
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Na era dos valores, onde a intelixencia emocional impera, o individualismo abre paso á cooperación sendo unha sensación que reporta benestar e felicidade ao ser humano. O concepto do todo polo todo está caduco. O problema xorde, ao non saber por onde empezar, a quen axudar, ou que é necesario para iso. Despexar esas dúbidas e conectar ONG con cidadáns e empresas, ofrecendo visibilidade, mobilidade, produtividade e reporting é o que quere facer Welever.
Así se puxo de manifesto durante un encontro celebrado hoxe en LOOM House Madrid, ao que asistiron medio cento de ONG interesadas en coñecer as utilidades desta innovadora ferramenta, desenvolvida pola startup Fusion Collective Intelligence, que democratiza a acción social e simplifica a xestión do voluntariado corporativo, un xerador de riqueza para as empresas. O evento contou coa participación de Jose Almansa, presidente executivo e fundador, e Beatriz Sánchez Guitián, CEO de Welever, e coa presenza de Elena Urizar, experta facilitadora en Visual Thinking.
En palabras da CEO Beatriz Sánchez Guitián: “A idea deste proxecto é crear unha plataforma dixital que proporcione ás organizacións un panel de administración web desde o cal poden xestionar comodamente os seus proxectos, dándolles maior visibilidade e abríndoos á captación de novos colaboradores”. O voluntario tan só ten que buscar as iniciativas solidarias existen na súa contorna máis próxima, podendo inscribirse directamente naquelas que mellor se adaptan aos seus intereses e á súa dispoñibilidade temporal.
A startup tecnolóxica pretende proporcionar desta forma visibilidade e xeolocalización ás accións organizadas polas ONG co fin de captar maior número de voluntarios, coordinar a todos os colaboradores a través do teléfono móbil, levar a cabo un seguimento en tempo real das iniciativas, mellorar a súa produtividade a través da tecnoloxía e obter informes de actividade e de impacto social. E todo isto de forma gratuíta ata 250 voluntarios e un mínimo custo a partir desta cantidade.
Jose Almansa quixo remarcar a súa facilidade de uso facendo unha proba ante os asistentes e convidándolles a descargar a APP dispoñible para iOS e Android; para máis tarde despedir o acto con estas palabras: “Welever é moito máis que unha ferramenta; é un movemento, unha nova forma de dixitalizar a acción social, de promover a conciencia colectiva de que todos os cidadáns e todos os axentes sociais temos unha responsabilidade e un compromiso coa comunidade na que vivimos. E que a tecnoloxía nos dá a oportunidade de conseguilo”.
A Deputación da Coruña quere alentar a innovación empresarial e o espírito creativo aplicado ao tecido produtivo: todas aquelas cousas (tecnoloxías, servizos, propostas, solucións, materiais) que teñen a capacidade de marcar un antes e un despois no mercado e na nosa contorna. Por este motivo, vén de convocar a segunda edición do seu Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial, que abrangue tres galardóns por un importe total de 75.000 euros. A convocatoria, cuxas bases pódense consultar na páxina web emprego.dacoruna.gal/premio, ten o prazo aberto até o 31 de xaneiro. Ao igual que o ano pasado, o premio contará coas categorías de Mellor Iniciativa Empresarial Nova (dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade), e Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada (para empresas con máis de cinco anos de actividade).
En ambas categorías os criterios a valorar serán a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación, a participación en redes de networking ou a implantación de medidas de Responsabilidade Social Corporativa, RSC, entre outros parámetros. Entre as grandes novidades desta edición inclúese unha terceira categoría que engadir ás devanditas, unha modalidade dirixida a recoñecer propostas socialmente responsables que “contribúan ao medre sustentable da provincia nos ámbitos económico, medioambiental e social”. Valorase, ao abeiro desta categoría, a idea de negocio e as medidas implantadas en ámbitos coma o desenvolvemento sustentable, a conciliación laboral, familiar e persoal ou a promoción da igualdade de xénero, entre outros. En cada unha destas categorías, o premio será de 25.000 euros.
A Deputación da Coruña, facendo reconto, lembrou que o ano pasado o galardón contou cunha elevada participación: máis de 70 candidaturas presentadas, unha cifra de achegas que converteron o certame “nun dos premios de referencia para as empresas coruñesas”. As empresa pontesa EVASA e a firma compostelá eMonte (que dá nome a unha plataforma dixital -emonte.es-que facilita a compravenda de madeira na nosa terra) foron as gañadoras da pasada edición, das que o xurado salientou a súa aposta pola innovación.
Pór de relevo as vantaxes de contarmos con formación para programar, aínda que básica, é un dos grandes obxectivos da Hora do Código, iniciativa internacional (con edición galega) posta en marcha pola entidade Code.org, organismo público sen fins de lucro adicado a ampliar a participación en Informática. Con respecto á nosa terra, a Hora do Código ten este 16 de decembro varios eixes de actividade fundamentais. Un deles é a FIC da Universidade da Coruña, de cuxo programa de accións xa dimos conta os días pasados. O outro é o Campus de Ourense (Universidade de Vigo), máis polo miúdo a Escola Superior de Enxeñaría Informática, que vén de presentar ao detalle o seu roteiro para o 16 de decembro. Tras este roteiro, dando o seu máximo apoio, está tamén o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explicou hai uns días o CPEIG.
A Hora do Código está promovida desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.
Volvendo ás accións previstas pola Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, sinalar que haberá sete obradoiros gratuítos relacionados coa programación e a tecnoloxía nos que poderán participar 300 rapaces e rapazas de 6 e 18 anos de idade. Alma Gómez, subdirectora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, foron os encargados de presentar este mércores a programación que se desenvolverá no Campus de Ourense, cuxa matrícula xa está aberta.
Durante a súa intervención, Fernando Suárez lembrou como a Hora do Código “é unha iniciativa de carácter mundial que pretende introducir aos nenos e nenas no pensamento computacional” coa idea de que “empecen a coñecer ferramentas que na actualidade teñen á súa disposición practicamente desde que nace”. Pola súa banda, Alma Gómez animou aos cativos e cativas a participar nos talleres, que teñen un enfoque fundamentalmente práctico e divulgativo. Especialmente fixo fincapé na necesidade de que as rapazas se animen a participar, e para iso convocouse o obradoiro Rapazas nas TIC , que responde directamente “á preocupación que temos tanto no colexio como nesta escola pola baixa implicación das mulleres no eido tecnolóxico”.
As actividades previstas no Campus de Ourense desenvolveranse coa participación de voluntarios do CPEIG e da escola universitaria en horario de mañá, participando os rapaces e rapazas en grupos de 15 persoas, podendo asistir nais e pais. Entre os obradoiros previstos están talleres de iniciación á programación, no que en sesións dunha hora e media de duración os participantes poden aprender a programar con xogos de Minecraft, Disney, Starwars ou Frozen, e de iniciación á programación con Scratch. Tamén haberá un taller de robótica no que os participantes familiarizaranse coa programación de dispositivos con Arduino.
O taller Outra vida do hardware consistirá en sesións de hora e media na que rapaces e rapazas de 8 e os 12 anos poderán facer distintos traballos manuais con pezas hardware. Pola súa banda, Coñece a impresión en 3D, recomendado para o tramo de 6 a 18 anos, ofrecerá sesións dunha hora nas que aprender como facer pezas e traballar con impresoras 3D. Os drons serán os protagonistas tamén dun obradoiro de hora e media na que rapaces e rapazas de 6 a 18 anos poderán ver e aprender como funcionan estes aparellos, desde os de xoguete ata os profesionais, e velos voar.
A programación tamén inclúe o obradoiro Crea o teu mundo - Realidade Virtual, consistente en sesións de hora e media, recomendadas para o tramo de 14 a 18 anos, onde os participantes poderán dar forma ao seu propio mundo virtual e navegar por el con lentes de realidade virtual. Por último, tamén está prevista a actividade Rapazas nas TICs, de iniciación á programación de dispositivos. Será un única sesión de tres horas de duración destinada a rapazas de Bacharelato ou ciclos superiores de formación profesional de idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos.
A Xunta e Telefónica porán en marcha en 2018 “Galicia Open Future: edición retos Industria 4.0”, un programa de apoio ao emprendemento no que os participantes deberán propoñer solucións a seis retos no ámbito da Industria 4.0, formulados por empresas tractoras. O Consello do Goberno galego autorizou hoxe a sinatura do convenio entre a Administración autonómica e o operador, que contará cun investimento total de preto dun millón de euros ata 2019, dos cales a Xunta achegará 570.000 euros e Telefónica 425.000 euros.
“Galicia Open Future: edición retos Industria 4.0” lanzará diferentes convocatorias para cada un dos retos con base nas propostas definidas polas empresas, que serán seleccionadas previamente por Telefónica e a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Economía Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e XesGalicia.
Admitiranse ata dez ideas por reto, cuxos promotores terán a oportunidade de coñecer en profundidade a problemática e as necesidades formuladas polas empresas durante tres xornadas de traballo intensivas. Os gastos de desprazamento derivados destas xornadas serán sufragados polo Igape. Tras este período, os emprendedores e startups presentarán os seus proxectos definitivos, dos cales se seleccionarán catro finalistas.
Aceleración, axudas e premios
As catro iniciativas seleccionadas contarán co apoio financeiro de GAIN -10.000 euros cada unha- e terán acceso a un programa personalizado de aceleración con sesións de mentoring e coaching especializado, acceso a un espazo de crowdworking na Cidade da Cultura e á plataforma en liña de Galicia Open Future. O mellor proxecto do programa de aceleración recibirá unha axuda de 10.000 euros da Amtega.
O proxecto gañador de cada reto recibirá un premio de 20.000 euros a través de GAIN, para implantar un piloto da súa solución coa empresa que propuxo o reto. Ademais, poderá acceder a un préstamo reembolsable de XesGalicia de ata 100.000 euros polo investimento realizado na posta en marcha do piloto. Os outros tres proxectos finalistas, sempre que estean constituídos como empresa, poderán optar a un préstamo reembolsable por un máximo de 50.000 euros.
Galicia Open Future
A iniciativa Galicia Open Future naceu dentro do compromiso de Telefónica como asinante do Pacto dixital de Galicia, subscrito polo operador xunto con outras 12 empresas tecnolóxicas coa Xunta para impulsar o desenvolvemento tecnolóxico da Comunidade. Tras tres edicións, nas cales participaron 150 iniciativas emprendedoras, Galicia Open Future inicia unha nova etapa para impulsar o emprendemento no ámbito da Industria 4.0.
Con esta nova edición do GOF consolídase o polo tecnolóxico da Cidade da Cultura, onde está a sede da Amtega e outras das iniciativas do Pacto dixital, o Centro de Innovación social Dixital Vodafone Conecting for Good Galicia e o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC.
O director do Igape, Juan Cividanes, salientou en Celanova o completo catálogo de servizos e axudas que a Xunta pon a disposición das novas empresas, no peche do coworking Celanova-Terras da Limia, o demoday onde os 20 emprendedores participantes nesta segunda edición presentaron os seus proxectos empresariais despois de completar o proceso de formación e asesoramento.
Durante a súa intervención, Cividanes salientou que os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas. Deste xeito, lembroulles que, a través do Igape, poderán seguir accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.
Os emprendedores que desenvolveron os 19 proxectos empresariais neste espazo coworking, que impulsa a Xunta, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), optaron por ámbitos de actividade tan diversos como son servizos tecnolóxicos apoiados nas TIC, o sector da moda ou produtos relacionados coa valorización de recursos do territorio como o turismo ou os produtos agroalimentarios.
O director do Igape amosouse convencido de que os proxectos empresariais servirán para dinamizar economicamente as comarcas do sur de Ourense, con novas empresas relacionadas co turismo sostible e as actividades de ocio que poñen en valor a natureza e o patrimonio da provincia.
Cividanes, ademais, avanzou que a comezos do próximo ano se prevé organizar un foro de investimento no que participen os mellores proxectos de todos os espazos coworking para facilitarlles o acceso a potenciais investidores, a través da Rede Galega de Business Angels ou de XesGalicia. Destacou tamén que se prevén activar de novo, en datas próximas, as axudas a través de programas como Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende.
O obxectivo fundamental das iniciativas de coworking, que contan con cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.