main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/02/201808:53
Dron voando.
Lugo

A Xunta aposta polo uso de solucións tecnoloxicamente avanzadas, como os drons, para modernizar o sector primario

  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou en Lugo na inauguración dun congreso centrado no uso de drons e satélites en agricultura
  • Argerey presentou a iniciativa da Xunta para o desenvolvemento dun polo tecnolóxico e industrial de vehículos aéreos non tripulados en Galicia, que está mobilizando 150 millóns de euros
  • Neste contexto, a Administración autonómica ten en marcha varias licitacións para mercar solucións innovadoras para mellorar a prestación de servizos públicos que poden ser de utilidade para o sector primario

 

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou en Lugo na inauguración do III Simposio Nacional e o I Ibérico de Enxeñaría Hortícola centrado no uso dos drons e satélites en agricultura, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH). 

A directora de Gain presentou neste foro a iniciativa da Xunta de Galicia para desenvolver un polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados en Galicia, que está mobilizando 150 millóns de euros de capital público e privado, cun dobre obxectivo: situar Galicia como referente a nivel internacional no ámbito da I+D+i neste terreo e optimizar a prestación de servizos públicos a través da innovación.

“O uso de solucións tecnoloxicamente avanzadas -como os desenvolvementos que se realicen para mellorar a prestación de servizos públicos a través de drons nesta iniciativa- poden contribuír ao desenvolvemento do sector primario na nosa Comunidade”, subliñou Argerey. De feito, unha das prioridades da política de innovación da Xunta é, pola súa importancia, a modernización dos sectores primarios a través da innovación, tal como recolle o reto 1 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3).

Neste senso, lembrou que hai dez licitacións en marcha no ámbito da compra de solucións innovadoras para a mellora na prestación de determinados servizos públicos a través de drons, co cofinanciamento de Fondos Feder a través dun convenio de colaboración co Ministerio de Economía, Industria y Competitividad e empregando a fórmula da Compra Pública Innovadora. Destas dez licitacións, Argerey destacou catro que poden ser de especial interese para o sector agrícola: a contratación de solucións para a xestión e o control forestal mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados -publicada no DOG do día 21- e as tres licitacións convocadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para automatizar o sistema de control das axudas da Política Agraria Común (PAC).

Paralelamente a estas licitacións, a Xunta, en colaboración cos socios tecnolóxicos Indra e Babcock, está a desenvolver un programa de I+D, que xa está xerando 190 empregos de alta cualificación, 20 proxectos e a participación neles de 18 empresas e centros de coñecemento con contratos por valor de 18 millóns de euros.

26/02/201808:42
Clausura da xornada Casos de aplicación da Computación de alto rendemento na industria galega.
Santiago de Compostela

Conde pon en valor os novos servizos que ofrece a industria 4.0 e a importancia de apostar pola dixitalización e formación

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou en Santiago a xornada ‘Casos de aplicación da Computación de alto rendemento’ na industria galega, organizada polo Cesga
  • Destaca a alta presenza de proxectos galegos no programa europeo Fortíssimo para reforzar a competitividade das pemes e axudalas a incorporar as tecnoloxías de cálculo de altas prestacións, o Big Data ou técnicas de intelixencia artificial
  • O titular de Economía sinala os apoios da Xunta para acompañar ás empresas galegas no proceso da transición tecnolóxica, os programas de formación para evitar que se produza unha fenda dixital no sector industrial e a importancia dos Hubs de innovación para transferir o coñecemento ás empresas
  • O Plan Galicia Innova 2020 mobilizará 1775 millóns de euros para reforzar o perfil innovador das pemes e sincronizar o labor de investigación coas necesidades reais das empresas

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor os servizos e as novas posibilidades que ofrece a dixitalización da industria e a computación de altas prestacións no transcurso da clausura da xornada Casos de aplicación da Computación de alto rendemento na industria galega, unha iniciativa organizada en Santiago polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

O titular de Economía sinalou que a dixitalización e a formación son os retos do novo modelo económico marcado pola Industria 4.0, un escenario no que a computación de altas prestacións revélase como un instrumento indispensable unido á aposta pola I+D+i. Neste senso, puxo como exemplo algúns dos servizos que ofrece, como o coñecemento dos custos derivados do transporte marítimo de mercadorías; o deseño de sistemas para xerar biogás a partir de abono natural; estudo do comportamento do eucalipto para a madeira de construción; ou a predición de incidentes de mantemento que poidan xurdir en equipos de climatización instalados en puntos xeográficos distintos.

Son todos eles proxectos que participan no programa europeo Fortíssimo para reforzar a competitividade das pemes axudándoas a incorporar as tecnoloxías de cálculo de altas prestacións, o Big Data ou técnicas de intelixencia artificial. Galicia presentou 60 proxectos, ás diferentes convocatorias deste programa, dos que foron seleccionados 15, o que significa que o 25% do total de plans aprobados para toda Europa. “É unha taxa de retorno moi alta”, apuntou o conselleiro, quen engadiu, por iso, a importancia de seguir apostando por este ámbito. En concreto, están participando neste programa, xunto a centros de coñecementos galegos, 29 empresas.

Neste senso, destacou a importancia de acompañar ás empresas galegas no proceso da transición tecnolóxica e a necesidade de que empresas e centros sigan colaborando para que as compañías identifiquen os seus retos tecnolóxicos e os centros de coñecemento poidan darlles unha resposta.

A Xunta, neste campo, conta con axudas dirixidas tanto á innovación, dixitalización e formación. Para a dixitalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria convocou axudas por valor de 6 millóns de euros para a posta en marcha de novos sistemas informáticos e plans de formación no eido da Industria 4.0, como a robótica, o Big Data ou a loxística.

No eido da formación, o Goberno galego ten en marcha diversos programas para evitar que se produza unha fenda dixital no sector industrial, como son as Unidades Formativas na Empresa tanto para traballadores en activo como desempregados a través das que se financian cursos á carta. Tamén se apoian desde a Administración autonómica accións formativas en centros homologados. Conde avogou por seguir traballando en coordinación coas empresas para deseñar itinerarios formativos adecuados á nova realidade laboral.

Por último, referiuse ao Plan Galicia Innova 2020 que mobilizará un investimento público-privado de 1775 millóns de euros para sincronizar o labor de investigación coas necesidades do tecido industrial e reforzar o perfil innovador das pemes. Puxo en valor os Hubs de innovación e a súa importancia para que o coñecemento se transfira ao tecido produtivo galego. “En Galicia temos moito talento e nos consta que os centros de coñecemento se están a poñer a disposición das empresas”, apuntou Conde, indicando que moitas firmas xa están inmersas nun proceso de transformación tecnolóxica para ser máis innovadoras, máis eficientes e máis produtivas. “Neste novo modelo de industria, a dixitalización e a automatización de procesos, o Big Data e as TIC son as ferramentas fundamentais”, concluíu.

23/02/201812:03
Exposición de GeriaTIC.
Oleiros

Comeza en Oleiros e Carballo a proba piloto do proxecto Geria-TIC, no que traballa o CITIC

A proba piloto do proxecto Geria-TIC da Universidade da Coruña xa está en marcha. Concretamente, nas dependencias de DomusVi Geriatros Oleiros e DomusVi Geriatros Carballo . Segundo informa o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, un total de 10 pacientes do centro de Oleiros e 6 do de Carballo xa fan uso de pulseiras portables (wearables) e a plataforma ClepIO que, entre outras vantaxes, posibilitan o seguimento da actividade física, do sono e das ocupacións diarias dos usuarios, de face a estudar a problemática das caídas e a calidade do descanso dos participantes.

O proxecto está impulsado por un consorcio formado polas empresas Geriatros, Aldaba e a Clínica Cobián, xunto con investigadores da área de Percepción, Cognición e Interacción do Centro de Investigación TIC da UDC e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). O obxectivo, segundo explican é “desenvolver un modelo de medicamento participativo con persoas maiores mediante o uso de dispositivos wearables: pulseiras de medición de actividade e acelerómetros”. Polo tanto, o que se procura é acadar melloras relevantes na prevención de caídas e calidade do sono dos usuarios dos centros. No proxecto tamén se aborda a problemática da incontinencia urinaria, cuxa proba piloto iniciarase no centro DomusVi Geriatros da Cidade na Coruña.

Os investigadores do CITIC que participan no proxecto, liderados profesores Alejandro Pazos e Javier Pereira, deron forma aos aspectos tecnolóxicos e de investigación da iniciativa, aspectos que permitan realizar un seguimento dos parámetros. Este labor de monitoraxe levará a cabo a través da plataforma ClepIO e, ademais de xerar métricas de utilidade para aplicar melloras en cada aspecto, ten como obxectivo crear “un novo modelo de prestación de servizos sociosanitarios, no que os residentes tomen conciencia do autocoidado e a responsabilidade na propia saúde, facéndoos partícipes do seu benestar”. Ademais, permite “que os familiares poidan estar informados en tempo real do estado e as melloras na saúde dos seus maiores”.

O proxecto Geria-TIC, orzado en 765.191 euros, está co-financiado por GAIN (Axencia Galega de Innovación) a través do Programa Conecta PEME 2016 e conta con fondos FEDER da Unión Europea. Na súa avaliación alcanzou a segunda mellor cualificación, de todos os da nosa Comunidade, entre as case 200 solicitudes presentadas.

23/02/201811:02
Curso Apps para o autismo.
Santiago de Compostela

Curso Apps para o autismo

  • A Fundación Orange e a Universidade Autónoma de Madrid promoven o curso Aplicacións móbiles e outras tecnoloxías para persoas con autismo, que pretende proporcionar unha guía de utilización da tecnoloxía para persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA) que cada vez demandan máis profesionais, familias e as propias persoas con TEA.
  • O curso realízase online e é gratuíto.

 

Auxe das aplicacións

O auxe nos últimos anos dos smartphones e das tabletas significou unha explosión do número de aplicacións desenvolvidas pensando nas persoas con TEA. Eses dispositivos, coa súa interface gráfica e táctil, a súa portabilidade, etc., pasaron a ser grandes compañeiros de moitas persoas con autismo, e atraeron o interese de moitos pais, profesionais, empresas e entidades en crear apps que sirvan a este colectivo.

Numerosos estudos de investigación xa empezaron a validar a efectividade do emprego destas ferramentas e, como exemplo, celebráronse xa dúas edicións do congreso internacional ITASD sobre tecnoloxías e autismo, que supuxeron unha referencia na análise deste novo ecosistema. Pero o “éxito” das apps no campo dos TEA expuxo, á súa vez novos desafíos, entre eles cal é a mellor maneira de utilizar todas estas solucións dixitais e tecnoloxías no ámbito educativo, profesional, familiar…

É neste escenario no que xorde a necesidade deste curso, dirixido a profesionais de diversos ámbitos relacionados cos TEA (intervención, educación, asistencia…), profesionais do ámbito da tecnoloxía (como desenvolvedores de software), estudantes deses mesmos ámbitos, familiares de persoas con TEA ou as propias persoas con TEA.

 

Curso Apps para autismo – 16 unidades

Cun contido teórico e práctico, o curso consta de 16 unidades que abarcan desde conceptos do uso de dispositivos móbiles ata a investigación no ámbito da tecnoloxía para os TEA, con temáticas como, por exemplo: Comunicación alternativa e aumentativa, Xestión do tempo, das actividades e da contorna, Habilidades socio-emocionais, Lecer ou Linguaxe e lectoescritura. Respecto das tecnoloxías, este curso céntrase basicamente en apps, dado o amplo volume de aplicacións existentes, pero sen esquecer outras plataformas como programas para computadores, páxinas web de referencia, lousas táctiles… nin tampouco os máis novos traballos en robótica ou dispositivos wearables.

Os materiais foron desenvolvidos por un equipo de 25 profesionais expertos en autismo e tecnoloxía e provenientes de distintos ámbitos (formadores, logopedas, terapeutas, educadores, informáticos, pais, etc.), os cales foron seleccionados en atención ao seu recoñecido prestixio neste ámbito.

 

Edicións xa realizadas

En 2016 levouse a cabo unha primeira edición piloto, cun grupo de 50 alumnos.

En 2017 realizáronse dúas convocatorias: en marzo, con 200 prazas cubertas en apenas tres horas, e outubro, con 350 prazas, que se completaron en menos dunha hora.

En febreiro de 2018 lanzouse un novo curso con 480 prazas.

22/02/201814:11
Cadeira Handytronic.
A Coruña

Handytronic presenta a súa revolucionaria cadeira de rodas smart en Silicon Valley

A cadeira de rodas intelixente do proxecto galego Handytronic, do que se falou salientando o acordo entre a empresa Telecon e a UDC que lle serve de impulso, vai estar presente no congreso de neurotecnoloxía da Universidade de Stanford, en Silicon Valley, onde o dispositivo terá ocasión de mostrar todo o seu potencial para persoas con mobilidade reducida, xa que lles permite moverse coas súas ondas cerebrais. A presentación complementarase cunha plataforma que fai posible o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva e de diversas doenzas mentais. Handytronic, amais dunha cadeira de rodas, é o nome da empresa responsable do seu desenvolvemento, unha startup posta en marcha polo grupo galego Telecon e que conta coa colaboración dun equipo da Universidade da Coruña dirixido por Javier Pereira, do CITIC. 

O congreso que se celebra en Silicon Valley (California) vaise levar a cabo baixo o epígrafe Wearable Tech + Dixital Health + Neurotech Silicon Valley. Trátase, segundo nos contan dende Handytronic, dun dos eventos de referencia internacional nos ámbitos da neurociencia e as novas tecnoloxías para a saúde. En edicións anteriores celebrouse no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), a Universidade de California en San Francisco e a New York Academy of Sciences.

En palabras de Jacobo Penide, director xeral da startup galega, “o evento é un auténtico epicentro da innovación tecnolóxica”. Handytronic presentarase o martes 27 de febreiro nun relatorio no que se debullará o desenvolvemento da cadeira de rodas intelixente, baseada nunha plataforma de electroencefalografía que permite ler os impulsos cerebrais e traducilos en movemento, aprendendo das pautas neuronais de cada usuario. Xunto a este proxecto, Penide exporá tamén unha evolución desta solución igualmente fundamentada na neurociencia e a Intelixencia Artificial. Trátase, como dixemos, dunha plataforma para o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva e as enfermidades mentais, proxecto no que Handytronic colabora con dous centros hospitalarios da provincia da Coruña.

A plataforma que a firma galega desenvolve xunto a equipos médicos especializados en doenzas mentais do Hospital Marítimo de Oza (A Coruña) e da área de saúde mental do Complexo Hospitalario de Ferrol permite definir biomarcadores clave no diagnóstico precoz da deterioración cognitiva. O equipo formado pola startup galega recolle os impulsos eléctricos do cerebro do paciente e unha serie de parámetros biomédicos seleccionados e, a través de algoritmos de Intelixencia Artificial, establece correlacións entre os patróns de actividade neurolóxica detectada, a partir das cales é posible realizar o diagnóstico. O proxecto prevé a próxima realización dun ensaio clínico cun centenar de pacientes afectados en diferentes graos por declive cognitivo, depresión ou demencia.
 

O que se vai presentar en Estados Unidos
Segundo informa Penide, a innovadora solución de mobilidade para persoas con diversidade funcional que Handytronic presentará en Silicon Valley está integrada por unha cadeira de rodas motorizada, un casco con 14 eléctrodos, unha tableta cun software específico, e un hardware de integración. “A conexión entre o casco e o computador é sen fíos, a través do protocolo Bluetooth”, explica, engadindo que en virtude de todas estas tecnoloxías, o capacete é “quen de rexistrar os impulsos eléctricos que xera a actividade cerebral e o software transfórmaos en ordes que permiten guiar a cadeira co pensamento”. Ademais, a entrada en xogo da Intelixencia Artificial capacita ao sistema para aprender das rutinas mentais do usuario, adaptándose a el e reducindo o tempo de adestramento necesario para o manexo da cadeira. Igualmente, fai posible que o sistema poida recoñecer distintos usuarios, afacéndose a cada un deles. O proxecto conta coa colaboración da Universidade da Coruña (UDC), a través do Máster de Informática Biomédica. A recente posta en marcha da Cátedra Handytronic sobre Bioinformática para Ciencias da Saúde permitirá completar o proxecto de I+D nas súas próximas fases. O equipo de UDC está dirixida polo investigador da área de Percepción, Cognición e Interacción do Centro de Investigación TIC (CITIC), Javier Pereira.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS