main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/12/201712:35
Premio Amazing Women a Elisabeth Motos.
Córdoba

A Fundación Orange galardoa co premio “Amazing Women” a Elisabeth Motos, da Fundación Secretariado Xitano

  • O premio deuse a coñecer no acto de inauguración da aula Dixital-Fundación Orange da sede do Secretariado Xitano en Córdoba
  • Amazing Women recoñece a especial coraxe e perseveranza de mulleres que desenvolven o seu labor no ámbito social

 

Fundación Orange galardoou co premio Amazing Women a Elisabeth Motos, técnico do Departamento de Emprego da Fundación Secretariado Xitano. Este premio recoñece a especial coraxe e perseveranza de mulleres que traballan no ámbito social e aléntaas a conseguir o soño polo que están a traballar.

 

Este galardón enmárcase no labor que se desenvolve desde a Fundación Orange a nivel internacional para axudar a empoderar ás mulleres e recoñeceu a 15 mulleres de 6 diferentes países (Camerún, Costa do Marfil, Francia, Marrocos, Tunes e, no caso de Elisabeth, España).

 

Elisabeth Motos é traballadora da Fundación Secretariado Xitano desde o ano 2000, cunha traxectoria laboral sempre relacionada co apoio e acompañamento de persoas xitanas en situación de alta vulnerabilidade para a súa inclusión no mercado laboral. Comezou na FSG como Mediadora Intercultural, en Orientación Laboral, como Técnico de Acompañamento en Empresa de Inserción e no ano 2015 como parte do equipo de coordinación estatal no departamento de emprego. Este departamento ocúpase non só de coordinar e supervisar o traballo que leva a cabo en 50 cidades de toda España, senón tamén de definir os obxectivos e estratexias a seguir.

 

Elisabeth destaca que “pretendemos incorporar á poboación xitana no mercado laboral e que sexan parte da transformación tecnolóxica. Neste reto exponse o proxecto con mulleres xitanas, o obxectivo é conseguir que as mulleres xitanas non queden atrasadas en todos estes cambios, a través de proxectos e iniciativas que podamos levar a cabo desde o departamento de emprego. Con proxectos como EDYTA, en colaboración con Fundación Orange, e que teñen previsto desenvolverse en cinco cidades de España, queremos poder chegar a outras moitas mulleres. Que os obxectivos de educación dixital, empoderamiento, adquisición de habilidades sexan prioritarios para as mulleres xitanas e que o proxecto que as mulleres participantes en EDYTA están a desenvolver en Madrid, pode chegar a outras mulleres coas que traballamos en toda España e transformar a súa realidade”.

 

Aula Dixital en Córdoba

O premio deuse a coñecer na inauguración da aula Dixital – Fundación Orange na sede da Fundación Secretariado Xitano en Córdoba, unha aula que permite incorporar a educación dixital no programa de formación socio laboral que ofrece a entidade na capital cordobesa. A inauguración da aula contou coa presenza do de Don Juan Hidalgo, Concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Córdoba, Dona Rocío Miranda de Larra, Directora de Responsabilidade Social e Sustentabilidade de Orange España, e Don Juan Reyes, Director de Fundación Secretariado Xitano en Andalucía.

 

Esta Aula forma parte do programa EDYTA da Fundación Orange, un proxecto de ámbito nacional ao redor da educación e transformación dixital, destinado tanto a mulleres como a asociacións do terceiro sector que traballan con colectivos femininos en risco de exclusión e baixa empregabilidade. O programa pretende ser unha ferramenta para emponderar a estas mulleres, aumentar a repercusión social das súas accións e favorecer a súa inclusión social a través do desenvolvemento de competencias dixitais. EDYTA contempla sempre dous focos fundamentais. O primeiro: as persoas, sendo o obxectivo a educación dixital das mulleres. O segundo: as entidades, impulsando e apoiando a súa transformación dixital.

 

O proxecto consiste non soamente en equipar á asociación con diferentes dispositivos tecnolóxicos como ordenadores, tabletas, etc., senón que vai acompañado dun programa pedagóxico adaptado á situación e formación das mulleres participantes. Así, na aula impártese un curso con formación sobre habilidades dixitais, desde aprender a navegar e a buscar información online, elaborar un currículo, procura de emprego online ou introducirse no sistema de control de almacén…. Esta formación impártese coa colaboración de Womenteck – Asociación Mulleres e Tecnoloxía.

 

A nivel internacional, a través da iniciativa Maisons Dixitais (Casas ou Aulas Dixitais) a Fundación alcanzou xa a 11.000 mulleres a través de 200 aulas en 18 países.

 

Acceso a esta noticia na Web do Blogue Oficial da Fundación Orange.

22/12/201712:28
Fotograma do vídeo.
Santiago de Compostela

Nenas que romperon un teito de cristal mirando ao ceo

No marco do proxecto O regreso de Henrietta Leavitt: da escola á carreira investigadora pasando polo teatro, do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), iniciouse a serie audiovisual Nenas que romperon un teito de cristal mirando ao ceo, inspirada no proxecto Non-Nancies da astrofísica Pilar Montañés. O obxectivo é visibilizar ás astrofísicas e enxeñeiras do IAC á vez que se promove o interese das nenas polas carreiras científicas e técnicas. O primeiro destes vídeos, de cinco minutos, publicouse en canles de vídeo (YouTubeVimeoDailymotion) e as redes sociais deste instituto.

Aínda que cada vez hai máis mulleres que escollen estudar carreiras científicas e técnicas, segundo os últimos datos recollidos polo informe She Figures da Comisión Europea, na Física –e, por extensión, Astrofísica– a presenza de mulleres é moito menor que a de homes. A proporción de mulleres matriculadas non supera o 30% e, cando se avanza na escala investigadora, apenas posúen o 13% das cátedras.

22/12/201712:14
Cartel do evento.
As Pontes

Amigus despide o ano aprendéndonos a facer robots, drons e téxtiles interactivos

O Lar de Endesa (As Pontes) vai volver ser o eixe da actividade galega Maker, da man, unha vez máis, da Asociación Amigus e dos obradoiros Amigus Labs. A nova cita será este 30 de decembro e, no plano específico, desenvolverase a xeito de espazo de fabricación dixital e formación. En termos máis concretos, os asistentes á xeira de traballo aprenderán a usar pequenas placas de prototipado e a converter, con estas placas, diferentes proxectos tecnolóxicos en realidade. 

“Mediante Arduino ou Raspberry PI crearemos uns sinxelos robots, drons, téxtiles interactivos ou controlaremos tiras de LED”, informan os integrantes da asociación das Pontes, engadindo que para dar forma aos proxectos os participantes modelarán en 3D (ou coa axuda de escáneres 3D) as diferentes pezas que logo se fabricarán en impresoras 3D ou na fresadora CNC. 

Amais de todo o devandito, a materialización das propostas implicará tamén o emprego de diferentes técnicas para a ensamblaxe das creacións, por exemplo micro soldadura con estaño, agulla e fío condutor, para os traballos téxtiles. 

A idade mínima para participar nos workshops é de oito anos en adiante. Tódalas actividades realizaranse de 10:30 a 20:00 horas, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00. O xantar será no propio Lar de Endesa, por un prezo de 15 euros por persoa. 
Para asistir á nova xeira dos Amigus Labs poderemos acudir equipados co noso computador, xa que temos dereito a unha praza onde instalalo, a un enchufe de rede eléctrica e outro punto de acceso para a rede de datos. 

A inscrición é de balde. Podemos apuntarnos enviando un correo electrónico a amigus@amiguslabs.org (prazas limitadas). Os menores deberán traer a autorización dos pais/titor para asistir a Amigus Labs (PDF).

A xeira de traballo está organizada pola Asociación Informática Amigus, Amigus Labs e Merca Nas Pontes. Colaboran o Concello das Pontes, Cohempo, Endesa, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter, MakerGal e Grupo de Empresa Endesa. Amigus Labs é un proxecto da Asociación Informática Amigus.

22/12/201712:10
Firma do acordo.
A Coruña

A AETG e a Escola de Finanzas colaborarán en formación TIC continuada

Escola de Finanzas, con sede en Oleiros (A Coruña), e máis a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) veñen de asinar un acordo marco de colaboración para traballar de xeito conxunto no fomento de actividades formativas dirixidas a directivos e profesionais da área TIC e da Sociedade da información. No acto de formalización do acordo participaron os principais responsables de ambas as entidades, Patricia Muíño Parente, directora xeral da Escola, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo. 

Froito deste convenio, a AETG colaborará na difusión das actividades formativas da EF entre os seus asociados, un compromiso co coñecemento avanzado que responde a un dos grandes obxectivos da asociación: achegar formación continua en materia de novos recursos innovadores e tecnolóxicos para o desenvolvemento do noso labor profesional. Pola súa banda, a Escola de Finanzas ofrecerá descontos na realización dos másters que imparte para facilitar así a formación do colectivo.

22/12/201709:55
Presentación do estudo.
Santiago de Compostela

A Xunta e Acción contra a Fame poñen de relevo os sectores emerxentes para o futuro laboral da mocidade

  • A directora xeral participou nunha mesa de debate e información na que se puxo de relevo que o comercio, as TIC, o turismo ou os sectores agroalimentario e de servizos ás persoas son os que maiores oportunidades presentan en Galicia
  • Cecilia Vázquez lembrou que a administración autonómica pón a disposición dos mozos e mozas o programa Deseñando o teu futuro, para achegarse á realidade do mundo laboral
  • Ademais, a Xunta conta cunha folla de ruta para a retención do talento emerxente de Galicia (Pertega) e co proxecto de cooperación internacional Lidera que facilita a adaptación e colocación de xente nova que non estea no mercado laboral

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou na Cidade da Cultura na mesa de sectores emerxentes en menores de 30 anos no marco da presentación do estudo Oportunidades de negocio en Galicia elaborado por Acción contra a Fame.

O estudo aporta información sobre a situación do emprendemento na nosa comunidade e sobre as oportunidade sectoriais detectadas nas diferentes comarcas da rexión. O documento contou coa participación de 68 empresas galegas e 30 axentes de referencia en emprendemento e entidades públicas e privadas.

Durante a súa intervención, Cecilia Vázquez, fixo alusión á importancia da elaboración deste tipo de estudos para que a mocidade poida orientar o seu futuro profesional. Así, campos como o do comercio, TIC, turismo, agroalimentario e de servizos ás persoas son os que presentan maiores oportunidades de negocio en Galicia.

A directora xeral lembrou que a Xunta pón a disposición da mocidade galega diversas iniciativas de como Pertega, Lidera o Deseñando o teu futuro. Este último é unha iniciativa de educación non formal cuxo obxectivo pasa por achegar á mocidade galega á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estadías visitas en distintos sectores. Os participantes teñen a oportunidade de coñecer o mundo laboral durante un máximo de 15 días, compartindo espazos e experiencias cos traballadores de diversas compañías. No marco deste programa no 2017, fináncianse 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitan a participación de 358 mozos e mozas.

Así mesmo, subliñou que a Administración autonómica conta cun programa de estudo para a retención do talento emerxente de Galicia (Pertega), unha folla de ruta que pretende fomentar as sinerxías entre os axentes implicados no desenvolvemento do talento da mocidade. Esta proposta incide na importancia de reforzar a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostar por iniciativas de crecemento persoal que aceleren as capacidades e dean resonancia e visibilidade aos mozos e mozas máis cualificados, premiando o seu talento e esforzo.

Por último, Cecilia Vázquez puxo o foco no proxecto de cooperación internacional Lidera, impulsado pola Xunta con outras entidades galegas e de Portugal que ten como obxectivo de poñer en valor as capacidades laborais e de emprendemento da xente nova que reside na Comunidade Autónoma e na rexión norte do país veciño. No que atinxe aos obxectivos específicos do programa, a responsable do departamento autonómico de Xuventude sinalou que estes pasan por facilitar a adaptación e colocación de xente nova que non estea no mercado laboral a través da realización de actividades relacionadas coa busca activa de emprego, o empoderamento, a mellora da empregabilidade e a posta en valor das súas inquedanzas persoais. Estas lévanse a cabo na rede de Espazos Xove da Xunta de Galicia, o que contribúe ademais a dinamizar e optimizar os usos destes centros.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS