main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/12/201709:51
"Fabricando sorrisos".
Ourense

Os Reis Magos alíanse coas impresoras 3D de La Molinera

  • O proxecto do Concello de Ourense fabricará cen xoguetes para nenos da provincia hospitalizados

O Concello de Ourense aproveitará as impresoras 3D que hai na Molinera para fabricar 100 xoguetes que serán repartidos entre os nenos que están hospitalizados nos distintos centros sanitarios da provincia. O novo proxecto, fraguado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario (CHUO), foi bautizado co nome de "Fabricando sorrisos". A entidade local pretende darlle ás novas tecnoloxías un fondo solidario.

O concelleiro Jorge Pumar participou na tarde de onte na presentación da iniciativa, coa que La Molinera tenta dar un paso á fronte da innovación social e co obxectivo de arrincar un sorriso aos máis pequenos nun momento complicado da súa vida ao estar ingresados durante estas datas nun centro sanitario.

As impresoras 3D, segundo Jorge Pumar, traballarán ata o próximo día 4 de xaneiro na fabricación de xoguetes para repartilos durante os Reis. Á iniciativa, segundo o Concello, pódense sumar todas as persoas que teñan unha impresora 3D elaborando e fabricando os seus propios xoguetes nas mesmas instalacións. Tamén os poderán enviar desde calquera parte das redes makers á propia Molinera.

21/12/201709:49
Os creadores da aplicación ‘App&Town Compagnon’ recibiron o galardón como Mellor Produto ou Servizo dos Premios Uninnova que concede a Fundación ONCE.
Madrid

Unha aplicación de transporte asistido extremo a extremo, galardoada nos Premios Uninnova

  • A aplicación ‘App&Town Compagnon‘ de transporte asistido extremo a extremo que potencia a accesibilidade TIC recibiu un dos Premios Uninnova, na súa segunda edición, que concede a Fundación ONCE

 

Os Premios Uninnova pretenden fomentar e apoiar aos innovadores sociais que xeran proxectos en materia de accesibilidade para mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade. Á súa II edición presentáronse un total de 75 traballos, 39 máis que á primeira, entre as tres categorías de concurso: Idea, Proxecto e Produto ou Servizo.

 

Mellor Idea: B-Up-Reader

No apartado de Idea, o traballo gañador foi o denominado B-Up-Reader, deseñado por Rafael Aparicio Sánchez, da Universidade Politécnica de Valencia. Trátase dun lector braille ‘analóxico' con cinta de material con memoria, enrolado con mínimo espazo, que permite transportar maior cantidade de texto.

Como explica Aparicio, comézase con materiais reciclados, para chegar a un deseño con materiais ‘con memoria', que son capaces de lembrar' ‘a súa forma e de volver a ela mesmo despois de ser deformados. Estes materiais pódense utilizar cun cambio térmico ou magnético, o que fai que o espazo que ocupa un texto se reduza considerablemente. Así, un libro en braille como ‘O Principiño', que ocuparía 500 metros no sistema convencional de enrolado, nunha cinta con memoria precisaría do equivalente de só dúas cintas, coa consecuente facilidade de transporte.

 

Mellor Proxecto: Forhhss-Tea

Dentro da categoría Proxectos, os Premios Unninova distinguiron a Forhhss-Tea, de Elena Olmos, tamén da Universidade Politécnica de Valencia, que pretende implementar “unha metodoloxía non intrusiva, pouco molesta e pouco invasiva” para validar terapias en persoas con TEA usando a realidade virtual inmersiva. O proxecto do traballo apunta ademais que xunto ao uso de tecnoloxías inmersivas e de alto valor ecolóxico, incorporaranse métricas fisiolóxicas, de seguimento de mirada, movemento e expresión facial, que proporcionarán datos obxectivos sobre o comportamento dos usuarios.

“Con iso pretendemos achar novas métricas que se atopen relacionadas co comportamento do TEA e á súa vez xerar unha contorna de adestramento seguro baseado nas técnicas de exposición de realidade virtual. Simulación de contornas”, afirma Olmos.

 

Mellor Produto ou Servizo: App&Town Compagnon

Por último, no apartado Produto ou Servizo, o traballo galardoado é o titulado ‘App&Town Compagnon', de Mass Factory. Trátase dun sistema de transporte asistido extremo-a-extremo, para persoas con discapacidade, maiores, menores e outros colectivos, que permite realizar desprazamentos en transporte público a través dunha aplicación móbil e unha continua monitoraxe dos usuarios desde calquera lugar e dispositivo.

No acto de entrega destes galardóns participaron Borja Fanjul, director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade; José Luis Martínez Donoso, director xeral de Fundación ONCE, e Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación de Fundación ONCE.

Na súa intervención, Fanjul sinalou como estes premios poñen de manifesto “a diversidade da discapacidade”, xa que non todas as persoas teñen as mesmas necesidades. E tendo isto en conta, engadiu, o Goberno elixe “aos mellores” á hora de implementar medidas en favor deste colectivo e traballa, así, entre outros, coa Fundación ONCE.

Pola súa banda, Martínez Donoso centrouse na importancia da tecnoloxía e afirmou que nos últimos anos, ten “moi ocupada, pero tamén preocupada” á Fundación ONCE, xa que aínda que é verdade que pode ser un aliado para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, non o é menos que pode ser, se non se mantén unha postura vixiante, “a gran barreira que expulse do sistema novamente a estas persoas”.

Finalmente, Hernández explicou que Uninnova é unha plataforma que pretende axudar aos promotores destinados a mellorar a calidade de vida dos cidadáns con discapacidade a levar a cabo os seus proxectos e animou aos emprendedores sociais e ás universidades para participar neste portal.

21/12/201709:38
Xoguetes conectados.
Santiago de Compostela

A OCU denuncia que un par de xoguetes conectados poden ameazar a nosa intimidade

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) está a informar do risco que supoñen os cada vez máis frecuentes xoguetes conectados, xa que en varias ocasións contan con cámara e unha rede Wi-Fi sen contrasinal, de xeito que calquera estraño podería empregalos para invadir a intimidade dos nosos fogares.

Nun principio a conectividade dos xoguetes está deseñada para o seu control remoto a través do móbil, o que pode resultar moi divertido para os cativos, pero o feito de que este acceso sen fíos poida aproveitarse para espiarnos en tempo real é un problema moi serio.

Esta preocupación levou á OCU a analizar 5 xoguetes que se manexan dende o móbil (Teksta cadelo Robot 4G, Minion MIP turbo dave, BB8, Rovospy e Jumping Race Jett), concluíndo que o Jumping Race Jett de Parrot e o Rovospy de Juguetrónica presentan defectos de seguridade que os fabricantes podería ter evitado protexendo as conexións con contrasinal. Tamén destacan a necesidade de que os xoguetes deberían informar dos permisos que vai pedir a súa aplicación móbil, explicando para que se precisan, para evitar abusos.

Con esta denuncia a OCU quere deixar clara a necesidade dunha normativa que regule este tipo de seguridade, material especialmente sensible cando falamos de produtos dirixidos a menores.

21/12/201709:31
Membros de AtlanTIC.
Vigo

AtlantTIC e AMTEGA impulsan a loita anti-incendios a través de radares meteorolóxicos

Os galegos e portugueses temos, por desgraza, algo máis ca unha cultura e un alicerce común: temos unha política forestal que foi parella durante anos e que, agora, co cambio climático, deixa de manifesto as súas eivas (proliferación de eucaliptos, falta de regulamento na distribución das áreas forestais, etc) e as súas desproteccións. Isto traducirase, se nada cambia, en máis lume e en máis episodios dramáticos como os acontecidos esta tempada en ámbolos países irmáns. O problema agrávase co despoboamento (outro proceso compartido) do rural e cunhas comunicacións que non foron desenvolvidas para este tipo de emerxencias. Tendo en conta estas circunstancias comúns, a Universidade de Vigo, a través do centro AtlantTIC (Grupo de Sistemas de Radio), impulsou a posta en marcha do proxecto europeo Lifetec, que tamén lidera. 

A iniciativa, que bebe das fontes de Meiga, proxecto previo para tirar proveito das TIC no achado e loita contra os lumes, pon en xogo elementos eficaces para que o tempo que se adica a localizar incendios e combatelos sexa o mínimo posible. En Lifetec tamén participan a AMTEGA, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Meteogalicia), o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) e operador público galego RETEGAL. 
Segundo nos contan as entidades responsables de Lifetec, o proxecto aborda dúas grandes vertentes de traballo: primeiro, unha adicada a diminuír o tempo de detección do lume, mediante radares meteorolóxicos, e segundo, outra encamiñada a incrementar a seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción de incendios, mediante a localización dos mesmos e a transmisión da súa posición e posibles alarmas por incidencias, a través dunha rede radio con cobertura de abondo nas zonas nas que operan estes efectivos. 

Como dixemos, o proxecto está liderado polo Grupo de Sistemas de Radio e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e unha duración de tres anos, de xeito que os primeiros resultados e implantacións en campo están previstos para o ano 2019. Entre os principais puntos fortes da tecnoloxía de Lifetec atópase a súa capacidade para contar con máis información precisa e con intervalos mínimos de actualización, e tamén o seu potencial para ficar plenamente operativa aínda en condicións atmosféricas adversas. De feito, o sistema posto en xogo por AtlantTIC sería quen de “ver” os lumes dende o seu inicio, achegando un importante factor de “detección temperá” que non sería posible cos recursos actuais empregados polos radares meteorolóxicos. Isto conséguese co desenvolvemento de algoritmos específicos de detección. 

O incremento da seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción dos lumes forestais en áreas nas que a cobertura dos sistemas de comunicacións comerciais é a miúdo deficiente, a través do emprego de sistemas de comunicacións Tetra (TErrestrial Trunked RAdio), é outro dos obxectivo do proxecto Lifetec. Segundo explica o catedrático Manuel García, membro do proxecto, “Tetra é un estándar europeo de comunicacións móbiles dixitais non comerciais e ao igual que o GSM, que foi o primeiro estándar europeo de comunicacións móbiles comerciais, estendeuse a numerosos países de fóra de Europa”. Deste xeito, fronte a telefonía móbil comercial, a cobertura que pon en xogo a dita tecnoloxía é mellor, “debido a que se utilizan frecuencias máis baixas”. E engade: “Fronte aos sistemas analóxicos a vantaxe é que a tecnoloxía dixital permite algunhas prestacións adicionais, como o cifrado das comunicacións”. Segundo explica, é necesario que as accións eficientes e coordinadas dos corpos de bombeiros dispoñan de sistemas de comunicación fiables.

21/12/201708:33
Un neno cun smartphone utiliza a aplicación Soyvisual.
Santiago de Compostela

O Nadal chega a Soyvisual, a app para persoas con dificultades cognitivas

  • O Nadal xa chegou á aplicación Soyvisual da Fundación Orange cunha serie de exercicios destinados á identificación e evocación do vocabulario básico relacionado con este período do ano

 

Soyvisual é unha aplicación desenvolvida pola fundación que incorpora unha serie de exercicios para que nenos e adultos con dificultades para comprender o mundo e comunicarse, como poden ser as persoas con trastorno do espectro autista (TEA), diversidade funcional, afasia ou dexeneración cognitiva, entre outros.

O programa está formado por láminas ilustradas e fotografías sobre as que os usuarios poden traballar dunha forma lúdica e que tamén están dispoñibles para ser impresas, todo de forma gratuíta.

As láminas están deseñadas para recrear escenas próximas á realidade e situacións cotiás, mentres que as fotografías utilízanse para falar sobre o mundo real e son a ponte entre este e outras representacións visuais máis abstractas, como os pictogramas.

Soyvisual está dispoñible tanto a través da súa páxina web como na aplicación gratuíta para Android e para iOS.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS