
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Galiciencia, a feira de tecnoloxía nova (nova en todo o sentido da expresión: innovadora e argallada por xente nova), celebra a partir de mañá a súa derradeira edición de outono (a partir de 2018, as convocatorias centraranse na primavera). Segundo fai saber a organización (a Tecnópole de Ourense), serán tres dias para mergullarnos na inventiva no sentido máis literal no termo. En cuestión de números, poderemos ver 79 proxectos procedentes de 40 centros escolares de Galicia, Euskadi, Catalunya, Asturias e Andalucía, cinco máis que en 2016. As iniciativas das nosas catro provincias son 73. A previsión é recibir máis de 2.000 visitas no recinto habilitado na Tecnópole.
A gran novidade reside nun incremento en todas as cifras de proxectos, participación e asistencia com respecto ao ano pasado. Participa rapazada de secundaria e FP (50 equipos) e de primaria (29 traballos fóra de concurso). Entre outras cousas innovadoras, poderemos ver unhas lentes para cegos impresas en 3D, unha tecnoloxía para escorrentar xabaríns das leiras, un enxeño para abrir as portas dos baños públicos sen usar as mans e un dispositivo que pecha as xanelas do tellado de maneira automática cando chove. No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas, conseguindo o galardón ao proxecto máis innovador, ao método científico e proceso investigador mellor definido ou á mellor comunicación e presentación oral. Entre estes, o que acade a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O clasificado en segundo posto terá unha dotación de 500 euros para apoiar a súa participación na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que se celebra cada ano na primavera en Bilbao. O proxecto que fique en terceiro lugar recibirá 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
As actividades paralelas deste ano terán a astronomía como protagonista. Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en obradoiros para iniciarse na astronomía e visitar o planetario, mentres que os maiores terán ocasión de explorar a cultura da astronomía e afondar na súa relación coa informática. Segundo explica a organización, “as galaxias, os planetas e as estrelas serán tamén os protagonistas do espectáculo científico que poderá seguirse en streaming(retransmisión en directo por Internet) dende calquera centro escolar ou dende a casa”.
A recta final de outono será, na nosa terra, unha boa oportunidade para que todos aqueles que aínda non saben en que consiste o espírito Maker, poidan mergullarse nel e dar os seus primeiros pasos como argalleiros tecnolóxicos. Se onte falamos da conta atrás para o comezo de Galicia Maker Faire, esta fin de semana na Cidade da Cultura de Santiago, hoxe lembramos que na banda de Lugo, quen queira enchouparse da filosofía de “faino coas túas mans”, vaino poder facer da man da asociación Makers.lugo, que está a preparar unha xornada (o 2 de decembro) de introdución á robótica de deseño aberto. Haberá conceptos básicos, primeiros consellos, demostracións e, en definitiva, crearase un ambiente propicio para que deamos os nosos primeiros pasos como creadores de robots.
O evento desenvolverase en horario de mañá, a partires das 10:30 horas. O lugar escollido é o habitual no grupo, o CEI-Nodus, no local D10. Segundo apunta a asociación, non será preciso carrexarmos ningún material propio nin facer achegas económicas, o evento é libre, sen embargo dende a asociación poñen a disposición das persoas interesadas un formulario onde dármonos de alta, para poder termos unha idea da cantidade de asistentes e interesados.
Makers.lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, co ánimo de contribuír á construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Dende a asociación organizan quedadas, obradoiros e charlas para introducir á xente no movemento Maker e nas súas amplas posibilidades de desenvolvemento, participación e democratización da tecnoloxía e a innovación.
A Deputación da Coruña está a encher as redes de vídeos contra a discriminación e a violencia de xénero. Se os días pasados presentouse dende a entidade provincial o vídeo Son Muller, a través do que as rapazas integrantes do grupo MBCP (Máis Boas Cás Patacas) acadaron xa 30.000 visualizacións no Facebook de seu, esta semana a entidade provincial (a través das áreas de Igualdade e Cultura) impulsa unha nova peza contra a violencia machista. Trátase da curta O Túnel, elaborada polo IES Moncho Valcarce das Pontes e gañadora do Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero.
A Deputación salientou que tanto o videoclip de MBCP como a curtametraxe están feitos por mozas e mozos e diríxense, en especial, ao público da súa idade, “con linguaxe propia da súa xeración”. Amais de nas redes, a Deputación está a distribuír estas pezas por todos os centros de ensino co fin de contribuír á loita contra a discriminación e o maltrato, coincidindo estas campañas co Día Internacional contra a Violencia Machista, este 25 de novembro. A entidade provincial tamén informou de que tanto o videoclip como a curtametraxe poderán ser empregados como ferramentas educativas nos centros de ensino para concienciar ao alumnado na loita contra o machismo. Por certo que a curtametraxe O Túnel pódese ver xa no YouTube, e o videoclip Son Muller segue dispoñible no Facebook da banda e máis en Google Drive, dende o que se pode descargar.
Unha de cada cinco mulleres españolas sufriu algunha vez abusos ou acoso na internet, singularmente nas redes sociais, segundo unha enquisa de Amnistía Internacional realizada en Dinamarca, España, Estados Unidos, Italia, Nova Zelandia, Polonia, Reino Unido e Suecia, e dada a coñecer este luns.
Na enquisa, encargada por Amnistía Internacional a Ipsos MORI, participaron 4.000 mulleres de 18 a 55 anos, das cales 911 dixeron que experimentaran abusos ou acoso na internet (un 22,8%), das que 688 declararon que os sufrían nunha rede social. As porcentaxes fluctúan entre o 16% en Italia, o 19% en España e o 33% en Estados Unidos.
Catro de cada 10 mulleres (un 41%) que sufriran abusos ou acoso na internet dixeron que polo menos nunha ocasión estas experiencias en liña fixeran que sentisen ameazada a súa integridade física.
"Internet pode ser un lugar temible e tóxico para as mulleres. Non é ningún segredo que a misoxinia e os abusos prosperan nas plataformas de redes sociais, pero este estudo mostra o prexudiciais que son as consecuencias dos abusos na internet para as mulleres que os sufriron", afirmou Azmina Dhrodia, investigadora de Tecnoloxía e Dereitos Humanos en Amnistía Internacional. Dhrodia indicou que "isto non é algo que desapareza cando saes da internet".
"Imaxina que recibes ameazas de morte ou de violación cando abres unha aplicación, ou que vives co medo de que se divulguen na internet sen o teu consentimento fotos sexuais ou privadas. O perigo especial dos abusos na internet é a rapidez coa que poden proliferar: un tuit insultante pode converterse en minutos nun aluvión de odio focalizado. As empresas de redes sociais deben empezar a tomarse en serio realmente este problema", engadiu.
Tensión, ansiedade, ataques de pánico
Amnistía Internacional preguntou a mulleres que se consideran a si mesmas usuarias da internet entre moderadas e activas sobre as súas experiencias de abusos e acoso en liña. En todos os países, algo menos da metade (un 46% en xeral e un 49% en España) das enquisadas que sufriran abusos ou acoso na internet dixo que eses eran de natureza misóxina ou sexista.
Entre unha quinta parte e unha cuarta parte das mulleres que sufriran abusos ou acoso (un 27% en España) dixo que estes incluíran ameazas de agresión física ou sexual.
O 58% das participantes de todos os países que foran vítimas de abusos ou acoso (o 64% en España) sinalou que estes incluíran racismo, sexismo, homofobia ou transfobia.
Un 26% das mulleres que sufriran abusos ou acoso en todos os países enquisados (o mesmo porcentaxe en España) indicou que se divulgaron en liña datos persoais ou que as identificaban (práctica coñecida tamén como 'doxxing'). E o 59% recalcou que os ataques procedían de persoas completamente descoñecidas.
A enquisa indica que o impacto psicolóxico dos abusos na internet pode ser devastador. Así, o 61% das mulleres enquisadas que dixeron que sufriran abusos ou acoso na internet (o 52% en España) indicaron que tiñan a autoestima máis baixa ou perderan confianza en si mesmas; o 55% (o 51% en España) experimentaran tensión, ansiedade ou ataques de pánico; o 63% (55% en España) recalcou que tivera problemas para durmir e o 56% (44% en España) comentou que os abusos ou o acoso na internet impedíanlles concentrarse durante períodos longos.
Leis adecuadas
Máis de tres cuartas partes das mulleres que dixeron que sufriran abusos ou acoso nunha plataforma de redes sociais (o 76%) fixeron cambios na forma en que usan esas ferramentas. No caso de España, o 54% recoñeceu estes cambios, que inclúen limitar os contidos que publicaban.
"As redes sociais contribuiron a aumentar a liberdade de expresión, incluído o acceso á información, de moitas maneiras. Pero, coa migración ao mundo dixital da discriminación e a violencia contra as mulleres de fóra da internet, moitas mulleres afástanse de conversacións públicas ou autocensúranse por temor pola súa privacidade ou a súa seguridade", apuntou Dhrodia.
Un 24% das enquisadas que dixeron que sufriran abusos (un 30% en España) destacaron que eses feitos fixéranlles temer pola seguridade da súa familia.
A enquisa indica tamén que as mulleres cren que as empresas de redes sociais deben facer máis. Só un 18% das enquisadas en todos os países dixo que as respostas das empresas de redes sociais eran moi adecuadas, bastante adecuadas ou totalmente adecuadas.
Amnistía Internacional pediu aos gobernos que garantan a existencia de leis, políticas, prácticas e formación adecuadas para previr a violencia e os abusos contra as mulleres na internet e acabar con eles, para o que considerou fundamental que non se impoñan restricións ou penalizacións indebidas ao exercicio lexítimo da liberdade de expresión. "Abordar a violencia e os abusos na internet non debe utilizarse como escusa para reducir o goce da liberdade de expresión", aclarou.
O vindeiro día 19 de 19:30 a 21:00 horas terá lugar a edición número 13 de Coruña Bloggers, encontro de seareiros do mundo dos blogs, a tecnoloxía, a Internet e as redes sociais, que se celebra na sede coruñesa da Fundación Barrié os últimos mércores de cada mes cunha finalidade solidaria, xa que os asistentes, en vez de aboar cartos para poder acudir ao evento, achegan un mínimo de un quilogramo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica, estando a piques de superar os 2.000 quilos recollidos durante esta serie de encontros.
Esta nova edición de Coruña Bloggers será bastante especial, xa que o seu primeiro relator non acudirá en persoa, senón que intervirá mediante streaming. Tratarase de Phil González, fundador da comunidade Instagramers e autor do libro Instagram, ¡mucho más que fotos!, que na súa intervención titulada Instagram cumpre 7 anos! dará conta do que supón o grande fenómeno social na Internet que supuxo esta plataforma inicialmente centrada na fotografía, e que actualmente é todo un motor de tendencias e novos xeitos de comunicar.
A segunda intervención da xornada correrá a cargo de Carolina Regueira, creadora do blog Llegando a Puerto, quen compartirá 5 consellos propios do mundo do xornalismo aplicados a blogs. Centrarase nas chaves para escribir correctamente e nos trucos para que non falte información esencial nas entradas dos blogs.
Tras a parte formal do evento, os asistentes trasladaranse a un local de hostalaría próximo, La Taberna de Rita, onde continuar cunha sesión de networking, na que tamén se sortearán varios agasallos achegados por Opirata.com e 5 contas de hospedaxe web de Andaina Servicios Informáticos.
Para acudir a Coruña Bloggers prégase inscribirse previamente a través de Eventbrite.