadamos o éxito”. De feito, na visita ás instalacións de Vigo, a presidenta provincial estivo acompañada por Ana, unha deseñadora de interiores do Porriño cuxo proxecto de mercado representa, en palabras da Deputación, un claro exemplo de éxito acadado co apoio de SmartPEME, ao abeiro do cal acadou asesoramento para crear unha páxina web e para mellorar a vertente visual da súa iniciativa.
Carmela Silva sinalou que, “fronte a proxectos anteriores que puideron ter algunhas destas empresas e que foron realizados por empresas externas, unha das cuestións máis relevantes de SmartPEME é que é un servizo público, que polo tanto non busca beneficio propio”. E engadiu: “Os nosos instrumentos están adicados unicamente a que se beneficien as empresas”, lembrando que a previsión é ir engadindo, ao abeiro de SmartPEME e seguindo o ronsel da actividade xerada no que vai de 2017, “moitas novas accións”.
Igualmente fixo un repaso polos resultados de SmartPEME na provincia: en 2017 realizáronse 1.217 asesoramentos TIC, fronte aos algo menos de 1.100 do ano pasado (un incremento do 12%) e realizáronse 273 obradoiros (un 4% máis que no período anterior) aos que asistiron 1.936 persoas (un 13% que en 2016).
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Galicia Maker Faire, a feira anti-límites de desenvolvemento (trátase de recalcar a mensaxe de que todas e todos podemos facer tecnoloxía e innovación, mesmo partindo do coñecemento máis básico), xa está a piques de chamar ás nosas portas. Celébrase esta semana en Santiago, no Gaiás, os días 24, 25 e 26 de novembro, e, segundo lembraron hoxe as entidades organizadoras, constituirá “un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas”. O programa definitivo e os obxectivos consolidados de Galicia Maker Faire 2017 (terceira edición) foi dado a coñecer hoxe pola concelleira de Turismo en Santiago, Marta Lois, e pola organizadora do evento, Matilde Rodríguez. O evento fará honra ao seu nome: será Maker (ao amparo da filosofía do “faino coas túas mans”) e será Faire (un encontro multitudinario onde compartir recursos, enxeño e formación).
Este ano, sinalaron, introdúcense no programa “tres importantes novidades”. A primeira é que a cita, logo de que no 2015 se celebrase en Área Central e a segunda no Pazo de Congresos, terá lugar este ano na Cidade da Cultura. A segunda novidade é que a organización decidiu ampliar o programa do evento nun día máis, pasando de dous a tres (adicándose este novo día ao sector empresarial interesado nas múltiples posibilidades de desenvolvemento económico que ofrece a inventiva Maker). Tendo en conta isto, a estrutura das xeiras fica da seguinte maneira: a xornada do venres 24 será para empresas, mentres que os días 25 e 26 o evento estará aberto e contará con actividades para todos os públicos.
A terceira novidade é que o encontro, que nas edicións anteriores se celebrou no mes de outubro, pasa agora a celebrase no mes de novembro. Este cambio de datas, sinalou Marta Lois, vai “na liña de fomento da desestacionalización que se está desenvolvendo dende o Concello”, que traballa “co obxectivo de que a cidade acubille máis eventos de todo tipo nos meses de temporada baixa”.
A xornada do 24
Como dixemos, o evento contará por vez primeira cunha xornada dirixida especificamente ao sector profesional e na que participarán figuras senlleiras a nivel internacional no ámbito da innovación. Esta xeira profesional está programada para a mañá do 24 de novembro. O programa de actividades abranguerá charlas e debates sobre múltiples temas (Industria 4.0, tecnoloxía, innovación, produtividade intelixente e movemento Maker) con múltiples vantaxes para todo tipo de ámbitos empresariais; e abordados dende múltiples puntos de vista. Por exemplo o de Tomás Garces, enxeñeiro principal de Deseño en First Build, proxecto innovador levado a cabo por General Electric; ou os de Arian Group e Edesdev.
Ademais, haberá un espazo de exposición sobre Industria 4.0 no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presencia de makersgalegos compartindo os seus achados e enxeños tecnolóxicos. O acto rematará cunha entrega de premios na que se resaltará ao proxecto máis innovador dos expostos durante ese día.
O obxectivo dos organizadores da Galicia Maker Faire con esta sesión profesional de apertura é “que a xornada funcione como punto de encontro entre os argalleiros e a industria máis avanzada, favorecendo a aparición de sinerxías que poidan levar a unha colaboración fluída entre estes dous mundos tan complementarios”. Desta maneira, “as compañías poderán coñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores levados a cabo por emprendedores e estes terán unha gran oportunidade de acadar posibles socios e colaboradores”. Os contidos desta primeira xornada terán continuidade con diferentes charlas e actividades durante a celebración da feira propiamente dita, o 25 e 26 de novembro, na que contarán, entre outros, coa presenza de importantes figuras significativas a nivel mundial como a de Richard Stallman, creador do movemento do software libre.
Detalles sobre a xuntanza
O evento internacional Galicia Maker Faire vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e cooperativa”, explicouse.
Vodafone España anunciou, con motivo da celebración do Día Mundial da Diabetes, o seu obxectivo de promover, da man de SocialDiabetes, a mobilización e dixitalización da xestión da diabetes, como unha innovación necesaria e imprescindible para a mellora da calidade de vida das persoas afectadas por esta enfermidade crónica.
SocialDiabetes, a startup que revolucionou a forma de xestionar a diabetes, e que obtivo recentemente a máxima puntuación en impacto, excelencia, calidade e eficiencia de implementación por parte da Comisión Europea a través do programa Horizonte 2020, desenvolveu unha plataforma de xestión na nube e unha aplicación móbil que conecta cos glucómetros dos pacientes.
O sistema permite calcular a dose de insulina recomendada a partir de parámetros como a inxesta de alimentos e a actividade física, o que posibilita ao usuario flexibilizar a súa dieta e evitar complicacións na súa saúde.
SocialDiabetes que, no marco desta alianza, contou tamén co respaldo de Vodafone como partner tecnolóxico, permite ao profesional sanitario dispoñer en tempo real da información do paciente, e modificar remotamente a pauta de insulina recomendada. Estes cambios actualízanse automaticamente nos dispositivos móbiles dos usuarios, logrando así un maior control do día a día da enfermidade.
A plataforma habilita así mesmo a realización de videoconferencias e mensaxería entre profesionais e pacientes, optimizando o proceso asistencial en tempo e custos, e complementalo coa xeración automática de alertas, recordatorios, informes e gráficas.
O acordo con SocialDiabetes forma parte da estratexia de Vodafone de impulsar a Saúde Conectada que, grazas aos datos recollidos polos dispositivos intelixentes mediante o Internet das Cousas (IoT), fará posible personalizar tratamentos, previr enfermidades, predicir riscos na saúde e empoderar aos pacientes.
Na actualidade, un de cada once adultos padece diabetes a nivel mundial e estímase un custo directo da enfermidade superior aos 600 billóns de dólares anuais, o que representa o 12% do gasto sanitario global.
Iniciativas como esta que presentan SocialDiabetes e Vodafone reducirán considerablemente os custos sanitarios asociados á diabetes e, abrigo, mellorarán a calidade de vida das persoas que a padecen.
Baixo o lema "TifloInnova 5.0... Unha tecnoloxía global", a mostra permitirá aos visitantes coñecer as últimas innovacións e solucións da tecnoloxía aplicada para as persoas cegas ou con discapacidade visual. Así, en 'TifloInnova 2017' reunirsanse fabricantes, desenvolvedores, distribuidores, usuarios, investigadores e profesionais, para compartir e dar a coñecer a tecnoloxía dirixida a facilitar a vida diaria das persoas con discapacidade visual.
As feira foi inaugurada pola secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Mª Carmen Vela Olmo, a vicepresidenta da ONCE, Patricia Sanz Cameo, o director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade, Borja Fanjul Fernández-Pita, o director xeral da ONCE, Ángel Sánchez Cánovas, e o director do CIDAT, Guillermo Hermida Simil, entre outros.
Ademais, entre as novidades desta edición destacan a app 'Space', un espazo dedicado aos desenvolvedores de aplicacións útiles e accesibles para as persoas cegas, que mostrarán as aplicacións móbiles que permiten xestionar, organizar e administrar a actividade diaria das persoas con discapacidade visual, e que buscan contribuír na eliminación de barreiras e avanzar na accesibilidade e usabilidade. Neste espazo participarán as empresas Blind Explorer, Lazzus, Metrociego, Navilens, Sunu ou O Adestramento Cerebral ONCE-Vodafone.
Doutra banda, a feira contará cun espazo dedicado ao Grupo Social ONCE, onde se dará a coñecer o traballo en I+D+i da Organización que ten como obxectivo mellorar o acceso das persoas cegas ou con discapacidade visual grave á información e a tecnoloxía, con produtos e proxectos xa desenvolvidos, produtos de software, investigacións no ámbito educativo, solucións técnicas de información en relevo, acceso ao Braille, etc.
Pola súa banda, SAMUR-Protección Civil contará cun espazo no que presentará un proxecto que busca favorecer o acceso das persoas con discapacidade visual á desfibrilación pública, grazas á adaptación dos desfibriladores externos e sobre os contidos docentes en materia de reanimación cardiopulmonar (RCP).
A feira tamén contará con outras novidades como a proposta de Samsung sobre tecnoloxía de última xeración adaptada a través de televisores intuitivos, electrodomésticos e smartphones e tabletas, así como o dispositivo presentado pola empresa OrCam baseado en tecnoloxía de visión artificial que mellora a autonomía das persoas cegas, discapacidade intelectual e outras discapacidades.
Paralelamente celebraranse actividades relacionadas co mundo da tecnoloxía aplicada para as persoas cegas ou con discapacidade visual como as 'Xornadas de Encontro de Usuarios', cuxo obxectivo é achegar a tiflotecnoloxía a todas as persoas cegas que se acheguen. Ademais, as empresas especializadas en tecnoloxía adaptada a persoas con discapacidade visual expoñerán e realizarán demostracións dos seus produtos.
Por último, a feira ofrecerá a posibilidade de participar nalgúns obradoiros e actividades entre os que se atopan o Ximnasio Cerebral ONCE-Vodafone con xogos para móbiles e tabletas adaptados, o tiro con carabina ou a demostración de 'Braitico', un sistema inclusivo sobre a aprendizaxe do braille nas aulas dos estudantes.