main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/02/201808:14
Presentación das Xornadas de Automatización Industrial.
Vigo

As JAI xuntarán no Campus de Vigo máis dun milleiro de profesionais e estudantes

Xa se albisca ao lonxe a edición 2018 das Xorrnadas de Automatización Industrial (as JAI, polas súas siglas en inglés), con toda probabilidade o evento galego e estatal que máis ten feito por preparar o terreo do que hoxe en día se coñece como Industria 4.0, e tamén un dos máis referenciais á hora de tender pontes entre as empresas do sector (o elemento contratador) e o alumnado (o futuro equipo profesional desas empresas). A sétima edición das JAI, que se celebran do 12 ao 16 de marzo na Escola de Enxeñaría Industrial, foi presentada hoxe nos seus detalles polo coordinador e impulsar das xornadas, o profesor José Ignacio Armesto, e máis polo reitor, Salustiano Mato, quen adiantou que “todo indica que as JAI poderán dar en breve o salto e converterse na principal feira tecnolóxica deste sector no noroeste español”. O evento contará coa participación de máis 700 profesionais das principais empresas do sector, 400 estudantes e un convidado de excepción: o robot humanoide Yao, que hoxe amosou as súas habilidades.

Segundo fixeron saber Armesto e Mato, estes encontros oriéntanse á difusión das máis innovadoras e avanzadas tecnoloxías de automatización industrial, combinando as presentacións e conferencias impartidas por líderes sobranceiros no seu sector e por profesionais da industria, institucións e centros tecnolóxicos, achegándose un showroomcon 35 postos nos que mostrar a vangarda destas tecnoloxías.

Armesto e Mato tamén sinalaron que gran maioría de empresas que participan nesta sétima edición das JAI (dúas ducias de firmas que apoian o evento de xeito directo e ás que se suman outras como entidades colaboradoras) son multinacionais con presenza en España, algunhas delas presentes nas JAI dende a primeira edición, como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR. “A maioría son compañías moi asentadas no tecido industrial” que abandeiran o terreo da automatización e “adoitan estar presentes en feiras tan prestixiosas como a Automática en Münich ou SPS IPC Drives de Nüremberg”, explicou Armesto, quen fixo fincapé en que, “aínda que sexa de xeito moi modesto, as JAI están a pór a Galicia no mapa de encontros profesionais deste sector e permiten que, tanto os profesionais de aquí como o alumnado, poida coñecer de preto as principais novidades sen necesidade de desprazarse a Madrid ou Barcelona, no mellor dos casos”.

Armesto tamén lembrou que no programa de relatorios estarán presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo. Entre elas, PSA Peugeot Citroën, que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa; Repsol, que amosará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña; e Navantia, que dará a coñecer o seu proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos. O programa arrancará o luns 12 de marzo e logo da apertura oficial artellarase en diferentes conferencias. A primeira, correrá a cargo de Juan José Areal, responsable do Proxecto de Innovación en Proceso do Grupo PSA, que falará sobre automoción 4.0. e seguiranlle membros de Repsol (industria de proceso), Navantia (estaleiro 4.0), HP (vantaxes da tecnoloxía 3D) ou Kuka (robótica).

27/02/201808:09
Digitalizadas.
Santiago de Compostela

A raíña Leticia lanzará en Santiago o programa Dixitalizadas

Dixitalizadas, unha iniciativa estatal para achegar o coñecemento tecnolóxico a 5.000 mulleres da contorna rural, vai coller pulo na nosa terra. Aproximarnos aos obxectivos desta iniciativa que quere favorecer a inclusión TIC das áreas non urbanas, hoxe en día en claro risco de verse perpetuadas na fenda dixital (a que separa as contornas sociais plenamente afianzadas no uso diario das ferramentas tecnolóxicas e as redes de coñecemento das que non o están), é o gran obxectivo da cita deste 2 de marzo, prevista para o Hotel dos Reis Católicos de Compostela e en horario de 12.00 a 13.00 horas. A convocatoria servirá para presentar o programa Dixitalizadas e para poñelo en marcha dende Galicia. 

O acto será presidido pola raíña Leticia, por representantes das Administracións galega e estatal e polos responsables das entidades que desenvolven o programa, que son o xigante tecnolóxico Google e máis as entidades sociais Fundación Cibervoluntarios e a Fundación Mulleres. Máis polo miúdo, participarán Francisco Ruiz Antón, director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España, María Soleto, directora e vicepresidenta da Fundación Mulleres, Yolanda Rueda, presidenta da Fundación Cibervoluntarios, Dolors Montserrat, ministra de Sanidade, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

27/02/201808:03
Coruña Hacks.
A Coruña

Coruña Hacks quere axudar á cidade con obradoiros participativos de aplicacións

Os responsables da iniciativa Coruña Hacks (impulsada polo grupo GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña) veñen de anunciar o vindeiro desenvolvemento de proxectos de aplicación para as necesidades da cidade. As xeiras de traballo comezarán o 3 de marzo (de 11:00 a 20:00 no centro Ágora) e prolongarase alomenos até o mes de xuño, nos primeiros sábados de cada mes. Coruña Hacks, para que non o saiba, é un laboratorio permanente de hackatons nos “que aprender e traballar en común no desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas”. 

Nestes obradoiros a tempo completo teñen cabida “todas as persoas que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal sexa o seu nivel de coñecementos”, sinalan os impulsores.Coruña Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos “conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentables e con capacidade transformadora”.

Segundo engade o Concello a conto destes obradoiros, Coruña Hacks responde a estas liñas, ao igual que outros proxectos apoiados no seu momento por Coruña Dixital, como o primeiro Hackatiño de Datos Abertos e a súa segunda edición, que desenvolveu catro proxectos de aplicacións para mellorar a mobilidade na cidade. Neste intre as actividades atópanse en proceso de coller corpo definitivo, sobre todo no que se refire ao seu programa de relatores e temáticas concretas a tratar. Para perfilalo, Coruña Hacks está a recoller ideas e propostas na súa web, tanto de particulares como de colectivos, cun interese especial en suxestións que teñan que ver con necesidades da cidade, das súas asociacións e entidades, para traballar en resolvelas dende a perspectiva do código aberto, para, a partir de marzo, comezar a traballar.

27/02/201807:56
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Santiago pecha cunha xornada o seu programa para impulsar hábitos tecnolóxicos sustentables

A campaña ambiental e sustentable Longa vida aos teus aparellos electrónicos! está a piques de rematar en Compostela. Para celebralo e para conmemorar os importantes logros de concienciación e participación obtidos, os impulsores da iniciativa (o Concello de Santiago e a empresa Teimas a través de Tropa Verde) van organizar este 6 de marzo unha xornada de divulgación, O papel das cidades na Economía Circular. A cita será no edificio CERSIA e contará con relatores de referencia no ámbito da sustentabilidade tecnolóxica, o cambio climático e as posibilidades importantes de aproveitamento que ofrecen os refugallos TIC unha vez que entran en en desuso. 

Quen queira participar na xornada pode facelo enviando os seus datos á conta de correo comunicacion@revertia.com. A sesión de clausura insírese como dixemos na campaña Longa vida aos teus aparellos electrónicos!, un programa posto en marcha para fomentar a captación e o tratamento axeitado de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, aumentando as porcentaxes de reutilización e reciclaxe. A campaña foi posta en marcha polo Concello de Santiago de Compostela xunto coas empresas Teimas Desenvolvemento, Revertia e Recyclia. A finalidade foi “incentivar a responsabilidade ambiental nos cidadáns e cidadás de Santiago de Compostela e mellorar os índices de reutilización e reciclaxe destes residuos e prever así graves problemas de contaminación da auga, do chan e emisións de substancias tóxicas”.

Na presentación da iniciativa, celebrada o ano pasado, explicábase que para participar na mesma cumpría un rexistro previo na plataforma web tropaverde.org co fin de ir xuntando estrelas pola entrega de residuos eléctricos e electrónicos nos 14 puntos de recollida habilitados en centros socioculturais e polideportivos (as estrelas podíanse trocar despois por premios e descontos nos establecementos de Santiago que patrocinan o programa, premios entre os que se inclúe o sorteo, precisamente, de dous portátiles e dous teléfonos móbiles).

Na campaña incluíuse a recollida de equipos de informática e comunicacións como PC, portátiles, ou teléfonos móbiles; e pequenos electrodomésticos, como batedores, secadores de cabelo, torradoras, cepillos de dentes eléctricos, tabletas, consolas ou xoguetes a pilas. Tamén apañaron pilas e baterías.

26/02/201810:20
Persoa de costas tomando apuntamentos.
A Coruña

A Fundación Barrié abre a quinta convocatoria de Máis Social, centrada na mellora da comunicación das entidades sociais galegas con 65 prazas e un ambicioso programa de formación, mentoring, web e consultoría

  • Máis Social é un programa innovador da Fundación Barrié, dirixido ao fortalecemento do Terceiro Sector, a través do cal, desde o ano 2011, facilita ás entidades sociais medios e estratexias enfocadas a optimizar a súa xestión e promover un modelo de acción social economicamente sustentable.
  • A convocatoria Máis Social 2018-2019 ofrece 65 prazas orientadas a reforzar a comunicación externa das entidades non lucrativas galegas de acción social, distribuídas en varias liñas de apoio: Formación de 42 horas para mellorar as competencias de xestión da comunicación dixital (40 prazas); Servicios profesionais de mentoring de 48 horas para coñecer e practicar as funcións de Community Manager (10 prazas); Asistencia técnica para a implementación de páxinas web corporativas de 235 horas con impacto social a través do modelo de web Conecta (5 prazas) e Consultoría de 1 ano para o desenvolvemento de plans de comunicación externa (10 prazas).
  • O prazo de solicitude está aberto desde o 22 de febreiro ao 16 de marzo de 2018, ambos os incluídos.
  • 109 entidades de acción social e sen ánimo de lucro galegas e de ámbito nacional (confederacións, federacións, asociacións, fundacións…) beneficiáronse dos diferentes servizos facilitados polo Programa Máis Social desde a súa posta en marcha en 2011, o que lles permitiu optimizar a súa capacidade financeira e de xestión, potenciar a súa utilidade pública e aumentar a súa transparencia para a sociedade.
  • Con esta convocatoria a achega da Fundación Barrié ao Programa Máis Social ascende a máis  de 3.700.000 euros  (2011-2018).
  • A análise de impacto das primeiras dúas convocatorias pon de manifesto datos que avalan o cumprimento do obxectivo con indicadores tales como: o 70% das entidades alcanzan ou superan os seus obxectivos de profesionalización e sustentabilidade; o 60% das entidades elaborou ou actualizado o seu plan estratéxico; o 80% mellorou a súa web e presenza online e o 75% mellorou en transparencia.

 

A Fundación Barrié abriu o xoves 22 de febreiro, a quinta convocatoria de máis Social.

Máis Social, é un programa innovador da Fundación Barrié dirixido ao fortalecemento do Terceiro Sector, a través do cal, desde o ano 2011, facilita ás entidades sociais medios e estratexias dirixidas a optimizar a súa xestión e promover un modelo de acción social economicamente sustentable.

65 prazas para reforzar a comunicación externa das entidades non lucrativas galegas de acción social
O eixo da convocatoria Máis Social 2018-2019 oriéntase fundamentalmente a reforzar a comunicación externa das organizacións non lucrativas, por entender que a comunicación ten un valor estratéxico na xestión das organizacións e que a súa planificación é fundamental non só para mellorar a maneira de chegar aos seus grupos de interese, senón tamén para obter o pleno recoñecemento do valor social e tamén económico que estas entidades achegan á sociedade.

A Fundación Barrié asume integramente o custo das 65 prazas que se ofertan nesta convocatoria e que se distribúen en varias liñas de apoio.

Seguir lendo na fonte da noticia...

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS