
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha o Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, para reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral.
Para avanzar neste obxectivo o Plan DigiTalent contempla, como punto de partida, máis de 20 actuacións en torno a tres eixos de actuación: impulsar as vocacións STEM, promover a adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de E-líders para a transformación dixital. Cun orzamento público-privado de 5 millóns de euros ata o 2020, DigiTalent formúlase como unha iniciativa aberta ás achegas dos axentes do ecosistema dixital, entre os que están as 12 empresas que en 2013 se adheriron ao Pacto Dixital da Xunta para impulsar o crecemento tecnolóxico da Comunidade
Actualmente en Galicia só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito STEM (estudos científicos, tecnolóxicos, en Enxeñarías ou Matemáticas). Unhas cifras que contrastan coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital. Só na Comunidade o sector tecnolóxico mantivo una taxa de emprego estable en torno ao 1,6%, batendo o seu récord de emprego en 2016 con máis de 16.000 traballadores.
Responsables das empresas tecnolóxicas adheridas ao Pacto Dixital, Indra, Everis, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC e o Clúster TIC de Galicia participaron esta mañá nunha xuntanza de traballo coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, para articular a súa participación no Plan DigiTalent.
Programa de bolsas e tecnólogos por un día
Como punto de partida, a Xunta propuxo a estas a súa participación en dúas das iniciativas previstas en DigiTalent: o Programa de bolsas Áncora e a Iniciativa Tecnólogos por un día.
Áncora é un programa de prácticas non laborais en grandes empresas do sector TIC, tanto en centros de traballo de Galicia como do estranxeiro, con compromiso de contratación das persoas que superen con éxito o período de prácticas, que será de entre 6 e 9 meses. Está dirixido a estudantes universitarios, de FP ou recentemente titulados que estean cursando formación da rama tecnolóxica.
Tecnólogos por una día é unha iniciativa dirixida a rapazas e rapaces de entre 12 e 17 anos, que terán a oportunidade de experimentar en primeira persoa a xornada laboral dun profesional do sector, participando nas distintas actividades que teña na axenda de traballo (reunións, visitas a clientes tecnolóxicos, comida de traballo, etc.). O obxectivo é mostrarlles as dinámicas que dominan este tipo de profesións e resolver as súas dúbidas vocacionais.
Primeiro eixo: impulso das vocacións STEM
Aínda que un 50% dos alumnos galegos matriculados en bacharelato cursan a rama de ciencia e tecnoloxía, a maioría non chega a matricularse nunha carreira STEM. Por iso, o primeiro eixo do Plan busca fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnoloxías entre a poboación máis nova, especialmente entre as mozas, con exposicións e accións lúdico-formativas e actividades de mentorado. Crearanse espazos con equipamento de última xeración para achegar aos máis novos as novas tendencias tecnolóxicas, axendas de actividades con talleres e competicións de robótica, enxeñaría, programación, etc.
Nesta mesma liña fomentarase o atractivo das profesións STEM desde as primeiras etapas escolares con actuacións como Tecnólogo por un día ou campamentos de verán con obradoiros TIC. E tamén o talento precoz con programas para a xestión de talento STEM de alto rendemento para alumnos con aptitudes tecnolóxicas avanzadas.
Segundo eixo: fomento de novos perfís dixitais
Calcúlase que Europa contará con 500.000 postos vacantes para profesionais TIC no 2020 e que nos vindeiros anos o 90% das profesións requirirán de novas competencias dixitais. A transformación dixital está a crear novas profesións que afectan a todos os sectores: novos perfís tecnolóxicos e a transformación de profesións tradicionais que requiren de novas habilidades dixitais.
Para afrontar estes cambios DigiTalent contempla actuacións para ofrecer capacitación continua aos profesionais con accións formativas e de asesoramento como o programa Áncora, sesións divulgativas de novos perfís dixitais, ou o Observatorio Tecnolóxico DXC.
Facilitar a adaptación de profesionais non TIC con programas de reciclaxe profesional e garantir capacitación dixital básica de todos os profesionais
Terceiro eixo: E-líders para a transformación dixital
Europa precisará ata o 2020 uns 250.000 perfís profesionais directivos con capacidade de liderar a transformación dixital da súa empresa. Por iso o Plan conta con medidas para facilitar a estes perfís directivos formación e sensiblización e iniciativas para impulsar o emprendemento e a xeración de ideas innovadoras.
Pacto Dixital de Galicia
En 2013, un total de 11 empresas tecnolóxicas, de ámbito internacional, rexional e o Clúster TIC de Galicia asinaban coa Xunta un acordo no que, ambas partes, asumían un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización das pemes galegas e colaborar para conseguir o crecemento do sector. Desde entón fraguáronse diferentes iniciativas como os centros de emprendemento dixital de Telefónica Galicia Open Future; o centro para a innovación social dixital, Vodafone Conecting for Good Galicia ou o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC. Todos eles situados na Cidade da Cultura, conformando xunto coa sede da Amtega, o polo tecnolóxico do Gaiás.
Xa desvelamos o misterio que encerraba a nosa app de intelixencia emocional SIRIA, lanzada fai dez días. Detrás da voz do asistente virtual escondíanse declaracións de homes e mulleres reais en situación de exclusión social, e a quen as persoas que probaron a app puideron abrazar persoalmente despois de coñecer as súas historias.
Trátase, por tanto, dunha campaña que creamos co obxectivo de recuperar a atención da nosa sociedade cara a un problema que non deixa de crecer, a pesar de que xa non teña espazo nas noticias. Segundo datos de Nacións Unidas, 767 millóns de persoas viven baixo o limiar da pobreza. Esta cifra viuse incrementada con crises humanas como a de Siria, que provocou que máis de 6 millóns de persoas tivesen que abandonar o seu fogar.
“Tivemos que inventarnos unha app con intelixencia artificial para que volvamos conectar cun problema moi real, para que non esquezamos que non hai nada que conmova máis que unha historia verdadeira”, explica Neves Turienzo, vicepresidenta da nosa organización. “As historias que conta a nosa aplicación móbil son as vidas de persoas de carne e óso que tiveron que fuxir dos seus países ou que un bo día atopáronse sen fogar, sen dereitos ou sen cobertura sanitaria e que necesitan a nosa axuda para saír adiante”, engade.
Historias dunha verdade que emociona
Persoas como Baker, un mozo sirio de 24 anos que desertou do exército e tivo que escapar do seu país, deixando alí á súa familia. Chegou a Grecia nunha balsa. Agora vive en Barcelona, mentres continúa os seus estudos. Ou como Magdalena, de 61 anos, que chegou a España desde Romanía cun suposto contrato de traballo, pero foi vítima dun engano e atopouse sen diñeiro e sen ningún sitio onde ir. Hoxe vive nunha residencia de Sevilla. Ou Pastora, española de 50 anos que sufriu malos tratos, ten problemas de saúde e un fillo drogodependente. Agora acode ao Centro de Redución de Danos de Médicos do Mundo en Vigo. Ou tamén Jaime, que ata os 35 anos traballou na hostalería, pero por mor dunha depresión perdeuno todo e viuse abocado a vivir na rúa.
“Quixemos levar a cabo este experimento social para ver como reaccionaban as persoas que se prestaron a probar a nosa app ao descubrir que alén da pantalla había mulleres e homes de verdade, que viven situacións críticas, e os atopasen cara a cara. O resultado confirma que a realidade sempre supera á ficción. Estas persoas necesitan que a sociedade non as esqueza”, subliña Neves Turienzo.
A campaña completa, coas historias reais, recóllese na web www.oyesiriamedicosdelmundo.org.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, participou no Espazo Xove de Curtis nun encontro sectorial con mozos e mozas e distintos actores do territorio no marco do proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’ (acrónimo Lidera), aprobado ao abeiro do programa europeo Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep).
O programa de actividades do encontro divídese en tres bloques: o relatorio ‘Os logros do marketing máis alá das ventas. Marketing social: o compromiso co entorno’ da man das persoas responsables de marketing das entidades Cafento e Down Compostela; unha mesa de experiencias no sector do turismo que leva por título ‘Aproveitamento do recurso Camiño de Santiago’ e na que participan un representante do albergue de Muxía, representantes da Asociación Muxía Turismo Rural, e Antón Pombo, autor da guía Anaya dos albergues do Camiño de Santiago; e finalmente un taller de comunicación sobre comercialización no sector turístico a cargo da empresa de comunicación ‘A Catro Mans’.
A titular do departamento autonómico sinalou que “este tipo de iniciativas impulsan a relación e integración da xuventude na realidade económica do territorio, reforzando o coñecemento do marco local da vida dos mozos e mozas; reforzan o achegamento da mocidade á realidade do tecido empresarial galego; promoven o coñecemento e valorización dos recursos e potencialidades que ofrece o territorio; e ofrecen unha ferramenta para que os mozos e mozas adquiran coñecementos que axuden ao seu desenvolvemento persoal e profesional”.
No marco do proxecto Lidera ao longo dos meses de novembro e decembro estanse a desenvolver encontros sectoriais nos doce Espazos Xove dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Así mañá o Espazo Xove de Carballo acollererá o encontro ‘Xestión, Emprego, Ruralidade e Xuventude. O minifundio en positivo’, e o vindeiro luns o Espazo Xove de Viveiro será o escenario da sesión ‘Emprendemento activo: a importancia das emocións’.
Cecilia Vázquez manifestou que “o obxectivo destes encontros sectoriais é establecer unha dinámica de diálogo e coñecemento mutuo entre a xuventude e os axentes económicos do territorio, unha ferramenta para impulsar a aparición de oportunidades de colaboración e mentoring”.
Esta iniciativa formativa, dentro do proxecto Lidera, forma parte da actividade “Crece” que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.
Emotraxe
A titular de Xuventude rematou a súa intervención lembrando que no marco do proxecto Lidera o vindeiro sábado 16 de decembro descorrerá na cidade de Ferrol o Encontro Mostra transfronteriza da xuventude emprendedora (Emotraxe), un espazo de encontro e de aprendizaxe para que a xuventude poda compartir experiencias e emocións á vez que amosar publicamente as súas vivencias de participación, compromiso social e de emprendemento.
O programa de actividades de Emotraxe contará con dous relatorios e tres mesas redondas. Os relatorios, baixo os títulos ‘Onde está o límite’ e Emocións a través da mirada’ correrán a cargo de Josef Ajram e Sissí, respectivamente; e as mesas redondas descorrerán ao longo da xornada baixo os títulos ‘Mocidade en movemento, o valor de tomar a iniciativa’, ‘Competencias clave para superar o reto da inserción laboral e emprendemento’ e ‘Implicados ao 100%: iniciativas xuvenís con impacto social’. Así mesmo, o encontro contará cun espazo expositivo para que as entidades galegas e portuguesas podan mostrar os seus proxectos e actividades.
Proxecto Lidera
O proxecto Lidera foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep) e ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros e unha duración de catro anos (2016-2019).
Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; a Fundación Galicia Europa; a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela; a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega): o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ); a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
O número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 2.437, fronte ás 2.331 do ano anterior, o que representa un crecemento do 4,5% e mantén a Galicia como a quinta Comunidade Autónoma con maior número de empresas tecnolóxicas. O sector TIC galego deu emprego a 16.098 traballadores en 2016, o que supón un incremento do 2,6% no último ano.
Son datos que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro do “Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2017”.
Emprendemento e volume de negocio
O crecemento no volume de empresas TIC prodúcese, especialmente, nas empresas máis pequenas, o que pon de manifesto a tendencia ao emprendemento neste sector. Así, o 83,6% das empresas TIC galegas ten un máximo de dous empregados, 89 empresas máis que o ano anterior neste segmento empresarial.
O volume de negocio das empresas TIC galegas acadou os 2.522 millóns de euros no ano 2016, cun aumento do 2,8% con respecto ao ano 2015, e a cifra máis alta rexistrada desde 2011. En relación ao peso do sector na economía galega, o estudo do OSIMGA indica que o valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego en 2014 superou os 1.015 millóns de euros, o 1,8% do PIB total de Galicia.
Por outra banda, a porcentaxe de empresas do sector TIC galego que realizaron actividades de I+D+i durante os últimos 3 anos incrementouse en 4,1 puntos respecto ao dato do ano anterior, pasando dun 25,9% a un 31%. Entre as empresas TIC que realizaron actividades I+D+i, un 72,2% obtivo resultados comercializables. Cabe salientar que que o 18,4% das empresas TIC galegas colaboraron con outras empresas para realizar actividades de innovación.
Demanda de profesionais TIC
O estudo pon de manifesto as dificultades que as empresas TIC galegas experimentan á hora de contratar profesionais TIC cos coñecementos e experiencia de interese para a súa organización. Máis da metade das empresas TIC (51%) sinala que é difícil ou moi difícil contratar persoal con formación específica en TIC, especialmente pola carencia de candidatos coa formación precisa.
As empresas TIC galegas contan cunha maioría de profesionais TIC con formación universitaria ou especializada a través de ciclos formativos TIC. O 33,7% do persoal das empresas TIC teñen titulación de grao superior ou media; o 27,4% dos empregados posúe ciclos formativos relacionados coas TIC (un 22,4% superiores e un 5% medios). A presenza de mulleres no sector descende lixeiramente respecto ao total de traballadores e pasa do 33,1% a 32,9%.
Cara unha Internet ultrarrápida e á madurez tecnolóxica
Novamente increméntase a velocidade de conexión a Internet que teñen contratadas as empresas TIC galegas, de xeito que máis da metade (51%) posúe xa velocidades superiores a 100 Mbps fronte ao 38,3% no ano 2016.
Segue a evolución positiva do indicador do envío de facturación electrónica, que chega ata o 38,5% e rexistrando un incremento de 2,1 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. Ademais, rexístrase un crecemento de 4,1 puntos na dispoñibilidade de ferramentas ERP (29,8%), que permiten compartir información de compras e vendas da empresa, e un aumento de 4,7 puntos nas ferramentas CRM (29,3%) de xestión de información de clientes.
Increméntase a porcentaxe de empresas TIC galegas que empregan servizos da Administración dixital, acadando o 70,5%, 2,6 puntos máis que no ano anterior.
Cloud Compunting, redes sociais e software para aplicacións móbiles
Séguese a reafirmar o uso de servizos de tecnoloxías Cloud, acadando o 43,9% e aumentando respecto ao ano 2016 en 1,7 puntos. O crecemento total no período 2013-2017 foi de 10,9 puntos porcentuais. O software entendido como Servizo (SaaS), tales como Google Apps Bussiness, Office 365, SalesForce.com, Dropbox, etc. é o que máis empregan as empresas TIC galegas.
Outra tendencia que se extrae do estudo do OSIMGA é o desenvolvemento de software para plataformas móbiles: Un 28,9% das empresas TIC ofreceron desenvolvementos específicos de software para plataformas móbiles. Entre estas empresas TIC aumenta a cifra de negocio xerada por estes desenvolvementos, acadando o 22,8% do volume de negocio total destas empresas, 3,7 puntos máis que no ano anterior.
A presenza en redes sociais segue a incrementarse nas empresas TIC galegas, situándose no 40,1%, cun incremento de 9,5 puntos porcentuais no período 2013-2017.
Perspectivas de futuro
En canto ás perspectivas de futuro, o 47% das empresas TIC galegas consideran que a situación da súa empresa é de consolidación e un 18,3% de expansión. En relación á situación do sector TIC para os vindeiros tres anos, máis da metade das empresas TIC galegas (52%) percíbea como estable e un 31,1% como expansiva. Ademais, o 23,4% das empresas TIC galegas teñen previsto contratar novo persoal relacionado co ámbito tecnolóxico nos vindeiros anos.
No que se refire ao comercio electrónico, o 78,3% das empresas TIC galegas realizaron compras de bens ou servizos a través do comercio electrónico, incrementándose en 4 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. Unha de cada catro empresas galegas dedicadas ás TIC (24,6%) vendeu bens ou servizos a través de Internet durante o 2016. Continúa a incrementarse o peso das vendas electrónicas nas empresas TIC que venderon a través do comercio electrónico, pasando dun 43,9% a un 47,7%.
Dez novos concellos da provincia de Lugo implantarán a Historia Social Única Electrónica (HSUE), a plataforma da Xunta que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social colaboran para facilitar a difusión desta plataforma entre as entidades locais, así como a planificación conxunta e a coordinación das actuacións para axilizar a súa implantación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, inaugurou hoxe unha nova xornada de formación na que participaron o persoal dos servizos sociais de dez concellos adheridos á iniciativa, en concreto, os de Abadín, Bóveda, A Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Xermade e Xove.
Na provincia de Lugo a HSUE, que permite aos traballadores sociais acceder ao expediente social dos usuarios en formato electrónico, xa se implantou como experiencia piloto nos concellos de Sober e Viveiro, aos que agora se suman estes dez novos municipios.
Vantaxes para os usuarios
Balseiro explicou que os cidadáns percibirán as vantaxes do novo sistema na simplificación das tramitacións, e nunha atención máis personalizada, xa que o profesional terá acceso de xeito inmediato a información máis relevante do seu historial, tanto de servizos como de prestacións ou recursos asignados.
Ademais, facilitará unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.
Modernización dos servizos sociais
O delegado territorial lembrou que a extensión da Historia Social Única Electrónica (HSUE) supón un fito no eido dos servizos sociais similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de servizos sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas.
A este avance sumouse a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE. Isto permite xerar e asinar dixitalmente os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, o que permite o envío de xeito telemático deste informe ás unidades tramitadoras.
De xeito paralelo, e grazas as posibilidades que ofrece a HSUE, estase a facilitar o acceso do persoal médico dos equipos de valoración de discapacidade e dependencia ao Historia Clínico Electrónica de persoas que soliciten este recoñecemento; medida que permitirá mellorar a tramitación das referidas valoracións.
Plan Trabe
O Plan Trabe para a Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais, dotado cun orzamento de 19,7 millóns de euros en cinco anos, é un instrumento de apoio á planificación estratéxica deste área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións dun terzo da poboación.
Coa integración das TIC na xestión dos servizos sociais, a Administración autonómica busca mellorar a súa eficiencia para garantir á sustentabilidade do sistema e incrementar a súa capacidade para dar cobertura a unha demanda que está en aumento. Ademais, a modernización da xestión permitirá reducir tarefas administrativos e prazos de tramitación.
As actuacións do Plan Trabe incluidas dentro da operación "Plataforma tecnolóxica do catálogo galego de servizos sociais - Implantación da Historia Social Única Electrónica" atópanse cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.