
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presenta, o día 27 de febreiro, os dous novos programas formativos que vai poñer en marcha, #MesD e #DemosXWeb, no marco da Xornada: “Marketing Dixital e Comercio Electrónico: Tendencias 2018-2020” (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-novos-programas-cdtic).
Durante a Xornada, Rubén Bastón, director da revista Marketing4ecommerce e especializado en social media e contidos dixitais en Elogia, esbozará as tendencias en Comercio Electrónico e Marketing Dixital que gañarán peso nos vindeiros anos, motivados por un escenario de constante evolución, tanto tecnolóxica como cultural. A continuación as pemes tomarán a palabra nunha mesa de debate onde compartirán a súa experiencia na venta dos seus produtos e servizos a través de internet.
Esta actividade, que poderá seguirse nas redes sociais a través do hashtag #eTendencias2020, está destinada principalmente a cargos directivos, propietarios e persoal de pequenas e medianas empresas. Para asistir cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-novos-programas-cdtic) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.
Programa #MesD
Trátase dun programa que se desenvolverá ao longo de sesións formativas concentradas cada mes nun tema amplo e cunha duración aproximada de dúas horas.
O primeiro bloque temático estará centrado no Comercio Electrónico. Desenvolverase ao longo do mes de marzo, todos os martes, na aula CeMIT de Vigo. Nestas xornadas abordaranse os seguintes aspectos: claves para o éxito, prezos e competencia, campañas e promocións, plataformas tecnolóxicas e tendas.
O segundo bloque temático, que se celebrará no mes de maio, estará dedicado ao Marketing Dixital, con sesións sobre o marketing de buscadores, marketing en redes sociais, email marketing ou analítica de resultados web.
Programa #DemosXWeb
Estoutro programa desenvolverase a través de sesións demostrativas dunha hora, que se retransmitirán exclusivamente por streaming, e que tratarán sobre unha ferramenta, aplicación ou tema concreto. O obxectivo deste formato é ter unha explicación rápida e cómoda para o receptor, que non ten que desprazarse.
Inicialmente, os temas que se van tratar nestas sesións serán: redes e internet, marketing, comercio electrónico, mobilidade, produtividade e negocios, multimedia e utilidades.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de iniciar un ciclo de vinte charlas informativas sobre o uso de dispositivos móbiles dirixidas a persoas maiores.
Os contidos, explicados dunha forma amena e sinxela, están orientados para que os asistentes saquen o máximo partido do uso habitual da tecnoloxía, novas aplicacións e recursos que facilitan a vida cotiá como o orientados á planificación de viaxes, os trámites electrónicos, a fotografía e o vídeo, os pagos por internet ou as aplicacións relacionadas coa saúde e os coidados para una madurez mais activa.
Estas actividades informativas son gratuítas e desenvolveranse ata 23 de marzo, inclusive, en horario de 10:30 a 12:00 horas. Estas charlas poden seguirse en streaming dende calquera das dezaoito aulas CeMIT que participan e que ofertan un total de 600 prazas.
As aulas que retransmitirán algunha ou todas estas actividade son: Ames, Arzúa, Bande, Beariz, Boiro, Campo Lameiro, Carballedo, Celanova, Cuntis, Fisterra, Leiro, Marín, Oroso, Ortigueira, Pontevedra, Ribadeo, Valga e Xunqueira de Ambía.
É recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada unha das charlas ou inscribirse a través de internet no web https://cemit.xunta.es, para acudir as sesións presenciais, sendo o único requisito esixible o de ser usuario da rede CeMIT.
Aliad@s Dixitais
FEGAUS é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden adherir como tales a aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior) agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos séniors.
O venres 23 de febreiro, as Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal) celebran na súa sede de Santiago (rúa Virxe da Cerca, 31) un curso de formación para directivos da Ceate (Confederación Española de Aulas de Terceira Idade) e que a entidade organiza coa colaboración do Imserso.
A xornada 'Cara a un novo modelo de envellecemento activo e saudable' conta coas conferencias e obradoiros de persoas expertas e profesionais do sector como a psicóloga María José Fares Varela, cuxa exposición titulada ‘Modelos de Innovación en envellecemento activo, redes intelixentes e innovación social dixital de Ategal' versa sobre o desenvolvemento e aplicación que Ategal está a realizar dunha App propia desenvolvida pola empresa tecnolóxica galega Tesla&Tecnologies ou as experiencias piloto que o alumnado de Ategal realizou con realidade virtual e aumentada, tecnoloxía interxeracional e formación e contidos dixitais en liña.
A participación de Marcela Parga, coach do Instituto BenPensante versará sobre ‘Comunicación e motivación para liderar'. Nela, falará da escoita como aspecto clave na comunicación ou o máximo respecto polas persoas e pola división de cada unha delas, ámbolos dous transcendentais no ámbito das persoas maiores e a súa atención.
Envellecemento activo e silver economy
Pola tarde, a directora de Activiza, Noelia López, debaterá sobre 'Envellecemento activo e silver economy: novos modelos e oportunidades' enfocado na atención e o ámbito profesional xeriátrico e xerontolóxico. López definirá precisamente que significa actualmente envellecemento activo e silver economy e en que consiste e como se exerce a dinámica participativa na resolución de casos.
A xornada concluirá cunha cea de confraternización de alumnado de Ategal, relatores e participantes da xornada.
A Aula CeMIT do Concello de Ponteareas vén de retomar a súa actividade, logo do cambio de ano, con novos cursos de balde sobre diferentes aspectos da informática e todos co nexo común de impulsar a alfabetización dixital da cidadanía. Segundo informa a Concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Benito Márquez, da que depende o centro, a aula seguirá ofrecendo os seus servizos até decembro deste ano 2018 gracias ao convenio de colaboración entre o Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia, a FEGAMP e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA). Estes obradoiros están dirixidos a tódolos tramos de idade co obxectivo de “formar, actualizar os currículos do alumnado e, sobre todo, achegar a informática e as novas tecnoloxías a toda a cidadanía”, explican dende a Concellería.
Haberá cursos (todos de balde) sobre o manexo de Excel, edición informática ou sobre ofimática en xeral. Ao longo do ano tamén haberá obradoiros específicos, como por exemplo manexo de Facturaplus que serán anunciados na páxina web do Concello. O horario destas actividades será de 16:00 horas a 21:00 horas e están abertas a toda veciñanza de Ponteareas. “O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola brecha dixital”, explica Benito Márquez, engadindo que “tamén buscamos fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás PEME as vantaxes da Sociedade da Información”. O edil tamén aproveitou a ocasión para animar a tódolos veciños a que se anoten nos diversos cursos e “aproveiten esta oportunidade”.
Hoxe remata o prazo para presentar contribucións a unha das grandes novidades da edición 2018 do certame Youtubeir@s. Estamos a falar do apartado Premio do público, unha categoría na que poden participar as persoas usuarias de Facebook, e poderán facelo propoñendo (cun comentario no perfil de Youtubeir@s) un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayoutubeira. As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. Con todas as contribucións recibidas crearase un álbum na páxina de Facebook do certame para que todo o mundo poida votar polos seus vídeos favoritos, a través de “gústame”. Esta votación realizarase do 25 de febreiro ao 15 de marzo.
Os cinco vídeos que reciban máis “gústame” nese prazo pasarán ao xurado dos premios. Deles escollerase, seguindo os criterios das bases xerais, o Premio do Público #PropostaYoutubeira, valorado en 500 €.O certame Youtubeir@s, que vai pola súa segunda edición, ten o obxectivo é ateigar a Rede de vídeos na nosa lingua, fomentando a creatividade con temas propios e xerando referentes en galego. O proxecto vén da man dos servizos de normalización lingüística de nove concellos (Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove), das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña. Tamén se recordou que outra das finalidades é fomentar a creatividade con temas propios ao tempo que se xeran referentes en galego.
Na edición presente haberá 5.500 euros en premios. A convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Nos galardóns poderán participar “todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle”. As pezas deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición.
Os devanditos 5.500 euros repartiranse nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. Este último galardón, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como dixemos antes, a través deste premio, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. As bases ao completo pódense consultar na web youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.