
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A aplicación EVA Facial Mouse, aplicación gratuíta que permite aos propietarios controlar un dispositivo Android mediante o seguimento dos movementos da cabeza, foi presentada no evento Huawei Eco-Connect Europe 2017 celebrado no CityCube de Berlín.
Neste evento, a compañía Huawei anunciou que expandirá o seu mercado dixital a Europa co seu Huawei AppStore. A idea é que esta tenda de aplicacións seá complementaria a Google Play e 100% compatible con Android, pero virá preinstalada a partir de 2018 en todos os dispositivos Huawei como unha forma de ofrecer aplicacións gratuítas ou freemium.
O obxectivo é ofrecer unicamente aplicacións que estean catalogadas cunha alta puntuación e para todas as idades. Eva Facial Mouse, con 2 millóns de descargas, será unha das aplicacións que estarán dispoñibles no mercado de Huawei. A Fundación Vodafone España, coa súa app EVA Facial Mouse, foi unha das 15 entidades seleccionadas que se aliaron con Huawei para o lanzamento desta iniciativa.
O colectivo compostelán Tropa Verde vai organizar este 23 de novembro dous obradoiros destinados non só a facernos lembrar que é posible darlles segundas e terceiras vidas aos computadores que criamos “liquidados”, senón tamén a salientar que este labor de recuperación podemos levalo a cabo nós mesmos coas nosas propias mans (espírito Maker). Os dous talleres, inseridos na campaña Longa vida aos teus residuos electrónicos, enmárcanse tamén nas actividades da Semana Europea da Prevención de Refugallos. A cita dupla será primeiro no centro sociocultural de Vite (ás 17.00 horas) e logo no do Ensanche (ás 19.30 horas). A iniciativa vén da man do colectivo Tropa Verde (Concello de Santiago e a firma Teimas) e as empresas Revetia e Recyclia.
O obxectivo destas dúas actividades é que os/as asistentes tomen conciencia do “importante que é para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de refugallos”. Ademais, váiselles ensinar a valorizar de maneira sinxela algúns destes aparellos. Segundo informan as entidades responsables destes obradoiros, “facer un traballo de restauración de equipos informáticos pode evitar a emisión de CO2 equivalente ao consumo dun coche durante 1.600 quilómetros”. Nos obradoiros realizarase casos prácticos de reutilización para computadores, mostrando ás persoas participantes como abrir a carcasa e os principais compoñentes que se poden cambiar, o borrado seguro da información dos discos duros e como volver instalar o sistema operativo. Para seguir co lema da Tropa Verde, Reciclar ten premio, sortearase entre todas as persoas participantes un PC de sobremesa refugado.
Tropa Verde recorda tamén que só en España “xéranse 800 mil toneladas ao ano de residuos eléctricos e electrónicos, dos que apenas un terzo se xestionan de maneira acaída”.
A quinta edición do certame de contidos dixitais e series online Carballo Interplay, que se celebra os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2018, xa ten aberta o prazo de inscrición para que todas aquelas persoas que o desexen presenten as súas achegas (webseries ou proxectos de webseries) á sección oficial do festival, que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Segundo informa o Concello poden facelo ata o 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com. As contribucións participantes deberán estar producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de tres capítulos emitidos no momento de inscrición. Ademais, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais.
Das webseries recibidas, un xurado composto por profesionais dos contidos dixitais e da cultura, premiará a mellor contribución, a mellor iniciativa internacional e a mellor proposta en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría.
A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cunha presentación en directo (un pitching) durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da serie en liña premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.
O vindeiro 16 de decembro a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Campus Universitario da Xunqueira (Pontevedra) acollerá entre as 9:00 e as 20:00 horas o GDG DevFest Galicia 2017, encontro dirixido a desenvolvedores que fan uso de tecnoloxías de Google e que mediante relatorios e obradoiros impartidos por expertos de referencia busca congregar a máis de 300 persoas, tendo os interesados en acudir simplemente que rexistrarse en Eventbrite, xa que este evento é totalmente de balde.
Programa de actividades
Polo momento están confirmados os seguintes relatorios:
Os obradoiros que terán lugar no DevFest serán os seguintes:
O proxecto audiovisual e de inclusión dixital “Teño unha horta en San Sadurniño” acaba de recibir en Madrid o premio como mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores, outorgado pola fundación DomusVi. Catro das súas protagonistas, a dinamizadora Carmen Suárez, o alcalde e maila concelleira de Cultura participaron no serán deste martes na gala de entrega de galardóns, celebrada no Teatro Amaya de Madrid nun acto presentado polo mago e humorista Luis Piedrahita. O premio, dotado con 3.000 euros para continuar co proxecto, é o terceiro que reciben este ano as mulleres de “Teño unha horta en San Sadurniño”, logo de ganaren tamén o certame Youtubeir@s no apartado vídeo-opinarmos e o do Carballo Interplay na sección de mellor web-serie galega.
A fundación DomusVi -denominada ata hai pouco Geriatros SARQuavitae- ten entre os seus obxectivos impulsar a formación e o coñecemento arredor da atención ás persoas maiores, como parte dun grupo que xestiona en España case 22.000 prazas en 153 residencias e centros de día.
Desde o ano pasado convoca uns premios cos que recoñecer o compromiso social de persoas e institucións que contribúen dalgún xeito a mellorar a calidade de vida neste ámbito da poboación. Están divididos en distintas categorías que van desde as iniciativas que se desenvolven en centros de ensino ata aquelas que premian a innovación no sector sociosanitario, o traballo dos medios de comunicación ou as boas prácticas profesionais no coidado de persoas maiores.
“Teño unha horta en San Sadurniño” participou no apartado dedicado a colectivos que desenvolvan propostas sociais, culturais e solidarias cun marcado protagonismo e activismo da xente de maior idade. Requisitos que o proxecto de San Sadurniño cumpre e que lle valeu facerse co primeiro premio da categoría.
A entrega dos galardóns celebrouse onte á tardiña en Madrid. Ata alí foron convidadas pola fundación Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón (só faltou Lucía Pita); ademais da coordinadora do proxecto, Carmen Suárez, Secundino García e a responsable de Cultura, Sabela Íñiguez. O acto tivo lugar no teatro Amaya e estivo conducido por Luis Piedrahita. Nel tamén resultaron premiados, entre outros, o programa “Convivir” da Radio Galega -dirixido por Clara de Saa- e o exdiplomático Inocencio Arias.
“Teño unha horta en San Sadurniño” é froito dunha idea nacida hai case tres anos -daquela chamábase “Teño unha granxa en San Sadurniño”- coa idea de promover a creación dixital entre as persoas de máis idade e por en marcha unha canle en youtube que axudase a preservar os saberes agrogandeiros de toda a vida.
O proxecto botou a andar no seo do programa CeMIT-Innova apoiado pola AMTEGA e FUNDETEC, pero pouco a pouco foi adquirindo vida propia, colgando cada vez máis vídeos sobre cultivos tradicionais e experiencias con novos produtos. Andan xa polo medio cento videotutoriais, teñen case un milleiro de persoas suscritas á súa canle e achéganse ás 290.000 reproducións, entre as que cómpre destacar a do vídeo viral de hai uns meses sobre a aparición na horta dunha planta ventureira de cánabo, confundida polas protagonistas cun pé de marihuana.