
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Ribeira vai organizar nas semanas vindeiras catro novos cursos de capacitación en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Os obradoiros, que se van desenvolver en catro parroquias do concello, abren este 8 de febreiro o prazo de inscrición. Trátase dos seguintes cursos: Iníciate na informática, Sácalle partido ao teu móbil, DNI electrónico e certificados dixitais, Retoque fotográfico e Edición de audio e vídeo).
As actividades desenvolveranse nas parroquias de Aguiño, Corrubedo, Oleiros e Ribeira. Os cursos, que son de balde para a cidadanía, estenderanse dende o 19 de febreiro ata o 12 de abril. As inscricións estarán abertas ata o 16 de febreiro, en horario de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20 horas na Aula CeMIT ou tamén na páxina web da rede autonómica de aulas de informática, a rede CeMIT.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral para o Deporte organizan o 9 de febreiro a xornada “Faite dixit@l e tramita nun clic - Rexistro de Entidades Deportivas”, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, e poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia en horario de 12:00 h a 13:30 h.
A Secretaría Xeral para o Deporte vén de emprazar a máis de 8.000 entidades deportivas de Galicia a actualizar a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas, de conformidade coa Lei do Deporte de Galicia. Nas vindeiras semanas estas entidades deberán achegar online, a través da sede electrónica da Xunta, a documentación necesaria para cumprir o trámite.
O obxectivo da xornada, dirixida aos responsables dos clubes deportivos galegos, é facilitarlles as nocións básicas sobre o funcionamento da sede electrónica, clarexar posibles dúbidas, difundir os servizos dispoñibles na sede e indicarlles as canles para obter máis información en caso de que a precisen durante a realización da xestión.
O enfoque da xornada será eminentemente práctico con exemplos sobre emprego dos diversos sistemas de identificación e sinatura dixital admitidos pola sede, incluído o sistema Chave365, que evita o uso do certificado dixital.
Aulas CeMIT participantes na xornada
As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula CeMIT do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (https://cdtic.xunta.gal/) ou ben a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios:
Provincia
Concello
Enderezo da Aula CeMIT
URL GoogleMaps
A Coruña
Santiago de Compostela
Rúa de Airas Nunes, s/n-Conxo
A Coruña
Abegondo
San Marcos, s/n,
A Coruña
Ames
Praza de Chavián s/n
A Coruña
Arzúa
Rúa Lugo, s/n
A Coruña
Brión
Carballeira de Santa Minia, 2 -baixo
A Coruña
Coruña, A
Rúa Terranova de Eirís, 7
A Coruña
Narón
Praza do Concello, s/n
A Coruña
Oroso
Rúa do Deporte, 9
A Coruña
Ortigueira
Rúa Márquez Cortiñas s/n
Lugo
Barreiros
Estrada da Praia, 1 – San Cosme
Lugo
Carballedo
Praza Victor Portomeñe Carballedo (Santa Maria)
Lugo
Ribadeo
Casa da Xuventude - Antonio Otero, 15-2º andar
Ourense
Bande
Casa do Concello, 1º andar - Rúa San Roque, 2
Ourense
Celanova
Parque das Triguerizas, s/n
Ourense
Ourense
Rúa do Abrevadeiro 1
Pontevedra
Cuntis
Casa do Médico - Circunvalación Don Aurelio, 65
Pontevedra
Poio
Carreiro do Campo, 17
Pontevedra
Pontevedra
Avenida Montero Ríos, s/n
Pontevedra
Valga
Ferreirós, 1
En total disponse de máis de 260 prazas para asistentes, das que 25 están dispoñibles presencialmente na aula CeMIT no CDTIC en Santiago de Compostela e o resto para seguir por videoconferencia.
Pódense consultar os datos de contacto das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/centros
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, salientou hoxe en Santiago nun encontro que mantivo cos axentes do sector TIC galego, incluíndo tamén emprendedores, a aposta da Xunta por este eido ofrecendo unha formación especializada en consonancia coas demandas das empresas, que se traduce, en palabras de Marnotes, na creación de máis e mellores postos de traballo.
O director xeral explicou que o Goberno galego traballa en adaptar a formación dos traballadores galegos ás necesidades reais do tecido produtivo con diversas ferramentas orientadas ao novo modelo industrial e ás novas tecnoloxías, entre as que destacou as unidades formativas na empresa, dirixidas a empregados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.
Para esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas, que inclúe cualificación para firmas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0, como é o ámbito das TIC.
As unidades formativas dirixidas a desempregados ofrecen formación á carta na propia empresa que, pola súa banda, ten que comprometerse a un mínimo de contratación, ao 40% dos alumnos que participen en cada unha das 40 unidades previstas. O prazo de solicitude para a primeira das convocatorias deste programa xa está aberto. Para presentar as inscricións das axudas correspondentes ao financiamento das accións formativas con compromiso de contratación, o prazo rematará o 5 de abril. No caso dos incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando en todo caso o límite máximo do 14 de decembro de 2018.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia, a través desta actuación, o 100% da formación, e para aquelas compañías que superen o compromiso mínimo de contratación ofreceráselles axudas para promover os contratos indefinidos, que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros. O apoio mínimo de 7000 euros aumentará ata os 8000 para os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Ademais, as mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados, así como as empresas emprazadas no rural, recibirán un 25% máis de axuda sobre os 7000 ou 8000 euros, segundo sexa o caso, podendo chegar os apoios, desta maneira, aos 16.000 euros.
Nesta convocatoria, optarán a estas axudas as empresas ou agrupacións temporais de firmas que presenten unha solicitude conxunta. Este programa inclúe tamén para 2018 de xeito novidoso o seu carácter bianual coa finalidade de que os cursos sexan máis complexos e poidan prolongarse durante máis meses, ata o ano 2019.
O programa destinado a ocupados céntrase na formación en empresas de sectores estratéxicos, entre os que se atopan as TIC. A previsión é a través desta iniciativa formar a 1500 traballadores en 500 compañías. O prazo de solicitude deste programa tamén está aberto, rematando o 2 de abril. O Goberno galego, a través desta actuación, financia tamén o 100% da cualificación, cun límite de 200.000 euros para empresas ou agrupacións de firmas, priorizando actuacións vinculadas coa silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática. O principal requisito deste programa de axudas é que as compañías pertenzan a algún dos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
Outra das iniciativas que puxo en valor o director xeral de Orientación e Promoción Laboral é o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Xunta, específico para o sector TIC, no que se forman ao ano unha media de 1000 traballadores.
Marnotes avanzou a programación para este ano e lembrou que este centro vén de recibir un dos galardóns dos Premios TIC Galicia, que organiza o Clúster TIC Galicia, xunto coa Laconnetwork, o premio Iniciativa TIC, dedicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións (públicas ou privadas) que axudan na creación, lanzamento e asentamento de empresas e ao propio emprendedor. O galardón recoñece o labor do CNTG no seu impulso á formación dos traballadores con perfís tecnolóxicos e pola súa contribución a que este colectivo de profesionais estea preparado para dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo galego relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.
“Trátase, en definitiva, de ofrecer formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual”, rematou Marnotes, quen subliñou que un dos retos da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, visitaron esta mañá o IES Mestre Landín de Marín, onde destacaron o impulso que se deu no curso actual ao proxecto E-Dixgal (libro dixital) a nivel de recursos e formación do profesorado. Precisamente, este instituto é un dos tres centros do concello marinense, xunto co CEP Sequelo e o CEIP da Laxe (nova incorporación este curso 2017/18) que traballan co libro dixital, e que ademais xa recibiron parte dos 13.000 novos portátiles que se están distribuíndo polos 154 centros E-Dixgal de toda Galicia. Na provincia de Pontevedra o número de equipos renovados ascende a 4982.
Tal e como destacou o conselleiro, a aposta polo libro dixital enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, presentada en setembro do ano pasado. Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21. Actualmente, esta iniciativa está presente en 154 centros e chega xa a máis de 11.600 alumnos.
Neste sentido, Román Rodríguez quixo agradecer o compromiso do profesorado con este proxecto, posto que supón un esforzo a nivel formativo. Por iso, curso a curso, a Consellería reforza o plan anual de formación do profesorado co fin de acompañar aos docentes na súa actualización e adquisición dos coñecementos clave para os retos que presenta a educación dixital. De feito, entre e setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos formativos, nos que participaron 430 profesores; e este curso tamén se puxo en marcha un plan de formación específico sobre E-Dixgal.
Tal e como salientou, “o IES Mestre Landín é un exemplo dese compromiso, dese traballo continuo dos profesores para preparar o alumnado de cara aos retos da sociedade global e darlle máis oportunidades de futuro”. Tamén valorou a introdución das TIC no ensino como unha ferramenta que garante a igualdade de oportunidades, posto que se democratiza o seu acceso e uso independentemente da situación socioecononómica do alumno.
Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que o reparto de equipos é unha da melloras previstas para avanzar cara unha educación integramente dixital. Neste sentido indicou “que pasamos do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo que acompaña ao rapaz en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais a súa disposición, cun soporte técnico ante calquera dúbida ou incidencia.”
Na visita participaron tamén o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira.
Servizo Premium e novos contidos
En 2018 activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.
Deste xeito, profesores, alumnos e familias disporán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (telefónica, correo electrónico, web, app no móvil, ...), dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran unha atención presencial. Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.
Respecto aos contidos, a principios de 2018 a editorial Planeta incorporarase como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais, Netex e Edebé. Ademais, está en fase de licitación o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma materiais innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato do provedor de contidos en inglés.
Mellora da conectividade
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspecto clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento preto do 95% dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86% do total, dispoñen de a lo menos esta velocidade, que este ano chegará ao 100%, dos centros educativos públicos que imparten primaria e secundaria.
Finalmente a Casa da Cultura do Milladoiro foi, o pasado 2 de febreiro co gallo da xornada Innovames organizada polo Concello de Ames, un fervedoiro de cultura Maker. Ou sexa, da cultura de faino coas túas mans. Por que motivo? Pois por varias razóns: porque se fixo un convite integral a crear colectivamente tecnoloxías (sen límites autoimpostos), porque se compartiron coñecementos a esgalla e porque se reivindicou un tipo de recursos tecnolóxicos doados de empregar e de entender por xente de todas as idades e formacións. Ademais, abríronse xanelas ás principais correntes tecnolóxicas futuras: foi como albiscar como serán as/os makers de dentro dunha década.
Segundo nos conta o Concello, a programación matinal estivo adicada aos profesionais do sector, mentres que pola tarde, entre as 16:00h e as 20:00 horas, as actividades e obradoiros estiveron destinados a un público familiar. Innovames, que contou coa presenza de grandes referentes da innovación a nivel galego, nacional e internacional, completouse cunha exposición de proxectos do evento Maker Faire Galicia 2017 e cunha demostración de experimentos científicos. O alcalde José Miñones foi o encargado de inaugurar a cita, mentres que a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, clausurou a xornada da mañá.
O obxectivo foi achegar as últimas tendencias do mundo da innovación a todos os públicos, “xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo” e abranguendo conferencias e mesas de debates centradas na tecnoloxía, na innovación, no audiovisual e na utilización de novos materiais. O rexedor, na xeira de mañá, salientou moi positivamente o feito de que Ames acubillase un evento destas características, por dous motivos fundamentais: “Por unha banda, porque son profesor da USC no eido da nanotecnoloxía e antes de ser profesor era investigador nesta mesma universidade; e segundo motivo é que a través deste evento temos a oportunidade de dar a coñecer as empresas do Polígono Novo Milladoiro, no que abundan compañías relacionadas coa tecnoloxía e o audiovisual”. Segundo engadiu, o complexo empresarial do Milladoiro “xa se comeza a coñecer co nome de Milladoiro Valley”, xa que cada vez son máis as empresas que elixen este parque empresarial para medrar. “Podemos dicir que proximamente instalarase en dito polígono unha importante empresa de informática con máis de 100 traballadores”, avanzou, enxalzando de seguido a importancia de innovar, porque “innovar é avanzar, avanzar e medrar e medrar é Ames”. Sobre as 10:00 horas celebrouse un relatorio sobre as posibilidades da nanotecnoloxía nunha manchea de sectores. Sonia Pazos Álvares do INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory), foi a encargada de dar a coñecer todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. O programa matinal incorporou, así mesmo, a presenza de diferentes representantes de empresas asentadas no polígono Novo Milladoiro como é o caso de NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit, entre outras. Estas firmas ofreceron cadanseu punto de vista sobre o estado da innovación nos seus respectivos sectores.
A maiores, a xornada, como dixemos, deu acubillo a un espazo de exposicións no que se mostraron exemplos salientables de enxeños maker galegos, coa presenza de argalleiros creadores de proxectos de innovación de referencia. A programación matinal rematou cunha sesión de networking, que buscou a creación de sinerxías entre empresarios, empresarias e makers asistentes.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou no acto de clausura da mañá que “coa creación de Innovames”, o Concello de Ames “buscou poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa Comunidade, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital maker que atesouramos”. A edil tamén incidiu “no gran capital empresarial que ten o parque Novo Milladoiro” con “grandes empresas que traballan no desenvolvemento tecnolóxico e que se basean na innovación”. Ademais, adiantou que dende o seu departamento xa están a traballar na vindeira edición deste evento que pretenden consolidar no concello de Ames.
As actividades programadas para a tarde estiveron enfocadas para un público familiar, coa realización de diferentes actividades e obradoiros orientados ás máis cativas e cativos: demostracións de ciencia, realidade virtual, obradoiros de robótica, videoxogos, un espazo para programar aplicacións móbiles. Na mostra de enxeños da Maker Faire Galicia 2017 participaron as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S, I.E.S Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR e SPAINLABS. A programación tamén incluíu unha demostración de experimentos científicos. Despois da organización do Roteiro Maker de decembro de 2016, este é o segundo evento deste tipo organizado polo Concello de Ames.