
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Asociación Arela e a Fundación Barrié constatan, desde hai tempo, como se incrementaron as diferentes problemáticas relacionadas co uso polos máis novos das novas tecnoloxías, así como a necesidade de realizar unha reflexión por parte do alumnado, docentes e profesionais da intervención, en xeral.
Por iso, baixo o lema “2018: enreda na rede”, realizaranse ao longo dos próximos meses, unha serie de actividades orientadas á toma de conciencia sobre o uso das novas tecnoloxías por parte dos adolescentes (as súas vantaxes, os seus inconvenientes e os seus riscos por un uso inadecuado ou excesivo: sexting, grooming, ciberacoso escolar, gambling…) así como a identificar, por parte da comunidade educativa e profesional, condutas inapropiadas aprendendo estratexias para modificalas.
Concurso de deseño
Co obxectivo de fomentar o debate na aula sobre o uso das novas tecnoloxías, e de que os estudantes reflexionen sobre a utilización das redes sociais, achegando a súa visión persoal, ponse en marcha un concurso de deseño baseado na creación dun eslogan e unha representación gráfica sobre o bo uso das redes sociais entre adolescentes. O deseño máis valorado será utilizado para unha tirada de camisetas para a aula gañadora ou á que pertenza o autor/a do mesmo.
Está dirixido ao alumnado matriculado durante o curso 2017-2018 en centros educativos de Galicia en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica e Ciclos Medios de Formación Profesional, quen pode presentar as súas propostas entre o 15 de febreiro e o 15 de abril de 2018.
Máis información e bases en: http://www.fundacionbarrie.org/concurso-enredanarede-ktorce18
Taller para estudantes de ESO e bacharelato – Programa Desconecta
Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta, impartirá un taller destinado a estudantes de ESO e bacharelato, de carácter participativo, e actividades que proporcionarán o grao de dependencia ás novas tecnoloxías.
Data: 3 de maio 2018
Lugar: sede da Fundación, A Coruña (Cantón Grande, 9)
Hora: xornada de mañá
Inscricións: 986 212 537 ana@arela.org
Actividade sen custo
Xornada formativa para profesionais
O mesmo 3 de maio, pola tarde, celebrarase na sede da Fundación Barrié da Coruña unha xornada formativa para os profesionais da educación e a intervención social, que ten como obxectivo xeral crear un espazo de formación e reflexión sobre o uso das redes sociais entre adolescentes e como inflúe nos centros educativos, para poder identificar condutas inapropiadas e aprender estratexias para modificalas, así como coñecer experiencias destacadas no ámbito do traballo do bo uso das novas tecnoloxías.
Tamén contará coa participación de Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta. así como doutros profesionais vinculados a esta temática.
O prazo de inscrición á xornada abrirase a partir do mes de marzo.
Programa Ktorce-18 de prevención de condutas infractoras
“2018: enreda na rede” forma parte de Ktorce-18, unha iniciativa da Fundación Barrié e da Asociación Arela, que ten como fin achegar a Lei do Menor á comunidade educativa (pais, alumnado e profesorado) e que chegou a máis de 28.000 participantes desde a súa posta en marcha no ano 2012.
O programa KTORCE-18 seguirá tendo o seu eixo fundamental da intervención no contexto escolar na realización de charlas, para o alumnado e profesorado, así como para familias, convocadas polos departamentos de Servizos Sociais dos Concellos de Galicia.
Esta intervención ten o obxectivo xeral de tentar previr a comisión de feitos delituosos entre adolescentes, así como dar a coñecer o contido da Lei do Menor á sociedade. As charlas Ktorce18 pódense solicitar directamente a través das webs das entidades organizadoras: www.fbarrie.org e https://www.arela.org.
Máis información en:
Asociación ARELA
Rúa: Ernesto Lecuona, 11 baixo. 36205 Vigo
Persoa de contacto: Xullo Barreiro González
Teléfono: 986 21 25 37
Web: http://www.fundacionbarrie.org/ktorce-18
A aula CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) de Ferrol ofreceu o pasado ano preto de 500 horas de formación, destacando na súa maioría a referente á alfabetización dixital –iniciación á informática, ofimática, redes sociais, etc.–.
Ás devanditas actividades de 2017 acudiron un total de 273 persoas e, actualmente, o espazo situado no terceiro piso do Edificio Adiministrativo da Xunta –Praza Camilo José Cela– conta con 1.133 usuarios –un 1,7% da poboación total do municipio–, segundo datos facilitados pola administración autonómica, de quen depende a Rede CeMIT.
En canto ao perfil das persoas que fan uso deste servizo, a media é muller cunha idade entre 45 e 60 anos. Así, do número de usuarios totais, o 81 por cento son mulleres e o 19% restante homes e, por idade, o 66% dos usuarios teñen máis de 45 anos.
Actividades
A aula CeMIT de Ferrol é un dos 98 espazos públicos destas carcaterísticas existentes en Galicia –na comarca hai oito: Ferrol, Narón, Ares, Mugardos, Pontedeume, San Sadurniño, Ortigueira e As Pontes– que teñen a finalidade de conseguir a alfabetización dixital e a inclusión tecnolóxica dos seus habitantes, “de tal maneira que todo galego ten unha aula a media hora de distancia do seu fogar e pode acceder á formación presencial e tamén formación on-line desde calquera punto”, indica a Xunta.
A Rede caracterízase pola impartición de actividades formativas no campo da alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital, polo que actualmente na cidade naval están a levarse a cabo cursos de iniciación á informática e outros algo máis avanzados en colaboración coa Casa da Muller –referidos a un dos lotes de actividades ofertados no devandito espazo, xunto cos de empoderamento feminino e o primeiro lote referido ás áreas de desenvolvemento persoal e actividades cognitivas e físicas–, que comezaron o pasado mes de outubro e finalizarán en maio.
Así mesmo, a aula ferrolá tamén ten planificado realizar actividades no mes de outubro en colaboración con outras entidades con presenza na cidade como CCOO ou a ONCE.
Un dos obxectivos principais da Rede, tal e como sinalan desde a súa dirección, é “promover ou uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a Pemes e Micropemes as vantaxes da sociedade da información”.
Ademais, esta plataforma habilitouse para a formación e avaliación dos contidos para a obtención da certificación de competencias dixitais en ofimática (CODIX) en maio de 2014, polo que foron máis de 5.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.750 en cursos de teleformación tutorizada e 3.752 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.400 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte de Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas na aulas CeMIT.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de completar a renovación de 133 ultraportátiles para o alumnado dos 3 centros educativos da Comarca de Bergantiños, de 1.111 ultraportátiles para o alumnado dos 11 centros educativos das Comarcas de Santiago, Ordes e Sar e de 403 ultraportátiles para o alumnado dos 8 centros educativos das Comarcas da Mariña adheridos á iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar.
Os novos equipos dos alumnos poden ser empregados como portátil ou como tableta, son táctiles e traen integradas un amplo conxunto de aplicacións educativas agrupadas por categorías como imaxes en 3D de planetas, táboa periódica ou editor de moléculas para ciencias; dicionarios para as materias de lingua; apps de experimentos e circuitos eléctricos para física ou de operacións e gráficas para matemáticas, entre outras.
A renovación de equipamento é unha das melloras previstas pola Xunta para impulsar a extensión do libro dixital nos centros educativos galegos, á que se suman a posta en marcha dun Servizo de Soporte Premium, a ampliación de contidos e a mellora da conectividade dos centros.
Servizo Premium
Este ano activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica, online, email, apps..); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.
Alumnado, docentes e familias terán neste servizo unha única vía de atención, a través de diferentes canles para todas as cuestións relacionados co uso do libro dixital, dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. Desde este punto, atenderanse todas as dúbidas, consultas e incidencias que poidan ter os usuarios, resolvéndoas de xeito remoto, se é posible, ou activando os servizos presenciais para que estas se resolvan onde se atopen os usuarios se non fose posible resolvela remotamente.
O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran una atención presencial.
Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.
Novos Contidos
Respecto aos contidos, en marzo estarán dispoñibles os novos contidos do Grupo Planeta aulaPlaneta, que se incorpora como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais, Netex e Edebé.
aulaPlaneta integrará na plataforma do libro dixital máis de 7.800 recursos curriculares para 5º e 6º de Primaria e máis de 12.500 recursos para 1º e 2º da ESO. Ademais das materias obrigatorias, ofrece máis de 400.000 recursos educativos de animacións, fotografías e gráficos de alta calidade, vídeos e fragmentos sonoros, estatísticas actualizadas, atlas mundial, cronoloxías, artigos de temas de actualidade, navegador visual, etc. Tamén ofrece máis de 500 horas de formación a profesores para a integración e desenvolvemento da competencia dixital docente.
A proposta curricular de aulaPlaneta enriquece os contidos con secuencias didácticas adaptables ás necesidades da aula, propostas para fomentar a indagación, a investigación e o traballo colaborativo, así como exercicios para pensar e consolidar o aprendido.
Ademais, están en fase de licitación dous novos contratos: por un lado, o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos innovadores; e por outra parte, o contrato do provedor de contidos en inglés.
Mellora da conectividade
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspecto clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento preto do 95% dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86% do total, dispoñen de a lo menos esta velocidade, que este ano chegará ao 100%, dos centros educativos públicos que imparten primaria e secundaria.
Plan de formación dixital
Outra das medidas é o desenvolvemento dun plan continuo de formación dixital a docentes. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas sobre a educación dixital. Actualmente, estanse a desenvolver plans de formación permanente do profesorado sobre E-Dixgal en 40 centros.
Investimento
O goberno galego investirá un total de 27 millóns de euros no curso 2017-2018 no desenvolvemento de todas estas liñas de actuación para consolidar a educación integramente dixital en Galicia.
Centros adheridos á iniciativa E-Dixgal en Bergantiños
Centros adheridos á iniciativa E-Dixgal nas Comarcas de Santiago, Ordes e Sar
Centros adheridos á iniciativa E-Dixgal nas Comarcas da Mariña
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Fundación Vodafone, pon en marcha preto de 40 actividades formativas en diversas localidades con aula CeMIT destinadas a introducir principalmente ás persoas maiores de 45 anos no manexo dos teléfonos móbiles “intelixentes” e das tabletas, así como nos seus diferentes usos e aplicacións.
Estas actividades, que comezan o luns 26 de febreiro, chegarán a un mínimo de 20 aulas da Rede que ofertan máis de 600 prazas libres e gratuítas distribuídas entre os meses de marzo a novembro. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos e de tabletas para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo.
As vantaxes que ofrece o uso destes terminais tecnolóxicos para as persoas maiores son innumerables en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…), a posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…), maior relación cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…), un acceso máis rápido a información (noticias e prensa on-line…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde), en calquera lugar e a calquera hora.
As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.
As persoas interesadas na asistencia a estas iniciativas formativas poderán consultar as datas de realización por localidades na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas organizadoras para resolver ás dúbidas que poidan xurdir á hora de formalizar a súa inscrición
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.
Fundación Vodafone
A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente. dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove diversos programas de formación con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación e a excelencia docente nas novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Outros obxectivos da Fundación son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios. www.fundacionvodafone.es
*Xúntase listado de localidades onde se desenvolverán estas actividades
Aula CeMIT de
Provincia
1
BETANZOS
Coruña, A
2
BOIRO
Coruña, A
3
BRIÓN
Coruña, A
4
CORUÑA, A
Coruña, A
5
FISTERRA
Coruña, A
6
OROSO
Coruña, A
7
PONTEDEUME
Coruña, A
8
PONTES, AS
Coruña, A
9
SAN SADURNIÑO
Coruña, A
10
SANTA COMBA
Coruña, A
11
BARREIROS
Lugo
12
CARBALLEDO
Lugo
13
FOZ
Lugo
14
QUIROGA
Lugo
15
RIBADEO
Lugo
16
CASTRO CALDELAS
Ourense
17
XUNQUEIRA AMBÍA
Ourense
18
CUNTIS
Pontevedra
19
MARÍN
Pontevedra
20
VALGA
Pontevedra
BBVA vén de lanzar unha aplicación móbil (BBVA Para Todos) para converter en plenamente operativa a súa rede de caixeiros (6.300 dispositivos fixos) de cara as persoas cegas. A ferramenta, dispoñible para móbiles con Android e iOS, tamén ten importantes potencialidades de uso para persoas con capacidades diversas funcionais ou de tipo cognitivo. Segundo informa a entidade bancaria, a app guiará ás persoas coas devanditas características até o caixeiro que elixan, facilitándolles logo a operación de retirada de efectivo. O obxectivo do BBVA era contrarrestar os atrancos que presentan os caixeiros táctiles para as persoas cegas ou con outras diversidades
A ferramenta foi desenvolvida ao longo dun ano en colaboración con Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade e un grupo piloto de máis de 50 persoas con discapacidade, que testaron a ferramenta e participaron no desenvolvemento das súas melloras. Segundo informa acerca do seu funcionamento Luis Javier Blas, director de Enxeñaría do BBVA, “a partir de agora os nosos clientes invidentes poderán acceder á aplicación BBVA Para Todos e reservar a cantidade de diñeiro que necesiten sacar en calquera dos nosos caixeiros. Unha vez que cheguen ao caixeiro elixido, só terán que introducir o seu pin e entregaráselles a cantidade previamente solicitada na app”.
Ademais das persoas cegas, tamén se poden beneficiar desta tecnoloxía persoas coas devanditas capacidades diversas ou persoas maiores, xa que a ferramenta introduce un importante factor de seguridade e de confianza que antes non existía. Nas vindeiras semanas, a app recibirá varias melloras. Por unha banda, será posible que os usuarios poidan acceder á aplicación móbil mediante a súa pegada, “unha técnica de identificación biométrica avanzada moi segura”, en palabras do BBVA. Doutra banda, tamén poderán identificarse no caixeiro a través do NFC do seu móbil e, por tanto, sen ter que introducir o cartón na fenda do caixeiro, “unha operación que en varios tipos de diversidade funcional pode ter algunhas dificultades”, explica a entidade bancaria vasca.