main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/11/201710:26
Formalización da Cátedra Handytronic.
A Coruña

A UDC e Telecon formalizan a creación da Cátedra Handytronic

Finalmente, tal e como avanzamos onte en Código Cero, formalizouse oficialmente na UDC a creación dunha nova cátedra destinada á formación, investigación e colaboración arredor do amplo potencial da informática no achado de novos xeitos de combater doenzas e mellorar a calidade de vida das persoas. Estamos a falar da Cátedra Handytronic, que vén da man da Universidade da Coruña e o Grupo Telecon e que hoxe recibiu un importante pulo coa formalización do convenio entre as dúas entidades que a fai posible. No acto participaron Julio Abalde, reitor da UDC, e Jacobo Penide, director xeral de Grupo Telecon. 

Na presentación, celebrada na sede da Reitoría, participou tamén Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Luis Hervella, decano da Facultade de Informática, centro ao que queda adscrita a cátedra, e Javier Pereira, que será o seu director. 

Segundo se fixo saber, os obxectivos da nova cátedra son “a colaboración na docencia na Facultade de Informática da UDC e, de xeito especial, no Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde; o desenvolvemento de actividades que permitan crear espazos de debate e difusión da actividade docente e investigadora, e a promoción de actuacións que estimulen o talento dos estudantes e faciliten a súa incorporación ao mundo laboral”.

Nun plano máis concreto, a UDC e Grupo Telecon realizarán de maneira conxunta actividades e proxectos nos ámbitos da investigación, a transferencia de coñecemento, a formación e a divulgación. Máis polo miúdo, está previsto colaborar en investigación, cooperar para lograr proxectos no ámbito galego, español e europeo, promover encontros e redes estatais e internacionais de expertos, cooperar en mestrados e outros estudos de posgrao, deseñar e impartir programas de formación permanente, patrocinar bolsas ou formar emprendedores de iniciativas de alicerce tecnolóxico. 

O reitor inseriu esta iniciativa dentro do marco de especialización dos campus da Coruña, concretamente no Campus Innova, que é a aposta da Universidade da Coruña polo sector dixital. Segundo dixo, “Esta Cátedra supón o apoio decidido á especialización no mundo dixital, sobre todo o aplicado ás ciencias da saúde, sector que terá un amplo desenvolvemento no futuro”.

Pola súa banda, Jacobo Penide dixo que o Grupo que representa, grazas a esta colaboración, “dá un chimpo adiante na súa aposta pola intelixencia artificial e a neurociencia para o desenvolvemento de solucións que favorezan a calidade de vida de persoas con diversidade funcional, promovendo ademais o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva”. Esta visión, dixo, materialízase comercialmente na creación da marca Handytronic, firma que comercializa un amplo catálogo de solucións de mobilidade para persoas con diversidade funcional, ao tempo que impulsa proxectos de investigación neste eido que contan xa coa participación da Facultade de Informática e máis do Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde da UDC.

16/11/201709:49
Cartel do Hackaton.
Madrid

Hackathon Social "Visto e non Visto"

  • TECSOS e a Cruz Vermella Mocidade lanzan o primeiro Hackaton sobre aplicacións de Realidade virtual e Aumentada para o proxecto de "Infancia Hospitalizada".

TECSOS xunto a Cruz Vermella Mocidade están a traballar conxuntamente para incorporar o uso da Realidade virtual e Aumentada ao proxecto de Infancia Hospitalizada, para iso convocan estas xornadas de creatividade e traballo colaborativo chamado Hackaton Social: unha experiencia colectiva que persegue unha meta común. Celebrarase os días 1 e 2 de decembro no Espazo Vodafone, Madrid.

Máis información.

15/11/201710:14
Cartel do evento.
A Coruña

Lance Weiler traerá á Coruña o seu experimento narrativo Frankenstein AI

O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación dentro do programa Coruña Dixital vai rematar ao grande a súa tempada de outono, xa que o 30 de novembro na Aula Náutica da Universidade da Coruña celebrarán un encontro co estadounidense Lance Weiler que baixo o título de Frankenstein e a Intelixencia Artificial achegará un experimento de narrativa colaborativa.

Weiler é unha figura internacional no eido da narrativa transmedia, que amosará o seu último proxecto en directo, o que supón unha grande oportunidade para participar nun relato colectivo no que se exploran os temas do clásico literario de Mary Shelley.

O proxecto de Frankenstein AI ten como obxectivo a creación de historias utilizando a literatura, a historia e código nun esforzo para unha mellor comprensións dos desafíos que enfrontamos no século XXI. Os participantes de todo o mundo poden utilizar a intelixencia artificial, o machine learning, a robótica, a bioenxeñaría e a Internet das Cousas para crear un monstro feito por moitos. Esta iniciativa do Digital Storytelling Lab da Columbia University School of the Arts está a desenvolverse ao longo de numerosas localizacións e en distintas fases nas que o coñecemento xerado compártese baixo licenzas abertas dun xeito semellante ao proxecto anterior do laboratorio, Sherlock Holmes & the Internet of Things, que durante uns dous anos e medio conseguiu contar con máis de 2.500 colaboradores de 60 países. Mentres o proxecto de Sherlock estaba orientado ao hardware, desta volta a tecnoloxía (a intelixencia artificial) é ubicua e adaptativa, o que supón un enfoque moi diferente, no que os participantes interactúan dende o primeiro momento.

15/11/201710:09
Portátil executando un entorno de programación.
Vigo

O Concello de Vigo e Telefónica formarán persoas desempregadas en programación Java

O Concello de Vigo vén de anunciar que vai formar, en estreita colaboración coa operadora de telecomunicacións Telefónica, a dúas ducias de persoas sen emprego en programación Java. A actividade formativa foi presentada polo alcalde, Abel Caballero, quen lembrou a importancia desta temática (a creación de ferramentas informáticas baseada na dita linguaxe de programación, a máis estendida e popular de cantas linguaxes se empregan hoxe en día) e as posibilidades que se abren co obradoiro Emprego dixital, que xorde tralo convenio asinado polo Goberno local coa Fundación Telefónica.

Segundo fixo saber, trátase dun itinerario de traballo dirixido á formación na linguaxe de programación Java de 25 persoas desempregadas, viguesas/es de entre 18 e 35 anos, que contarán coa participación de expertos e referentes no sector. Recibirán clases teórico-prácticas validadas polas empresas colaboradoras.

A formación en Java, unha das linguaxes de programación con máis demanda no sector tecnolóxico, comeza o 24 de novembro e prolongarase durante cinco meses con clases impartidas nas instalacións do Auditorio Mar de Vigo en horario de mañá. A inscrición realízase na web da Fundación Telefónica.

15/11/201710:04
Accegal.
Santiago de Compostela

As aplicacións de Accegal acumulan máis de 80.000 descargas

A nosa diversidade é tan ampla e tan “diversa” que tamén se aplica ao noso xeito de comunicarnos: cada persoa ten o seu xeito. A clave está en abranguer a todas e todos e non deixar a ninguén fóra. Este é un dos grandes obxectivos do proxecto galego Accegal, que, partindo da base dos atrancos que supoñen os modelos de comunicación xenérica, cen por cen textuais, aposta pola comunicación visual, pictográfica, aplicada ao ámbito das TIC. Máis polo miúdo, ao ámbito dos smartphones e as tabletas. Estes, a xuízo dos responsables de Accegal, brindan ás persoas con diversidades comunicativas unha “nova posibilidade para interactuar coa súa contorna, para expresarse e para evitar a súa exclusión social”. Dito doutro xeito: Accegal busca accesibilidade e inclusión poñendo o foco nuns elementos que se teñen criticado en repetidas ocasións por excluidores: os móbiles. O proxecto arrancou en 2011 e as súas aplicacións, nove, xa acumulan máis de 80.000 descargas.

Accegal vén da man do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón en Santiago de Compostela. Durante estes seis anos, educadores e enxeñeiros deseñaron e puxeron a disposición da sociedade nove aplicacións que se basean “na comunicación alternativa e aumentativa”. Entre todas elas, como dixemos, acumulan máis de 80.000 descargas a nivel internacional. Estes e outros datos veñen de ser achegados por un dos enxeñeiros de Accegal, Jonathan Juncal, quen avaliou o impacto e a efectividade das nove ferramentas ao abeiro da súa tese de doutoramento. Nela o investigador demostra a utilidade destes recursos e avalía o seu correcto funcionamento. Trátase das ferramentas VirtualTEC (a primeira da serie, fornecida en 2011), PictoDroid Lite, PictoDroid, PictoDroid Head Lite, PictoDroid Med e PictoTalk, que empregan comunicación mediante pictogramas e MessageTTS, MyKeyboDroid e SubTitleMe, que ofrecen comunicación mediante caracteres convencionais.

A finalidade de todas estas aplicacións, sinala Juncal, é “dar soporte a persoas con diferentes tipos de discapacidade que afectan gravemente á súa capacidade comunicativa, aproveitando o potencial da tecnoloxía móbil para crear solucións sinxelas, dependentes do sistema operativo Android”. Segundo engade, trátase “dun paso adiante respecto aos comunicadores tradicionais, máis estáticos e caros, xa que os smartphones e as tabletas permiten o emprego dos comunicadores en calquera lugar, de forma rápida e sinxela”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS