main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

13/12/201710:00
Logo Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social.
Santiago de Compostela

Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social

Desde Fundación MAPFRE lanzan a 1ª edición dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social impulsados polo Instituto de Empresa (IE). Esta iniciativa xorde coa intención de apoiar solucións innovadoras con gran potencial de impacto social. Perseguen traballar coas comunidades de innovadores sociais das rexións xeográficas de Brasil, LATAM (excepto Brasil) e Europa, para identificar aqueles proxectos con maior capacidade de transformación social e a quen lle poidan ofrecer un impulso diferenciador.

Cos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social queren facer posible o crecemento de iniciativas que resolvan e melloren aspectos concretos do mundo no que vivimos:

  • Mellora da saúde e tecnoloxía dixital (e-Health).
  • Innovación aseguradora.
  • Mobilidade e seguridade viaria.

 

Prazo de presentación e selección de gañadores

Os candidatos poden enviar os proxectos previa acreditación dun interlocutor por proxecto. O prazo de recepción de proxectos comezará proximamente.

 

Premios

  • Tanto os semifinalistas como os finalistas, gozarán de distintas canles de promoción dos seus proxectos, o que lles axudará a darse a coñecer.
  • Apoio, orientación e axuda aos proxectos semifinalistas e finalistas seleccionados a través de mentoring  para semifinalistas e coaching para finalistas.
  • Financiamento:
    • Visibilidade ante potenciais financiadores.
    • Premio en metálico: Os gañadores de cada unha das tres categorías recibirán da Fundación MapfreAPFRE 30.000€ en concepto de doazón.
    • Gastos de viaxe e aloxamento aos semifinalistas e finalistas, para a asistencia aos eventos que sexan convocados no marco da competición.

Máis información

13/12/201709:00
Logo Hora do código.
Santiago de Compostela

O CPEIG, a UVigo e a UDC volven pechar fileiras arredor da Hora do Código

Chega a recta final de ano e, como de costume, é o intre de lembrar aos demais e anos mesmos a importancia de ter coñecementos, aínda que básicos, de programación. Por que? Pois por moitos motivos, comezando por un feito do que falamos recentemente: os estudantes formados en cuestións informáticas seguen a ser os máis demandados do mercado laboral, e nada indica que esta situación vaia mudar a medio e curto prazo. Pór de relevo as vantaxes de contarmos con formación para programar, aínda que básica, é un dos grandes obxectivos da Hora do Código, posta en marcha pola entidade internacional Code.org, organismo público sen fins de lucro adicado a ampliar a participación en Informática. Con respecto á nosa terra, a Hora do Código ten un dos seus grandes valedores no Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que vén de anunciar, precisamente, a súa participación nas actividades preparadas para o día 16 nos nosos campus

A edición galega da Hora do Código terá dous eixes de acción fundamentais, como vén sendo costume: por unha banda o Campus de Ourense (Escola Superior de Enxeñaría Informática, ESEI) da Universidade de Vigo e, pola outra, o Campus da Corruña (Facultade de Informática, FIC) da UDC. A cita (dupla) será este sábado día 16. Por suposto, haberá obradoiros cen por cen de balde, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 6 e 18 anos de idade. Quen queira máis información sobre as actividades previstas ou formalizar a inscrición nas mesmas, ten unha páxina web específica á súa disposición, www.horadocodigo.gal.

Segundo nos conta o CPEIG, as accións programadas nos centros universitarios desenvolveranse coa participación de voluntarios desta entidade profesional. Persoas colexiadas impartirán tamén, a título individual, charlas en centros educativos en Galicia ao longo da presente semana.

Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG.
 

A cita na ESEI de Ourense
A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense organizará unha xornada o sábado día 16 en horario de mañá con máis de 300 prazas dirixidas a rapaces de 6 a 18 anos de idade. A escola universitaria ofrecerá estes obradoiros: Iniciación á programación, Iniciación á programación con Scratch, Iniciación á programación de dispositivos con Arduino, Rapazas nas TIC, iniciación á programación de dispositivos, Coñece a impresión en 3D, Coñece os Drons, Outra Vida do Hardware e Crea o teu mundo- Realidade Virtual. 
 

Actividades na FIC
Pola súa banda, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña tamén prevé obradoiros de programación para o vindeiro sábado a partir do mediodía, dirixidos a nenas e nenos de entre 8 e 14 anos de idade. Os talleres terán unha hora de duración, cun total de 120 prazas. Os requisitos para participar son a inscrición previa e que vaian acompañados por un adulto, ademais de levar unha tableta ou ordenador. No caso de non dispoñer deses dispositivos, a FIC emprestaralle un a quen o precise. As nenas e nenos asistentes recibirán un diploma acreditativo da súa participación na Hora do Código
 

Code.org
Hora do Código está promovida desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg.

Code.org® é un organismo público a dicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

12/12/201709:57
SeeColors.
Santiago de Compostela

SeeColors, a app para axudar ás persoas con daltonismo

  • Axusta as cores á pantalla de acordo cos resultados do diagnóstico

 

Samsung Electronics Co., Ltd. deu a coñecer o lanzamento da aplicación SeeColors, compatible co televisor QLED TV, a cal funciona como unha ferramenta que axuda as persoas con daltonismo a diagnosticar as súas deficiencias visuais individuais para axustar a configuración de imaxe na pantalla co fin de que poidan gozar dunha experiencia visual plena e con cores exactas.

De acordo cunha enquisa representativa levada a cabo en Europa e América do Norte, ao redor de 300 millóns de persoas viven con daltonismo; aproximadamente 8 % dos homes e preto do 1% das mulleres ven o mundo doutra maneira*, aínda que a maioría non están conscientes diso nin do impacto que ten na súa calidade de vida.

A través da aplicación SeeColors, os usuarios poden identificar o tipo específico e o nivel do seu daltonismo a fin de recalibrar a pantalla de QLED TV baseándose nos resultados do seu diagnóstico persoal. Para ofrecer un método fácil e preciso que determine de que maneira mira cada persoa as cores, Samsung Electronics colaborou coa Profesora Klára Wenzel, directora do Departamento de Mecatrónica, Óptica e Enxeñería Mecánica e Informática da Universidade de Tecnoloxía e Economía de Budapest, para incorporar Colorlite Test (Proba de Visión Cromática) ou C-Test (Proba C), aos televisores e os dispositivos móbiles.

A Proba C, desenvolvida pola Profesora Wenzel, é unha ferramenta de diagnóstico dixital que mostra os niveis de daltonismo usando filtros de cores e un meticuloso modelado matemático. A aplicación SeeColors é unha solución sinxela que lles brinda aos usuarios a oportunidade de ver o mundo a todo cor.

SeeColors pódese descargar desde a App Store da TV, en Google Play ou en Galaxy App Store para os teléfonos intelixentes Samsung Galaxy S6, S6 edge, S6 edge+, S7, S7 edge e S8. Unha vez que os usuarios conectan o seu teléfono intelixente Galaxy ao seu QLED TV, esta axustará automaticamente a configuración de cores baseada no diagnóstico personalizado.

A aplicación SeeColors foi creada en colaboración con Colorlite, unha empresa húngara que aplica tecnoloxía certificada e con fundamento en 20 anos de investigación científica sobre análise e comportamento de lentes intraoculares, para axudar a que as persoas fagan fronte ao daltonismo e melloren a súa calidade de vida. A App SeeColors é a primeira en utilizar Colorlite® nos televisores e teléfonos intelixentes.

12/12/201709:20
Edificio Politécnico de Ourense.
Ourense

A ESEI de Ourense e Expourense convocan nova edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e Expourense veñen de pór en marcha unha nova convocatoria do seu certame conxunto dirixido a recoñecer a excelencia e o bo facer dos estudantes de ambas beiras da raia galego-portuguesa. Estamos a falar do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, edición 17, que ten por obxectivo “premiar os mellores traballos fin de estudos en informática e telecomunicación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. A iniciativa, unha ponte firme entre os campus e as empresas (levando potencial tecnolóxico dunha beira a outra), busca tamén “estimular a capacidade innovadora do alumnado para desenvolver proxectos cunha visión empresarial”. Nesta edición entregarase un total de 1.400 euros en galardóns.

Segundo informa a Universidade de Vigo (Campus de Ourense), o certame vén con dúas modalidades. A Modalidade A é para títulos en Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de mestrado de mestrados oficiais relacionados co eido das TIC. A Modalidade B é para títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación.

En cada categoría concederase un primeiro e un segundo premio, entregándose un total de 1.000 euros. Ademais, haberá un Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente dotado con 400 euros no que poderá participar alumnado das dúas modalidades. Por último, haberá un Premio do Público, consistente nunha estancia termal/turismo rural ou nun e-reader para o proxecto que consiga máis seguidores para a súa páxina informativa en Facebook.

Un xurado designado para a ocasión concederá os premios tendo en conta a calidade do proxecto (orixinalidade, dificultade e aplicabilidade social), se existe desenvolvemento de software libre e a súa aplicabilidade no eido da administración pública na súa relación cos cidadáns. O xurado reunirase o 13 de decembro de 2017 na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense nunha sesión na que os seleccionados nunha primeira valoración terán a oportunidade de expor os seus traballos. Tras esa exposición, coñeceranse os traballos gañadores desta edición e realizarase a entrega de premios e diplomas.

12/12/201709:15
Cartel do evento.
Pontevedra

A nosa comunidade desenvolvedora xúntase esta finde co gallo do DevFestGalicia

Este vindeiro sábado celebrarase a conferencia informática DevFestGalicia, organizada polos Google Developer Groups de Galicia (CDG Ourense, CDG Santiago e CDG Vigo) na Facultade das Ciencias Sociais e Comunicación no Campus de Pontevedra. A xornada, que conta coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra e a propia empresa Google, está patrocinada por Optare Solutions e o Centro Tecnolóxico Gradiant. A previsión é a de xuntar máis de dez expertos en tecnoloxía, co fin de compartir coñecementos arredor de cuestións tan candentes como a Intelixencia Artificial, o posicionamento en buscadores, a marca persoal, o desenvolvemento web, a linguaxe Scala, a nube de Google, ou o desenvolvemento móbil. 

A cita xa conta con conta con máis de 150 persoas inscritas e con capacidade para 300 asistentes. A entrada será de balde e o público, segundo informan os grupos organizadores, gozará de conferencias, obradoiros, xantar e espazos para traballo en rede. A xuntanza, amais dos devanditos temas, acollerá charlas sobre a importancia da diversidade no sector tecnolóxico, e as últimas tendencias en desenvolvemento para tecnoloxías web e móbil. “O obxectivo deste evento é reunir aos integrantes da comunidade galega para proxectar o talento local a nivel nacional”, sinalan os organizadores do evento. Entre os relatores cómpre salientar figuras referenciais no ámbito tecnolóxico galego, estatal e mundial, como Carlos Azaustre, developer relations en Google; Paola García, directora executiva e co-fundadora de Chefly; Antón M. Rodríguez, director técnico en Optare Solutions; ou Ana Cidre, desenvolvedora independente e fundadora de GalsTech, grupo de mulleres galegas en tecnoloxía.

Ademais, as conferencias contan coa participación de Google Developer Experts, expertos recoñecidos por Google polo seu labor no desenvolvemento e difusión da tecnoloxía, como Abdón Rodríguez, desenvolvedor vigués de IBM Research. O evento, ademais, ten un marcado compromiso a prol da visibilidade do papel da muller no ámbito da programación e o desenvolvemento informático, tal e como se mostra ao contar coa presenza de importantes expertas en tecnoloxías como Paola García, Ana Cidre ou Noelia Luaces, entre outras. O obxectivo é “romper cos mitos que perpetúan o feito de que menos dun 15% de mozas se matriculen en Informática na nosa comunidade”, afirman os organizadores do DevFest Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS