
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da formación profesional en centros públicos, á que se destinan 500.000 euros. Deste xeito, a dotación orzamentaria destes galardóns é a máis alta da súa historia case duplicando a contía dirixida aos mesmos na edición anterior.
Os centros educativos poderán solicitar participar neste certame ata o 17 de xaneiro, en dúas modalidades diferentes. Os proxectos que se presenten na modalidade A terán como obxectivo a innovación tecnolóxica ou científica, e a mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. Estarán orientados a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deberían ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.
Pola súa banda, na modalidade B inclúense os proxectos que teñan como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Estarán orientados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros educativos onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.
As solicitudes deberán presentarse na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde tamén se pode consultar máis información sobre a convocatoria.
Con esta convocatoria o departamento educativo da Xunta de Galicia busca potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros, empresas e outras entidades. Ao mesmo tempo, impúlsase a calidade e a excelencia na FP e o emprendemento como ferramenta para incrementar a empregabilidade dos titulados nestas ensinanzas. Neste sentido, cómpre lembrar o éxito de eventos como o FP Innova Galicia, que reuniu nun mesmo recinto un total de 40 proxectos de innovación -32 traballos e 8 miniempresas- nos que participaron 23 centros educativos e 30 empresas; así como a máis de 7.000 alumnos e alumnas de toda Galicia, que puideron coñecer de preto as potencialidades da formación profesional actual.
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; fixeron hoxe entrega dos premios do concurso Eduemprende Idea, co que se busca estimular o emprendemento entre os máis novos. Alumnas e alumnos dun total de seis centros educativos recibiron estes galardóns, que a Xunta de Galicia convoca anualmente entre o alumnado matriculados nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño sostidas con fondos públicos. Desde que se comezaron a convocar estes premios, no ano 2015, presentáronse ás tres convocatorias un total de 91 proxectos, o que proba o éxito da iniciativa. Ademais, cómpre salientar que o proxecto co 1º premio na convocatoria de 2015 na modalidade B, BAIAVENTURA, acaba de constituírse como empresa e outros están traballando para a súa constitución.
Román Rodríguez explicou que con convocatorias como esta o Goberno galego demostra o seu compromiso coa cultura emprendedora desde a base do sistema educativo, con actuacións que estimulan a participación activa do alumnado no deseño de iniciativas innovadoras e creativas. Así mesmo, comprometeuse a seguir traballando nesta liña, tanto no sistema educativo non universitario como na propia Universidade, con sinais como a posta en marcha do primeiro Grao de Emprendemento dunha universidade pública en España.
O conselleiro de Educación quixo agradecer aos docentes a súa implicación e apoio aos alumnos en certames como o Idea, así como felicitar aos estudantes polo talento plasmado nos proxectos galardoados. “Demostrastes que, cun duro traballo a base de constancia, fostes quen de transformar as vosas paixóns nun modelo de negocio, que pode chegar a ser... o voso medio de vida”, dixo. “Todo conflúe no círculo: persoas, ideas e talento; os elementos esenciais para mellorar e innovar, en calquera ámbito”, rematou.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, tras destacar o esforzo levado a cabo polo alumnado para crear algo diferente e apostar “polo verdadeiro sentido da innovación”, sinalou a importancia da formación tanto para conseguir un contrato laboral como para emprender. Neste senso, referiuse aos cambios que a tecnoloxía dixital está a levar a cabo no modo de traballo das fábricas e as empresas apostando neste ámbito por unha cualificación especializada e adaptada á demanda do tecido produtivo.
Conde, así mesmo, explicou aos alumnos que a Xunta conta con diversas ferramentas para consolidar o camiño dos novos empresarios como as axudas para aos autónomos para iniciar a actividade (apoios de 4.000 euros para menores de 30 anos); os apoios para a contratación indefinida de traballadores (de entre 3.000 e 14.000 euros); o asesoramento do Igape; ou os espazos de coworking para madurar os proxectos que se desexan poñer en marcha.
Dúas modalidades
A convocatoria consta de dúas modalidades, A e B, dirixidas ao alumnado de ciclos de grao superior e de grao medio, respectivamente. En ambas as dúas o primeiro premio será de 3000 euros, o segundo de 2000 e o terceiro de 1000. Ademais, todos os galardoados poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e recibir asesoramento técnico do IGAPE.
Na modalidade A o primeiro premio foi para o proxecto Eficonter, realizado por Juan Bautista Gracia Villalva, Alberto Ortiz Abas e Joshua Axel Pysar, do CIFP Someso (A Coruña); o segundo para Emega, S.L.N.E., desenvolvido por Jon Jhonn Alonso Aramburu e Néstor Soto Barreiro, do IES Luís Seoane (Pontevedra); e o terceiro para Plantación ecolóxica de Arándanos, un traballo de Almudena González Pardal e Tatiana Vázquez Alfaya, do CIFP A Granxa (Ponteareas).
No caso da modalidade B, o primeiro premio fai para José Manuel Abella Rivera, Jesús López Ramos e Rubén López Sánchez, polo proxecto Electricall, S.N.L.E, do IES Calvo Sotelo (A Coruña); o segundo foi para Lorena Láuzara Sánchez, Lara Medín Caramés e Iván Brea Liste, do CPR Nebrija Torre de Hércules (A Coruña), polo traballo Ihelpu, S.L.; mentres que o terceiro o recibiron Mª José Pinagorte Cedeño, Tony Manuel Búa Benítez, Antonella Franco e Irene Fandiño Parrado, do CIFP Compostela, polo proxecto Encontros, S.L.N.E..
Iniciativas galardoadas
Os primeiros premios do certame foron para proxectos de cooperativa e dunha aplicación móbil. Así, o da modalidade A, Eficonter é unha idea de cooperativa galega de traballo asociado de restauración de contedores marítimos para construcións modulares tanto temporais como permanente, que se encargaría de todas as fases do proceso produtivo, adaptándose ás necesidades do cliente. O proxecto segue as liñas da economía circular promovida pola UE, como unha alternativa ao sistema lineal actual, na que os produtos non se reutilizan unha vez finalizada a súa vida útil, evitando así un colapso no mercado. No caso da modalidade B, Electricall, S.N.L.E. é unha idea para a creación dunha aplicación en móbil para busca de profesionais, con rapidez e comodidade, na súa zona máis próxima. Dentro desta aplicación inclúese o desenvolvemento dun produto electrónico I+D+i, Electrosnail, que a través dun Kit de pastor eléctrico intelixente serviría para escorrentar caracois das plantacións
Na modalidade A o segundo premio foi para Emega, S.L.N.E., un proxecto de venda, instalación, mantemento e abastecemento de puntos de carga para coches eléctricos; mentres que o segundo da modalidade B levouno Ihelpu, S.L.; un traballo de desenvolvemento de produtos tiflotécnicos para persoas con discapacidade visual a través dunha aplicación cun lector de código de barras que facilitaría a descrición con voz das características dos diferentes produtos destinados á cadeas de téxtil, produtos alimenticios e museos.
O terceiro premio foi, na modalidade A, para Plantación ecolóxica de Arándanos, que inclúe a explotación, xestión e comercialización da mesmas; mentres que o gañador na modalidade B foi Encontros, S.L.N.E., un proxecto para a creación dun servizo de actividades de ocio dirixido a persoas maiores de 60 anos, con actividades como cerámica, cestería, sendeirismo ou karaoke.
Rede de viveiros
O galardón ofrece ao alumnado a posibilidade de acceder a un despacho da rede de viveiros de empresa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Educativa ten instalada en 26 centros educativos, e nos que se ofrece un espazo de balde para que os titulados emprendan o seu primeiro proxecto de empresa apoiados por asesoramento técnico tamén gratuíto.
En concreto, a Rede de Viveiros de Empresa en Centros Educativos compóñena os CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel (Ourense), A Farixa (Ourense), A Granxa (Ponteareas), A Xunqueira (Pontevedra), Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña), As Mercedes (Lugo), Compostela (Santiago), Coroso (Ribeira), Ferrolterra (Ferrol), Manuel Antonio (Vigo), Paseo das Pontes (A Coruña), Politécnico de Lugo, Politécnico de Santiago, Porta da Auga (Ribadeo), Portovello (Ourense), Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Someso (A Coruña), Valentín Paz Andrade (Vigo); e os IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), de Fene, García Barbón (Verín), Luís Seoane (Pontevedra), Montecelo (Pontevedra), Ricardo Mella (Vigo), Universidade Laboral (Culleredo) e Laxeiro (Lalín).
O Auditorio de Ferrol converteuse o sábado nun espazo de encontro e intercambio de experiencias e emociones grazas ao Encontro Mostra Transfronteiriza da Xuventude Emprendedora (Emotraxe). Á cita, organizada pola Xunta, acudiron uns 500 mozos de Galicia e o norte de Portugal, entre os que se atopaban membros de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á mocidade, participantes en actividades de voluntariado, membros de grupos informais, así como técnicos, informadores, educadores e mediadores xuvenís que mostraron publicamente as súas vivencias de participación, compromiso social e de emprendemento.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou o sábado a iniciativa e asegurou que o que se pretendía con ela foi “ceder a palabra á xuventude e darlle a oportunidade de amosar todo a seu potencial”.
Desde as 9.30 ata as 18.00 horas, o Auditorio serviu para que os mozos tivesen un espazo para trasladar os seus proxectos en distintos ámbitos, co “fin de xerar ilusión e contaxiar do seu espírito emprendedor e comprometido”, afirman desde a Xunta. Así, facilitouse a 28 entidades uns estands para que mostrasen as súas ideas aos asistentes.
O encargado de conducir o acto central foi o actor galego Rubén Riós e nel, ademais das tres mesas redondas incluídas no programa –“Mocidade en movemento, ou valor de tomar a iniciativa” (que contou, entre outros con Silvia Folgueira Rico e Miguel Paz Pena, gañadores dos campionatos de FP Galicia e Spain skills 2017), “Competencias clave para superar ou reto da inserción laboral e o emprendemento” e “Implicados ao 100%: iniciativas con impacto social”–, levaron a cabo dúas charlas, “Onde está o límite?” e “Emocións a través da mirada”, a cargo do televisivo Josef Ajram, catalán de ascendencia siria, e María José Freire Blanco, respectivamente.
Esta actividade enmárcase no proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo' (Lidera), aprobado ao amparo do programa Interreg V a España Portugal 2014-2020, cun orzamento de 1,4 millóns de euros e unha duración de catro anos.
Así mesmo, forma parte da actividade “Emprende” da Xunta, dirixida a todos aqueles que desexen iniciar unha nova liña de negocio e que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha.
Ademais do goberno autonómico, son socios do proxecto a Fundación Galicia Europa; Cámara Oficial de Comercio; Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela; Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega); Instituto Português do Desporto e da Juventude; Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas (FNAJ); e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
Importancia do voluntariado
A asociación sociocultural ASCM tamén quixo estar presente en Emotraxe para compartir cos asistentes a súa experiencia co mundo do voluntariado e poñer en valor “as competencias que se adquiren a nivel profesional á hora de realizar esta actividade”, comentou a xerente da entidade, Paula Gárate, ao termo do encontro.
Para a ASCM este tipo de axuda é fundamental á hora de sacar adiante os seus proxectos e, tanto é así, que cada ano outorgan o premio “Voluntario do Ano” a algún dos membros do seu equipo. Tanto o ano pasado como este, a gañadores – María López (18 anos) e Adrián García (27)– comezaron na asociación para partir do programa de Voluntariado Xuvenil que pon en marcha a Xunta, polo que Paula Gárate destaca a importancia deste tipo de iniciativas debido aos resultados que se obteñen posteriormente.
Así mesmo, ao tratarse dun encontro galaico-portugués, a cita do sábado serviu tamén para fomentar a colaboración entre ambos os países nesta materia e debuxar posibles liñas de actuación conxuntas.
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acolle, o día 19 de decembro, unha xornada de presentación dos programas Asesores Dixitais e Oficinas de Transformación Dixital (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-red-es) que se desenvolverá nas súas instalacións de Santiago de Compostela en horario de 16.30 a 18.00 horas.
Durante a xornada de presentación, Pablo Osuna, da Dirección de Economía Dixital en Red.es, se encargará de presentar as características dos devanditos programas e respostar ás dúbidas formuladas polas persoas asistentes.
Esta xornada está destinada, principalmente, a xestores de pemes, provedores e asociacións empresariais. Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da súa aplicación, dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde.
Os programas de axudas para a Transformación Dixital das pemes
A entidade pública Red.es vén de publicar as bases dos programas de axudas de Asesores Dixitais e das Oficinas de Transformación Dixital. Cada un destes programas está dotado cun orzamento de 5 millóns de euros, destinados á dixitalización das pequenas e medianas empresas, e contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo de Crecemento Intelixente.
De Asesores Dixitais, cuxas bases poden consultarse na web de red.es, van beneficiarse un mínimo de 1000 pemes, xa que os 5 millóns de orzamento estarán distribuídos en axudas de ata 5000 euros por empresa. Red.es achegará entre un 50 e un 80 % do custo do servizo, mentres que o resto correrá a cargo do beneficiario.
Pola súa banda, as futuras Oficinas de Transformación Dixital permitirán a creación dun máximo de 50 unidades repartidas por toda España. Están dirixidas a asociacións e colexios profesionais, co obxectivo de fortalecer o ecosistema de soporte ás persoas emprendedoras no ámbito dixital e á peme en materia TIC. O importe mínimo da axuda é, neste caso, de 100 000 euros por cada entidade beneficiaria e o máximo de 200.000. As entidades deberán achegar un mínimo do 20% do orzamento subvencionable.
Proximamente estarán publicadas no perfil do contratante de Red.es as convocatorias de axudas para os dous programas.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
Juan Merodio, emprendedor e experto en márketing e transformación dixital, critica a falta de accesibilidade á que se enfrontan as persoas con discapacidade e fai fincapé en que "non toda a tecnoloxía está adaptada adecuadamente para un acceso correcto por parte das persoas con discapacidade".
Así o indicou este experto en declaracións a Servimedia con motivo da campaña 'Atopa traballo Por Talento', unha serie de seis videotutoriais de catro minutos nos que, xunto ao 'youtuber' Breifr9, mostra aos mozos con discapacidade as claves para utilizar as ferramentas dixitais na procura de traballo.
"Pareceume un proxecto moi interesante porque ao final hai moitas persoas con discapacidade que están a ter problemas para atopar traballo ou acceder a certas ferramentas", afirmou Merodio, que mostrou a súa satisfacción por feito de traballar xunto a Inserta Emprego, a entidade para a formación e o emprego da Fundación ONCE.
Neste sentido, explicou que o obxectivo deste proxecto é "que a xente aprenda e transmitir educación, formación", porque "é a base do crecemento persoal e profesional de calquera persoa", e celebrou que "facelo a través de vídeos curtos, moi directos e segmentados cara a certa audiencia pódelles axudar a coller ese coñecemento e aplicalo no seu día a día dunha maneira fácil, directa e sinxela".
"Aínda existen moitas empresas nas que se prefire contratar a xente sen discapacidade", lamentou Merodio, quen defendeu que "estas accións son boas para concienciar ás empresas de que as persoas con discapacidade poden traballar igual ou mellor que unha persoa sen discapacidade. A discapacidade non debería ser un motivo á hora de contratar a alguén laboralmente".
"Os 'YouTubers' son fundamentais"
Merodio indicou que o papel dos 'youtubers' para que as persoas con discapacidade gocen das mesmas oportunidades que o resto é "fundamental", porque "son unha canle de comunicación con credibilidade para unha audiencia nova e non tan nova" e "por iso cada vez son máis as campañas que contan con eles".
"Para reverter a situación na que se atopan moitas persoas con discapacidade é fundamental a formación", sinalou este experto, quen celebrou que a iso contribúen "estas pílulas que creamos en vídeo", así como "as capacitacións que ofrece a Fundación ONCE para axudar a persoas con discapacidade".
Así se referiu Merodio aos programas que realiza Inserta Emprego, a entidade para a formación e o emprego das persoas con discapacidade da Fundación ONCE, que coa cofinanciación do Fondo Social Europeo leva a cabo os programas operativos de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e de Emprego Xuvenil (POEJ) para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.