main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/02/201811:00
MyCyFAPP executándose nunha tableta.
Santiago de Compostela

App para pacientes con fibrose quística e xogo nutricional para nenos

O proxecto MyCyFAPP participado con fondos europeos desenvolveu unha ferramenta dixital para axudar aos pacientes de fibrose quística e ás súas familias para calcular a dose óptima de encimas. As probas clínicas comezan agora en 5 países europeos. O proxecto tamén desenvolveu un xogo que axuda aos nenos a entender como unha boa nutrición pode axudalos a mellorar o seu nivel de saúde.

Máis información

06/02/201809:28
Logo Día de Internet.
Santiago de Compostela

O CPEIG lanza un chamamento a prol dun uso responsable de Internet

Co gallo da celebración (este 6 de febreiro) do Día Internacional de Internet Segura (a nivel internacional, Safer Internet Day), promovido pola Comisión Europea e organizado por Insafe, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de emitir un comunicado que ten a tripla finalidade de (primeiro) adherirnos aos galegos á devandita xornada, (segundo) de facer un chamamento a prol dun “uso responsable e seguro das novas tecnoloxías” e (terceiro) de fornecer á cidadanía (especialmente aos máis pequenos, por ser os máis vulnerables) dunha serie de recomendacións e consellos que axuden a tirar o mellor proveito posible das novas ferramentas de comunicación e información. 

No comunicado, o CPEIG considera “de vital importancia” que a sociedade galega faga un “uso responsable e seguro das novas tecnoloxías”, e lembra que o lema desta nova entrega da celebración (Crea, conecta e comparte respecto: unha Internet mellor comeza contigo) transmite dunha maneira clara e inequívoca a devandita mensaxe entre os menores de idade e a mocidade, tal e como tamén a transmite o contido do programa Navega con Rumbo posto en marcha hai sete anos, e aínda en activo, polo CPEIG e a Consellería de Educación. 

En concreto, o CPEIG considera “que os cidadáns deben tomar conciencia da necesidade de navegar pola rede de forma segura, protexendo os seus datos persoais durante as transaccións e compras en liña e incorporándose á cultura da protección de datos”. Baixo estas premisas, o Colexio elaborou unha listaxe de recomendacións para que a cidadanía sexa consciente das oportunidades e riscos que ofrece a Internet: 

  • Antivirus. Cómpre actualizar decote o software antivirus e de seguridade. Tamén é necesario configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas. 
  • Executables. É preferible non descargar programas executables ou ficheiros que sexan susceptibles de conter software malicioso. Debemos protexer o equipo con programas “devasa” e de detección e eliminación de software espía. 
  • Identificadores. O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios deben efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade. Nunca debemos dar información sobre identificadores de noso e moito menos sobre as nosas claves de acceso. Sexa especialmente rigoroso en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo. 
  • Contrasinais. Cómpre manter contrasinais distintos para cada web ou servizo que sexan longos de abondo e difíciles de adiviñar. Debemos procurar non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos, ("iogur.de#piña", "meu-can.ch4mase-Roque") que resulten doadas de lembrar aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
  • Wi-Fi. Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptible de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. É doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndanse usar os últimos protocolos dispoñibles cando sexa posible (WPA/WPA2).
  • Buscadores. Cómpre que teñamos en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empregue. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet. 
  • Cookies.Convén borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda á rede dende un computador ao que teñan acceso outras persoas. 
  • Spam. No caso de recibirmos correos non desexados (spam), non deberemos enviar unha resposta, xa que estaremos confirmando a validez do noso enderezo electrónico. 
  • E-mail. Cando envíemos mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo Con Copia Oculta (CCO). No caso de envíos masivos usaremos as listaxes de distribución.
  • Redes sociais. Debemos garantir a seguridade da información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do perfil e empregando contrasinais. Non esquezamos que os buscadores poden permitir a un terceiro obter a información pública dos perfís. 
  • Imaxe. A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicar unha foto ou escribir nun foro podemos estar incluíndo información sobre outras persoas. Debemos ser conscientes de que temos que respectar os dereitos desas persoas. 
  • Cámaras web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, teremos que asegurarnos de que a captación sexa o menos intrusiva. Así mesmo, debemos garantir a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras. 
  • Nenez. Debemos educar a infancia nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas para os máis cativos, como a situación do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.
06/02/201808:39
Amigus Labs.
As Pontes

Medio cento de argalleiros xuntáronse nunha nova xeira dos Amigus Labs

O local Lar de Endesa das Pontes acolleu esta pasada finde unha nova xornada dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros da asociación do mesmo nome. Na cita maker deste sábado (a 18.1) participaron máis de medio centenar de creadoras/es tecnolóxicas/os de todas as idades, non só das Pontes senón tamén de Melide, A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago e Vigo. A cita, como dixemos, foi unha cita para maiores pero tamén para crianzas. De feito, a disposición dos máis pequenos habilitouse un obradoiro de téxtil interactivo, no que puideron deseñar os seus antefaces con vistas ao Entroido, así como un boneco ateigado de luces LED. 

Amais disto, houbo un recanto para interactuar con tiras de LED manexadas por microcontroladores e mediante un servidor web con conexión Wi-Fi, e outro espazo para a robótica onde se acabou de dar forma, colectivamente, ao que sería un dos primeiros velocistas dos Amigus Labs, un vehículo miúdo de carreiras habilitado para seguir trazados (liñas) marcados previamente no chan. Na xeira de traballo deste sábado adicouse unha parte do tempo a calibrar o dito vehículo carreiras, mediante a programación da placa Arduino Nano que o controla. 

Ademais, achegáronse impresoras 3D, a tempo completo, para que os participantes puideran facer as súas máis variadas creacións, incluídas as dúas pezas que restaban para o remate dunha fresadora CNC. 

Por outra banda, exhibíronse varias creacións dos argalleiros de Amigus, desde cúpulas xeodésicas ao prototipado de pezas encargadas por algúns establecementos da localidade e feitas dende o Fab Lab. A zona Arcade coas máquinas recreativas feitas en anteriores obradoiros volveu ter a visita de curiosos e xogadores que puideron familiarizarse cos compoñentes con que foron fabricadas, así como lembrar vellos xogos das recreativas e consolas dos anos 80 e 90.

Dende o Fab Lab de Amigus valoraron o resultado da xornada como “moi positivo”, grazas “aos comentarios dos usuarios e as propostas para vindeiras edicións que esperamos poder facer con maior periodicidade”, sinalaron, engadindo que no futuro tamén agardan emendar “a problemática” de non contaren cun espazo propio, non só para acubillar o material preciso para o traballo, senón tamén para poder achegar o coñecemento amoreado nestes anos con formato apropiado de aula formativa aberta e dispoñible todos os días do ano.

Desde Amigus Labs agradeceron a todas as entidades colaboradoras e á súa implicación día a día no proxecto: Concello das Pontes, COHEMPO, ENDESA, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter e ao Grupo de Empresa de Endesa.

06/02/201808:30
Imaxe de Ueslei Marcelino.
Santiago de Compostela

UNICEF convoca en Santiago unhas xornadas que poñen o foco na fenda dixital na nenez

A Facultade de Educación de Santiago vai acoller este xoves 8 de febreiro unhas xornadas sobre TIC e sobre como estas están a chegar a unha gran cantidade de nenas e nenos pero deixando excluída unha significativamente importante porcentaxe de crianzas menos favorecidas (por motivos económicos, sociais, xeográficos e culturais ou simplemente por vivir lonxe das contornas onde hai máis posibilidades de vivirmos conectados). Nas xornadas presentarase ante os medios de comunicación o informe Os nenos e nenas da fenda dixital en España 2018 e, ademais, tentarase dar resposta ás seguintes preguntas: quen son os nenos que aínda non teñen acceso ás TIC, ou que teñen acceso limitado? Como viven os riscos e as oportunidades da Rede? Que impacto teñen neles perigos como o ciberacoso, o sexting ou a falta de privacidade?

No informe que se presentará nas xornadas, que veñen da man de UNICEF Comité Galicia, a ONG tenta analizar as devanditas as devanditas cuestións desde un enfoque de dereitos, pondo o foco en tres dos colectivos máis vulnerables: xitano, inmigrante e LGTBI. 

Ademais da responsable de Estudos de UNICEF Comité Español (Cristina Junquera), na cita contarase con expertos de Galicia en nenez e novas ferramentas dixitais dos ámbitos institucional, académico e terceiro sector (Milagros Otero, valedora do Pobo, Antonio Rial, doutor en Psicoloxía Social e profesor da USC, Fernando Gil, xefe do Departamento da Sociedade da Información de AMTEGA, Natalia Gómez, técnica de Intervención Social da Fundación Secretariado Xitano), así como coa presidenta do Consello de Participación Infantil de Castrelo de Miño, Edita Pousada, que trasladará as recomendacións dun grupo de crianzas galegas para facer un bo uso do TIC.

06/02/201808:21
Man sostendo un folio.
Santiago de Compostela

As pemes e as empresas de base tecnolóxica xa poden solicitar as axudas da Xunta de 7 M € para o impulso á contratación

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os programas de incentivos á contratación nas pemes e as axudas para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria dedica 4,2 millóns para incentivar en 500 pemes a contratación de 550 desempregados con máis dificultades para atopar un emprego con axudas que poden chegar aos 8000 euros
  • Establécese por primeira vez neste programa a posibilidade dun bono formación de 1000 euros por cada persoa contratada
  • Para fomentar o emprego de 300 traballadores en 195 novas pemes e nas iniciativas de emprego de base tecnolóxica destínanse máis de 2,7 millóns

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas da Xunta para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación ás que destinará este ano preto de 7 millóns de euros.

Dunha banda, ábrese a partir do luns e ata o 15 de outubro o prazo para solicitar os incentivos á contratación nas pemes, dotado con 4,2 millóns de euros, para favorecer o emprego de 550 persoas con máis dificultades para atopar un traballo en 500 empresas. Por medio desta actuación, as compañías terán a oportunidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea. Por unha banda, a contratación inicial, cunha duración mínima dun ano, apoiarase cun bono de 4000 euros sempre que o desempregado sexa parado de longa duración, presente algunha discapacidade ou se atope en situación ou risco de exclusión social. Esta contía aumentará nun 25% para as mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados e se a empresa está situada no rural, polo que a contía máxima de axuda deste programa poderá alcanzar os 8000 euros.

Como novidade, inclúese un bono de 1000 euros de formación por cada persoa contratada que será opcional para as empresas.

 

Empresas de nova creación e de base tecnolóxica

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, doutra banda, inviste máis de 2,7 millóns de euros para o programa de fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación e as cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). Con esta actuación prevé beneficiar ao redor de 300 traballadores en 195 firmas.

Para impulsar o emprego nas pequenas empresas de nova creación establécense axudas para a xeración de emprego estable, a formación xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que se vai desenvolver ou para o inicio de actividade, financiando gastos relacionados cos honorarios de notario e rexistrador, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros. O prazo de solicitude neste caso xa está aberto e remata o próximo 31 de xullo.

Apóiase tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras destas empresas co 75% do custo da escola infantil dos fillos menores de 3 anos cun máximo de 3000 euros. Poderán ser beneficiarias destes apoios as empresas que sexan promovidas como máximo por 5 persoas, cun capital social máximo de 120.202 euros, sendo como mínimo o 50% titularidade dos promotores que sexan desempregados e creen o seu propio posto de traballo na empresa.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro, pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías. Do que se trata é de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego. Esta iniciativa, polo tanto, está dirixida a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico.

Os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 24.000 euros.

As contías base dos dous programas incrementaranse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada no rural. Deste xeito, a axuda máxima será de 22.000 euros por beneficiario no caso de pequenas empresas de nova creación e de 48.000 euros para as IEBT.

Esta actuación está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS