
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O CEIP de Laredo (Chapela, Redondela), un dos nosos principais referentes en afianzamento das tecnoloxías no día a día das/os escolares, comezou ano con forza no que a participación en certames tecnolóxicos se refire. Se recentemente falamos da súa presenza no proxecto educativo-aeroespacial Hana (no que concorre como centro piloto), hoxe puidemos saber que o seu proxecto Donas do Código foi un dos tres seleccionados, de entre 300 centros aspirantes a nivel estatal e latinoamericano, para parar á rolda final do Premio Wisibilízalas, convocado por Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, visualizando figuras referentes nestes eidos. O proxecto galego, finalista na categoría junior con outras dúas achegas, foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos.
Os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos. Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.
As novas tecnoloxías da información estarán moi presentes na vindeira iniciativa a prol da mocidade da Deputación da Coruña. Trátase, máis polo miúdo, dunha batería de programas de formación e prácticas para 90 mozos e mozas da provincia. Os sectores nos que se formarán serán as TIC e o turismo. A iniciativa, PEL Emprego Xuvenil, foi aprobada polo Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro da súa convocatoria de axudas destinadas á integración sustentable de persoas novas no mercado de traballo. A Deputación da Coruña recibiu 490.820 euros do FSE, que constitúen máis do 30% das axudas concedidas ás entidades locais da provincia, e, segundo engade a entidade provincial, unha cuarta parte dos fondos acadados para toda Galicia.
Esta axuda servirá para financiar algo máis da metade do orzamento total do proxecto, mentres que o resto, ata chegar a 868.695 euros, será aportado pola propia Deputación.
A Deputación desenvolve esta iniciativa dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL), un plan estratéxico que abrangue todos os recursos e actuacións destinados a fomentar a creación de emprego. Esta acción en concreto, PEL Emprego Xuvenil, está destinada aos mozos e mozas dos concellos coruñeses de entre 16 e 30 anos, e consistirá en seis itinerarios que incluirán formación específica e prácticas profesionais en empresas da provincia.
Para a escolma dos itinerarios que se ofertarán, a Deputación realizou un estudo do contexto socioeconómico nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes. Na investigación a entidade provincial achou que a maioría das ofertas de traballo diríxense a profesionais con capacitación nos sectores das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a promoción turística, polo que este nicho de mercado sería, en palabras da institución, “o máis axeitado para asegurar a inserción laboral dos participantes”.
Así mesmo, os contidos de cada itinerario responden ás competencias máis demandas e necesarias para acceder a postos de traballo de calidade, e contribuír ao mesmo tempo ao desenvolvemento dos concellos.
Tres dos percorridos formativos estarán centrados no eido da informática e as novas tecnoloxías, coas especialidades de sistemas de xestión de información, seguridade informática e administración de bases de datos. De maneira complementaria, inclúese tamén un curso de 70 horas sobre manexo de aeronaves pilotadas en remoto ou drons e outro sobre redes sociais.
Por outra banda, na área do turismo ofreceranse tres itinerarios especializados en creación e xestión de viaxes e eventos, venta de produtos e servizos turísticos e promoción turística local e información ao visitante. Neste caso, os participantes recibirán tamén un curso de 50 horas sobre mercadotecnia aplicada ao turismo e realizarán un obradoiro de emprendemento cooperativo, que consistirá na creación de iniciativas que promovan destinos turísticos intelixentes.
O Concello de Lalín vén de presentar as conclusións dun completo estudo sobre hábitos de dependencia entre a mocidade local, facendo fincapé na sobre-presenza de Internet e dos aparellos ligados a Internet. Os datos obtidos, relevantes dende calquera punto de vista (e de gran interese non só para Lalín, senón para todo conxunto dos concellos da nosa terra), foron dados a coñecer onte polo concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, quen sinalou que o informe puxo o foco en rastrexar a presenza de condutas aditivas, en relación ás novas tecnoloxías e tamén a substancias estupefacientes.
Realizouse no marco o programa municipal de prevención das adiccións que se desenvolveu o ano pasado e que terá continuidade no actual en colaboración co Concello de Silleda. Entre as principais conclusións que achega, figura a constatación dunha importante porcentaxe de adolescentes consumindo Internet máis de catro horas ao día (o 25%). Ademais, o 42,3% considera que o uso da Rede algunha vez restou rendemento no ámbito académico e un 37% sufriu sensación de ansiedade cando tentou conectarse e non foi capaz.
Este estudo, do que xa foron presentados os resultados relativos ao consumo de drogas, busca, segundo Casares, “ser un espello da realidade lalinense no referente aos trastornos aditivos e servir como base para que as persoas que se encarguen de traballar sobre a prevención teñan un marco de referencia”.
O informe sobre Internet baséase nas enquisas que cubriron anonimamente alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO dos IES Laxeiro, Aller Ulloa e Sagrado Corazón, cun rango de idade comprendido entre os 13 e os 16 anos. Destes, o 52,6% foron mulleres e o 47,4% homes. Como dato introdutorio, segundo a análise do informe, o 58% recoñece as adicións como condutas repetitivas daniñas, pero só o 14,9% recoñece que presenta algunha na actualidade. Pola contra, o 60,5% asegura que alguén do seu círculo de familiares e de amigos padece algunha adicción.
Segundo fixo saber o edil, entre as condutas aditivas máis frecuentes na adolescencia figuran os comportamentos fóra de control relacionados coas novas tecnoloxías, a Internet, aos xogos e ás compras. Casares sinalou que o uso de Internet “pode ser problemático cando o número de horas de conexión afecta ao correcto desenvolvemento da vida cotiá, causando, por exemplo, estados de somnolencia, alteracións no estado de ánimo, redución das horas adicadas ao estudo, etc”.
Segundo se desprende do estudo, o 42,3% dos enquisados emprega Internet unha media de entre 2 e 4 horas diarias, mais o 25,1% afirma realizar un consumo medio da Rede maior de 4 horas ao día. O 90% úsano principalmente para o servizos de mensaxes instantáneas e redes sociais, afirmando o 100% que dispón dun dispositivo móbil de última xeración propio. A día de hoxe, o informe sinala que a rede social máis empregada polos adolescentes lalinenses é o Instagram.
Na investigación tamén se afirma que o 77% dos participantes realiza un uso de Internet persoal e o 20,9% recoñece ficar sempre conectado máis tempo do que tiña planificado. En relación aos usos, o 85% nunca deixou de facer plans cos amigos e familiares para usar Internet, pero o 36,7% refire enfadarse cando alguén o interrompe mentres usa o móbil ou outro dispositivo. Así mesmo, o 42,3% considera que o uso de internet algunha vez restou rendemento de xeito negativo no ámbito académico e un 37% sufriu sensación de ansiedade ou preocupación cando tentou conectarse e non foi quen.
No informe tamén que se fai saber que o 40% dos participantes fan un uso de xogos por Internet. O edil, se ben recoñeceu que o xogo en si “é unha actividade normal e positiva na vida de calquera adolescente, que lle permite un desenvolvemento físico, psicolóxico e social”, pode converterse nun problema cando se converte en recorrente e hai diñeiro en liña de por medio. “As condutas de risco ante o xogo”, sinalou, “xorden en primeiro lugar pola dependencia que esta actividade pode crear”, e neste senso o 37% dos participantes refiren molestarse se os interrompen mentres están xogando. Ademais, do 40% que participa en xogos online soamente un 9% dos estudantes enquisados refire ter realizado apostas nalgunha ocasión.
Compras
O 19% dos participantes utiliza o comercio electrónico no seu uso habitual de Internet. O 46,9% dos participantes sentiu algunha vez a necesidade de mercar algo que non precisase e un 7% sempre sinte a necesidade de ir de compras aínda que non precise nada.
Como conclusión, e aínda que os casos de risco son puntuais, o estudo sinala que “se debe prestar especial atención a este tipo de adicións de conduta, especialmente ás redes sociais e aos comportamentos abusivos relacionadas co uso de Internet”.
Nicolás González Casares fixo fincapé en que o estudo aporta datos reais da sociedade lalinense e que servirá como a base sobre a que pivotará o programa de prevención de condutas aditivas, que se iniciou o ano pasado con estudios e diversos obradoiros incluídos no programa Mocidade Activa e que terán continuidade este ano en colaboración co Concello de Silleda.
A Facultade de Educación de Santiago acubillou este 8 de febreiro unha xornada de UNICEF Galicia sobre novas tecnoloxías, sobre fenda dixital na mocidade e sobre os riscos derivados de converter as novas tecnoloxías en armas e instrumentos dos acosadores. O encontro, que serviu para presentar informe da dita ONG Os nenos e nenas da fenda dixital en España 2018, puxo o foco na necesidade de mobilizarnos (familias, colexios, pais, nais, institucións, organizacións internautas de pé) contra as prácticas de intimidación e violencia derivadas dun mal uso das novas ferramentas da comunicación. Prácticas como o sexting, o grooming ou o ciberacoso, hábitos que, segundo UNICEF Galicia, están cada vez máis estendidas entre os nosos adolescentes, con especial risco para os nenos das comunidades xitana, inmigrante e LGTBI.
Segundo se fixo saber no acto de hoxe, en España, “o 95% dos nenos entre 10 e 15 anos usa Internet, pero aínda hai 300.000 nenos e adolescentes que non empregou un computador e 140.000 que non tivo un só contacto na Rede”. As consecuencias disto son, evidentemente, unha situación discriminatoria con respecto a aquelas crianzas que, por razóns xeográficas ou económicas ou sociais, non teñen oportunidade de convivir na Sociedade do Coñecemento. En palabras de Cristina Junquera, responsable de Incidencia Política e Estudos de UNICEF en España, “nun mundo onde todo é dixital, estar fóra do TIC é unha forma máis de exclusión”. Na súa opinión, un déficit nas capacidades, habilidades e competencias dixitais sobre o uso destas tecnoloxías “é un motivo de desigualdade e pode levar á exclusión no futuro”.
No informe tamén se indica que entre as comunidades que máis atrancos ten para tirar proveito das novas ferramentas áchase a comunidade xitana. Así, malia ser frecuente que os nenos deste colectivo teñan móbiles, “a maioría non sempre dispón de tarifa de datos para conectarse”, sinálase no estudo, reflectindo que dun estudo da Fundación Secretariado Xitano extráese que o 22% dos mozos xitanos non teñen Internet en casa por motivos económicos.
A respecto de todo o devandito, Natalia Gómez Fidalgo, técnica de Intervención Social da Fundación Secretariado Xitano, explicou na xornada celebrada este 8 de febreiro que “a pobreza é sen dúbida unha das barreiras para acceder a Internet, e outro atranco sería o uso que se fai das TIC. Ou sexa, o mal emprego que se fai destas ferramentas.
O encontro tamén contou coa presenza da presidenta do Consello de Participación Infantil de Castrelo de Miño, Edita Pousada, que trasladou as recomendacións dun grupo de crianzas galegas para facer un bo uso do TIC e, asemade, puxo o foco no caldo de cultivo para a violencia que se crea arredor do anonimato e a viralidade inherentes ás redes sociais. Segundo fixo saber, “os riscos en liña son o elemento máis subliñado e alarmante cando se aborda a relación entre nenos e redes sociais en Internet. A maioría de nós sentiuse violentado por actitudes en redes sociais de carácter agresivo tanto cara á nosa persoa como cara a terceiros. Todos coñecemos a algunha persoa, persoal ou virtualmente, que sufrise eses ataques”.
Outro dos especialistas presentes na xornada foi Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social da USC, Universidade de Santiago de Compostela, quen lembrou unha cifra certamente preocupante: arestora, aproximadamente 1 de cada 5 adolescentes galegos presenta un uso problemático da Internet. Entre os hábitos que meirande inquietude xeran está sen dúbida o sexting, unha práctica relativamente frecuente na nosa terra, ou o feito de que ao redor de 20.000 menores galegos combinasen con persoas que coñeceron por Internet, “o cal constitúe un caldo de cultivo especialmente perigoso para a nova forma de pederastia coñecida como grooming”, explicou.
Pola cita de Compostela tamén pasou Fernando Gil, xefe do Departamento de Sociedade da Información da axencia AMTEGA, quen sinalou que é dos obxectivos da axencia “dotar á cidadanía das competencias e recursos para participar activamente no desenvolvemento da Sociedade da Información”. Con este fin, dixo, “puxemos libros dixitais a disposición de máis de 12.000 mozas e mozos que estudan en Galicia no presente curso, abordando a aprendizaxe cos mesmos elementos cos que desenvolven a súa vida fóra das aulas”.
"Breaking Sound Barriers" funcionará nos sistema IOS e Android, con algunhas limitacións, polo que requirirán dun servidor para o seu aloxamento.
A compañía Telefónica presentou o xoves a aplicación gratuíta "Breaking Sound Barriers" que permite a estudantes con discapacidade auditiva comprender o discurso do profesor a través de subtítulos e imaxes simultáneas nas pantallas dos seus celulares.
A nova tecnoloxía, dispoñible en varios idiomas, concede aos alumnos a opción de repoñer os seus apuntamentos, facer preguntas e dar respostas, acceder a foros e xestionar os seus deberes co recoñecemento de voz.
Así mesmo, funcionará nos sistema IOS vía web e Android, con algunhas limitacións, polo que require dun servidor para o seu aloxamento.
En colaboración coa Fundación Adecco e Ericsson, "Breaking Sound Barriers" foi desenvolvida por mozos que integran o programa Talentum da compañía.
Pola súa banda, o director da Fundación, Francisco Mesonero, expresou que senten "moi satisfeitos" por contribuír en proxectos que melloran a calidade de vida das persoas con algunha discapacidade.
Así mesmo, a responsable do programa de Telefónica e experta en Transformación Dixital, Rosalía O'Donnell, destacou o compromiso que manteñen coas iniciativas en materia de transformación dixital mediante modelos innovadores.