
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a outros 9 polígonos lugueses, acadando así un total de 14 superficies empresariais da provincia con redes ultrarrápidas. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había 5 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse un total de preto de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50 Mbps e 350 Mbps.
350 Mbps e servizos R de valor engadido
As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.
Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.
E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R
Prazos e orzamento
O Plan xa completou o despregamento 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.
A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Axudas para núcleos de poboación do rural
Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a Amtega puxo en marcha o pasado 15 de xaneiro a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.
Onte, xoves 15 de febreiro, pechábase o prazo de presentación de solicitudes para acceder a esta liña de axudas cun importe total de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100 Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).
Polígonos que se cubrirán co PDBL2020
CONCELLO
POLÍGONO
DATA COBERTURA
BEGONTE
ÁREA INDUSTRIAL DE CARRAL
Cuberto
LOURENZA
PARQUE EMPRESARIAL DE LOURENZÁ
Cuberto
MONDOÑEDO
PARQUE EMPRESARIAL DE MONDOÑEDO
Cuberto
OUTEIRO DE REI
PARQUE EMPRESARIAL DE OUTEIRO DE REI
Cuberto
RIBADEO
POLÍGONO INDUSTRIAL DE RIBADEO
Cuberto
CHANTADA
POLÍGONO INDUSTRIAL DE OS ACIVROS
Previsto 2018
GUITIRIZ
PARQUE EMPRESARIAL DE GUITIRIZ
Previsto 2018
LUGO
POLÍGONO INDUSTRIAL A LOUZANETA
Previsto 2018
MONFORTE DE LEMOS
PORTO SECO DE MONFORTE
Previsto 2018
MONFORTE DE LEMOS
POLÍGONO INDUSTRIAL DE REBOREDO
Previsto 2018
MONTERROSO
PARQUE EMPRESARIAL DE MONTERROSO
Previsto 2018
PALAS DE REI
PARQUE EMPRESARIAL DE PALAS DE REI
Previsto 2018
SARRIA
POLÍGONO INDUSTRIAL DE O MORELLE
Previsto 2018
SARRIA
PARQUE EMPRESARIAL SAN XULIÁN DE VEIGA
Previsto 2018
Quen queira expandir a mente coas posibilidades da impresión en 3D, vai ter unha oportunidade de facelo ao abeiro do obradoiro que prepara a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo), un curso de 30 horas que se desenvolverá na Escola de Enxeñaría Forestal nas tardes dos martes e que xa ten aberto o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas. Segundo nos conta a Vicerreitoria, o Taller de impresión 3D ten o obxectivo de levarnos alén “dos filamentos que de forma xeral se empregan nas impresoras 3D” e “de explorar as posibilidades que outorgan diferentes tipos de materiais”.
O curso, que busca servir como continuación ao obradoiro centrado nestas tecnoloxías, mantén aberta desde esta semana a súa inscrición na plataforma Culturxest e desenvolverase a partires do 6 de marzo, na Escola de Enxeñaría Forestal.
Cun prezo de 26 euros para os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para o resto da cidadanía, e cun número máximo de 16 prazas, o curso responde o interese que existe entre os makers das máis variadas procedencias e dedicacións de sacarlle o máximo partido á impresión en 3D.
Segundo explica Vicente López Díaz, Txapu, responsable de impartir este taller xunto co técnico dos servizos informáticos Antón Vázquez, non será preciso nin esixible contar cuns coñecementos de base para asistir á actividade. Por outra banda, no caso de xuntar alumnado con diferentes graos de manexo deste tipo de dispositivos, artellaríase en diferentes grupos.
De carácter práctico, o propósito central do taller é que as e os asistentes, unha vez conten cuns coñecementos introdutorios, poidan “centrarse en imprimir propiamente”, explica López, engadindo que o que se busca é que “coñezan as potencialidades deste tipo de tecnoloxías experimentando directamente, realizando diferentes probas e prototipos”.
Stimulus é unha aplicación deseñada para axudar á estimulación e rehabilitación de persoas maiores con deterioración cognitiva ou nas fases iniciais de Alzheimer, e recibiu unha valoración moi positiva por parte de Orientatech, o proxecto da Fundación Vodafone e Cruz Vermella a través de Tecsos.
A aplicación está composta por distintas series de exercicios e actividades interactivas dirixidas á estimulación dos distintos procesos cognitivos.
A app permite realizar tanto un adestramento autoadministrado como unha formulación con planificación e seguimento a través de coidadores.
Aquí podedes ler a análise completa que Tecsos realizou sobre esta aplicación, dispoñible tanto en Android como en iOS e cunha versión de proba gratuíta que serve para analizar a idoneidade do seu uso.
O número de usuarios que participan ou asisten ás diferentes actividades que programa o centro de coñecemento e innovación "La Molinera" disparouse durante o pasado ano. A instalación, dependente da área de Emprego do Concello de Ourense, rexistrou máis de 32.500 usuarios nas 150 iniciativas desenvolvidas ao longo de 2017, un incremento do 60% respecto ao ano anterior, no que se contabilizaron 13.000 usuarios.
O edil Jorge Pumar destaca que o centro cumpre á perfección co seu labor, que é "funcionar como un laboratorio de innovación social dixital, centrado nas persoas", e como plataforma de conexión para as pemes, emprendedores, 'startups', administracións públicas e universidades. Con esta finalidade, "La Molinera" pon a disposición dos usuarios espazos, ferramentas tecnolóxicas e dixitais e mentorización.
Así, "La Molinera" pechou 2017 cun balance que mellora todos os indicadores. Máis usuarios e máis horas aberto ao público. En concreto, ao longo de todo o ano pasado permaneceu aberto 228 días en horario de mañá e tarde, salvo o mes de agosto con apertura só matinal.
Este horario, asegura a área de Emprego de Ourense, permitiu "fidelizar" o número de usuarios no transcurso do exercicio, pasando dos 50 diarios nos primeiros meses ata os 100 dos últimos. A época máis activa correspóndese co mes de novembro, no que se celebraron máis de 5 actividades diarias de media, cun fluxo de 4.500 usuarios.
Ademas de crecer o número de usuarios e actividades, "La Molinera" diversificou a súa oferta potenciando espazos como Kids, Maker e CeMIT, que representan máis do 50% da actividade que se desenvolve no centro.
Así mesmo, un de cada tres días desenvolvéronse iniciativas a través das cesións de espazo do centro, cun total de 15 eventos organizados nas instalacións pero alleos á oferta formativa da Molinera que, doutra banda, recibiu 14 visitas de colexios. O "gran colofón", indicou Pumar, foi o desafío social da campaña #fabricandosorrisos, na que se elaboraron 150 xoguetes con impresoras 3D para os pacientes ingresados na área infantil do CHUO. Para este proxecto, "La Molinera" contou coa colaboración dos propios usuarios do centro e das impresoras 3D fabricadas no mesmo.
Por último, o Concello destaca que aínda que a instalación seguirá vertebrada a través dos mesmos tres eixos estratéxicos (innovación social dixital, a nova empregabilidade e as tecnoloxías 4.0), 'La Molinera' "camiña cara a novas demandas cidadás e tecnolóxicas". Así, o novo espazo Teslab, ou o LabCafé, son as novas propostas ideadas para consolidar a estrutura do centro dentro do organigrama municipal.
A terceira edición do proxecto “Ágora Tecnoloxía”, finalizou recentemente consolidándose como un dos programas referentes en formación de novas tecnoloxías adaptadas ás persoas maiores. A súa metodoloxía, proximidade e contidos chegaron a todo tipo de institucións, centros, programas e servizos de atención ao maior da Comunidade Galega, facilitándolles a adquisición de competencias dixitais, tan indispensables nos nosos días.
O proxecto foi posible, unha vez máis, grazas á colaboración da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior, (FEGAUS) e a Fundación Vodafone España.
“Ágora Tecnoloxía” formou a máis de 12.000 persoas maiores no uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación desde o ano 2015. O gran interese que esperta o tema entre as persoas maiores e a súa actitude aberta e participativa cara aos programas formativos que melloren a súa calidade de vida, propiciou o enorme éxito e impacto do programa.
Nesta terceira edición ampliáronse contidos, dinamizáronse os plans formativos e prestouse especial atención a Facebook, WhatsApp e ás aplicacións móbiles de mobilidade, accesibilidade, saúde, sociabilidade e inclusión dixital a través de vídeo-pílulas formativas adaptadas á linguaxe dos maiores realizadas pola Fundación Vodafone.