main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/02/201807:53
Premiadas de "Lingua de Namorar".
Vigo

Entréganse en Vigo os premios do certame Lingua de Namorar

Na tarde deste 14 de febreiro, coincidindo de maneira significativa co día de San Valentín (a festa por excelencia das e dos namorados), entregáronse en Vigo (no Museo do Mar de Galicia, a carón do Pergamiño Videl) os premios do certame Lingua de Namorar, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura e Educación) e a Dirección Xeral de Xuventude co obxectivo de promover a nosa lingua no ámbito das novas tecnoloxías da información. E co requirimento temático de que as creacións presentadas estean construídas, de maneira íntegra, para engaiolar ao destinatario ou destinataria. No acto de hoxe participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e a escritora galega Rosalía Fernández Rial como condutora.

Durante a súa intervención Román Rodríguez salientou a importancia de “manter o galego como unha lingua dos afectos e das relacións persoais, de visualizala como o que sempre foi, a lingua do pobo de Galicia”, ao tempo que se avanza na súa presenza nos espazos formais, como a Administración.

O conselleiro explicou que as cantigas do Pergamiño Vindel “xa expresaban o amor en galego, tal e como o fixeron tamén os participantes neste certame Lingua de namorar”, demostrando que a lingua propia de Galicia non “só ten historia senón que tamén ten futuro; unha lingua de pergamiños, pero tamén de whatsapps”. 

Os participantes no acto salientaron que o certame “foi un éxito”, xa que dobrou de maneira considerable a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1.509 mozos e mozas. Un total de 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.

De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A, Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado.

Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.

As gañadoras recibirán como premios un Hoveboard Nilox, unha cámara Fuji instantánea mini 9, un auricular Panasonic Diadema, unha smart TV Panasonic 32”, un smartphone Wiko 5” e unha cámara deportiva Mini Wifi 2”, respectivamente, acompañados de cadansúa reprodución do Pergamiño Vindel, conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018 e mais un diploma acreditativo. Toda a información e textos gañadores está xa dispoiíble na web Lingua.gal.

14/02/201812:15
Portada do capítulo de "On Fologüers".
Santiago de Compostela

A cuadrilla de On ‘Fologüers' ridiculiza a quen non saben relacionarse coas persoas con discapacidade

  • Ri con agarimo dos que cren que unha cadeira de rodas é un bo percheiro ou dos que obstaculizan “só un minuto” ao aparcar nun paso de peóns

 

A cuadrilla de On ‘Fologüers', a serie animada da Fundación ONCE, quixo dedicar un capítulo a ridiculizar e “solidarizarse” con quen non saben relacionarse coas persoas con discapacidade ou lles dificultan o seu día a día, aínda que sexa sen propoñelo, ao deixar por exemplo o seu coche mal aparcado, ou ao utilizar unha cadeira de rodas como un gran percheiro. 

 

Titulado ‘A discapacidade e as súas movidas. Hoxe: persoas que', o VI episodio da segunda tempada da serie mostra diferentes escenas nas que membros da cuadrilla viven situacións que poden resultar humillantes ou que, como mínimo, dificúltanlles a relación normalizada con quen non teñen discapacidade.

 

Así, por exemplo, Laura, unha moza cega que vai con bastón, e a súa amiga María, en cadeira de rodas, vense inmersas un día nun caos urbano provocado por un coche aparcado nun paso de peóns, iso si, o condutor asegura que o deixou en mal sitio “só un minuto”. A mesma María ten que “aceptar”, noutra ocasión, que a súa cadeira de rodas é ademais un estupendo percheiro cando empeza a sobrar a roupa na discoteca.

 

Noutras escenas, pode verse a Toni, un mozo xordo oralizado, esforzándose por entender ao seu compañeiro de mesa, que lle fala sen ter en conta que debe facelo deixando visibles os seus beizos para que o seu interlocutor poida lelos, ou a Amaia, tamén con discapacidade auditiva, pero signante, tratada por unha dependenta dunha tenda de roupa coma se fose unha nena.

 

Tras o éxito da primeira tempada, estreada en xuño de 2016, a Fundación ONCE volve insistir neste formato para visibilizar e tratar de normalizar o día a día das persoas con discapacidade retratadas nunha cuadrilla de amigos que se enfrontan a situacións cotiás e que resolverán con moito sentido do humor. 

 

Grazas á súa aposta por normalizar a discapacidade a serie da Fundación ONCE foi recoñecida co Premio Cermi.es na categoría de Comunicación e Imaxe Social da Discapacidade.

 

‘On Fologüers' pódese ver en Flooxer, plataforma audiovisual que apoia a creadores con talento e que conta con 1,5 millóns de visitas ao mes; e nas canles de redes sociais de Antena 3, La Sexta, Onda Cero Radio e Europa FM.

 

 

A serie emítese nas canles de redes sociais da Fundación ONCE: 

 

Twitter (https://twitter.com/Fundacion_ONCE)

Facebook (https://www.facebook.com/fundaciononce/

YouTube (https://www.youtube.com/user/fundaciononce)

 

Tamén pode accederse a ela a través da web da Fundación ONCE (https://www.fundaciononce.es/).

14/02/201812:11
Paciente en rehabilitación.
Santiago de Compostela

Videoxogos para mellorar a mobilidade despois dun ictus

  • Unha investigación conxunta do centro de investigación vasco BCBL e o Imperial College de Londres revela que, tras un infarto cerebral, as lesións en áreas que controlan a atención tamén causan problemas de motricidade
  • Os autores propoñen complementar a fisioterapia con outro tipo de adestramento cognitivo, como os videoxogos

 

As vítimas de infartos cerebrais que perden unha parte da mobilidade do seu corpo sométense a tratamentos de fisioterapia, mentres que as terapias baseadas no adestramento da atención resérvanse para pacientes con trastornos cognitivos como dificultades da aprendizaxe ou de memoria.

Investigadores do Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL) de San Sebastián e o Imperial Collegue de Londres analizaron durante máis de tres anos a arquitectura das lesións no cerebro de pacientes con ictus. O seu traballo propón unha nova terapia para os problemas de mobilidade que causan os ictus isquémicos.

O estudo, publicado na revista PNAS, abriu a porta a unha nova vía terapéutica que consiste en complementar os tratamentos físicos que reciben estes pacientes con terapias de carácter atencional, como o traballo con videoxogos.

Tras analizar con precisión os patróns de lesións no cerebro, os autores comprenderon mellor os problemas motrices que sofren os pacientes con infarto cerebral.

Segundo afirma o experto do BCBL David Soto, “os pacientes con lesións en zonas de control da atención do cerebro tamén teñen problemas no control da motricidade, mesmo cando o movemento requirido pola tarefa é moi simple”.

Os científicos centráronse en explorar o alcance e localización das lesións cerebrais de 167 pacientes de ictus durante máis de tres anos. A través dun ‘mapeo' realizado con resonancia magnética, identificaron a parte afectada e o tipo e tamaño da lesión, e analizaron a conectividade entre as diferentes zonas do cerebro.

A continuación, someteron aos pacientes a diversas tarefas motoras, algunhas moi sinxelas, como agarrar con forza un obxecto. Tras as probas, os investigadores comprobaron que esas tarefas quedaban “deterioradas” naqueles pacientes que tiñan lesións na zona do cerebro “involucrada” na atención.

 

Novas vías terapéuticas

Os expertos subliñan a importancia das partes atencionais do cerebro no control do movemento, o que “pode tamén suxerir algunhas vías terapéuticas”, como complementar “as terapias motoras baseadas en fisioterapia con outro tipo de adestramento cognitivo que aumente a atención nos pacientes”. Un exemplo sería o traballo con videoxogos.

David Soto explica que antes deste estudo pensábase que o control do movemento e o aspecto atencional eran “sistemas diferentes” con pouca relación entre si, e que os tratamentos habilitados para os pacientes con lesións cognitivas poderían non servir para os que tiñan problemas motrices. Con todo, as conclusións desta investigación mostraron o contrario.

“Temos que coñecer primeiro como controla a atención e o movemento o noso cerebro para deseñar ferramentas terapéuticas eficaces en pacientes con ictus e terapias específicas para cada individuo dependendo de onde se produciu a lesión”, conclúe Soto.

Para corroborar estes resultados, o seguinte paso será establecer un ensaio clínico con pacientes que sofren trastornos motores por culpa dun ictus e dividilos en dous grupos: un deles sometido a tratamento con fisioterapia e o outro, cun adestramento cognitivo complementario.

14/02/201812:06
Símbolos identidade sexual.
Santiago de Compostela

Por que negan a fenda de xénero na ciencia aínda que a teñan nos seus fociños?

Os números mostran que as investigadoras publican menos, obteñen menos financiamento e progresan menos na súa carreira. Con todo, hai quen segue pensando que a fenda de xénero é unha construción ideolóxica. O primeiro paso para solucionar o problema é crer que existe, algo máis difícil do que parece entre parte da comunidade científica.

Nos últimos anos, numerosos estudos analizaron a existencia, alcance e causas da fenda de xénero na ciencia e na tecnoloxía. Hai menos investigadoras que publican menos, obteñen menos financiamento e progresan menos na súa carreira. Os datos apoian a existencia dun rumbo do que algúns aínda dubidan mesmo dentro da comunidade científica. ¿A que se debe tal negacionismo?

“Con este tema aos científicos cústanos moito actuar como científicos, non como persoas, e recoñecer que os nosos rumbos son reais”, comenta a Sinc a investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Teresa Valdés-Solís. “Como vai pasar isto se a ciencia é obxectiva e os concursos de méritos son todos iguais! É imposible que o meu xuízo sobre un currículo dependa do xénero!”, chancea esta doutora e enxeñeira química.

O escepticismo diferénciase do negacionismo en que, mentres que o primeiro pide evidencias, o segundo rexéitaas. Esta actitude xa foi estudada en relación co cambio climático, o fracking, a evolución biolóxica e a enerxía nuclear. En 2015, un estudo na revista The ANNALS of the American Academy of Political and Social Science analizaba ata que punto a política domina as opinións sobre ciencia. Os seus autores mostraban que o partido ao que votamos, a nosa ideoloxía política, os valores persoais e a relixión desempeñan un papel fundamental para decidir que feitos aceptamos e de cales dubidamos.

Seguir lendo na fonte da noticia...

14/02/201812:00
Logo eurecat.
Barcelona

O Deep Learning “cambiará a maneira de interactuar co móbil”

Con motivo do Mobile World Congress presentarase o Deep Learning ou aprendizaxe profunda que tamén terá unha aplicación destacada no ámbito da identificación, a interpretación e a categorización de imaxes, con aplicacións no campo dos videoxogos, as industrias culturais ou a medicina. O Centro de Excelencia en Big Data de Barcelona destaca que o móbil actúa “como un sensor máis” na recompilación de datos.

A progresiva implantación do Deep Learning ou aprendizaxe profunda, en que os computadores procesan grandes cantidades de datos, simulando o cerebro humano, “cambiará a maneira de interactuar co móbil”, segundo Marc Torrent, director do Centro de Excelencia en Big Data de Barcelona e da Unidade de Big Data Analytics do centro tecnolóxico Eurecat (membro de Tecnio).

 

Os motivos, entre outros, deste cambio recóllense nun Libro branco sobre o impacto da tecnoloxía Deep Learning que acaba de publicar o Centro de Excelencia en Big Data de Barcelona, que pon de relevo que a aprendizaxe profunda tamén terá unha aplicación destacada no ámbito da identificación, a interpretación e a categorización de imaxes, con aplicacións no campo dos videoxogos, as industrias culturais ou a medicina.

 

Tamén favorecerá a irrupción de innovacións como o coche autónomo, con algoritmos capaces de interpretar e entender un espazo físico en tempo real e facer transitar o vehículo de maneira segura por contornas urbanas e interurbanas.

 

Doutra banda, o autor do Libro Branco, Jaume Gibert, conclúe que o Deep Learning tamén impactará no procesamento da linguaxe natural, posto que a aprendizaxe profunda “é capaz de aprender o significado de palabras baseándose na posición que ocupan dentro dun conxunto significativamente grande de textos, facilitando tarefas como a tradución ou a xeración de resumos automáticos e os asistentes virtuais”.

 

En particular, ata agora os algoritmos baseábanse no coñecemento da linguaxe que achegaban os propios humanos “e agora son capaces de entendelo e aprendelo por si mesmos”. Precisamente, a interpretación da linguaxe natural ten unha translación directa no sector móbil, onde os smartphones “alcanzarán capacidades efectivas de interacción con humanos” que “hoxe en día xa están a cambiar a nosa maneira de interactuar con eles”, explica Gibert.

 

 

O móbil, “un sensor máis” na recompilación de datos

Os móbiles intelixentes “cumpren unha dobre función”, dado que actúan como “plataformas de recolección de información do Internet das Cousas” e son, á vez, “un sensor máis, capaz de recompilar datos a partir do uso que lle damos”, expón o director do Centro de Excelencia en Big Data de Barcelona.

 

Segundo Torrent, o punto de ruptura ocorrido en 2012, cando un equipo da Universidade de Toronto liderado polo psicólogo e informático Geoffrey Hinton presentou unha rede neuronal capaz de predicir os obxectos presentes en moitas imaxes, abriu “unha nova era” no ámbito da computación e a aprendizaxe automática, que eclosionou grazas ao aumento de datos dispoñibles, procedentes, entre outros, dos dispositivos conectados no ámbito do Internet das Cousas e á popularización dos smartphones, que actúan como “grandes xeradores de información”.

 

Libro branco sobre a aprendizaxe profunda pódese descargar gratuitamente na Web do Centro de Excelencia en Big Data de Barcelona de Eurecat.

 

Máis información na Web de Big Data Coe Barcelona.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS