main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/11/201710:50
Mozas Geek.
A Coruña

Elas son as geek

Hai moitas tribos urbanas (góticas, vamps, punkis, hipsters, bloggers) e quizais entre as máis descoñecidas están as mozas geek. Son unhas apaixonadas das máquinas e as computadoras, e aínda, moi poucas. A máis famosa, a nivel literario, é a heroína Lisbeth Salander, unha hacker xusticeira que usa o seu cibertalento para axudar a un xornalista na saga Millenium. Pero en Galicia tamén hai un puñado de expertas en ciberseguridade, son as teleco que vixían a Rede. O seu son os cacharros, os sensores e os cables. Cando quedan para tomar café coas súas amigas escápanselles chistes e palabrexas que parecen sacadas dun guion da serie The Big Bang Theory. «Digo que estou en stand-by, que debo cambiar o chip, actualizarme, resetearme, ou que o antivirus dos nenos está a fallarme se os sacas da contorna», chancea a enxeñeira Susana Rey, da Coruña. Ela e as súas compañeiras Silvia Serrano, e as viguesas Lucía Anta e Belén Pérez, uníronse para animar a outras mozas para sumarse ao seu oficio e mostrar o seu cibertalento a un mundo que o necesita. «A tecnoloxía é divertida e apaixonante, pero hai moito talento feminino desperdiciado», asegura Susana.

Ela son parte da Rede Galega de Ciberseguridade e queren visibilizar a contribución feminina á seguridade no mundo virtual. «O único que fai falta é que Disney faga unha película cunha heroína que loite contra os hackers. Nós somos as boas!», defende unha. «De pequena, todos me dicían que de maior tiña que ser enfermeira, como a miña nai, porque as carreiras técnicas eran de mozos, non tiña ordenador nin Internet, pero no instituto entroume curiosidade pola tecnoloxía. As mozas non deberían velo como algo raro. A min apaixóname, é algo co que estou a aprender e sorpréndeme cada día», comparte Silvia, experta en redes de datos.

 

A súa arma, facer equipo

Unha proba da súa soidade nun mundo de máquinas e homes é que Belén Pérez foi a única muller no recente evento Hack & Beers de Vigo, que reuniu a tecnólogos e hackers éticos. Era a coorganizadora. Ese día as súas amigas non puideron ir, pero, hai unhas semanas, atopouse a Silvia e Susana nun congreso de ciberseguridade en León e as tres decidiron facer un chamamento para que as alumnas do instituto regresen aos pupitres das escolas de Telecomunicacións: «Antes había tantos mozos como mozas e agora elas só son un 20 %». Este oficio tamén inclúe ramas como a xestión e o dereito, caso da avogada viguesa Bárbara Román, que asesora a youtubers. Saben que a súa profesión ten futuro e que as empresas se rifan ás poucas geeks dispoñibles en Galicia, ás que recrutan para vixiar os seus servidores. Elas traballan para firmas competidoras, pero, en caso de emerxencia por un ataque masivo dos hackers, a súa arma de muller máis efectiva é a colaboración.

«Somos as boas pero poucas, e eles son malos e están moi organizados. Para a nosa desgraza sempre atacan fóra do horario de oficina, un venres pola tarde ou o fin de semana. Se estás cos nenos xogando no parque ou en metade da cea, saes correndo a casa a polo portátil...», di Susana. Todas lembran o ataque mundial do virus Wannacry hai uns meses. Son noites que pasan en vela con café, pizza, lendo códigos e chateando coas amigas porque «o truco está en saber a quen preguntar».

«O mellor do noso traballo é a necesidade de manterse permanentemente actualizado e informado e os retos que supón a ciberseguridade. Quizais a peor parte é a complexidade que iso supón. Aínda hai que ser moi autodidacta. Aparecerán novos retos co Internet das Cousas», di Silvia.

«O espectro de ataques cada vez é maior, e aquí xa non só é reputación ou diñeiro das compañías, senón vidas humanas», advirte Belén.

Ademais de ser enxeñeiras de Telecomunicacións, Susana Rey é máster en Seguridade da Información e responsable de seguridade en R; a súa compañeira Silvia Serrano ten o certificado de ciberseguridad CCIE #55864. Lucía Anta é enxeñeira de rede e seguridade noutra empresa, en Balidea. E Belén Pérez é enxeñeira en Electrónica Industrial e Automática e CPN-23 do CCI (Centro de Ciberseguridad Industrial). As geeks pisan forte.

24/11/201709:47
Logo CeMIT-Innova.
Santiago de Compostela

A Amtega concede o premio Son Dixital á asociación Nuestra Señora de Chamorro pola iniciativa InnovaNarón

  • A entidade, que atende a persoas con discapacidade intelectual, creou un portal de comercio electrónico e un blog para dar a coñecer os seus produtos artesanais
  • Cinco veciñas de San Sadurniño reciben un accésit pola súa activa participación no proxecto Teño unha horta en San Sadurniño
  • O segundo accésit foi para catro voluntarios participantes na iniciativa MiraTICarballedo

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) seleccionou como gañador da primeira edición do Premio Son Dixital o traballo realizado polos diferentes integrantes da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, dentro da iniciativa InnovaNarón, liderada desde a aula CeMIT deste Concello, no marco do proxecto CeMIT-Innova.

A asociación Nuestra Señora de Chamorro, atende ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual e a súa contorna familiar, e con esta vocación de servizo creou un portal de comercio electrónico (www.innovanaron.com), xestionado pola propia asociación e as persoas que participan diariamente nos seus obradoiros. Ademais, a través dun blog dan a coñecer non só os produtos artesanais realizados polos seus usuarios, senón tamén as actividades que desenvolven no seu día a día.

A iniciativa combina o afán de superación, colaboración e uso da tecnoloxía, o que a converteron na primeira gañadora do Premio Son Dixital, que busca recoñecer ás persoas e entidades implicadas nas iniciativas de innovación social dixital que se desenvolven en Galicia dentro da iniciativa CeMIT-Innova posta en marcha pola Amtega.

 

O Premio Son Dixital

Ademais do recoñecemento, os premiados obterán tamén un dispositivo tecnolóxico, achegado pola empresa colaboradora do programa CeMIT-Innova Primux Trading, situada no parque tecnolóxico Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense).

 

Dous accesits ao premio

Entre as candidaturas presentadas tamén se concederon dous accésits que recaeron en:

 

  • Cinco veciñas de San Sadurniño: Cruz Piñón, Lucía Pita, Consolo Picos, Carmen Couce e Carmen Bouza, pola súa transformación persoal e participación dentro do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño executado ao redor da aula CeMIT deste concello.

O seu proxecto, que comezou no 2015, converteuse nun bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural, innovando na forma de transmitir - a través dunha canle de Youtube - o traballo e a tradición do mundo rural, que nos fan chegar a través de relatos frescos, contados en primeira persoa dunha forma didáctica e divertida. Estas cinco mulleres amosan como a tecnoloxía pode transformar unha vida dedicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado por estas mulleres labregas, que xa conseguiron case 1.000 seguidores na súa canle de Youtube.

  • Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández: catro voluntarios comprometidos co proxecto MiraTICarballedo, liderado desde a Aula CeMIT do Concello de Carballedo, co que buscaron afianzar o rural como modelo de crecemento económico.

A través da experiencia e o coñecemento dos catro voluntarios, propiciouse unha rede de alianzas - entre entidades, voluntariado e persoas - que relacionan tecnoloxía, desenvolvemento da agricultura e gandería e novos formatos de emprendemento e emprego. As actividades programadas na aula CeMIT, a través de xornadas informativas sobre emprendemento rural, de titorización de proxectos innovadores e sobre aplicacións móbiles para o sector agrario, son a súa forma de brindar ao mundo rural a oportunidade de subirse ao carro da tecnoloxía e a innovación.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. Ou seu obxectivo é promover ou uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. 

24/11/201709:40
Momento da xornada Novo modelo de ocupación e emprego para persoas con discapacidade intelectual.
Santiago de Compostela

Conde avoga pola formación das persoas con discapacidade nos novos perfís profesionais para favorecer a súa inclusión social

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na xornada ‘Novo modelo de ocupación e emprego para persoas con discapacidade intelectual’ organizada por Fademga
  • Pon en valor o apoio da Xunta ás persoas con capacidades diferentes e reitera a importancia de que as empresas aposten polo “talento diverso” e lle dean visibilidade
  • Conde aposta pola formación dual deste colectivo e pola implicación do tecido empresarial neste eido
  • O Orzamento 2018 destina preto de 14 millóns de euros para seguir impulsando os centros especiais de emprego e o traballo na empresa

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou por crear un novo marco de oportunidades laborais para as persoas con capacidades diferentes poñendo énfase no emprego e na formación, na súa intervención en Santiago na xornada Novo modelo de ocupación e emprego para persoas con discapacidade intelectual, organizada por Fademga. Sinalou que a transformación que se está a rexistrar na industria grazas á dixitalización e as novas tecnoloxías está cambiando, polo que apostou por aproveitar este escenario para aumentar as posibilidades para o emprego inclusivo.

Explicou, ao respecto, a importancia da formación para a inserción laboral e para evitar que se abra unha fenda no mercado laboral pola aparición destes novos perfís profesionais vinculados ao desenvolvemento tecnolóxico. Neste contexto, o titular de Economía apostou pola formación dual, un modelo no que avanzou que está traballando a Xunta para incrementar a integración laboral das persoas con discapacidade e que require da implicación do tecido produtivo.

Conde sinalou que as persoas con capacidades diversas son un colectivo prioritario en todas as políticas de emprego da Xunta, xa que afirmou que no traballo se atopa unha das portas principais á inclusión social. Puxo en valor o apoio da Xunta a estas persoas e asegurou que a loita polo emprego inclusivo debe contar coa implicación de todos os axentes económicos e sociais, lembrando que as empresas deben contribuír a difundir a cultura da integración social e apostar polo “talento diverso” dándolle visibilidade.

O orzamento 2018 da Consellería de Economía, Emprego e Industria destina preto de 14 millóns de euros para seguir impulsando a integración laboral das persoas con discapacidade, a través do impulso aos centros especiais de emprego, que xogan un papel fundamental á hora de formar e ofrecer unha primeira oportunidade laboral, e por medio de axudas ás empresas para a contratación destas persoas.

Por último, Conde agradeceu o labor intenso que desenvolven as entidades que traballan a favor do emprego inclusivo como é o caso de Fademga, que presta servizo a máis de 4.300 persoas, agrupa a 40 asociacións e conta cunha rede de 125 centros por toda Galicia, onde traballan case 1.300 profesionais co apoio de máis de 1.200 voluntarios. Fademga ofrece servizos de atención e coidados, de axuda ás familias e á vida independente das persoas con capacidades diferentes ou de apoio ao desenvolvemento profesional e social deste colectivo.

 

24/11/201709:32
A aplicación en funcionamento.
Madrid

Unha alumna defende o seu TFG en lingua de signos a través de 'Facebook Live'

A estudante Ana Real Gijón, estudante do Grao en Enxeñería en Sistemas Audiovisuais e Multimedia da Universidade Rey Juan Carlos, defendeu o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) en lingua de signos a través de 'Facebook Live', grazas a unha aplicación que ela mesma desenvolveu.

A universidade explicou nun comunicado que Real desenvolveu unha aplicación web no seu TFG que permite a interpretación de contidos audiovisuais con lingua de signos en tempo real, a cal se pode utilizar desde calquera dispositivo móbil como 'smartphones', 'tablets' ou computadores portátiles.

Esta aplicación supoñería unha solución pioneira tanto para persoas xordas como para intérpretes de lingua de signos, porque os usuarios poden utilizala en redes sociais, 'streaming' en YouTube ou Facebook. Ademais, tamén se pode implantar en contornas profesionais, como na televisión

Neste sentido, Real explicou que esta aplicación "evita que un intérprete teña que desprazarse ata un estudo de televisión para levar a cabo a interpretación e poida realizarse desde calquera lugar cun simple dispositivo móbil ou computador que conte con webcam e Internet".

Desta maneira, redúcense substancialmente os custos de interpretación de contidos audiovisuais porque se poden beneficiar dela non só os usuarios finais, senón tamén as cadeas de televisión e produtoras.

"Consideramos que esta ferramenta pode impulsar a economía colaborativa axudando a crear unha nova bolsa de emprego para os intérpretes, onde poden participar en grandes ou medianos eventos que teñan lugar en calquera lugar do mundo", explicou o seu titor do TFG, Damián Ruiz Coll.

Para o deseño desta ferramenta utilizáronse follas de estilo CSS e linguaxe HTML. Unha vez programada a aplicación web en linguaxe JavaScript, pódese conectar a un estudo de televisión virtual na nube baseado na plataforma Xtreamr desenvolvida por Telefónica.

Por último, Real detallou que "o contido dun informativo de televisión é recibido no estudo virtual e enviado ao intérprete para a súa monitoraxe", mentres que "ao mesmo tempo, o sinal do intérprete chega ao estudo virtual para ser composta co sinal do evento", de modo que ambos os sinais poden ser distribuídos a través de distintas canles ou redes sociais en directo, como demostrou esta alumna durante a defensa do seu TFG.

24/11/201709:23
Entrega dos premios Raíña Letizia.
Madrid

A Raíña entrega os Premios Raíña Letizia do Real Padroado sobre Discapacidade

Os galardóns distinguen aos municipios que apostan pola accesibilidade, as tecnoloxías accesibles, a cultura inclusiva, a rehabilitación e integración das persoas con discapacidade e ás empresas que buscan a inserción laboral deste colectivo.

Sabiñánigo (Huesca), Ávila, Carreño (Asturias), Terrassa (Barcelona) e os consistorios latinoamericanos de Freire (Chile) e o Municipio A da cidade de Montevideo (Uruguai) son os concellos galardoados nesta edición, que conta cunha dotación económica de 15.000 euros para cada municipio premiado.

A finalidade destes premios é recompensar un labor continuado, levado a cabo nun período de tempo non inferior a cinco anos, no campo da accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

No apartado de Rehabilitación e integración das persoas con discapacidade foi premiado o doutor Jesús Vaquero, do Hospital Puerta de Hierro de Madrid, polo seu traballo con células nai para lesionados medulares.

Calidad Pascual foi a empresa premiada polo seu programa de inclusión laboral de persoas con discapacidade, mentres que Plena Inclusión Madrid obtivo o galardón de Cultura inclusiva polo seu programa 'Máis Cultura = Máis Inclusión', mentres que Everycode levou o de Tecnoloxías accesibles polo seu programa de accesibilidade para webs.

Mariano Casado, presidente de Plena Inclusión Madrid, falou en nome de todos os premiados e ademais de agradecer os galardóns felicitouse por "actos como o de hoxe, porque visibilizan a discapacidade" e serven para derrubar barreiras.

Pechou o acto a ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dolors Montserrat, que glosou cada premiado e destacou que "estamos envorcados na inclusión e na accesibilidade das persoas con discapacidade" e agregou que "os talentos de todos suman valor á vida".

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS