
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Deputación de Lugo anunciou hoxe que xerará no eido da provincia outros 188 novos postos de traballo en empresas e colectivos sen ánimo de lucro. Farao a través da cuarta edición do programa Ben Empregado e, igual que en convocatorias previas, apostando polas profesións TIC (entre outras moitas). Novamente, a entidade que preside Darío Campos asumirá durante 1 ano os custos laborais dos novos traballadores con 2,4 millóns de euros (ao cen por cen no caso de contratos a persoas con capacidade diferentes, ás que están risco de exclusión social e ás que retomen a súa actividade laboral en colectivos socias; e nun 50% cando as contratacións sexan a desempregados lucenses en xeral). Os empregos a crear abranguerán todos os sectores, incluído o das novas tecnoloxías. De feito, impulsaranse novamente os comunity managers ou os técnicos en informática.
O presidente Darío Campos, na presentación destes 188 novos postos de traballo, puxo en valor o “esforzo que estamos a facer dende o Goberno provincial para xerar emprego de calidade para os lucenses e na nosa provincia”. Segundo engadiu, malia que “a Deputación non ten as competencias directas en emprego”, dende o Executivo provincial “non miramos cara a outro lado, pois a nosa prioridade son as persoas”. Campos engadiu que, neste senso, o esforzo investidor xa foi alén dos 20 millóns de euros na xeración, nos 67 concellos da provincia, de máis de 1.000 empregos para lucenses a través do Ben Empregado e do DepuEmprego.
O prazo de solicitude para participar abrirase o vindeiro luns e ficará aberto até o 19 de febreiro. Os interesados deberán inscribirse a través da Axencia de Colocación da Deputación. Poden facelo de maneira telemática, entrando directamente a http://deputacionlugoportalemp.com, que o enderezo da plataforma web da dita Axencia, ou ben entrar en www.deputacionlugo.gal e logo premer no bannerda Axencia. Unha vez entradas nesta plataforma, as persoas interesadas deberán rexistrase e acceder ao Espazo do Demandante, onde verán todos os empregos ofertados para solicitar os mesmos. Tamén poden inscribirse, de xeito presencial na oficina da Axencia de Colocación da Deputación, que se sitúa no primeiro andar do Pazo de San Marcos.
Como dixemos, os 188 empregos son en practicamente todos os sectores, incluído o sector das novas tecnoloxías e os chamados da innovación (comunity managers, técnicos superiores en sistemas informáticos, programadores, deseñadores gráficos, etc).
O temor a que as máquinas nos substitúan nos nosos traballos xerou certa aversión cara á robótica. Unha coñecida teoría neste campo sostén que, canto máis se parece a nós un androide, maior é o noso rexeitamento cara a el. Con todo, moitas persoas con necesidades especiais atopan nalgúns robots ao amigo que non poden ver noutros humanos.
Paro
Paro non é unha foca calquera. Non é fácil atopala en Groenlandia, de onde procede a súa especie, e sería bastante estraño vela nun zoo. O seu hábitat natural é o colo de persoas maiores con necesidades especiais, fundamentalmente con demencia e alzheimer, aínda que tamén pode atoparse entre os brazos de mozos con autismo.
A foca robótica máis famosa do mundo, que apareceu en series como Os Simpson e Master of None, naceu hai 15 anos no Instituto Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Industrial Avanzada de Xapón como unha ferramenta terapéutica non farmacolóxica —así a recoñeceu a Axencia Estadounidense do Medicamento— que reduce a tensión e a ansiedade, activa a comunicación, favorece a autonomía e aumenta a autoestima.
“O seu tacto suave convida a acariñala e o seu peso, de dous quilos e medio, lembra ao dun bebé, o que evoca emocións positivas a pacientes que foron nais”, explica Rocío Alonso-Redondo, directora de comunicación de Adele Robots, a empresa que comercializa Paro en España baixo o nome de Nuka. “Con todo, evitouse caer no seu deseño nunha imaxe infantil, xa que o seu uso está pensado para persoas adultas, aínda que teñan deterioración cognitiva”.
O robot segue coa mirada a quen lle fala por medio do sistema de intelixencia artificial que leva incorporado, detecta o tacto de quen lle acariña grazas aos sensores nos seus bigotes e barriga e interpreta se lle están tratando con agarimo. “Elixiuse un bebé foca porque non temos ningunha idea preconcibida sobre o comportamento deste animal, o que implica que o paciente non vai presupoñer as súas reaccións”, engade Alonso-Redondo.
A súa aparencia e a experiencia derivada do seu uso é o resultado do traballo conxunto de profesionais que exceden o campo da enxeñería. No seu desenvolvemento, participou un equipo multidisciplinar de artistas plásticos, pedagogos, psicólogos, profesores e expertos en comunicación.
Robot NAVE
Os investigadores do CSIC Manuel del León e Luis Miguel Martínez consideran que os autistas teñen menos dificultades para interactuar cos androides porque estes presentan patróns de comportamento sinxelos e facilmente identificables que lles achegan seguridade.
A compañía francesa Aldebaran descubriu este potencial oculto nos seus deseños con Nave. Trátase dun robot humanoide de 58 centímetros provisto de sensores táctiles, capaz de recoñecer voces, obxectos e caras e de interactuar con humanos mediante un sistema de intelixencia artificial.
Na súa caseta nunha feira científica, unha nai confesou á empresa que nunca vira á súa filla autista de dous anos responder ante un estímulo como o facía con aqueles androides. Desde entón, impulsaron o seu uso como ferramenta terapéutica en colexios e institutos.
Stephanie Shirley, fundadora de Priors Court, unha escola para nenos con autismo severo pioneira neste tipo de terapia, recoñeceu nunha entrevista á BBC que non todos respondían ao robot, pero os que o facían, relacionábanse con el de maneira sorprendente. “Vin como un alumno despedíase do robot cun bico; e falamos dun neno que normalmente non quere bicar nin á súa nai", dixo.
Leka
Leka é un robot esférico deseñado para nenos con necesidades especiais. Os seus sensores permítenlle entender os estímulos que recibe e responder con luces e cores para que os mozos poidan participar dos xogos que lles propón mentres avalía os seus progresos. A súa pantalla emite dous grandes ollos e unha boca cos que expresa emocións que o neno poida comprender. A súa forma permítelle desprazarse por calquera estancia sen problemas.
Para facilitar a dinámica de xogo, Leka está vinculado a unha tablet, que tamén serve como control remoto. “Queremos que sexa o can guía de nenos autistas; coleccionar os datos que recollan os nosos robots e ofrecelos a pais, investigadores e terapeutas”, explica o responsable desta iniciativa, Ladislas de Toldi, nun vídeo promocional. “Podemos axudar a descubrir patróns que outras ferramentas de investigación non son capaces de recoller”.
De Toldi asegura que os xoguetes destinados a mellorar o desenvolvemento cognitivo non destacan por ser baratos e considera que o prezo polo que pensa comercializar o seu robot —algo menos de 700 euros— é razoable para que unha familia poida adquirilo e non teña que depender dun centro especializado en terapia infantil.
Tico
A empresa que comercializa Nuka, Adele Robots, desenvolve desde 2011 Tico, un androide social que favorece o diagnóstico de trastornos na linguaxe, déficit de atención e hiperactividade. Mediante unha serie de probas e cuestionarios que realiza grazas ao seu sistema de intelixencia artificial, Tico crea un vínculo afectivo que axuda a enriquecer as habilidades motoras, sensoriais e sociais de nenos con problemas.
O seu aspecto amigable (a súa cara componse exclusivamente de dous grandes ollos) convérteo nun robot polivalente: participa en campañas publicitarias e no ámbito educativo indistintamente. “O seu deseño pode lembrar a Johnny 5 da película Curtocircuíto, ou a Wall-E, segundo a que xeración pertenzas”, explica Alonso-Redondo. “Esta familiarización non é casual; está pensado para que se empatice con el con máis facilidade”.
Mensualmente os albaneis da nube xúntanse en encontros gastronómicos por distintas localizacións galegas para fornecer o contacto dos distintos axentes do sector TIC galega, e esta iniciativa chamada LaconNetwork ten xa como unha tradición iniciar o ano celebrando o seu aniversario e celebrando unha gala de entrega de premios que axude a dar visibilidade a iniciativas tecnolóxicas da nosa terra.
Este ano non foi un caso distinto, pero os premios desta edición organizáronse en colaboración co Clúster TIC Galicia, de xeito que coñécense como Premios TIC Galicia, que entregáronse esta mesma mañá en PALEXCO (A Coruña), nunha gala integrada no encontro de 8º aniversario da LaconNetwork, e que estivo conducida polo xornalista Fran Hermida.
Os galardoados desta edición foron Visual Publinet pola Mellor Campaña de Marketing Dixital (pola campaña de lanzamento de Trazers); Boardfy Pricing como a Mellor Startup; Xercode Media Software veu recoñecida a súa implantación de Koha ILS na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia; Bahía Software conseguiu vencer na categoría de Innovación polo seu proxecto uFOREST; na categoría de internacionalización o galardón foi parar a Netex Knowledge Factory; o premio ao mellor evanxelizador foi para José Luís Gómez de La Casa de la Aldea; Tino Fernández (Altia Consultores) recibiu un recoñecemento á súa traxectoria profesional; Supervisión y Control recibiu unha mención especial como empresa tractora pola súa aposta por startups galegas e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) recibiu unha mención especial como Iniciativa TIC pola axuda á creación, lanzamento e/ou asentamento de empresas e ao propio emprendedor.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que encabeza unha delegación galega que pretende atraer investimentos israelís á rexión ofrecendo incentivos e vantaxes fiscais á implantación, mostrou o seu interese polo puxante sector en Israel das tecnoloxías asistivas para persoas con discapacidade. No marco desta misión comercial, Feijóo, xunto co seu conselleiro de Economía, Francisco Conde, unha vintena de empresarios galegos e representantes de centros tecnolóxicos, visitaron as instalacións de OrCam en Xerusalén. Esta compañía desenvolveu OrCam MyEye®, un dispositivo de lectura e recoñecemento visual para persoas cegas ou con discapacidade visual.
OrCam MyEye® é un lixeiro sistema tecnolóxico que se axusta á patilla dunhas lentes. Baseándose na aprendizaxe por intelixencia artificial dos algoritmos desenvolvidos pola empresa israelí, o dispositivo permite ás persoas con discapacidade visual ou lectora (por cegueira total, enfermidade, baixa visión, dislexia, etc.) manter a súa autonomía e independencia.
Para Feijóo, que busca poñer a Galicia fronte ao espello do modelo israelí en materia de innovación e tecnoloxía, o exemplo de OrCam é unha proba do poder transformador das empresas dun país cando se estimula a I+D. O presidente da Xunta experimentou de por si as posibilidades de OrCam MyEye®, “un sistema revolucionario de visión artificial que supón un impresionante desenvolvemento tecnolóxico, solucións innovadoras para problemas reais”. E o que é máis importante, “mellora a vida dos millóns de persoas no mundo que teñen cegueira ou discapacidade visual”, concluíu.
A cámara intelixente converte a información visual en audio a tempo real. OrCam MyEye® pode ler texto, recoñecer caras e identificar produtos para as persoas que son cegas ou con discapacidade visual. Le calquera texto impreso ou dixital en todo tipo de superficies, incluíndo xornais, libros, pantallas de computador, menús de restaurantes, as etiquetas dos produtos do supermercado e letreiros e sinais da rúa, transmitindo todo ao instante ao usuario a través dun mini altofalante incorporado. Actívase mediante un simple xesto intuitivo, sinalando co dedo ou pulsando un botón, e funciona de forma autónoma, sen necesidade de contar cunha conexión a Internet ou a un computador.
Co obxectivo de proporcionar independencia aos seus usuarios, OrCam MyEye® recoñece as caras de familiares e amigos previamente gravadas, e tamén pode sinalar o valor dos billetes. Mesmo di a hora co simple xesto de mirar a boneca, e é que os creadores deste dispositivo primaron a facilidade de uso e a súa discreción.
Máis información na Web de ORCAM.
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo en Vigo un encontro con comerciantes no que se lles informou e se lles resolveu as súas dúbidas sobre as axudas da Xunta para apoiar este ano, con preto de 4,5 millóns de euros, a modernización e impulso do pequeno comercio e dos obradoiros artesanais galegos.
A través de tres iniciativas, financiaranse proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; e programas da competitividade da artesanía galega.
O obxectivo destas convocatorias, que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), é ofrecer, segundo destacou Vázquez Abeal, un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Deste xeito, impúlsase entre o comercio e os obradoiros artesáns galegos a súa presenza na rede, a incorporación de ferramentas TIC de xestión e a mellora da loxística coa implantación do packaging axeitado.
Por unha banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará con máis de 3,1 millóns de euros a dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade deste ano, tamén artesanais para a implantación de solucións dixitais que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral dun local.
O investimento subvencionable, segundo o tipo de axuda solicitada, poderá ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda será en todos os casos do 50%.
Doutro lado, en canto á liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, contará cun orzamento dun millón de euros e poderanse beneficiar pemes e, no caso do desenvolvemento dun proxecto pop up, tamén comerciantes on line e, como novidade, fabricantes. A directora xeral de Comercio explicou que o que se pretende é impulsar a apertura de novos establecementos comerciais por titulares doutro comercio cun mínimo de dous anos de antigüidade, así como proxectos pop up por un prazo máximo de dous meses nun concello distinto onde se veña exercendo a actividade. No primeiro caso o investimento subvencionable máximo vai dos 3000 aos 60.000 euros e no caso das iniciativas pop up vai ata os 8000 euros. En todos os casos cóbrese o 50%.
Por último, apoiarase con 255.000 euros o fomento da comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. As axudas, dirixidas á promoción a través da participación en feiras e certames e a organización de eventos feirais, están destinadas a obradoiros artesanais, asociacións profesionais de empresarios e artesáns e concellos. As axudas máximas serán de 8000, 30.000 e 15.000 euros respectivamente e a intensidade pode chegar ao 80%.
Con estes tres programas, a Xunta, segundo salientou Vázquez Abeal, agarda impulsar o comercio e a artesanía galegas coa finalidade de potenciar un tecido comercial diverso, moderno, competitivo e de calidade; adaptalo ás novas realidades co obxectivo de gañar en competividade e mellorar a imaxe dos centros urbanos das cidades facéndoos máis atractivos. Estas liñas permitiron, en 2017, apoiar preto de 375 proxectos con case dous millóns de euros.
Estas axudas reforzaranse con outras accións dirixidas a potenciar os espazos comerciais e o asociacionismo cun orzamento adicional de catro millóns de euros e enmárcanse no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020.