
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Este mércores Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Martín Gómez, director de Bahía Software, asinaron un convenio marco de colaboración entre as dúas entidades anunciando xa a que será a primeira acción que se desenvolverá ao seu abeiro, a creación da Cátedra Bahía Software de Innovación Tecnolóxica. O obxectivo da iniciativa, que terá a súa sede na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus, será promover o intercambio de experiencias investigadoras, empresariais e de coñecemento entre a empresa e a institución académica.
Segundo apuntou o reitor trala sinatura do convenio, a cátedra permitirá o desenvolvemento de accións de “formación, captación e retención de talento e dar mellores e máis oportunidades aos nosos estudantes”. Ademais, engadiu, permitirá desenvolver iniciativas no campo da investigación e a innovación. Estas cátedras con empresas, lembrou Salustiano Mato, xorden para “atender a través do coñecemento as demandas da sociedade, neste caso as empresas”, apostando “por unha intensa transferencia ao sector empresarial, ao mundo real”. O convenio asinado con Bahía Software, recalcou o reitor, suporá “pasar dunha colaboración puntual a unha estrutural, estratéxica e institucional”.
Pola súa banda, Martín Gómez salientou como a posta en marcha deste convenio marco xorde tras colaboracións puntuais coa Escola Superior de Enxeñaría Informática que se desenvolveron de xeito "moi satisfactorio". Tendo en conta que “a innovación é clave nos días que corren”, o director de Bahía Software subliñou como a posta en marcha desta cátedra permitirá “o desenvolvemento de proxectos e tecnoloxías innovadoras”. “Aquí hai moito talento”, afirmou en referencia á Universidade. Esta iniciativa, apuntou por último, permitirá “achegar a empresa á universidade e a universidade á empresa”, xerando “moito valor ás dúas partes” e unindo “experiencia, coñecemento e talento”.
Tres liñas de actuación
Desde Bahía Software apuntan que a cátedra “impulsará a colaboración conxunta en actividades de formación dual e xeración, difusión e transferencia de coñecemento na área da enxeñaría informática e do desenvolvemento de software”. No eido da formación dual está previsto actividades como a organización de conferencias e seminarios, concesión de bolsas para o traballo do alumnado en contornas reais ou con proxectos simulados e apoio á realización de teses de doutoramento e traballos de fin de grao e mestrado. No eido da difusión e transferencia de coñecemento contémplanse accións como a realización de xornadas de divulgación técnica e tecnolóxica e publicación de traballos sobre temas de interese. Por último, en I+D+i a cátedra pretende ofrecer apoio á realización de traballos de investigación e participar en proxectos de I+D+i conxuntos, seminarios, foros e encontros de expertos no ámbito da innovación tecnolóxica.
A cátedra estará dirixida por Francisco Javier Rodríguez, profesor da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos do Departamento de Informática da Universidade de Vigo e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Contará cunha comisión de seguimento paritaria, integrada por tres representantes de Bahía Software e tres representantes da Universidade de Vigo.
Un total de 864 alumnos e alumnas con parálise cerebral e outras discapacidades con grandes necesidades de apoio, beneficiaranse das novas tecnoloxías, grazas ás accións formativas que se poñerán en marcha en 19 entidades ASPACE. Estes cursos están dirixidos a profesionais das entidades, que poñerán en práctica posteriormente co alumnado os contidos aprendidos, a través de actividades e obradoiros.
Gabriel Sande, alumno de ASPACE Coruña descubriu nas novas tecnoloxías unha ferramenta perfecta para poder levar a cabo todo o que fai calquera neno, como o momento tan especial de soprar unhas velas polos seus aniversarios. Mediante a adaptación dun secador e accionando un pulsador, Gabriel, pode soprar as velas da súa torta sen que teña que axudarlle unha terceira persoa. Un xesto moi sinxelo, pero para el unha satisfacción persoal moi grande.
'Fixen un programa de radio, falei polo micrófono e saía pola tele, e mesmo contaba chistes'. Javier participou en 'Pegadas de cores', un programa de radio que realizan os alumnos e alumnas de Fundación Numen grazas ás novas tecnoloxías.
En total serán 363 profesionais de 19 entidades ASPACE (ASPACE Coruña, AMENCER ASPACE, ASPACE Xixón, ASPACE Asturias, ASPACE Bizkaia, ASPACE León, ASPACE Salamanca, ASPACE Barcelona, Escola Guimbarda, ASPACE Navarra, APCA Alacante, AVAPACE, ASPACE Baleares, ASPACE Zaragoza, ASPACE Huesca, UPACE San Fernando, APACE Toledo, APACE Talavera e Fundación Numen) quen levará a cabo estes cursos de formación, grazas á subvención do Ministerio de Educación.
Os obxectivos que se perseguen con estas accións formativas, son facilitar e reforzar a comunicación e participación do alumnado a través da utilización das TIC, así se conseguen satisfacer as súas necesidades emocionais e de autoestima, e ofrécenselles técnicas innovadoras que melloren a súa calidade de vida.
En concreto realizaranse dous tipos de accións formativas, 'Manexo de ferramentas tecnolóxicas na aula', que ten como obxectivo expoñer de maneira práctica os principais recursos tecnolóxicos para mellorar a autonomía e a participación das persoas, a través da utilización do computador, tablets, lousas dixitais, etc. para persoas con dificultades de acceso.
A segunda acción formativa que se poñerá en marcha é 'Expresión e participación a través de distintas ferramentas tecnolóxicas', co obxectivo de coñecer os produtos tecnolóxicos aplicados na aula a través de experiencias lúdicas de aprendizaxe, facilitando a participación na contorna inmediata e social, e a asimilación de contidos pedagóxicos, adaptando a actividade ás capacidades e intereses de cada neno e nena.
Acceso a esta noticia na Web da Confederación ASPACE.
Bankinter e COCEMFE consolidan a plataforma de inserción laboral para mulleres con discapacidade que acordaron crear conxuntamente mediante a firma dun convenio de colaboración.
A Plataforma Dixital Networking Redem é unha canle innovadora e sustentable de inserción laboral 2.0 que pon en contacto a mulleres con discapacidade física e orgánica coas empresas empregadoras, co obxectivo de impulsar o seu acceso ao emprego de calidade ou mellorar a súa posición no mercado laboral. A través do portal de emprego da plataforma, as usuarias puideron acceder a 203 ofertas de emprego neste último ano, en 65 localidades diferentes de toda a xeografía española, das que unha alta porcentaxe pertencen a contornas rurais que se consideraron prioritarios para o proxecto, contando tamén co apoio dos Servizos de Emprego de COCEMFE e logrando finalmente a colocación de preto de 100 usuarias.
Neste marco, RedEM proporciona información relacionada co enfoque de xénero e a promoción do traballo en rede, contando con foros relacionados coa mellora da empregabilidade. Estes foros foron visitados en 2017 por 4.921 persoas e rexistraron, desde a súa creación, 40.220 visitas, sendo os máis consultados os fíos sobre 'Factores de éxito na entrevista de traballo', 'Experiencia vs formación' e 'Barreiras no acceso á formación das mulleres con discapacidade no ámbito rural'.
Por último, este proxecto de COCEMFE e Bankinter participou no desenvolvemento e uso da ferramenta 'Emprega+' para a avaliación de competencias profesionais, que se enmarca na Rede 'Xuntos polo Emprego dos Máis Vulnerables'. O acceso a 'Emprega+' a través da plataforma de COCEMFE permitiu que 490 persoas realizasen accións de avaliación, formación e/ou adestramento relacionadas coa avaliación e mellora das competencias profesionais.
A Universidade de Burgos (UBU) creou unha plataforma informática para mellorar a calidade de vida de persoas con Alzheimer e facilitar o traballo dos profesionais que atenden aos pacientes desta enfermidade, o que mereceu o recoñecemento do CEI Triangular-E3. A este recoñecemento hai que sumar o que obtivo o ano pasado, un accésit do premio Desafío Universidade Empresa.
EMYVIDA foi desenvolvido polo Grupo de Investigación en Intelixencia Computacional Aplicada da Universidade de Burgos en colaboración coa asociación Alzheimer León. Tamén colaboraron nalgúns dos traballos o Instituto Tecnolóxico de Castela e León e a empresa GATA ESTUDO.
Algúns datos significativos avalan e xustifican o desenvolvemento e posta en funcionamento desta aplicación informática que, sen dúbida, permiten mellorar a atención e o servizo prestado aos pacientes desta enfermidade. En 2066, o 34 por cento da poboación terá máis de 65 anos e en Castela e León a porcentaxe de poboación envellecida é e será superior á media nacional. EMYVIDA propuxo como solución para a atención a persoas con Alzheimer, cuxa enfermidade ten unha prevalencia entre o 2 e o 8 por cento da poboación maior de 60 anos, un proxecto integral que facilita os traballos de xestión e a realización de certas terapias. Esta plataforma funciona desde o pasado mes de decembro nos Centros de Día da Asociación Alzheimer León e foi moi ben acollida polos profesionais deste centro.
O investigador da Universidade de Burgos e coordinador do Grupo de Intelixencia Computacional Aplicada da Universidade, Álvaro Herrero, afirma que se trata dunha innovadora plataforma que resolve distintas problemáticas de partida, labores de organización e xestión do centros asociados. Destaca ademais por permitir programar a temporización e planificar as sesións de certas terapias de maneira máis cómoda dependendo das necesidades e o estadio da enfermidade. Esta plataforma combina tecnoloxías web e de comunicación, principalmente en dous compoñentes, plenamente funcionais:
Backbone (ou estrutura principal) da plataforma: trátase dun sistema de xestión integral, implementado como unha aplicación web (EMYVIDA) e cunha completa base de datos. Permite o almacenamento e mantemento da información, así como o acceso á mesma e unha serie de funcionalidades orientadas á xestión e seguimento dos usuarios.
Por outra banda, o sistema desenvolvido conta cunha útil ferramenta destinada ao control de salas multisensoriais Snoezelen. Neste caso é unha app nativa para Android (EMYVIDApp) que permite a actuación sobre os elementos da sala mediante tecnoloxía Bluetooth.
Nas salas Snoezelen, a través dos sentidos, trabállase coas emocións. Aínda que foron creadas para atender as necesidades dos nenos nos centros de educación especial, foise estendendo o seu uso a outros sectores de poboación. O espazo multisensorial é un espazo físico interior onde se dispoñen unha serie de elementos dirixidos a estimular os sentidos cun ambiente que achegue calma e protección. A intervención é adaptada ás características, capacidades e necesidades de cada usuario, polo que os estímulos da sala gradúanse en función do tipo de sesión.
Con este sistema integral os coidadores, terapeutas e médicos destes enfermos poden acceder e xestionar a información dos usuarios e facer un seguimento detallado da evolución dos tratamentos.
A plataforma implementouse cunha arquitectura cliente-servidor e o backbone é multidispositivo, podendo acceder ao mesmo tanto desde un computador como desde dispositivos móbiles. Por outra banda, a app para o control da sala multisensorial Snoezelen é unha aplicación nativa para dispositivos Android e está optimizada para o acceso a través de Tablet.
Ferreiro subliña que a plataforma integra toda a información relacionada cos usuarios tanto información estática como dinámica asociada á súa actividade coa asociación e permite ter a disposición do persoal sanitario toda a información para un acceso remoto que achega en calquera momento.
A contorna profesional está a experimentar unha extraordinaria transformación a medida que a tecnoloxía avanza e, como consecuencia, están a xerarse novas oportunidades laborais para as que debemos estar preparados.
Este desenvolvemento tecnolóxico suscitou, igualmente, a aparición de formacións vangardistas moi especializadas, como pode ser o grao en Deseño Dixital de U-tad, que responde a esas novas necesidades de profesionais. Na actualidade, contar con competencias dixitais converteuse nun requisito imprescindible para acceder ao mercado de traballo en case calquera sector.
Segundo un informe do Instituto de Estudos Económicos (IEE), o 39,8% das ofertas de emprego en España aséntase sobre "sectores manufactureiros de alta e media tecnoloxía" e "servizos intensivos en coñecementos". É dicir, concéntrase en traballos específicos de elevada formación, entre os que se atopan o deseño dixital, a enxeñería de software, a VR (siglas en inglés de Realidade Virtual) ou a computación gráfica.