
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Co inicio de novo ano e logo da estrea das curtametraxes gravadas en setembro de 2017, comezou o arranque oficial do Chanfaina Lab 2018 en San Sadurniño, a nova edición do programa-certame de divulgación e traballo práctico (alentando a semente creativo da mocidade local) arredor dos novos xeitos de crear audiovisual e facer coñecemento. Segundo fixo saber o Goberno local, a quinta convocatoria do encontro manterá a súa filosofía e a súa estrutura, reservando unha fin de semana para a filmación das pezas das realizadoras e realizadores que participen e acompañando as xeiras de traballo de campo con charlas e obradoiros centrados no audiovisual. Ademais, tal e como comentou na estrea das curtas de 2017 a responsable de Cultura, Sabela Cinza, outro dos obxectivos é “manter a irmandade iniciada o ano pasado co cinema rural portugués”.
Agora, trala proxección celebrada o 3 de febreiro na Casa da Cultura, as obras do ano pasado están a dar o chimpo de maneira progresiva ás pantallas de ordenadores, tabletas e teléfonos desde a canle de YouTube de Fálame de San Sadurniño, onde as curtametraxes (unha a unha, semana a semana) van atopando sitio e visibilidade de seu perante a comunidade internauta.
A primeira das pezas estreadas na Rede é A casa, do realizador portugués Carlos Viana. Segundo nos lembra o Concello de San Sadurniño, a obra entra na vivenda da familia Cinza-Íñiguez “para describir a súa casa como espazo vital a través do tempo”. Os fíos temáticos da curta, deste xeito, son as lembranzas que acubilla o fogar, os testemuños locais do devir da historia e mesmo a cultura de San Sadurniño. Carlos Eduardo Viana é un cineasta nado en Esposende (Portugal) con ampla experiencia como documentalista, programador e dinamizador cinematográfico no Norte de Portugal. Asemade ten dirixido numerosos documentais en Angola, Cabo Verde e en Portugal.
A segunda estrea virtual da presente edición do Chanfaina Lab vén asinada por Pablo Martínez, o participante máis novo do encontro audiovisual e, segundo lembra a organización do certame, un dos seus membros máis activos. Pablo, veciño de San Sadurniño, sumouse por segundo ano consecutivo á experiencia como creador e como aprendiz do obradoiros impartidos pola xornalista transmedia María Yáñez e polo dúo Esferobite, Belén Montero e Juan Lesta. En 2016 presentara O meu traxecto ao cole e en 2017 achega Enamorándose de San Sadurniño, a curta acabada de estrear na Rede, protagonizada por el mesmo e por Iago Lourido, encargado tamén da montaxe das imaxes filmadas por Joám Cortizas. Na obra saliéntase a manchea de recunchos fermosos que rodean o centro urbano do municipio.
A iniciativa do libro dixital E-Dixgal conta cun novo provedor de contidos: aulaPlaneta. Deste xeito cúmprese cunha das medidas de mellora previstas pola Xunta para impulsar a educación dixital en Galicia. Así o expuxeron esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral da área de Educación do Grupo Planeta, Pablo Lara.
A partir do mes de marzo, aulaPlaneta integrará na plataforma do libro dixital máis de 7.800 recursos curriculares para 5º e 6º de Primaria e máis de 12.500 recursos para 1º e 2º da ESO. Ademais das materias obrigatorias, ofrece máis de 400.000 recursos educativos de animacións, fotografías e gráficos de alta calidade, vídeos e fragmentos sonoros, estatísticas actualizadas, atlas mundial, cronoloxías, artigos de temas de actualidade, navegador visual, etc. Tamén ofrece máis de 500 horas de formación a profesores para a integración e desenvolvemento da competencia dixital docente.
A proposta curricular de aulaPlaneta enriquece os contidos con secuencias didácticas adaptables ás necesidades da aula, propostas para fomentar a indagación, a investigación e o traballo colaborativo, así como exercicios para pensar e consolidar o aprendido.
AulaPlaneta é o terceiro provedor de E-Dixgal, que se suma aos actuais, Netex e Edebé. Ademais, está en fase de licitación o centro de produción, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos educativos innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato dun novo provedor de contidos en inglés.
Un proxecto que favorece a igualdade de oportunidades
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, sinalou que a incorporación de Planeta supón un novo impulso e o fortalecemento do E-Dixgal, que é un dos piares da Estratexia galega para a educación dixital, edudixital 2020. Segundo explicou, a través destas ferramentas estase garantindo unha docencia máis personalizada e adaptada ás circunstancias do alumnado e, por tanto, favorecendo a atención á diversidade.
Román Rodríguez fixo especial fincapé na formación do profesorado como un dos elementos clave para o éxito da educación dixital, no que a Consellería está a traballar de xeito intensivo. Non en balde, todos os centros E-Dixgal conta cun Plan de formación propio no ámbito das novas tecnoloxías, cunhas 2000 horas de formación específica para o profesorado. Ademais, ditos plans incorporan tamén unha Escola de Nais e Pais para que as propias familias reciban información ao respecto e dispoñan de canles axeitadas para o acceso aos contidos e a resolución de dúbidas, entre outros.
Máis aló dos bos resultados obtidos e constatados a nivel educativo, o conselleiro destacou a importancia deste proxecto na democratización do uso das TIC no ensino, o que favorece a igualdade de oportunidades.
Mar Pereira sinalou que é fundamental continuar avanzando no proceso de transformación dixital da aula “se queremos proporcionar unha experiencia educativa adaptada ás necesidades duns alumnos que se desenvolven nunha contorna tecnolóxica, e que se enfrontarán ás demandas dun mercado laboral que esixe un perfís cada vez máis dixitais e non só no sector tecnolóxico”.
Pola súa banda, Pablo Lara explicou que “para aulaPlaneta é un orgullo participar nun proxecto de envergadura, o compromiso e a valentía da iniciativa E-Dixgal. A Amtega e a Xunta de Galicia demostraron estar aliñados co Grupo Planeta na maneira de concibir a educación do século XXI, poñendo ao alumno no centro e evolucionando o rol do profesor.
As ferramentas dixitais achegan elementos chave na nova maneira de ensinar: capacidade de personalizar o proceso de ensino, de traballar de maneira colaborativa, de medir o impacto na aprendizaxe, de motivas aos alumnos e de empoderar aos profesores
Proxectos como E-Dixgal no que a iniciativa privada traballa da man da Administración pública son fundamentais para conseguir un impacto real cara á mellora educativa que todos desexamos.
Melloras en marcha
A pasada semana completouse a entrega de máis de 13.000 ultraportátiles para o alumnado, cos que se renovou o equipamento co que desenvolven a súa actividade diaria os 154 centros que empregan o libro dixital.
Con esta renovación búscase avanzar un paso máis cara a unha educación integramente dixital. Pásase do concepto de equipo na aula ao de «mochila dixital», que acompaña ao alumno en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fose do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais, cun soporte técnico ante calquera dúbida ou incidente.
A día de hoxe un total de 154 centros escolares e 11.600 alumnos de entre 5º de Primaria e 2º de ESO están incorporados ao proxecto E-Dixgal en Galicia. Dentro da Estratexia galega para a educación dixital, edudixital 2020, o obxectivo marcado no horizonte dos próximos tres anos é que o libro dixital chegue a 300 centros e beneficie a máis de 20.000 alumnos.
Servizo Premium
En 2018 activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos implicados na iniciativa, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar do incidente, e a través de puntos físicos de atención.
Os máis de 1.000 profesores, 12.000 alumnos e as súas familias dispoñerán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (teléfono, correo electrónico, web, app no móbil...), as 24 horas do día os sete días da semana. Desde este punto atenderanse todas as dúbidas, consultas e incidentes que poidan ter os usuarios, e resolveranse de maneira remota, se é posible, ou activando os servizos presenciais para que estas aténdanse onde se atopen os usuarios se non fose posible facelo a distancia.
O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou o docente para aqueles incidentes que requiran unha atención presencial.
Mellora da conectividade
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspectos clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento, preto do 95 % dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións de, como mínimo, 100 Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86 % do total, dispoñen desta velocidade, que este ano chegará ao 100 % dos centros educativos públicos que imparten Primaria e Secundaria.
Plan de formación dixital
Outra das medidas é o desenvolvemento dun plan continuo de formación dixital a docentes. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas á educación dixital.
O operador público Retegal vén de publicar a licitación para adquisición e instalación das cámaras que integrarán a Rede de Vixilancia dos espazos forestais. Está previsto que en maio estea operativa unha primeira fase do sistema, que permitirá monitorizar o 48% do territorio, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) definidas así no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellería do Medio Rural.
A nova rede despregarase aproveitando as infraestruturas de Retegal. Nesta primeira fase instalaranse cámaras en 34 centros de telecomunicacións do operador público, que facilitarán cobertura visual de 1,4 millóns de hectáreas, preto da metade do territorio galego
Os obxectivos principais da rede nesta primeira fase son a vixilancia remota e servir de apoio na extinción de incendios. En caso de detectarse un lume o sistema achegará información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permitirá xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para os labores de extinción.
A rede, anunciada polo presidente da Xunta no Parlamento como unha das 30 medidas na proposta de acordo forestal, xestionarase a través dunha plataforma tecnolóxica que facilitará a vixilancia remota dos montes desde un centro de control as 24 horas do día e permitirá aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles.
Investimento e evolución da rede
A posta en marcha e o mantemento da conta cun investimento de 2.026.000 euros ata 2022.
Nunha segunda fase, e en base ás necesidades detectadas polos equipos forestais, definirase a ampliación da cobertura da rede. Ademais, a medida que a evolución tecnolóxica ofreza novas solucións, prevese abrir unha consulta pública ao mercado para analizar a posibilidade de incorporar tecnoloxías innovadoras que melloren a eficacia do dispositivo ou permitan avanzar na detección temperá de lumes.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda están a traballar no desenvolvemento do Plan de Modernización Tecnolóxica da Mobilidade en Galicia, e-Mobility para impulsar a dixitalización do sistema público de transporte que dá servizo a uns 20 millóns de viaxeiros anuais con máis de 1.000 autobuses, 1.321 liñas e 14.140 paradas.
Esta semana a directora da Amtega, Mar Pereira, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro e o director de IT, Información, Procesos e Operacións de Abanca, José Manuel Valiño, asinaron un convenio de colaboración para desenvolver unha solución que permita o pago desde o móbil aos usuarios do transporte metropolitano.
O acordo recolle o compromiso de Abanca de proporcionar á Xunta unha solución que permita integrar a tarxeta de transporte metropolitano nos teléfonos móbiles. O seguinte paso será a pilotaxe da solución nunha das empresas que presta servizos de transporte publico metropolitano e, posteriormente, a implantación progresiva no resto da flota que presta transporte metropolitano.
Esta solución incorporarase á aplicación que está a desenvolver a Xunta para que os usuarios poidan seguir en tempo real as rutas dos autobuses e recibir a notificación das recargas dispoñibles.
Plan eMobility
O Plan eMobility, elaborado pola Amtega en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda, ten como obxectivos xerais a dixitalización integral de todos os procesos de xestión e tramitación por parte dos operadores e o desenvolvemento de novos servizos para os usuarios.
Entre as liñas de traballo previstas buscarse conseguir a monitorización en tempo real das rutas de transporte público para deseñalas e planificalas dun xeito máis eficiente e adaptadas ás necesidades dos viaxeiros.
As actuacións do Plan posibilitarán tamén novos servizos para os usuarios como o transporte a demanda, rutas personalizadas ou o pago desde o móbil. Os viaxeiros disporán dun portal do transporte, un punto centralizado onde atopar toda a información das rutas dispoñibles e no que xestionar as súas solicitudes de servizo.
Ademais, dixitalizaranse todos os procesos de xestión e tramitación da oferta de transporte por parte dos operadores, que terán á súa disposición unha Oficina Virtual do Transporte.
O Plan foi aprobado en xaneiro polo Goberno galego, cun investimento previsto de máis de 6,6 millóns de euros ata o 2020. Esta iniciativa desenvolverase en coordinación co traballo que está a realizar a Consellería para a reorganización do transporte público de pasaxeiros e que culminará coa aprobación en 2019 do Plan de Transporte Público de Galicia.
A Xunta de Galicia e o Goberno do Estado teñen en marcha diferentes actuacións para impulsar a extensión de redes ultrarrápidas na provincia de Lugo. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para expoñerlles as medidas en marcha, a situación actual na provincia e recoller as súas demandas respecto á cobertura de internet.
A directora da Amtega explicou aos veciños que as Administracións públicas subvencionan a extensión de infraestruturas en zonas brancas, é dicir, en zonas nas que non existe cobertura nin previsión de tela.
Neste sentido indicou que neste momento a Xunta e o Estado teñen en marcha medidas complementarias para impulsar os investimentos dos operadores de telecomunicación en redes utlrarrápidas, das que se beneficiará a provincia.
Extensión de redes ultrarrápidas
Durante os vindeiros dous anos, o Estado investirá 21 millóns de euros para facilitar o acceso de internet de máis de 30 Mbps en toda Galicia. Na provincia de Lugo beneficiaranse desta medida 20.000 habitantes de 22 municipios lucenses. Cómpre destacar que o Estado ten previstas novas convocatorias de axudas.
Ademais, a Xunta investirá máis de 14 millóns de euros para levar estas redes ultrarrápidas a núcleos de menos de 150 habitantes en toda Galicia. Vén de pecharse a convocatoria de axudas ao operadores e coñecerase os lugares exactos unha vez se resolva a concesión destas axudas.
Por outra banda, tras a adxudicación de frecuencias na banda de 800 Mhz aos operadores do denominado dividendo dixital, o Estado ten a potestade de obrigalos a alcanzar unha cobertura de redes de 30 Mbps ao 90% do poboación que reside en núcleos de menos de 5.000 habitantes a finais de 2019. Actualmente está en proceso de tramitación o plan a executar por estes operadores para proporcionar a cobertura comprometida.
Evolución das redes inalámbricas, clave para as zonas con máis dispersión
Cómpre ter en conta que en Lugo existen case 10.000 núcleos de poboación, un 13% do total de España e que a poboación media destes núcleos é de 34 habitantes, fronte á media estatal de 600 habitantes por núcleo e a galega de 89 habitantes por núcleo.
Esta dispersión dificulta en gran maneira o despregamento de redes fixas, máis aínda que en calquera outra provincia de Galicia, facendo que a evolución das redes inalámbricas sexa especialmente relevante nesta zona, ademais de ser a única solución tecnolóxica que posibilita tamén a cobertura de móbil.
Melloras do I Plan de Banda Larga
A directora da Amtega lembrou que a Xunta vén impulsando os despregamentos de redes de telecomunicación desde 2010. O I Plan de Banda Larga actuou en máis de 5.000 núcleos, maioritariamente con redes inalámbricas instalando 253 emprazamentos repartidos entre 65 dos 67 concellos da provincia de Lugo. Estes despregamentos facilitaron a chegada do 4G permitindo que, a día de hoxe, preto do 83% da poboación dispoña de acceso a Internet a través desa tecnoloxía e se mellorase a cobertura de móbil en todas esas zonas.
Ademais, leváronse a cabo tres convocatorias de axudas para a contratación da internet satélite de polo menos 2 Mbps dirixidas aos cidadáns que non podían acceder a internet a través de ningunha outra tecnoloxía, da que se beneficiaron máis de 2.000 familias galegas.
Actuacións de banda larga ultrarrápida ata 2020
Mentres que o obxectivo principal do I Plan de Banda Larga era que todos os galegos tivesen acceso a Internet, o obxectivo do Plan de Banda Larga 2020 é incrementar a calidade das conexións, estendendo redes ultrarrápidas na Comunidade.
As actuacións comezaron en 2016 mellorando a cobertura dos polígonos e este ano un total de 14 polígonos industriais da provincia de Lugo terán acceso a redes de ata 350 Mbps.
En 2017 a Xunta lanzou una convocatoria de axudas para empresas illadas cun investimento de preto de 400.000 euros para dotar de banda larga de ata 350 Mbps a máis de 30 empresas das cales 10 estaban na provincia de Lugo.
Ademais, en colaboración o Estado estase a desenvolver o Programa Escolas Conectadas: para dotar de redes de máis de 100 Mbps a todos os centros educativos públicos de primaria e secundaria.