
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e o Cluster TIC Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración para, entre outras cousas, facer fronte común a prol “da defensa e a mellora da competitividade do hipersector das tecnoloxías da información”. O acordo, de duración indefinida, incluirá actividades conxuntas e, de cara a todos os ámbitos sociais (cidadanía, institucións, empesariado, medios de comunicación), unha única faciana institucional. Esta voz unificada será asumida polo Cluster TIC.
Así o deron a coñecer no acto de formalización da alianza o presidente desta entidade, Antonio Rodríguez del Corral, e máis o presidente de AGASOL, Carlos Rodríguez. Segundo engadiron, o Cluster creará na súa organización interna (ao abeiro do acordo) un grupo de interese en software libre e tamén nomeará un portavoz neste eido, que participará nas reunións do seu comité de dirección. Polo que respecta ao papel que vai despregar AGASOL, a identidade e actividade de seu, a asociación manterá a súa xeración de proxectos e actividades, que se fará no seo da estrutura do Cluster e de forma aberta a todos os asociados. “Unha comisión paritaria de seguimento velará polo bo desenvolvemento do convenio”, explicaron.
O presidente do Cluster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, indicou que a sinatura supón “un importante avance de cara a establecer marcos de colaboración entre as entidades do sector que axuden ás empresas a desenvolver produtos e servizos innovadores e con capacidade para aproveitar as oportunidades que ofrecen os mercados”. Para o Cluster e para os clientes dos seus socios, engadiu, “é importante contar coa experiencia en software libre de AGASOL, porque cada vez máis proxectos de cliente, de electrónica ou no ámbito das smart cities ou dos data centers execútanse total ou parcialmente en software libre”.
Pola súa parte, Carlos Rodríguez salientou que este acordo permitirá aumentar o interese e a importancia do software libre entre o tecido empresarial TIC de Galicia, “proporcionando solucións innovadoras feitas desde a nosa comunidade e reducindo a dependencia do software privativo, que non achega valor engadido”.
Segundo lembraron, o Cluster TIC representa un sector que dá emprego a máis de 17.000 persoas e ten unha facturación superior aos 3.000 millóns de euros. Pola súa parte, AGASOL está integrada pola maioría das empresas do ámbito do software libre de Galicia, moitas das cales contan cunha ampla presenza en mercados internacionais.
Concienciar sobre a necesidade de adoptar "actitudes preventivas que eviten o mal uso, ou o uso indebido de datos persoais” e contribuír así a fomentar unha certa “cultura de protección de datos” nuns tempos nos que a presenza de información de todo tipo na Rede “trouxo consigo unha nova problemática que afecta á confidencialidade e á privacidade individual”. Este foi, como sinala José María Fernández, presidente da asociación de alumnado sénior do campus de Pontevedra, Asaexs, o propósito central da actividade que, coa colaboración da vicerreitoría, promoveu este colectivo na Casa dás Campás da capital pontevedresa.
O profesor da área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, Celso Cancela e o consultor público, Gregorio Andión, foron os protagonistas dun coloquio dirixido a achegar ás persoas asistentes as ferramentas normativas existentes para xestionar a súa información persoal.
Nese sentido, Fernández lembrou que, na actualidade, boa parte das relacións coas administracións, con empresas públicas ou privadas, realízanse a través de Internet, o que “para moitas persoas maiores supón un gran esforzo, e o que fai necesarias actividades como esta". Máxime, engadiu, cando a Federación Galega de Asociacións Séniores (Fegaus), á que pertence Asaexs, participa en varios proxectos relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e os maiores, como a plataforma Ágora ou o proxecto europeo Simplifying de interacción coa administración pública e a información tecnolóxica entre as entidades e a cidadanía.
Novo marco normativo
Co devandito obxectivo de concienciar e sensibilizar e partindo da idea de que “o big data non é obviamente o único que afecta á protección de datos”, Cancela centrou a súa intervención en poñer de relevo que “non somos conscientes” da importancia e do uso que se poden facer de datos tan sinxelos como un código postal, “que nunha gran cidade supón proporcionar información do teu perfil socioeconómico". E tamén para incidir en que, lonxe de “visións paranoicas”, un elemento clave é o compoñente ético, “o uso que se vai a facer destos datos, que se poden empregar tanto para programas sanitarios e na educación como para a ciberdelincuencia”.
Unha vez abordado un marco xeral, que abarcou desde as políticas de cookies que se aceptan sen ler, á idea de 'herdanza dixital', de que ocorre coas contas e publicacións dunha persoa cando falece, Andión enmarcou este panorama na lexislación sobre a protección de datos de carácter persoal. Nese sentido, este consultor e titulado en Dirección e Xestión Pública abordou o cambio normativo que vai supoñer, en maio de 2018, a entrada en vigor dun regulamento comunitario que “supón un cambio substancial respecto da actual lei orgánica, hai máis deberes para as empresas e máis dereitos para os cidadáns”.
Esta normativa, explicou, supoñerá, por exemplo, que o dereito ao esquecemento poida tramitarse directamente a través a axencia de protección de datos, á vez que permitirá unha "homoxeneización" normativa no seo da UE, xa que ata o de agora "era moi fácil que unha empresa tivese o seu domicilio social nun estado membro no que a lexislación fora máis permivisa".
Dous días de debate co foco na rede
Este coloquio sobre Big Data viuse precedido polo encontro que Asaexs e o Programa Universitario para Maiores promoveron na Casa dás Campás co obxectivo de mostrar como, a través da Rede, pode accederse á cultura universal empregando o idioma galego. Con este propósito, o coloquio contou coa participación do filólogo e docente Anxo González Guerra, coordinador, xunto a Vitoria Ogando da web: www.ogalego.eu, que reúne diferentes ferramentas para a aprendizaxe en galego. Actividade que contou ademais coa participación de Adrián Estévez, administrador da Galipedia, a versión en lingua galega da enciclopedia colaborativa dixital Wikipedia.
O Comité Pro Saúde Mental en Primeira Persoa da Confederación Saúde Mental España creou a páxina web Diversamente, co obxectivo de que as persoas con problemas de saúde mental poidan apoiarse mutuamente, compartir experiencias e así empoderarse e eliminar os prexuízos aínda existentes na sociedade.
Así o explicou o presidente de Saúde Mental España, Nel González, durante a presentación que tivo lugar o martes en Madrid, na que fixo fincapé na importancia de que sexan as propias persoas con problemas de saúde mental quenes dean os seus testemuños, porque "non hai maior experto que o que vive unha experiencia" e "só compartindo o que experimentan estas persoas podemos axudar ás demais".
Este portal, que xa se pode visitar, ofrece información rigorosa sobre a saúde mental e sobre que facer desde o momento no que se empezan a notar os primeiros síntomas, co obxectivo de humanizar o proceso de reequilibrio que levan a cabo as persoas con problemas de saúde mental para continuar cunha vida plena e con autoestima. A sección 'En Primeira Persoa' está ideada para compartir testemuños de superación como os que relataron durante a presentación Enrique González, Isabel Cabrera e Basilio García, que denunciaron que cando se fala de persoas con problemas de saúde mental "a xente segue pensando en camisas de forza" e celebraron que esta web servirá para que estas persoas se dean conta de que "hai máis casos e non están sós" e para "educar á sociedade". Doutra banda, o traballador social da Confederación Saúde Mental España José Luis Méndez detallou que a sección 'Empodérate' dá conta das "barreiras invisibles ás que se enfrontan estas persoas" e "das solucións para que sexan os protagonistas do seu propio proceso de recuperación".
"Desinformación dos medios"
Entre os principais problemas aos que se enfrontan estas persoas atópanse a falta de sensibilización da sociedade en xeral e do tecido empresarial en concreto, dificultando o seu acceso á vida laboral, así como a "desinformación dos medios de comunicación", que, segundo denunciaron, á hora de informar sobre un suceso destacan se esa persoa sofre un trastorno mental, promovendo a estigmatización das persoas que teñen o mesmo problema de saúde mental. Por último, a sección 'Exprésate' vai destinada a publicar aquelas expresións artísticas, por exemplo textos, poesías, pinturas e manualidades, que queiran compartir as persoas con saúde mental co resto do movemento asociativo. "Queremos mostrar exemplos de esperanza e boas prácticas en saúde mental e emocional co obxectivo de encher de luz o camiño de quen sofre", concluíu González.
Ao igual que hai uns anos Movistar iniciou a comercialización do smartwatch para cativos FiLIP, agora Yoigo introduce no seu catálogo o Pingonaut Kidswatch, que venden por 99 euros aos que habería que engadir 4,5 euros/mes para dotalo de conectividade móbil.
O reloxo permite a realización e recepción de chamadas (podendo configurarse unha listaxe branca para maior seguridade), permite enviar mensaxes de voz aos proxenitores, integra GPS, permite establecer zonas de seguridade (lanzando unha alarma ao saírse dunha área), amosa a hora en dixital ou analóxico, xestiónase a través dunha aplicación móbil para iOS e Android (que incluso permite administrar alarmas no reloxo), é resistente a salpicaduras (IP54) e a súa batería pode chegar até os 4 días en espera. Con este reloxo búscase poder localizar aos cativos en calquera momento, poder chamalos por teléfono dende números autorizados previamente e tamén permitir que chamen aos seus proxenitores con só premer un botón.
O produto ten un deseño robusto cunha estética que resultará agradable aos pequenos, aínda que o seu tamaño non é precisamente compacto, o que pode ser un problema para que os cativos o leven posto cando estean fóra do fogar.
O ano 2017 está a ser un dos anos máis importantes para a actividade do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG). Por que motivo? Pois, entre outras cousas, porque se celebran os dez anos da súa importante andaina defendendo a profesión informática na nosa terra e impulsando os avances tecnolóxico-dixitais da sociedade, das empresas e das administracións. As accións conmemorativas xa comezaron hai tempo, este 2017, pero neste remate de ano están a coller un significado especial. Para falar de todas estas cousas xuntámonos con Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e isto foi o que nos contou do pasado, do presente e, sobre todo, do futuro da entidade profesional.