
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra ten deparado un amplo programa de actividades TIC para autónomos, empresarios e empresas da provincia este mes de febreiro. Segundo informamos os días pasados as oficinas da área de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante este mes de febreiro dezaoito novos obradoiros. A estas actividades cómpre engadir a ducia de xeiras formativas que se van desenvolver na sede da Deputación en Pontevedra (seis) e no Centro Exposalnés de Cambados (outros seis). Como lembraremos, SmartPEME é a rede tecnolóxico-dixital de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e, a partir de datas vindeiras, todo apunta a que tamén na Estrada.
O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, acollerá seis novos obradoiros. SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e empresas locais as seguintes accións formativas: o martes 6 de febreiro Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope..., e o xoves día 8, A túa páxina web en menos de 90 minutos. A terceira quenda celebrarase unha semana despois, o xoves día 15, con Google Analytics: Iniciación á analítica Web. Tras ela, a seguinte será o luns 19 de febreiro, co curso Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone" Para rematar a actividade deste mes de febreiro, o mércores 21 terá lugar o curso Crea os teus propios informes: Google Data Studio e o martes 27, Aprende a promover a túa empresa con Pinterest. A oficina SmartPEME de Pontevedra, na sede Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Polo que respecta ás actividades previstas para Cambados, serán seis obradoiros no mes de febreiro. A actividade arranca esta sexta feira, 5 de febreiro, co obradoiro Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO. O seguinte, Woocommerce I–A solución para vender por internet, celebrarase o xoves 8 de febreiro. O terceiro obradoiro do mes nas oficinas de Cambados será Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas, o martes 13 de febreiro. Pola súa banda, o luns 19 de febreiro impartirase Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo. As dúas últimas citas do mes serán Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope..., o mércores 21 de febreiro, e Mellora a calidade das túas imaxes con editores online, o mércores 28 de febreiro. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal. Todas as actividades comezan ás 19 horas.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
O 11 de febreiro é o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, co que se busca visibilizar o traballo das mulleres neste ámbito e fomentar a cultura científica entre as novas. Organizacións profesionais, fabricantes de xoguetes e ata Barrio Sésamo traballan para que o vello estereotipo do físico descoidado ou o enxeñeiro excéntrico deixe paso a novos modelos femininos.
Se metésemos a todos os estudantes universitarios de España nunha mesma clase, máis da metade serían mulleres, segundo os datos da OCDE, pero as porcentaxes cambian se analizamos cada especialidade. En ciencias, matemáticas e informática as estudantes representan o 30%, mentres que en enxeñería son o 23%. Estas disciplinas, reunidas baixo o acrónimo STEM, mostran unha fenda de xénero que profesionais, profesores e investigadores loitan por romper.
Segundo a oitava Enquisa de Percepción Social da Ciencia que leva a cabo a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o interese das mulleres por estes temas medrou nos últimos anos, pero segue por baixo do dos homes. Un bo número de iniciativas, nacionais e internacionais, buscan cambiar o panorama. Hai boas razóns. Unha delas é que a ausencia de investigadoras repercute sobre a calidade da ciencia, como se describía nun estudo publicado recentemente en Nature Human Behaviour.
A Fundación CNSE, e a Confederación Española de Familias de Persoas Xordas, FIAPAS, asinaron este luns a súa adhesión ao acordo marco de colaboración que manteñen a Fundación Vodafone España e a Fundación ONCE para impulsar a accesibilidade audiovisual.
Concha Díaz, presidenta da Fundación CNSE, e José Luis Aedo, presidente de FIAPAS, foron os encargados de asinar a adhesión de cada unha das partes xunto a Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España, e José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE.
A Fundación Vodafone España e a Fundación ONCE manteñen un acordo de colaboración que inclúe a creación do fondo para o ‘Impulso da accesibilidade audiovisual' así como a posta en marcha dunha comunidade de voluntarios encargados de transcribir contidos audiovisuais. A partir de agora a Fundación CNSE e FIAPAS súmanse a ambas as propostas.
Ademais, traballarán para facilitar a transcrición de material académico en polo menos seis universidades españolas e para mellorar o acceso á aula de alumnos xordos ou doutros colectivos cuxa participación plena na actividade académica se vexa favorecida pola aplicación destas técnicas.
A Fundación Xeral CSIC e Envellecemento en rede lanzan a nova marca “EnR?|”, que desenvolve contidos e temáticas de actualidade sobre envellecemento, apoiados por elementos visuais, gráficos e multimedia. O seu obxectivo é converterse nunha plataforma web colaborativa de referencia como punto de encontro ciencia-sociedade ao redor desta temática. Un espazo para a interacción dos diferentes axentes interesados neste ámbito, heteroxéneo e multidisciplinar.
O fenómeno do envellecemento da poboación ocupa, pola súa importancia, un papel relevante nas diferentes estratexias e liñas de actuación das políticas de investigación e innovación das principais economías mundiais e europeas. É necesario que a ciencia aborde desde diversas áreas os problemas da poboación maior e desenvolver solucións, novas estruturas, modelos innovadores e aproximarse ao sector privado para permitir transformar en oportunidade o reto do envellecemento, mellorando a calidade de vida da nosa sociedade.
Son moitos os axentes que investigan, propoñen e experimentan solucións desde os ámbitos da saúde e a medicina, a discapacidade e a dependencia, a economía, os servizos e os recursos sociais, as infraestruturas, as tecnoloxías, a demografía, etc. A plataforma EnR?| pretende fomentar a participación de todos eles e dar voz aos profesionais e científicos deste ámbito, aglutinar as súas experiencias, impulsar solucións interdisciplinares e impactar no beneficio da sociedade.
Entre os contidos que se poden atopar na plataforma EnR?| áchanse artigos de actualidade e de opinión, entrevistas a expertos, informes de divulgación científica, boletíns, información infográfica, podcasts e calendario de eventos. Ademais, dispón dun buscador avanzado que facilita localizar o contido de interese.
Esta etapa de EnR?| xorde da colaboración entre a Fundación Xeral CSIC e o Laboratorio Envellecemento en rede do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía (IEGD) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coa vocación de ser un referente en coñecemento e información contrastada, rigorosa e de calidade sobre investigación e innovación en envellecemento, tanto persoal como poboacional, cunha importante base documental e multimedia.
Ten a cara dun neno amigable e curioso e case da mesma altura. Pódese levantar, manterse en equilibrio sobre unha soa perna, detectar a presenza de xente e saudar coa súa man: esas son só algunhas das capacidades de iCub, o robot. Pode ser útil nunha chea de actividades: manufactura, coidados da saúde e axudar a persoas maiores a vivir nas súas casas por máis tempo.
Os investigadores que traballan no proxecto Andy tamén están a desenvolver expresións faciais para iCub, o que lle permitirá ser máis empático. “A visión que temos deste tipo de robot é o de asistente persoal, o cal pode ser adaptado de distintos modos, desde o robot para a rehabilitación ata un para asistencia,” di Giorgio Metta, vicedirector científico no IIT, o Instituto Italiano de Tecnoloxías en Xénova.
O coordinador do proxecto Daniele Pucci afonda máis nas funcións técnicas: "O robot ten varios sensores para entender como se move o humano,” explica. “A presenza do humano é detectada, primeiro, por visión. Despois, durante a interacción, o robot é capaz de establecer contacto co humano a través da súa ‘pel'. Por tanto, para permitir ao robot ser consciente das accións do humano, necesita estar equipado con sensores”.
O proxecto Andy executarase durante 4 anos ata finais de 2020. O seu orzamento, próximo aos 4 millóns de euros, é achegado totalmente pola Unión Europea.