main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

07/02/201809:23
Logo Blappy.
Santiago de Compostela

Blappy, o whatsapp para persoas con discapacidade visual e auditiva

Pregúntaste cal é a maneira máis rápida na que se poden comunicar as persoas con discapacidade visual e auditiva entre eles? Hoxe coñecemos unha das apps que mellor comunica a persoas con este tipo de discapacidades, BLAPPY.

En España hai preto dun millón de persoas que teñen discapacidade visual e ao redor doutro millón que teñen discapacidade auditiva, segundo o Centro Español de Subtitulado e Audiodescripción (CESyA). Por iso, investigadores desta institución, xestionada pola Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), desenvolveron Blappy, unha aplicación gratuíta para smartphones que permite a comunicación por chat entre dúas persoas con diversidade funcional.

Blappy, é unha aplicación que se pode baixar libremente en Android, que mediante conexión bluetooth entre dous dispositivos móbiles permite conversar ben textualmente, ben por mensaxes. O seu creador, Adrián Baeza, definiuna como “unha ferramenta que permite o diálogo cando os interlocutores non comparten a mesma canle de comunicación, xa sexa por diversidade idiomática ou por diversidade funcional”. Para iso converte mensaxes de voz en texto e viceversa.

Ademais, tamén ofrece a posibilidade de incluír imaxes con alto contraste, facer zoom na pantalla e é compatible co servizo de accesibilidade TalkBack, deseñada por Google para discapacitados visuais.

Personaliza as túas Comunicacións

  • O modo de vista normal (con tons azuis) ou no alto contraste (branco, amarelo e negro).
  • Configuracións de axustes do chat como o tamaño da fonte, o modo de notificacións, o fondo de pantalla elixido…
  • Variables que se gardan se é a primeira vez que se executa a app.
  • Modo de inicio da aplicación co tutorial ou sen el.
  • Incorporación do botón “Home” na barra superior de navegación en todas as pantallas de axustes e da sección axuda para volver ao menú principal e facilitar a navegación.
  • Engadido ao menú superior, a opción de borrar a conversación.
  • Selección continúa do foco na caixa de texto para o envío de mensaxes e apertura automática do teclado.
  • Borrar conversacións individualmente desde o propio chat ou desde a sección de conversacións gardadas, ou na pantalla principal mediante pulsación longa.
07/02/201808:44
Reunión Amtega - Adamo.
Santiago de Compostela

A directora da Amtega recibe aos responsables do operador Adamo, que lle presentaron o seu plan de despregamento na provincia de Lugo

  • A Administración autonómica valora positivamente o interese dos operadores privados en investir en Galicia, especialmente nas zonas menos rendibles
  • A Xunta vén de abrir unha convocatoria pública a operadores cun importe de 14 millóns de euros para estender redes utrarrápidas en zonas brancas de menos de 150 habitantes
  • Esta iniciativa é complementaria ás do Estado, que está a actuar en núcleos de maior tamaño cun investimento de 21 millóns de euros

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, recibiu a mañá do martes 6 de febreiro de 2018 a responsables do operador Adamo, que lle explicaron o seu plan de despregamento en Galicia.  A empresa ten previsto estender fibra óptica en 38 concellos da provincia de Lugo de xeito progresivo durante os vindeiros tres anos.

A Administración autonómica valora positivamente o interese dos operadores privados en investir en Galicia, especialmente nas zonas menos rendibles. A orografía e a dispersión dificultan en gran medida os despregamentos de telecomunicacións na Comunidade, que concentra o 40% de núcleos de poboación de España, e o 90% dos cales teñen menos de 100 habitantes.

 

Obxectivo europeo: 30 Mbps no 2020

Para salvar estas dificultades e cumprir co obxectivo da Unión Europea de dotar de cobertura de 30Mbps a todos os cidadáns, o Estado, que é a Administración competente en materia de telecomunicacións, e a Xunta, de forma complementaria, están a incentivar o despregamento de redes ultrarrápidas en zonas brancas, aquelas que non dispoñen dunha conexión a internet con estas velocidades e que non resultan rendibles para os operadores.

O Estado adxudicou 21 millóns de euros entre 2015 e 2017 en subvencións públicas a operadores que permitirán dotar de redes ultrarrápidas a uns 900 núcleos e preto 260.000 galegos, nos próximos dous anos. Como medida complementaria, a Xunta, publicou o pasado 15 de xaneiro unha convocatoria de axudas a operadores con máis de 14 millóns de euros para actuar en máis de 26.000 núcleos de menos de 150 habitantes e en 80 de ata 300.

 

Apoio aos despregamentos

Para impulsar os despregamentos, a Administración autonómica ofrece asesoramento aos concellos, a través da Oficina Técnica de Banda Larga, sobre a concesión de licenzas municipais neste ámbito e a través da Lei 3/2013 de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que establece o marco legal para facilitar a extensión de redes de telecomunicación.

07/02/201808:28
Carballo Interplay.
Carballo

O quinto Carballo Interplay porá o foco en xuntar directoras de webseries con plataformas compradoras

O quinto Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará do 4 ao 7 de abril de 2018, vén con novidades. Trátase da a inclusión estrea dunha xornada profesional específica, que busca incrementar as pontes entre webseries e plataformas e que responde a un dos obxectivos principais do certame: evolucionar e abrir diálogos permanentes cos novos xeitos e linguaxes de entender a cultura audiovisual na Rede. Máis en detalle, consistirá na organización de actividades e de espazos particularmente concibidos para conectar aos artistas coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación interesados en “fichar” contidos dixitais de creación propia. Lembrar, a maiores, que esta edición do Carballo Interplay repartirá máis de 5.000 euros en premios. Xa podemos participar até o 18 de febreiro a través de carballointerplay.com.

Xa confirmaron a súa presenza neste recanto profesional (o Día PRO do Interplay, o 5 de abril) marcas tan significativas como Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), Playz (RTVE Digital), CRTVG ou Playground, entre outras. Tamén virán a Carballo representantes das principais asociacións do sector en Galicia (como o Cluster do Audiovisual, AGAG ou CREA) e directores e directoras e programadores e programadoras de festivais de series dixitais estatais e internacionais, co “obxectivo de definir unha terminoloxía común para este tipo de producións”, explica a organización do certame, engadindo que tamén se habilitará un espazo de encontro que fomente o contacto, a través de citas profesionais, entre os creadores e creadoras de series dixitais e as plataformas e produtoras asistentes. 

 

Derradeiros días para presentar propostas á sección oficial
As organizadoras do evento lembran tamén que, quen desexe presentar as súas webseriesou proxectos de webserie á sección oficial e optar aos máis de 5.000 euros en premios que repartirá o festival, teñen que inscribirse antes do 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com. As creacións participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais. 

Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais deste ámbito e do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. 

A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión outorgado por AGAG e un premio á mellor dirección outorgado por CREA, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.

Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego.

07/02/201808:23
Presentación sdiE[17.
Madrid

O móbil é o motor da sociedade dixital española

O luns presentouse o Informe da Sociedade Dixital en España 2017, sdiE[17, elaborado pola Fundación Telefónica, e que reflicte a aposta cada vez maior pola tecnoloxía a nivel social, nun proceso no que a intelixencia artificial e a Internet das Cousas xogan cada vez un rol máis importante (no que dan en chamar Sociedade Cognitiva). O informe sostén que España ten unha sociedade dixital grazas principalmente á banda larga móbil, destacando tamén que España mantén a súa posición líder no despregamento de redes de fibra óptica até o fogar, con máis clientes de FTTH que os mercados de Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia xuntos.

No que se refire á cobertura móbil, o informe asegura que as conexións de 3,5G chegan practicamente á totalidade dos fogares, mentres que a cobertura 4G chegaría o 94% dos mesmos.

Entre os detalles máis salientables do informe asegúrase que en 2018 o 50% dos mozos españois son mobile first, ou sexa, que entre o 90 e o 100% do seu tempo en rede é a través do móbil. De feito, o 86% posúe un smartphone e úsao como dispositivo de referencia para a mensaxería instantánea, acceder a redes sociais, consumir música e ver vídeos en streaming.

 

Retrato da sociedade dixital española

Dos 24 millóns de españois de entre 16 e 74 anos que se conectan a diario á Internet (o 64% do total) temos unha clara diferenciación en función da idade, de xeito que o 98% dos mozos conéctanse á Rede a diario, mentres que en adultos de entre 65 e 74 anos falamos dun 43,7%. Precisamente entre estes últimos o uso da Internet medrou un 26% en 2017.
Outro detalle a destacar é o pulo da economía colaborativa, cun 21,4% dos internautas empregando páxinas web ou aplicacións para acordar un aloxamento e un 8,9% para concertar o transporte con outro particular.

 

Algúns datos salientables

No informe da Fundación Telefónica tamén vemos como o ordenador perde usuarios, manténdose como o dispositivo máis utilizado só para usos profesionais (76,3%), mentres que para o lecer medra o uso de tabletas (36,6%).
A televisión por Internet (27,5%) tamén sube lixeiramente, como o uso da banca móbil (56,7%) e o comercio electrónico (51,6%). Na mensaxería instantánea o 30,8% envía mensaxes de voz (un 36% se nos referimos a mulleres e un 25,3% no caso dos homes), mentres que o envío de imaxes ou vídeos e o máis habitual (35,7%).

07/02/201808:07
Participantes en HANA.
A Coruña

O programa HANA planta nos nosos colexios a semente das vindeiras carreiras aeroespaciais

Entre as cousas presentadas na pasada edición (a oitava) do evento Laconnetwork, na Coruña, brillaron con luz propia iniciativas como o Programa Especial Hamsternauta (HANA), un proxecto que permite aos centros de educación secundaria converter ao seu alumnado en novos enxeñeiros aeroespaciais, fornecendo aos estudantes de recursos para enviar fóra da Terra un dummy-hámster coa axuda dunha sonda e un globo meteorolóxico. O certame, que tamén é un concurso (trátase de ver que equipo acada a misión máis completa), vén da man das startups da Asociación Galega de Innovadores en TICs, entre as que se contan Fitting PupLupeonIPglobalAPDTICConfirmsignMememtum,TaniwaFilament2printTuco SystemsPrimateCactus Digital ou Imaxin. Tamén participa (patrocinando) a rede de academias Tokio School. Na presentación celebrada o 2 de febreiro na oitava Laconnetwork concorreron tamén estudantes do CEIP de Laredo, que será o centro piloto do certame.

O obxectivo desta iniciativa é “promover desde idades temperás o talento humano en áreas necesarias para a xeración de coñecemento, como son as novas tecnoloxías e a investigación científica. En palabras de Claudio Freijeiro, responsable de formación de Tokio School, “é unha oportunidade moi boa para que os nenos traballen nun ámbito que até hai poucos anos estaba reservado para uns privilexiados e que non se inclúe nos programas formativos tradicionais”. 

Na presentación fixo de mestre de cerimonias Frankie Gómez, co-impulsor de HANA, quen sinalou que o proxecto “xorde cun carácter transxeracional para que nuns anos os alumnos que comecen con esta experiencia poidan asesorar e tutelar a outros nenos e que estes xoguen a superar os retos das misións anteriores”. A fórmula da que se bota man, sinalaron, é unha fórmula “dinámica, divertida e aplicada á realidade”, procurando en todo intre que o alumnado coñeza a pegada e as oportunidades que presenta a tecnoloxía aeroespacial e dixital actual. Ou sexa, as oportunidades que subministran eidos como a información a gran escala (Big Data), a intelixencia artificial, a robótica ou a programación.

O proxecto, explicaron, tamén quere ser un reclamo co que apreixar a curiosidade científica da rapazada. “A investigación científica e as novas tecnoloxías avanzan a pasos axigantados”, apunta Andrea Magán, directora de Proxectos en Tokio School, “e é preciso que os nenos sexan conscientes, porque deles dependerá o futuro”.

 

O CEIP Laredo, centro piloto

Na presentación de HANA tamén puidemos saber que o CEIP de Laredo (Chapela, Redondela) foi seleccionado como centro piloto para levar á practica o devandito proxecto educativo e aeroespacial. Na cita da Coruña participou o alumnado de quinto e sexto do centro pontevedrés, na gala de presentación oficial celebrada en PALEXCO e na compaña do impulsor do certame, Frankie Gómez. O CEIP valorou moi positivamente as posibilidades de desenvolvemento científico e tecnolóxico que se abren coa iniciativa: “Teremos á nosa disposición recursos e materiais para poder montar a nosa sonda espacial cun globo aeroestático totalmente equipado así como a posibilidade de poder lanzalo lonxe...moi lonxe nun campus científico; ao que cómpre engadir a participación en exercicios de gravidade, aceleración, impacto, temperatura, etc”.

 

Como lograr a mellor misión?

A clave para acadar a misión máis completa e as mellores valoracións do xurado ao abeiro de HANA reside nas seguintes tarefas: ensamblaxe de compoñentes informáticos con programacións sinxelas, adestramento do Hamster, cálculos de gases, aceleracións, deceleracións, xeolocalización e “unha longa listaxe de posibles investigacións tan reais como as que até hai moi pouco só eran posibles para as axencias espaciais”.

Como dixemos, os instrumentos básicos a empregar son un globo meteorolóxico e unha sonda desenvolvida polos propios escolares. A súa misión consistirá en recuperala e manter con “vida” o seu boneco-hámster, polo que terán que avaliar ao detalle cada fase do proxecto.

A xeito de respaldo tecnolóxico, achegando a súa bagaxe, as empresas da dita asociación (asiduas dende hai oito anos ao evento Laconnnetwork, estreitando ligazóns e xerando colaboracións) subministrarán dende diferentes áreas de actividade os elementos técnicos, os coñecementos en programación e as sinerxías precisas para que este proxecto colectivo se converta en éxito. 

Entre estas firmas innovadoras atópanse como dixemos Fitting Pup, adicada a facer seguimento da saúde das mascotas (será a encargada de prover o dummy e a sonorización do hámster); Lupeon ou IPglobal, que interveñen fornecendo de compoñentes de impresión 3D ou aditiva, así como compoñentes tecnolóxicos de última xeración, entre os que se contan sensores, placas e sistemas de alimentación para que os enxeños soporten os menos de setenta graos que pode acadar a sonda a 30.000 pés de altura (unha altura dúas veces máis grande cá aquela na que adoitan voar os avións). Tamén contribuirán ao proxecto APDTICConfirmsignMememtumTaniwaFilament2printTucoSystemsPrimateCactus Digital ou Imaxin.

Para elixir o proxecto gañador, teranse en conta aspectos como o investimento en compoñentes, o número de participantes por grupo, cantos mozos e mozas concorren no grupo, os experimentos e cálculos realizados antes da misión, o grao de colaboración con outros equipos, se é a súa primeira sonda ou é un reincidente, etc. “En resumo”, lembraron dende a organización, “trátase dunha verdadeira carreira espacial divertida para nenos, pero coma nos anos sesenta”.

Como parte do proxecto está previsto realizar un campamento científico a finais de curso cos colexios que finalicen as sondas onde expertos de diferentes áreas darán o visto e prace definitivo aos lanzamentos. Aqueles que consigan un maior éxito da misión, poderían gozar dunha viaxe ás instalacións da NASA ou a unha das axencias espaciais da nosa contorna.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS