
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O vindeiro 3 de marzo, no Lar de Endesa en As Pontes, terá lugar unha nova xornada de traballo dos Amigus Labs, os espazos cooperativos de arte, creación dixital e formación organizados pola asociación Amigus. A nova xornada, o encontro Maker 18.2, os participantes entrarán en contacto cos prototipos cos que se veñen traballando nos obradoiros previos, prototipos con base en Arduino e Raspberry PI. A xeito de exemplo, avanzarase no camiño iniciado no laboratorio de febreiro cun robot velocista, levando a cabo a montaxe de máquinas “corredoras” de competición, pequenos vehículos intelixentes de carreiras, controlados por un microcontrolador ATmega328 con micromotores, Bluetooth e equipado con sensores, cámaras e demais elementos de recoñecemento.
Outro equipo de traballo porá a punto a fresadora CNC, cos últimos retoques na estrutura para poñela a pleno rendemento. Ao abeiro do recanto Amigus Labs Kids comezarase un novo proxecto que será madurado ao longo dos vindeiras catro sesións; a creación de reloxos dixitais. Nesta primeira sesión analizarase o produto, aprenderase a modelar en 3D e a imprimir as pezas resultantes nas impresoras 3D. Segundo informa Amigus, é recomendable carrexar á sesión un portátil ou PC para traballar cada un no seu propio equipo. A idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde. Tódalas actividades realizaranse en horario de 11:00 a 20:00 horas, facendo unha parada para xantar, de 14:00 a 16:00, no propio Lar, cun prezo de 15€/persoa (opcional). Para asistir ao laboratorio tamén podemos acudir equipados co noso computador e todo o necesario para poder conectalo a un só enchufe. Podemos inscribirnos no obradoiro (antes do 1 de marzo) a través do seguinte correo: amigus@amiguslabs.org. Organizan: Asociación Informática Amigus, Amigus Labs e Merca Nas Pontes.
Entre as empresas galegas que van ter presenza na edición 2018 do salón Mobile World Congress de Barcelona atópase a firma Tecalis Innovación, con sede de seu no Milladoiro (Ames). Tecalis, segundo acaba de informar, presentará na dita feira a plataforma Signen, unha tecnoloxía de seu que permite asinar acordos entre dúas ou máis persoas a través de diferentes xeitos, algúns deles tan innovadores como os formatos de audio ou de vídeo.
Signen, o primeiro produto propio da empresa galega, ten importantes potencialidades para unha manchea de sectores. A súa presenza no salón Mobile World Congress, que se celebra a partir do 26 de febreiro, está a xerar interese. “Mesmo dende unha moi coñecida multinacional tecnolóxica estadounidense que cotiza en NASDAQ”, informa Tecalis.
A plataforma Signen, amais de polo devandito, tamén salienta por ser doada de empregar, botando man da mesma filosofía accesible que WeTransfer, por poñer un exemplo ilustrativo. A metodoloxía que mostra é ben sinxela: modelo open cun email do emisor, email do/os receptor/es, documento que se adxunta, elixir método de sinatura-aceptación e validación final da firma.
A tecnoloxía de Tecalis, ademais, pode empregarse para contratos privados entre persoas (compravenda, aluguer de inmobles, acordos de carácter privado, etc) e pode usarse entre empresas (acordos mercantís, en sinaturas de contratos e en todo tipo de documentos), e tamén inclúe unha API aberta que permite integrar Signen cos programas de xestión da nosa compañía.
Lembrar tamén que a plataforma está elaborada con tecnoloxía Blockchain, que garante a máxima seguridade, e é de balde. Pode usarse en versión web ou en versión aplicación móbil para dispositivos con iOS ou con Android.
O vindeiro día 28 celebrarse na Fundación Barrié da Coruña a edición número 15 do evento solidario Coruña Bloggers no que entusiastas da Internet, as redes sociais e outras tecnoloxías próximas xúntanse para asistir a un par de relatorios e achegar un mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica (o que podería considerase como o prezo para acudir a este evento de balde).
O primeiro relator da xornada será Antonio Cambronero, un dos referentes dos mundo dos blogs en fala hispana, tanto pola súa longa experiencia como pola súa vertente formativa e divulgadora, que estará presente a través de streaming para repasar as adaptacións técnicas necesarias para cumprir co regulamento xeral de protección de datos nun blog de WordPress.org nos formularios de contacto, formularios de comentarios e formularios de subscrición. Tamén repasará detalles técnicos para integrar MailChimp e WordPress.org como exemplo dun servizo de e-mail marketing afectado polo acordo de Privacy Shieldpara transferencias internacionais de datos entre a Unión Europea e EE.UU.
O segundo relator do encontro será Álvaro Fontenla, da empresa de hospedaxe web Raiola Networks, quen impartirá unha charla sobre servizos de aloxamento de páxinas web.
Tras a parte formal do evento, os asistentes acudirán a un local de hostalaría próximo, La Taberna de Rita, para a habitual sesión de networking.
Os interesados en acudir ao 15º Coruña Bloggers poden xa solicitar a súa invitación a través de Eventbrite.
A organización (Interplay Producións e o Concello de Carballo) da nova edición do Carballo Interplay de contidos dixitais e webseries quere que esta convocatoria 2018 pase á historia como a máis concorrida e a que máis actividades acubille. Sen ir máis lonxe, onte pechouse o prazo para a recepción de contribucións para competir na sección oficial, recibíndose finalmente 250 achegas procedes de todos os continentes. Porén, malia este peche do prazo oficial para o envío de candidaturas, aínda fica unha porta aberta.
Segundo informa a organización, as creadoras e creadores que quedasen coas ganas de participar, porque aínda non teñen unha serie producida pero que si vontade de creala, poden darlle forma ao seu proxecto e presentalo antes do 18 de marzo ao premio ao proxectos de webserie en galego (sen límite de temas e cunha dotación económica de 1.500 euros).
Amais destes datos, Interplay Producións e o Concello de Carballo tamén informaron hoxe de que esta edición do certame será, ante todo, unha celebración da figura da muller creadora. Nas súas palabras, o CIP 2018 (que se celebra os días 4, 5, 6 e 7 de abril), será unha homenaxe ás mulleres pioneiras da tecnoloxía e do audiovisual, reivindicando o traballo da actriz e inventora Hedy Lamarr (precursora da tecnoloxía móbil, GPS e Wi-Fi), da matemática e escritora británica Ada Lovelace, da primeira persoa que dirixiu unha película de ficción e pioneira dos efectos especiais Alice Guy, da matemática Joan Clarke, da inventora do e-book Ángela Ruiz Robles, da pioneira da música electrónica Delia Derbyshire, da científica computacional, matemática e enxeñeira de sistemas Margaret Hamilton, da precursora da Internet Radia Perlman, da enxeñeira e programadora Mary Allen Wilkes e da pioneira no deseño de interfaces de usuario, Susan Kare.
Esta semana, tendo como base o día 11 de febreiro, celebrouse a nivel internacional o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha conmemoración sen fronteiras que, como indica o seu nome, diríxese a conmemorar o espírito científico das mulleres e as cativas e, tamén, a reparar unha inxustiza de séculos que, aínda hoxe, perpetúase a moitos niveis (a invisibilización das mulleres e as cativas creadoras). Os días pasados fixemos reconto das actividades preparadas pola USC e a UDC para conmemorar o acontecemento. A maiores, a Universidade de Vigo sumouse á celebración cunha manchea de accións divulgativas e reivindicativas que permitiron cousas como crear videoxogos ou facer achados científicos. Os actos discorreron coa seguinte proclama: “Hai unha lista moi larga de mulleres que dedicaron a súa vida á ciencia, todas mulleres incribles que axudaron e axudan ao desenvolvemento das ciencias, quizais algún día unha de nós tamén forme parte dese grupo”.
A dita proclama, extraída do segundo Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia organizado ao abeiro das actividades da UVigo para conmemorar esta xornada, veu da man da nena Noa Rodríguez, que foi quen se impuxo (cunha redacción de seu) no devandito certame. A Universidade por enteiro adheriuse ás súas palabras, tal e como se fixo saber o pasado venres na I Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A xornada estivo organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.
Co lema Exxperimenta en feminino, a actividade reuniu no Edificio Politécnico a arredor de 300 escolares da provincia de Ourense co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as futuras xeracións poñendo o foco en mostrar o labor das mulleres científicas e tecnólogas. Ao longo da mañá, os estudantes puideron participar nunha ducia de actividades “cun enfoque divulgativo, interactivo e ameno”. Estas accións, sinalan as organizadoras, permitiron á rapazada asistente poñerse na pel de científicas da vida (tiveron a oportunidade de albiscar microorganismos na auga) ou de desenvolvedores de ferramentas dixitais (puideron crear pequenos videoxogos).
No desenvolvemento das actividades participou persoal docente e investigador dos tres centros implicados nesta iniciativa, principalmente mulleres. A nivel docente, na xornada participaron as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo. Segundo fixeron saber, cómpre tomar medidas ante o descenso que se está a producir de mulleres nas titulacións ligadas ás TIC e á ciencia e á enxeñaría. Citando como exemplo o caso da Escola Superior de Enxeñaría Informática da que ela é subdirectora, Alma Gómez advertiu como “se hai 20 anos as mulleres representaban arredor do 30% do alumnado de novo ingreso da nosa escola na actualidade é un 10/12%. Estase perdendo o talento da metade da poboación”. Neste contexto de preocupación, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, salientou como a posta en marcha de Exxperimenta en feminino “é unha iniciativa fantástica e moi necesaria, que ten ademais o valor de xurdir do propio profesorado de varios centros”.