
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Onte entregáronse en Santiago uns galardóns que salientan a importancia de dixitalizar e innovar os nosos negocios e que visualizan ao máximo o traballo ben feito neste sentido. Estamos a falar da edición 2017 dos premios Smart Commerce, convocados pola Consellería de Economía co obxectivo de recoñecer aqueles comercios da nosa terra que “aposten por situar ao cliente no cento da súa estratexia”, e facéndoo botando man de ingredientes como a mercadotecnia dixital, o comercio en liña, o posicionamento en buscadores ou o uso das redes sociais. Na cita participou o conselleiro Francisco Conde, quen lembrou que Internet “é unha realidade presente que permite mercar en calquera intre ou lugar do mundo” e desta realidade, engadiu, “os nosos comerciantes son cada vez máis plenamente conscientes”. Volvendo aos galardóns, artelláronse en tres categorías. A primeira, o premio Smart Commerce, incluíu unha contía de 3.000 euros para o premiado a nivel de Galicia e 1.500 para o escollido en cada provincia.
Ao abeiro desta primeira modalidade distínguense os comercios galegos que desenvolven iniciativas innovadoras que supoñen “unha clara diferenciación e mellora no mantemento de clientes”, que impulsan “accións de promoción especiais” e que salientan polo uso das canles on line e off line de comunicación e venda.
Nesta segunda edición dos galardóns, obtivo o premio Smart Commerce Galicia e Smart Commerce Pontevedra a tenda de moda infantil Las Merceditas de Iria, especializada en moda infantil e que conta tamén con tenda dixital.
A librería coruñesa Moito Conto, que incorpora elementos TIC dentro dun espazo tradicional de venda ao público e cunha importante presenza nas redes sociais, fíxose co Smart Commerce da provincia A Coruña. En Ourense resultou galardoado o establecemento de moda Clothes&Co, que conta con establecemento dixital e presenza en redes sociais.
Polo que se refire á segunda categoría, o premio eCommerce, diríxese a a recoñecer, cunha contía de 1.000 euros, o comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través de Internet. Nesta edición, recaeu en Filament2 Print, con sede en Nigrán, tenda adicada a comercializar materiais para a impresión 3D.
Ademais, a través do premio Social Commerce, cunha dotación de 1.000 euros, saliéntase e visualízase o negocio que “amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar aos seus clientes”. Este ano obtivo este recoñecemento Blue Popelina, de Betanzos, unha tenda on line que ofrece prendas de vestir e accesorios multimarca, facendo das redes sociais o seu escaparate.
A Deputación de Lugo achegou hoxe datos de interese (sobre todo de cara ás entidades participantes), acerca da edición número catro do programa Ben Empregado da entidade provincial, salientando a apertura de prazo desta nova convocatoria (a cuarta), o seu obxectivo fundamental (impulsar a contratación de persoas desempregadas no seo das entidades da provincia) e a súa fortalecida vertente TIC (fomentando novamente, entre outras moitas profesións, as profesións ligadas ao dixital). A Deputación informou hoxe de que 336 empresas e colectivos da provincia optan ás axudas para contratar a novos traballadores que ofrece o Goberno da Deputación a través do programa.
As entidades aspirantes, engade a entidade, deberán consultar as súas solicitudes en deputacionlugo.gal e, de ser necesario, completalas ou modificalas para seguir concorrendo ás subvencións de até un máximo de 22.000 euros que inclúe dita programación.
Con estes 22.000 euros asumiranse, durante un ano, os custes laborais dos desempregados lucenses que pasarán a ser persoal dos seus equipos profesionais. Poden facelo dende hoxe e até o 24 de novembro inclusive.
A contía total de axudas é de 2,2 millóns de euros.
Na resolución das subvencións favoreceranse as empresas e colectivos que non se teñan beneficiado das anteriores edicións do Ben Empregado; ás que ofrezan contratacións indefinidas do posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral, de protección do medio ambiente ou de responsabilidade social e corporativa. Ademais, valorarase positivamente que os promotores das entidades sexan de nova creación, impulsadas por mulleres, mozos de entre 16 a 35 anos ou maiores de 45.
Os entes que resulten beneficiados deberán aceptar ao traballador asignado pola Deputación e mantelo no seu cadro de persoal durante un período mínimo de 12 meses de duración; manter o cadro de persoal, incluíndo aos anteriores traballadores das edicións do Ben Empregado, durante a vixencia deste programa; facilitarlle ao contratado os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas; ou achegar ao organismo provincial nos primeiros 10 días do mes a nómina e xustificante de pago do traballador correspondente, entre outras obrigas.
Lembrar que entre os postos máis impulsados nas anteriores entregas de Ben Empregado figura o de community manager. Ao abeiro desta etiqueta figuran os profesionais que constrúen, xestionan e administran comunidades en liña arredor dunha marca en Internet.
A Deputación engade que Ben Empregado 4 responde a un duplo obxectivo do Goberno provincial: por unha banda combater a taxa de paro na provincia (“xerando postos de traballo de calidade ao incorporar cláusulas sociais nos contratos para salvagardar ou mellorar os dereitos laborais dos traballadores”) e, pola outra, “contribuír ao pulo da actividade do tecido empresarial e asociativo da provincia na procura da dinamización da economía lucense”.
Novamente, unha parte importante do programa irá destinado a fomentar o emprego relacionado coas novas tecnoloxías. Por exemplo os devanditos profesionais community managers, técnicos en informática, especialistas en mercadotecnia dixital ou responsables de proxectos transmedia.
A área de Novas Tecnoloxías da Fundación Balia ten como obxectivo paliar a fenda dixital e capacitar no uso das Tics aos colectivos en situación vulnerable.
Neste labor a Fundación Balia conta coa colaboración da Fundación Vodafone España para o desenvolvemento do proxecto “Formación para a inserción socio laboral para persoas con discapacidade”.
Un proxecto formativo, dirixido a facilitar o acceso ás NN.TT. a persoas con discapacidade para a súa alfabetización dixital, desenvolvemento de habilidades na procura de emprego por internet e a utilización de apps en dispositivos móbiles para buscar información e realizar seguimentos das súas ofertas para unha procura de emprego eficaz.
Durante o ano académico 2016-2017, 40 persoas novas, con diferentes tipos de necesidades de apoio e distinto nivel de aprendizaxe realizaron o programa favorecendo a súa inclusión social e inserción laboral.
A app, creada con ferramentas de fácil comprensión e manexo, permite ao candidato dar a coñecer as súas competencias e a súa marca persoal e compartilas en poucos minutos a través de novas canles e dunha forma sinxela e adaptada.
A accesibilidade da aplicación busca facilitar, ademais, a posibilidade de que calquera outra persoa poida dispoñer do seu propio videocurrículo. Así, no seu desenvolvemento tívose en conta a linguaxe, iconografía, modo de navegación e menús de axuda. Ademais, a app, que xa está dispoñible en Google Play para sistemas Android, é configurable e permite activar ou desactivar textos de axuda por voz, axustar tempos de gravación e conta atrás, ou activar e desactivar os subtítulos.
Os candidatos dispoñen tamén dun apartado de almacenamento no que poderán arquivar diferentes videocurrículos e compartilos a través de redes sociais ou correo electrónico.
Co desenvolvemento desta ferramenta preténdese dar resposta ás novas necesidades derivadas dos cambios nos procesos de recrutamento dos empregadores e nos métodos de acceso ao mercado de traballo, que tamén afectan ao colectivo de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Diariamente, as organizacións sen ánimo de lucro e os voluntarios que colaboran con elas traballan para facer fronte ás crecentes necesidades sociais. Pero a caída de subvencións públicas durante a crise, e aínda hoxe, supuxo para moitas ONG unha diminución dos recursos dispoñibles que paraliza as súas actividades ou mesmo provoca a súa desaparición.
Co fin de apoiar ás pequenas organizacións sen ánimo de lucro con ideas orientadas a producir cambios reais na sociedade, a compañía de solucións de software e xestión empresarial na nube Sage lanzou o ano pasado, a través de Sage Foundation, o Fondo Empresarial, dotado cun millón de dólares, que se reparten en dúas convocatorias ao ano de 500.000 dólares cada unha entre os 23 países en que Sage ten presenza. En cada país concédense un número limitado de axudas con achegas entre 10.000 e 25.000 dólares.
Agora acaba de lanzar a segunda fase deste ano, cuxo prazo conclúe o 28 de novembro. “Nesta segunda convocatoria modificamos algúns criterios, para facilitar a presentación de proxectos. O máis significativo é que as ONG non deben superar uns ingresos de 2 millóns de euros”, sinala Isabel Hernández López, cooordinadora para o sur de Europa de Sage Foundation. “Esta novidade débese a que Sage Foundation quere apoiar, sobre todo, proxectos de organizacións de pequeno tamaño, que son as que máis dificultades teñen para obter apoios”, remarca Hernández.
Para acceder ás axudas a fundación valora ideas innovadoras que poñan o seu foco en mellorar a calidade dos colectivos de mozos, mulleres e nenas e militares veteranos das comunidades locais nas que a empresa ten presenza. Ademais, os proxectos deben levar en funcionamento dous anos ou menos “e deben proporcionar oportunidades de voluntariado para os empregados de Sage na comunidade”, destaca a coordinadora da fundación. Sage ten o compromiso de doar o 2% do tempo dos empregados (cinco días por ano e empregalo para realizar voluntariado en horario laboral).
Así mesmo, as entidades que se presenten á convocatoria tamén deberán ter enfocada a súa actividade ás áreas de educación, empresa e emprego, diversidade e inclusión ou saúde e benestar.
Na primeira edición do Fondo Empresarial deste ano, en febreiro, Sage Foundation concedeu máis de 30 subvencións, entre os preto de 1.000 proxectos presentados, comenta Isabel Hernández. En España presentáronse un total de 110 solicitudes e finalmente foron catro os proxectos gañadores: Fundación Crear, para o desenvolvemento dos seus Programas de Emprendemento nas escolas; Soñar Esperto, para os proxectos Amigos para Sempre e Educar Sorriso; Cruz Vermella Sabadell, para a súa iniciativa de Infancia e Mocidade, e Axuda en Acción, para o seu programa de empregabilidade de mulleres vulnerables.
Sage Foundation está especialmente interesada en apoiar ás organizacións que teñen vocación de medrar con proxectos de futuro e sustentables. Neste sentido, o Fondo Empresarial contempla o apoio económico a esas necesidades que as ONG teñen, pero para as que tradicionalmente é difícil conseguir apoio, como son os custos de infraestrutura ou custos derivados do funcionamento básico da organización.