
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Fundación Everis puxo en marcha a terceira edición do seu programa de mentoría (“PÚLSAR”) para mozas adolescentes que traballa pola redución da fenda de xénero. Así, grazas á xenerosidade de mulleres referentes en diferentes campos, as mozas son capaces de descubrir e potenciar o seu talento para continuar o seu itinerario formativo.
Nesta terceira edición incrementouse o número de participantes respecto ao ano anterior, intervindo en colexios de Madrid, Barcelona e, por primeira vez, de Santiago de Compostela. Ademais, está a levarse a cabo a expansión do programa a países de Latinoamérica onde everis ten presenza; como Brasil (onde xa se realizou a primeira edición), así como México e Perú (que lanzarán a iniciativa en 2018). A día de hoxe, case un cento de mozas forman parte do Programa.
Este ano, como novidade, a Fundación Everis impartiu charlas motivacionais nos centros educativos a preto de 1.000 estudantes (mozos e mozas) de 4º ESO e 1º de Bacharelato, para transmitirlles a importancia da autoestima na adolescencia e conciencialos da existencia da fenda de xénero na sociedade.
Metodoloxía innovadora para o desenvolvemento do talento
A metodoloxía desta iniciativa está baseada no “learning by doing” (“aprender facendo”), e o método de traballo está orientado á curiosidade, a exploración, o descubrimento, a interacción e creación dos contidos, así como a reflexión e conexión destas aprendizaxes co seu día a día.
Cada adolescente ten asignada unha mentora individual para traballar e explorar as súas habilidades, coñecer oportunidades profesionais e poñer o foco no seu talento a través de distintas sesións ao longo do curso escolar.
Karla Alarcón, directora da Fundación Everis, apunta que “é fundamental que os pais e as institucións educativas avancen xuntos para conseguir a igualdade de oportunidades e tamén é necesario que as mozas sexan capaces de descubrir o seu propio talento. Para iso, cremos importante achegalas a mulleres referentes que as impulsen no seu crecemento persoal e, por tanto, profesional, a través da súa propia experiencia”.
Pola súa banda, unha das adolescentes participantes na segunda edición, baixo as siglas C. L., sinala: “O programa PÚLSAR reforzou a miña autoconfianza e axudoume a aclarar as miñas ideas con respecto a que quero dedicarme no futuro. Ademais, aprendín que as mulleres tamén valemos moito, que podemos chegar a ser o que queiramos”. Doutra banda, apunta que “é importante que este programa se fomente porque axuda ás mozas para crecer, a mellorar e a reforzar a propia autoconfianza; é algo que necesitamos e que moitas veces non sabemos como conseguilo”.
Por que esta iniciativa? Estereotipos de xénero e baixa autoestima
O informe PISA (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte: PISA en FOCUS Nº49. Que subxace baixo a desigualdade de xénero en educación?) indica que as mozas obteñen peores resultados en matemáticas e ciencias debido á falta de confianza en si mesmas e sinala ademais que non ven preparadas para o mundo laboral un 10% máis de mozas que de mozos.
Paralelamente, a publicación da UNESCO Descifrar as claves: a educación das nenas e as mulleres en ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, que afonda nos obstáculos para a participación das mozas nas STEM (disciplinas académicas de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), apunta como os estereotipos de xénero que definen estas disciplinas como dominios masculinos afectan negativamente o interese das mozas por estes estudos. Como consecuencia, a fenda de xénero neste ámbito é profunda: só o 35% dos estudantes que están a cursar carreiras neste ámbito son mulleres.
Acceso a esta noticia na Web da Fundación Everis.
Máis de 200 concellos formalizaron xa a súa adhesión á Historia Social Única Electrónica (HSUE), a plataforma da Xunta que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais.
Nos últimos meses a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social dotaron á plataforma de novas prestacións como a sinatura dixital e a integración coa aplicación informática que empregan os traballadores dos servizos sociais comunitarios e a posibilidade de realización de novos informes, como o Proxecto de Integración Social.
A integración de SIUSS (Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais), na Historia Social Única Electrónica facilita a compartición de información entre os profesionais dos servizos sociais de ámbito local e autonómico. Este é un paso fundamental para completar a información da Historia Social Única Electrónica de cada individuo e incrementar a coordinación entre profesionais. Ademais, facilita o labor dos profesionais evitándolles ter que mecanizar novamente nos informes sociais normalizados información que xa está no SIUSS.
A este avance sumouse a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE. Isto permite xerar e asinar dixitalmente en HSUE os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, o que permite o envío de xeito telemático deste informe ás unidades tramitadoras da Consellería de Política Social. Os traballadores de 56 concellos empregan este mecanismo, como canle preferente de remisión dos informes sociais normalizados nas tramitacións de solicitudes de dependencia.
De xeito paralelo, e grazas ás posibilidades que ofrece a HSUE, estase a facilitar o acceso do persoal médico dos equipos de valoración de discapacidade e dependencia á Historia Clínico Electrónica de persoas que soliciten este recoñecemento; medida que permitirá mellorar a tramitación das referidas valoracións.
Modelo de teleasistencia avanzada
A Historia Social Única Electrónica é un dos instrumentos que nun futuro facilitará o modelo de teleasistencia avanzada no fogar polo que aposta a Xunta de Galicia.
A Administración autonómica está a traballar nun modelo de teleasistencia avanzada para prestar tanto servizos asistenciais a pacientes crónicos como a monitoraxe continua de persoas maiores no seu fogar para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas telemáticamente aos seus coidadores ou prestadores de servizos.
Este modelo baséase nun único sistema tecnolóxico para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes prestadores de servizos en cada un dos ámbitos.
Máis de 530.000 expedientes dixitais
A HSUE púxose en marcha en 2016 nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Tras unha fase de probas iniciouse a súa extensión a outros concellos co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, a través dun convenio asinado en novembro.
A día de hoxe, os traballadores sociais de máis 200 entidades locais teñen acceso á plataforma, podendo acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.
A extensión da Historia Social Única Electrónica (HSUE) supón un fito no eido dos servizos sociais similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas. Isto permitirá mellorar as capacidades de análise e explotación da información claves no deseño das políticas de protección social.
A plataforma proporciona unha identificación unívoca dos cidadáns, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado electrónico por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.
Vantaxes para os usuarios
Os cidadáns percibirán as vantaxes do novo sistema na simplificación das tramitacións, e nunha atención máis personalizada, xa que o profesional terá acceso de xeito inmediato a información máis relevante do seu historial, tanto de servizos como de prestacións ou recursos asignados, obtendo unha visión global e integrada da súa información social, independentemente da orixe da mesma, e mellorando deste xeito a calidade asistencial.
Ademais, facilitará unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colabora co proxecto de software libre Ansible a través da publicación de código que permite a automatización da configuración e despregue de diversos servizos en infraestruturas TIC.
Para favorecer e incrementar a visibilidade e reusabilidade do código liberado optouse por contribuír ao proxecto Ansible publicándoo seguindo as pautas e protocolos de colaboración da propia comunidade. Así, publicáronse os compoñentes liberados na plataforma da comunidade Ansible, denominada Galaxy, (https://galaxy.ansible.com/amtega/).
Ademais, como vén sendo habitual, seguindo o procedemento de liberación de software da Xunta de Galicia publicouse o código fonte liberado a través do repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/ansible-roles/).
Ansible, ferramenta de automatización de infraestruturas TI
Ansible é unha tecnoloxía de automatización que permite mellorar os procesos necesarios na xestión dunha infraestrutura de tecnoloxía da información (TI). Actualizar a configuración de varios equipos ao mesmo tempo, instalar unha aplicación en todos eles á vez, ou despregar un novo conxunto de servidores coa mesma configuración, son algunhas das vantaxes que nos ofrece esta tecnoloxía.
Os denominados Roles de Ansible son pequenos proxectos que permiten automatizar a realización de varias destas accións de xeito combinado. Podemos entendelos como unha receita onde están definidos todos os pasos que hai que facer para automatizar calquera tarefa. Unha vez que está definida esta receita (o que o proxecto Ansible denomina Rol), esta pode ser aplicada a través da rede a un grupo de equipos ou servidores, tanto nunha rede local como a través de Internet.
No marco deste proxecto de liberación, todos os novos roles que se vaian definindo na Amtega e que poidan ser de interese para calquera outra administración, entidade ou particulares, serán tamén publicados seguindo o mesmo protocolo, fomentando a súa reutilización e a colaboración con este importante proxecto de software libre.
Galaxy, a plataforma oficial da comunidade Ansible para compartir Roles
A comunidade de usuarios e desenvolvedores oficial do proxecto Ansible articúlase a través da plataforma Galaxy, un portal web a través do cal se comparten Roles, publicados baixo licenza libre. Deste xeito calquera que queira compartir a súa receita creada con Ansible pode subila a este portal para que outros poidan empregala.
Neste portal, a Amtega está publicando varios destes Roles, liberados baixo unha licenza de software libre e seguindo as recomendacións e boas prácticas da comunidade en canto á organización dos mesmos, a fin de que poidan ser de utilidade e favorecendo así a súa reutilización.
Conta oficial da Amtega en GitHub
Adicionalmente a esta colaboración co proxecto Ansible, a Amtega estrea conta oficial no repositorio de proxectos colaborativos GitHub (https://github.com/amtega). Esta plataforma é ben coñecida entre os desenvolvedores de software libre xa que é unha das máis empregadas para desenvolver este tipo de proxectos de xeito público para que todo o mundo poida ter acceso ao código fonte dos mesmos e colaborar.
Deste xeito poténciase a presenza dos proxectos de software publicados como Software Libre pola Xunta de Galicia, facilitando a súa reutilización e as posibilidades de colaboración nos mesmos por parte doutras entidades ou administracións.
Esta colaboración enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. Estes Roles son liberados cunha licenza libre GPLv3 (General Public License version 3) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).
A Xunta lanza unha nova actuación do seu Plan de Banda Larga 2020 para facilitar o acceso a internet, cun mínimo de 100 Mbps de velocidade, en núcleos de menos de 150 habitantes. Con este obxectivo o Consello do Goberno galego aprobou hoxe unha liña de axudas a operadores de telecomunicacións cun importe de 14,2 millóns de euros para despregar redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Complementariedade entre administracións
Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).
Actualmente, o Goberno do Estado ten adxudicados 21 millóns de euros do PEBA, que permitirán dotar de cobertura de 100 megas a preto de 260.000 galegos nos vindeiros dous anos. Grazas á complementariedade e coordinación entre ambas Administracións en 2020, un 74% dos galegos terá acceso a redes ultrarrápidas. Esta porcentaxe de cobertura poderá ampliarse coas próximas convocatorias previstas polo Estado no marco Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración.
Prazos e características da convocatoria
A nova convocatoria do Plan de Banda Larga 2020 publicarase proximamente no DOG e os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación.
A convocatoria inclúe un anexo con 26.466 entidades de poboación consideradas “zonas brancas” de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura de redes dun mínimo de 100 Mbps así como de previsión de dispoñer delas.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
Para a consecución das metas fixadas no Plan xa se puxeron en marcha un conxunto de medidas que se levarán a cabo ata 2020:
Acceso a servizos dixitais avanzados
O despregamento e adopción de redes de banda larga ultrarrápidas no territorio galego permitirán acelerar o desenvolvemento de servizos dixitais avanzados e brindar novas oportunidades de negocio.
As tendencias das tecnoloxías de nova xeración tales como a computación na nube, a impresión 3D, a administración electrónica, as cidades intelixentes, a telepresenza, o Fogar Dixital, etc, esixen cada vez un maior largo de banda, por este motivo, dende a Xunta de Galicia estase a traballar neste tipo de medidas de axudas para favorecer o despregamento de redes de telecomunicacións máis rápidas que abran camiño cara uns servizos innovadores.
Amais do proxecto Innova Narón, de cuxa distinción por parte do Goberno galego falamos, o Premio Son Dixital que concede a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) recoñeceu tamén o importante labor despregado pola aula CeMIT, as usuarias da aula e o Concello de San Sadurniño ao abeiro da iniciativa Teño unha horta en San Sadurniño. O galardón a este proxecto tecnolóxico-social, o accésit de Son Dixital, foilles concedido ás impulsoras-integrantes da proposta por representantes da Xunta (axencia AMTEGA) e da rede CeMIT.
Segundo reflicte o Concello de San Sadurniño, a distinción vai dirixida ás protagonistas de Teño unha horta en San Sadurniño: Carmen Suárez (coordinadora da iniciativa), Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa. Por outra banda, o Concello tamén sinala que se trata dun recoñecemento ás posibilidades dinamizadoras e formativas das TIC para as persoais maiores: como poden empregar a tecnoloxía de forma útil.
Como lembraremos, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convocou este ano o primeiro certame Son dixital para recoñecer as experiencias máis destacadas en innovación social dixital desenvolvidas desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres últimas edicións do proxecto CeMIT-Innova, adscrito ao Plan de Inclusión Dixital Galicia 2020. Esta primeira edición tivo como obxectivo “recoñecer o traballo das persoas”, tal e como sinalou Fernando Gil, Xefe da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA.
Outorgáronse un premio e dous accésits. O proxecto gañador foi o portal www.innovanaron.com, creado e xestionado pola Asociación Nosa Señora de Chamorro e as persoas con diversidades motrices e cognitivas que participan acotío nos seus obradoiros. Un accésit veu para San Sadurniño e o outro levouno o equipo de voluntariado composto por Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández, quen levaron adiante o programa Mira TICarballedo en relación coa formación en novas tecnoloxías para o emprendemento no rural.
O proxecto de San Sadurniño acadou a devandita distinción por tratarse, segundo o fallo do xurado, dun “bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural”, salientando polo seu “carácter innovador” no xeito de transmitir o traballo e a tradición do noso pobo e das nosas mulleres a través de YouTube. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia premiou os “relatos frescos, contados en primeira persoa dunha forma didáctica e divertida por estas cinco mulleres que amosan como a tecnoloxía pode transformar unha vida adicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado polas mulleres labregas”. Fernando Gil recoñeceulles o mérito ás protagonistas: “é de xustiza darvos este premio. O voso proxecto é unha realidade. Foi importante para vós, para que fixerades ver o voso traballo e para que se vexa tamén San Sadurniño”.