
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O 11 de febreiro conmemórase un festexo mundial de especial significado, o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha celebración relevante por dous grandes motivos: en parte porque implica defender o coñecemento igualitario e a equidade nas oportunidades, en parte porque leva implícito a arela de conseguir mellor ciencia, mellor tecnoloxía e, polo tanto, un mundo mellor para todas e todos (o coñecemento e a investigación precisan das mulleres para acadar as pólas máis altas da excelencia e a solidariedade). Entre as entidades galegas que están a pechar fileiras arredor deste evento están a Universidade de Santiago, que prepara (entre outras cousas) unha Editatona, e máis a Universidade da Coruña, que ten un amplo programa de relatorios de divulgación e e de reivindicación da muller desenvolvedora de ciencia e tecnoloxías.
A primeira das accións programadas pola USC busca recuperar as científicas pioneiras que se formaron nas aulas e laboratorios das facultades de ciencias experimentais dos campus composteláns e recoñece o seu empeño “por seguir a súa vocación científica”. Deste xeito, no marco dun acordo co Concello compostelán, durante este mes e o seguinte os institutos de educación secundaria da cidade acollerán a exposición Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC elaborada pola investigadora da USC Xoana Pintos Barral.
Tamén conmemorando o día marcado polas Nacións Unidas, o ciclo Reactiva a túa Química,que organiza regularmente a Facultade de Química, adica a esta temática a súa sesión do vindeiro mércores 14. Será a doutora en Historia das Ciencias e das Técnicas pola USC Xoana Pintos, autora do traballo As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960, a encargada de pronunciar a conferencia, que leva por título Non só Marie Curie. Será ás 13.00 horas na Aula Magna do centro.
Ademais, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Biblioteca Universitaria da USC teñen previsto para o 20 de febreiro a Editatona Investigadoras na USC: as pioneiras. Esta actividade, coa que colaboran Galipedia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal), consiste nunha reunión virtual para editar e mellorar colectivamente os contidos dunha Wikipedia sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con el, neste caso as mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas. A editatona celebrarase o 20 de febreiro de 2018 de 9 a 14 horas na Biblioteca Concepción Arenal.
Universidade da Coruña
Pola que respecta ás contribucións da Universidade da Coruña comezarán mañá, sábado, os actos de celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Así, a Oficina para a Igualdade de Xénero e a Unidade de Divulgación Científica e Cultural organizan dous ciclos de microcharlas, un en Ferrol e outro na Coruña, coa finalidade de visualizar a vida e as achegas de mulleres destacadas na ciencia e na tecnoloxía, incluídas as achegas a prol do progreso das ferramentas dixitais e da información.
O 10 de febreiro, na Libraría Lea de Ferrol, de 12.00 a 13 horas, falarán Ana Tarrío Tobar e María José Souto Salorio (María Wonenburguer, matemática galega e universal ), Sara Fernández Basanta e Carla Freijomil Vázquez (co relatorio Florence Nightingale, a dama da lámpada) e María Carreiro Otero (coa conferencia Milagros Rey Hombre, unha arquitecta pioneira). O 12 de febreiro, a Domus da Coruña acollerá, a partir das 19.00 horas, a primeira edición das Xornadas de Neurocientíficas, organizada polo grupo de investigación Neurocom, e as facultades de Ciencias da Saúde e Fisioterapia da UDC. Participan Mónica Folgueira (Avances e retos da neuroanatomía no século XXI), Rosa Señarís (O teu cerebro, o teu metabolismo) e María del Mar Castellanos (Muller, cerebro, ciencia e o meu gran de area). Culminará a xornada cunha esa redonda, As mulleres na ciencia, moderada por Fernanda Tabarés e coa participación de Carme Adán.
O 16 de febreiro, no espazo Normal, de 19.00 a 21.00 horas, falarán Ana M. González Tizón (Nettie Stevens, seguindo o seu propio camiño), Érika García Cardesín (Mary Anning, as pegadas da vida), Laura Pita García (Bárbara Mcclintock e os xenes saltaricos), Carolina Núñez Puente (Charlotte Perkins Gilman, unha escritora feminista na época vitoriana) e Nieves Rodríguez Brisaboa (Informática, sociedade e mulleres).
O sábado 17 de febreiro celébrase no Auditorio de Ferrol a nova edición (a cuarta xa) da competición First LEGO League Galicia. A xuntanza, na que se agarda xuntar máis de 200 escolares de Galicia e Asturias, vén da man do Campus de Ferrol e, máis polo miúdo, do profesor da UDC José Antonio Becerra, coordinador das actividades. Segundo avanza a organización, o evento ten dúas modalidades: o desafío, para nenos e nenas de 10 a 16 anos; e a modalidade junior, para nenos e nenas de 6 a 9 anos. No caso desta categoría, o obxectivo é “espertar nos máis pequenos a curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía”. A súa participación consiste na construción dunha maqueta con pezas LEGO e un póster ilustrativo do seu traballo”.
No desafío, a finalidade é “descubrir a diversión e a emoción pola ciencia e a tecnoloxía” coa proposta dun reto relacionado cun problema do mundo real. Nesta edición, o obxectivo a superar ten que ver co ciclo humano da auga. Así, a rapazada deberá presentar un proxecto científico, e participar nun xogo de robot nun taboleiro relacionado con este “desafío hídrico”. O xurado valorará tamén a integración de valores educativos nos dous casos. Os gañadores da FLL Galicia representarán á Comunidade Autónoma na gran final FLL España que terá lugar en Logroño no mes de marzo, onde, á súa vez, os dez mellores equipos participarán nos torneos internacionais.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e Carolina Jeux, CEO de Telefónica Educación Digital; asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha nos centros educativos galegos do programa Creando Código, co que se procura afondar nas competencias dixitais STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) do alumnado de Infantil, Primaria e ESO, nun acto que contou coa presenza da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez.
A iniciativa leva consigo un programa de formación do profesorado, homologado polo departamento educativo da Xunta de Galicia, así como o acceso a ScolarTIC, un espazo social de aprendizaxe en aberto e gratuíto para a comunidade educativa iberoamericana impulsado por Telefónica Educación Digital. O profesorado que desexe participar poderá inscribirse no portal educativo da Xunta de Galicia, que lle dará acceso a ScolarTIC.
Propostas didácticas
A iniciativa susténtase sobre a aprendizaxe baseada en proxectos e busca fomentar as competencias STEM de forma transversal en todo o currículo escolar a través dunha exposición na que o alumnado se enfronta a un reto que require localizar, procesar información e pensamento computacional, crear algún tipo de produto tecnolóxico e presentar os resultados que dan resposta ao devandito desafío. Para iso, proporciónase as docentes un repositorio de proxectos e propostas didácticas curriculares listas para ser implementadas na aula, incluíndo as metas de comprensión e as preguntas condutoras, mención aos contidos curriculares que desenvolve, contidos en tecnoloxía, robótica ou programación, etc. Ademais, para facilitar a aplicación na aula, defínense as sesións de aprendizaxe necesarias coas pautas e actividades ou dinámicas que se deben realizar.
Creando Código presentará para a etapa de Infantil 18 propostas didácticas estruturadas en sesións que potencian o pensamento abstracto e computacional nas idades máis temperás, a través do xogo e traballando o coñecemento do medio, de si mesmo, as linguaxes e a autonomía persoal. Para Primaria deseñáronse 72 proxectos trimestrais que se desenvolven sobre os 6 cursos nas materias de Lingua Castelá e Literatura, Matemáticas, Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais e Educación Artística. Pola súa banda, en ESO haberá 18 proxectos trimestrais e transversais para desenvolver nos tres primeiros cursos da etapa, que inciden sobre as materias de Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia, Matemáticas, Música e Física e Química.
Formación para o docente
Para a súa implantación, Creando Código dispón dunha formación asociada aos proxectos que se compón de itinerarios formativos, cada un deles formado por cinco cursos de Programación, Robótica e Tecnoloxía que supoñen arredor de entre 90 e 110 horas de formación.
Ademais, os docentes poderán ampliar as súas competencias a través dos tutoriais e obradoiros que ofrece o espazo ScolarTIC, dirixido a que profesores, educadores e proxenitores podan formarse e informarse sobre as últimas tendencias educativas internacionais e que conta xa con máis de 400.000 usuarios. Neste espazo pódense atopar cursos en formato MOOC como Programando con Scratch, Iniciación á Robótica, etc. Esta colaboración con Telefónica Educación Digital enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital 2020, Edudixital, que ten como obxectivos principais que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 e romper coa fenda de xénero nos estudos STEM.
O 80% dos nenos galegos de 12 anos ou mesmo menos dispón dun teléfono móbil propio, mentres que o 97% deles está rexistrado en, como mínimo, unha rede social e o 51% en máis de catro redes diferentes.
Estes son datos expostos polo doutor en Psicoloxía Social e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio Rial, nas xornadas 'Os nenos e nenas da fenda dixital', organizadas por Unicef, que tiveron lugar este xoves na Facultade de Educación da capital galega.
O psicólogo advertiu aos pais de nenos e adolescentes contra a "miopía dixital" ante a utilización de dispositivos móbiles por parte dos seus fillos. Fixo esta advertencia nunha xornada sobre a "fenda dixital" que afecta en particular aos nenos dos colectivos máis vulnerables da sociedade, organizada por Unicef.
Subliñou que o uso de dispositivos móbiles converteuse no "principal motivo de conflito" nos fogares e as aulas, e converteuse "nun dos grandes retos" dunha nova xeración de mozas.
O psicólogo destacou a necesidade dos pais de afrontar ese reto de "educar aos seus fillos implicados nese novo contexto" que "xera cambios e multiplica riscos". Por iso salientou a "importancia de non caer na miopía dixital" e a necesidade de educar en "competencias dixitais" pero tamén en "valores humanos, ante todo".
O experto da USC sinalou que ante eses cambio os pais de nenos e adolescentes xogan un "papel importante" en "aconsellar, poñer normas ou predicar co exemplo" na utilización de dispositivos, pero tamén en prevención contra o "sexting, ciberacoso ou contacto con descoñecidos" mediante unha "supervisión e e control", xa que iso contribúe a reducir os riscos.
Este evento puxo o foco, segundo explicou a responsable de incidencia política e estudos de Unicef España, Cristina Junquera, no consumo da internet e das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) como un "risco", pero tamén como un "dereito" e "moitas oportunidades" para a educación dos nenos.
Nas múltiples conferencias participaron tamén o xefe do departamento de sociedade da información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Fernando Gil; a presidenta do Consello de Participación Infantil de Castrelo de Miño (Ourense), Edita Pousada; e a técnico en intervención social da Fundación de Secretariado Xitano (FSG) en Galicia, Natalia Gómez.
E é que, en palabras de Junquera, internet é unha ferramenta para "defender dereitos dos nenos" como o de asociación, información ou, mesmo, o de construír a súa propia identidade. "Internet veu para quedar", asegurou Junquera.
Neste contexto, a responsable de Unicef lamentou que en España, "lonxe de utilizar a rede de forma equitativa", moitos mozos "acceden sen a información adecuada" e sen unha "educación en dereitos" ou en "límites que non hai que exceder" no uso das redes, como son prácticas como o 'sexting', 'grooming' ou o 'ciberbullying'.
Ademais, Junquera incidiu na formación en competencias dixitais non só para mozos, senón para pais e profesores coa axuda do sector privado e as autoridades públicas. Nas súas palabras, isto serviría "para evitar que os riscos se convertan en perigos".
"Non demonizar" as TIC
Neste sentido, Rial apostou por "non demonizar" as TIC e aceptar que o uso correcto por parte dos mozos "non é cousa exclusiva" deles. "Vai máis aló e temos que abordar de forma integral por que é unha responsabilidade compartida", declarou.
Ao seu modo de ver, "non só é necesaria" unha educación no uso responsable das TIC, senón que, "por encima de todo" débese educar aos nenos en "competencias humanas".
E é que, segundo datos extraídos dunha enquisa realizada a máis de 50.000 nenos aos que se referiu o profesor de psicoloxía social, aquelas familias nas que os pais "supervisan, controlan, ensinan, aconsellan, poñen límites e, mesmo, predican co exemplo", as taxas de 'sexting', ciberacoso e de contacto con descoñecidos son "dous ou tres veces menores".
Pola súa banda, Pousada pediu ás familias un maior control parental e atrasar a idade de uso dos móbiles, así como políticas de prevención ás autoridades públicas. Ademais, aos centros educativos lembroulles que o 'ciberbullying', aínda que non se produza no seu ámbito, "si incide na educación".
Colectivos "máis vulnerables"
Junqueras referiuse tamén a un informe neste ámbito realizado por Unicef, no que se indica que 300.000 nenos en España non usaron un computador no últimos tres meses. Para a responsable da organización, isto supón unha "fenda de dobre sentido", tanto no acceso como nas condicións de uso da rede.
Neste sentido, destacou que son "máis vulnerables" os colectivos como xitanos, inmigrantes ou os nenos en centros residenciais de protección. Con respecto a eles, asegurou que manteñen un "uso moi xeneralizado" dos teléfonos intelixentes "pero non de computadores", polo cal "non teñen unha experiencia plena" no aproveitamento da internet.
Durante a súa intervención, a técnico en intervención social da Fundación Secretariado Xitano destacou que, dos nenos deste colectivo, o 22% "non teñen un acceso diario" á rede.
"A comunidade xitana ten moito que achegar á sociedade dixital", asegurou Gómez, á vez que explicou que isto se debe á "desvantaxe social" á que está sometido este sector.
O papel do sector público
Pola súa banda, o xefe do departamento de sociedade da información de Amtega, órgano dependente da Xunta, valorou o papel dos sectores públicos autonómico, estatal e europeo no control e a educación dixital. "Estaremos aliñados e tentaremos poder abordar estes problemas e resolvelos na medida das nosas posibilidades", prometeu.
Ademais, Gil lembrou que o Goberno galego ten en marcha iniciativas como a 'Estratexia Galega de Educación Dixital 2020' para adaptar á sociedade aos novos "perfís dixitais", que contará cun orzamento público-privado de cinco millóns de euros, e o proxecto educativo 'Abalar' que, segundo os seus datos, posibilitou o uso do libro dixital por parte de máis de 12.000 escolares durante o curso 2017-2018.
O presidente da Xunta, na súa comparecencia semanal tras o Consello de Goberno, informou da aprobación do Anteproxecto de lei de Administración dixital de Galicia, co fin de acadar o papelame cero nas relacións entre a Administración e os cidadáns. Trátase dunha nova lei que vén completar o Plan da Administración e Goberno dixital 2020 que a Xunta puxo en marcha en 2015.
A aprobación deste anteproxecto supón a adaptación da Administración galega ás obrigas establecidas na normativa estatal, pero tamén mellorar estas exixencias e consolidalas con rango de lei.
Esta nova norma rexerase por tres principios básicos: que cada cidadán non teña que achegar os mesmos datos máis dunha vez, que a Administración empregue proactivamente a información da que dispón para adiantarse ás necesidades do cidadán e a automatización dos procesos para mellorar a eficiencia da xestión.
As novidades que introduce a lei
Como novidades, esta Lei da Administración dixital inclúe: a definición, por vez primeira, dun marco galego de competencias dixitais, que toma como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia e a través do cal se poderán avaliar e certificar os coñecementos dixitais dos cidadáns; a creación dun Plan de capacitación dixital do empregado público, que lles permitirá ás persoas que traballan na Administración acadar o certificado galego de competencias dixitais; a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico; a creación dun mapa de interoperabilidade das administracións públicas galegas, que será un inventario de datos e documentos que estean en poder das administracións e o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público.
Para a posta en servizo destas melloras, a nova lei recolle tamén a necesidade de creación dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que garantirá o acceso a estes con seguridade, calidade e de xeito continuo; o fomento da innovación dixital para impulsar novas formas de prestar servizos e a creación dunha comisión de coordinación interadministrativa para a promoción da prestación conxunta de servizos.
Para a análise da información sobre a implantación deste sistema e a introdución de melloras, o presidente da Xunta informou de que a lei prevé un sistema de indicadores da Administración dixital, que estará apoiado neste labor de seguimento polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización Tecnolóxica de Galicia, cuxo papel se potenciará.